@Sabela Vázquez Díaz

O texto Principios de Economía Pesquera (FAO, 1954) de Valentín Paz-Andrade segue a considerarse un manual internacional inaugural e de referencia. Que valor ten ese texto?

Aínda no momento presente, na área non anglosaxoa, é bastante difícil atopar equipos que teñan como obxectivo a economía pesqueira. Pero cando escribe Valentín, que foi chamado pola FAO para ser experto integrado no seu equipo de asesores, as súas definicións son pioneiras, e foron as que eu utilicei cando comezaba a ocuparme da economía pesqueira, tomada como conxunto non só como actividade extractiva. Na miña tese de doutoramento e en todas as miñas intervencións, mesmo en vida del, sempre os tiven en conta e conceptualmente utilicei a súa idea de incluír neste campo recursos, capital, saber facer, novas técnicas e capacidade de exportar capital. Iso foi o que nos ensinou Paz-Andrade.

Ademais desa cara de teórico fundacional, o que o fai aínda máis singular é que en paralelo foi un auténtico fomentador empresarial.

Paz-Andrade tivo a dobre capacidade de construtor dun modelo de análise e home de empresa. Foi quen de poñer en práctica empresarial ideas que analizara e viceversa, tirar conclusións teóricas da súa participación empresarial. É moi interesante porque apenas se dera ese fenómeno e é de sinalar que non partiu da universidade. Hoxe iso xa se produce con máis asiduidade no mundo económico, xente que intervén e tamén teoriza, que actúa e é quen de debuxar un modelo de análise. Valentín Paz-Andrade ensinounos como a exportación de capital pesqueiro e o saber facer da empresa pesqueira, pode estar vinculado non só a faenar en augas moi afastadas, tamén á descuberta de novos produtos, como o calamar de Boston que fixo a empresa galega á que el estivo vinculado, a pescada do sur ou o peixe conxelado. O conxelado foi un xeito innovador espectacular de producir alimentos, estender o consumo de peixe a un territorio ao que non tiña chegado e demostrar que ese peixe conxelado posto no mercado tiraba despois da venda do fresco. A todas esas novidades produtivas sumouse en Valentín a capacidade de análise nunha época na que as valoracións oficiais sobre a importancia da pesca seguían medíndose só polos desembarcos. Cando a extracción só é unha pequena parte de todo o complexo pesqueiro que é moito maior.

O Estado español nunca estivo á altura da capacidade real que tiveron as empresas e ideadores como Paz-Andrade ou Domingo Quiroga.

Cando finalmente Paz-Andrade é electo senador (1977-1979), a lexislatura é moi peculiar e curta polo seu carácter constituínte. Pero Paz-Andrade intervén por extenso no debate das 200 millas, que supoñía unha mudanza total para o sector.

Mudanza cualitativa e cuantitativa. Foi traspasar a idea de mar libre, nun sentido case de transporte medieval ou do imperio romano, de que pescaba quen tiña capacidade para poñer un barco no mar. Despois da II Guerra Mundial, antes de que houbese conflito entre pesqueiros e outras embarcacións que usaban o mar libremente, determinados países do Pacífico víanse invadidos nas súas competencias futuras polos intereses dos Estados Unidos en explotar os mares litorais fóra das 12 millas. Hai que ter en conta que neses países a plataforma continental pode non estar explotada para a pesca, pero é moito máis extensa e é explotábel para minerais presentes (petróleo) e futuros.

Ou sexa que inicialmente a extensión de dominio soberano ten máis que ver con recursos mineiros ca pesqueiros.

Aos Estados Unidos non lle interesaba a pesca, só a posibilidade de ocupación, como lle chamaba Valentín. Historicamente a zona propia foi inicialmente de tres millas e despois pasouse a doce porque era o alcance do tiro dun canón, e polo tanto a capacidade dun país para defender o seu mar territorial. O resto era libre, pero países do Pacífico, como o Ecuador, sabían que podía haber prospeccións mineiras e declararon a plataforma de forma autónoma, e sen recoñecemento de dereito internacional ningún, zona económica exclusiva. Esta discusión comezou nos anos 50 até que se extendeu en todo o mundo nos 70 a declaración das 200 millas. É unha delimitación nova, comparábel á da territorialidade dos estados. Para a pesca foi decisivo porque se pasou dun mar libre de acceso por ocupación a un mar no que se podían establecer condicións de acceso e polo tanto facer un novo comercio. Todo mudou desde ese momento de maneira que hoxe é máis importante ter licencias que frota.

