Evo Morales

Hai quince anos, ás portas da que finalmente foi a súa elección como presidente de Bolivia, Evo Morales particicipou na XXI Semana de Filosofía de Pontevedra. Nesta entrevista realizada pola xornalista Carme Vidal, apuntou algunha das liñas do que quería para o seu pais. Agora vive exiliado en México despois do golpe de estado que lle arrebatou a presidencia e o trunfo electoral, nun regreso ao pasado no que América Latina se debate coa resistencia a perder o terreo gañado no que vai de século XXI.

Evo Morales é líder da segunda forza política de Bolivia e ten moitas posibilidades de converterse no próximo presidente. Comezou na política defendendo os dereitos dos produtores da folla de coca, sorprendeu o mundo co apoio popular que recibiu o Movemento ao Socialismo (MAS), a forza que el lidera, e o seu nome soou especialmente en outubro do 2003 cando se puxo á cabeza da chamada «guerra do gas» que obrigou a saír do poder o presidente Sánchez de Lozada. Evo Morales é un indíxena aimara que loita contra o neoliberalismo e o imperialismo estadounidense. O seu nome forma parte xa da historia dos grandes líderes da esquerda latinoamericana. Estivo en Pontevedra na XXI Semana de Filosofía (2004). 

Considera que a esquerda está a rexurdir en América Latina? 

Neste novo milenio incrementáronse as loitas sociais e políticas en moitos países para se enfrontar á inxustiza, á desigualdade e á discriminación á que foron sometidos durante máis de 500 anos os pobos indíxenas. Rexorde, pero non como a esquerda tradicional senón coma unha loita pola dignidade do ser humano, a soberanía dos estados e a autodeterminación dos pobos. Esa triloxía ligouse á lei dos quechuas, aimaras e guaranís no caso boliviano que di: «non ser ladrón, non ser mentireiro nin ser frouxo». O terceiro tema que se engade a esta loita é o dos recursos naturais. Os pobos indíxenas temos unha posición seria e responsábel ao respecto. Os recursos naturais, mineralóxicos, madeireiros, forestais… son dos pobos e non poden pertencer ás transnacionais. Isto obríganos a traballar pola igualdade e a xustiza e na busca dun equilibrio económico que nos leva a pasar das loitas sociais á política. Pasamos da protesta á proposta. Queremos gobernarnos nós mesmos. Moitos movementos políticos avanzan en Latinoamérica como produto das accións sociais e aí está o caso de Venezuela ou da Fronte Ampla do Uruguai. Coido que hai un levantamento natural dos movementos sociais acompañados dos políticos até coller o Estado. Antes estaba só Fidel Castro, agora están Hugo Chavez ou Lula, a quen considero como un irmán maior política e sindicalmente. Esta circunstancia dános fortaleza pero non debe acabar aí porque é importante reforzar o pensamento antiimperialista. O meu desexo é que se constrúa un cumio con estes e outros líderes que estamos fronte á soberbia do imperio, dos que loitan contra a agresión, para fortalecernos e darlle esperanza a este pensamento que medra máis despois da intervención salvaxe dos EE UU no Irak. 

Evo Morales foi entrevistado por A Nosa Terra cando visitou Pontevedra para participar na Semana de Filosofía,

Trátase, como vostede di, de «refundar América Latina»? 

Así é. Temos que comezar a refundar os nosos países para rematar co sistema económico e coas estruturas do Estado. Estamos na obriga de buscar a unidade latinoamericana, como se fixo na UE pero con outros principios ideolóxicos, filosóficos e culturais. Unir Latinoamérica para que sexa dos latinoamericanos, que os servizos básicos non sexan un negocio privado, que contemos cunha estrutura que permita rematar coa inxustiza e a discriminación. Privatizar os servizos básicos é ir contra os dereitos humanos. 

A guerra do gas, a defensa da produción da folla de coca… a súa loita xira tamén arredor dos recursos naturais? 