Fálase xa de futuras ampliacións a 400 millas.

Pode darse porque as capacidades industriais de prospección cada vez son meirandes. Non habendo plataforma será arbitraria a distancia. En Galiza podemos poñer calquera porque se fose por tamaño a plataforma nosa é ben pequena. O interese vai aparellado ao teu poder técnico para tirar peixes das profundidades e darlle valor comercial.

Con eses cambios legais a nosa capacidade histórica de pesca segue en moitos mares pero por outros mecanismos, que inclúe acordos políticos, empresas mixtas, etc.

Tes que chegar onde sexa, ben a mares con condicións para a captura de determinadas especies reguladas por organismos internacionais, por exemplo se falas do atún estas pensando en áreas entre os dous trópicos, pero para outras especies podes conseguir acordos privados con países que controlan outras zonas.

Acordos de empresas e tamén dos estados?

Nalgúns casos son acordos privados e noutros non. A Unión Europea substituíu a soberanía do estado español para lograr acordos pesqueiros con países terceiros. Hai países que entran nesa negociación, pero outros tiñan previamente unha regulamentación coa que xa fixeran acordos privados. O goberno de Marrocos, por exemplo, tiña a tradición de negociar como tal co estado español ou no seu caso coa Unión Europea. No caso de Namibia, antes desa negociación de estado chegaran as empresas privadas e lograran acordos, formando empresas mixtas, con transformación no interior, negociando licencias moi ben reguladas. O que para un tipo de empresa é deslocalización industrial, para as empresas pesqueiras consiste en ter posibilidades de acceso garantido aos recursos, con acordos privados, licencias, empresas mixtas… Calquera solución vale. Ese é o problema que hai na Unión Europea, que se trata de maneira diferente ao capital pesqueiro que ao industrial de manufacturas. Ti tes unha empresa de coches europea establecida en Marrocos e xa sabes de que vai, e por que se trata de maneira diferente o desprazamento do capital pesqueiro? Cos conceptos sobre capital pesqueiro de Valentín esa situación estaría superada, pero o Estado español nunca estivo á altura da capacidade real que tiveron as empresas e ideadores como Paz-Andrade ou Domingo Quiroga.

Unha capacidade única no caso galego.

Única, única. É como se dixéramos que en España non hai enxeñeiros de minas, inconcibíbel, pero si se admite que non haxa enxeñeiros de pesca. A tecnoloxía de procesos de produción técnica de pescar é propiedade particular das empresas, dos patróns de pesca ou dos mariñeiros galegos. Non está regulada e os de Economía Pesqueira fixémonos oco con moita dificultade no mundo académico. Cando fixen unha das miñas oposicións para a universidade mirábanme como becho raro porque falaba de mexillóns!

O complexo pesqueiro tomado no seu conxunto (extractivo, transformación, comercialización), que representa ou que impacto ten no PIB galego?

É tan importante que só temos que fixarnos no crecemento municipal e demográfico da Galicia costeira que case está vinculado exclusivamente á pesca. Tan importante é que se tomas a provincia de Lugo dos anos 50 a hoxe, perviviu, aumentou e asentouse A Mariña vinculada á pesca e iso case pasa desapercibido. Pénsase na Mariña e váisenos a cabeza a Alcoa, pero se desaparece Alcoa desaparecen os postos de traballo e a renda familiar vinculada directamente a esa empresa, pero se aplicamos a mesma hipótese de desaparición á pesca, en Burela e Celeiro desaparece todo, incluídas as persoas. A capacidade que ten a pesca para vincular a outros sectores produtivos relacionados é enorme. Hai de todo, desde estaleiros a transformación en conserva e comercialización, transporte, xestoría administrativa… En Vigo superáronse as crises gracias ao crecemento da súa capacidade pesqueira, que non é só extractiva senón que suma o complexo financeiro e industrial vinculado á pesca. Hoxe hai empresas con sede fiscal en Vigo e todos os barcos desprazados por todo o mundo. E se colles a conserva imaxinemos Carballo ou Boiro coas súas bisbarras. Calvo e Jealsa son palabras maiores, auténticas multinacionais europeas. Todo o que ten que ver con ANFACO, co seu laboratorio de referencia europeo en innovación; a propia Universidade de Vigo, coas investigacións técnicas de novos produtos e de análise de alimentos; en Lugo en Veterinaria hai moitas liñas dedicadas aos alimentos pesqueiros; en cardioloxía temos os grandes propagadores da dieta atlántica e teñen análises médicas sobre a influencia da variedade de alimentación na poboación costeira e os seus beneficios para a saúde. Hoxe a economía vinculada ao sector pesqueiro é moito máis que o que poidamos observar na poboación directa empregada directamente no sector extractivo ou acuicultor (mexillón). Eu non teño hábito de poñer as cifras en relación ao PIB porque é moi mal medidor da súa importancia. O PIB podes usalo nun sector como o turismo, pero o complexo pesqueiro é moi extenso.

 

@Sabela Vázquez Díaz

Por certo que ademais é un sector sostíbel.

É, porque non podemos prescindir dun recurso alimentario que temos nas nosas costas. As rías galegas son un ecosistema mundial único. Non hai no mundo esa cantidade de auga internada na terra, combinada co aporte de nutrientes desde o fondo á superficie e as correntes quentes do golfo de México. Hai pouco estivo Ferrán Adriá convidado por Inditex e unha colaboradora miña comentoume que á pregunta de que faría el mellor ca nós se estivese en Galiza respondeu, “Se eu estivera aquí, Galiza non sería o que é, porque co marisco que vostedes teñen convertíao nun produto de luxo de dimensión mundial” E Ferrán Adriá non é precisamente un ninguén. O importante é saber o que ten real valor e potencialo. O que non podes é ter nas rías todo: pesca deportiva, transporte marítimo, turismo, vertidos industriais, incendios e que o marisco siga sendo bó. Haberá que tomar decisións, facer escollas e manter a calidade da auga das rías. Estamos nas mellores condicións para soster un recurso inigualábel.

Postos a facer intervención política a futuro en que área do complexo pesqueiro habería que insistir?

Postos a falar da pesca de altura, que se fai fóra, a zona do Gran Sol é espectacular e a estas alturas é inconcibíbel que desde 1986 aínda siga existindo o Box Irlandés como área restrinxida para nós. Iso contemplouse no tratado de adhesión como un período transitorio e despois se renovou a violación do principio de trato igual. No resto dos sitios do mundo nos que estamos aspiraría a ter unha política parecida á practicada polo ministerio de industria xaponés. Deberíamos ter capacidade política, facendo previsións de acordos e intervencións, de apoios administrativos (non falo de subvencións) ás nosas empresas no exterior, como fan os xaponeses ou os americanos coas súas embaixadas. Nós non temos esa sorte: fomos por diante como sector pero a administración non foi quen nin se seguir o ritmo do sector nin tan sequera de acompañalo. E os barcos témolos en todas partes, Pacífico e Atlántico Sur, mares quentes, Estados Unidos… en todo o mundo.

E o extraordinario é que non perderon a base galega.

O vínculo co capital galego segue existindo e a pertenza ao tecido produtivo galego, e por tanto comunitario europeo, mantense vivo. E se non é máis é por esa falta de coidado político ou administrativo de saber onde están os nosos intereses no mundo. O galego é un caso de potencia pesqueira único en Europa que só ten comparanza cos noruegueses.

Fronte a unha cultura do mar centenaria que fai das nosas tripulacións, armadores e patróns de pesca os máis desexados ás veces esténdese unha idea de depredadores do mar. Que hai de certo e de interesado nisto?

Hai varias realidades superpostas. Os pescadores españois soportan unha lenda negra dentro da Unión Europea porque os intereses eran descompoñer o sector pesqueiro e unha parte dese ataque faise na parte simbólica, creando lendas negras. Na toma de decisións da política comunitaria hai un interese enlouquecido por reducir a capacidade pesqueira de determinadas frotas e países e un interese total de que desapareza esa capacidade extractiva co convencemento de que unha vez extinguida eles terán acceso ao mercado e venderán outras proteínas de orixe cárnico ou peixe de piscifactoría que é o que queren algúns países do norte europeo.

Hai pescadores que violan a lei, depredadores, pero o razoamento hai que facelo á contra: non poderíamos pensar en empresarios de éxito continuado se todos foran depredadores porque rematarían co recurso que lles dá continuidade. Só un delincuente remata cun recurso que precisa manter cada ano en produción. As leis de reprodución do recurso sempre as tiveron en conta os pescadores, os armadores e as empresas, conscientes do lugar que ocupan no mundo. Que hai artes máis depredadoras que outras si, pero indo ao absurdo podíamos dicir que son moito máis irrespectuosas coa vida as granxas de vacas e porcos con animais suxeitos en práctica inmobilidade durante anos que os pescadores que sobrepescan durante algunhas tempadas. O peixe en todo caso é un recurso que pode recuperarse deixando un tempo en repouso ou substituíndo especies ou repoboando. Eu tamén estou en contra da piscicultura intensiva se se parece, como se parece, á crianza intensiva en terra de gado vacún ou porcino.

As prácticas de pesca están moi reguladas e concordo con que debe coidarse o medio mariño, pero non vinculemos esas prácticas aos españois, porque os daneses teñen unha parte da súa frota (os barcos de menos de cinco metros) exenta de control comunitario. Son os maiores depredadores e converten todas esas capturas en fariñas, cando ese peixe podía ser consumido polos seres humanos en troques de servir de alimento de animais en granxas intensivas que faltan aos mínimos de respecto á vida animal. Aos delincuentes hai que perseguilos, sexa na actividade pesqueira, como na financeira ou na cría cruel de gando.

Fronte a unha comercialmente interesada colonización do gusto resiste tamén unha cultura alimentaria relacionada co peixe.

Non só resiste senón que convertemos a unha parte de cidadáns non galegos en admiradores e demandantes de peixe. Antes podías saír de Ourense cara Castela e non había pescaderías en cidades e vilas casteláns. A propia capacidade de fomentar e ser proactivos dos comercializadores galegos creou circuítos novos. Agora podes ir pola ruta da prata e hai pescaderías en todas partes. Algúns, por iniciativa de entrar en novos mercados, venden peixe galego en Mercasevilla todos os días. Pode ser antieconómico hoxe, pero buscan futuro. En Barcelona e Madrid por suposto ter presenza é fundamental e témola. Todo isto é tecido económico novo, das últimas tres décadas basicamente. Pensábase que ía diminuír o consumo per capita de peixe en España pero aumentou. En lugar de adicarse só ao conxelado fíxose unha combinación e podes atopar consumidores de marisco máis alá do Nadal no centro de Castela, formando parte dunha dieta de prestixio. Culturalmente considérase que pode ser un pequeno luxo, unha homenaxe que queres facerlle a alguén, unha exhibición de certo poder adquisitivo, pero é un hábito que medra. Antes apenas entrabas co bacallau, o polbo e o congro seco, agora coñécense moitos máis peixes tamén nos restaurantes.

O mundo do mar é moi amplo e vai máis alá da pesca. Nos últimos anos revelouse o valor económico e científico de recursos farmacéuticos tirados da bioloxía mariña que tamén tiveron núcleo investigador en Galicia.

Iso foi produto da nosa boa relación co mar. Hai países que teñen un mar parecido ao noso pero téñenlle medo. Aquí mentres vexas en Muxía un neno enriba dunha barca pequena xogando con outros a ver quen é o capitán e que despois acompañan á súa nai, que é mariscadora, mentres iso exista na nosa cultura e se manteña despois de tantos séculos, temos futuro. Esa relación de vida fai que teñamos renovación xeracional en mariscadoras, que a baixura poda ser un recurso de vida simbiótico con outras ocupacións, que podas ter xente en formación universitaria para estar na tripulación de pesqueiros e despois que empresas con capacidade de investigación, como a farmacéutica, busquen no fondo dos océanos que, coa Amazonía, é o grande depósito de vida do planeta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here