Porque os pobos indíxenas traballamos para que eses recursos non sexan de propiedade privada, das transnacionais. Teñen que pertencer ao Estado e con participación e control do pobo. Baixo o interese de grupos económicos e de transnacionais entregouse a propiedade dos hidrocarburos e iso é unha barbaridade. Cando decidimos recuperar o poder político falamos tamén de resolver os problemas económicos dos nosos países e loitar contra o explotación de moitas empresas norteamericanas, francesas, inglesas ou españolas como a Repsol ou o Banco Santander. 

Estamos na obriga de buscar a unidade latinoamericana, como se fixo na UE pero con outros principios ideolóxicos, filosóficos e culturais.

É posíbel enfrontarse a ese gran capital? 

É, porque nós sabemos que estamos nunha loita contra a inxustiza e contra a concentración do capital en poucas mans. Buscamos o equilibrio económico e por iso a nosa proposta parte de vivir en comunidade, en solidariedade. Hai que comezar a educar nese sentido. As empresas que operan en Bolivia son as que saquean os recursos económicos, sacan créditos do Estado e invisten principalmente nos Estados Unidos. Saquean, fan que as súas empresas quebren, teñen condonación da débeda e non pagan, co cal o que fan é estafar ao país. 

Vostede chegou a dicir que en Bolivia non é necesaria a inversión estranxeira. 

Podería ser importante sempre que investisen pero o que fan é saquear, por iso a Lei de Capitalización o que fai en realidade é descapitalizar. En realidade non existen os investimentos. Co tema da auga potábel, por exemplo, queren subir o recibo entre un 200 e un 300 por cento. Montan transnacionais con cero capital e iso é un roubo. Nin no teléfono nin na luz –de empresas de fora– se fixo ningún investimento. O goberno boliviano pediulles axuda aos euro- peos para a electrificación rural e entrégaselle o servizo ás multinacionais norteamericanas que o único que fan é cobrar. Din que non invisten porque calquera día nos imos levantar e expulsalos e así o que fan é espremeren o pobo, sacar cartos, porque saben que non van durar. 

Chega a ser líder do MAS despois de comezar a súa vida política no traballo sindical en defensa dos produtores de coca. 

Cando eramos colonia, os españois que nos invadiron beneficiáronse da produción de coca. A folla de coca ten efectos benéficos e mesmo produciu a competencia entre Francia e os EE UU no século XVIII. En Francia fabricouse o Viño Mariani e os EE UU responderon coa Coca-Cola. Sempre foi considerada como un gran produto. Coa cocaína quérese satanizar a folla de coca. É como se penalizan a uva porque dela sae o viño e o alcolismo. Estou en contra da cocaína, que non forma parte da cultura andina, pero non se pode, co pretexto de perseguila, acabar coa produción de folla de coca. Estou convencido de que a cocaína é un argumento para que os EE UU incrementen o control sobre os nosos países. Os EE UU inventan escusas para invadiren países, no noso caso é o narcoterrorismo como no Irak foron as armas de destrución masiva. Porén, non nos van poder controlar porque a nosa loita vai ser moito máis forte. Cando nos acusan de terroristas digo que o único terrorista é Bush, con esa soberbia coa que invade países e mata persoas só para seguir dominando a economía mundial. 

Sete veces o deron por morto e non só resucita senón que ten posibilidades de ser o próximo presidente de Bolivia. 

Recibo moitas ameazas. As primeiras torturas que sufrín foron no 1989, cando era dirixente sindical e me fracturaron a clavícula. A xente salvoume levándome ao monte porque non me podía mover de cintura para arriba. Despois viñeron moitas agresións, torturas e encarceramentos. Nas últimas eleccións as enquisas dábannos un 4% e convertémonos na segunda forza política cun 23%. Agora as estimacións de voto dannos entre un 43 e un 46% pero estes estudos fanse nas cidades e a nosa maior forza está no rural. Sempre triplicamos os resultados. As interferencias dos EE UU impediron que formásemos goberno pero agora case llo agradecemos. Non estabamos preparados e os resultados colléronnos totalmente desprevidos. Agora sabemos que temos o apoio do pobo e que imos chegar á presidencia de Bolivia. 

Recibo moitas ameazas. As primeiras torturas que sufrín foron no 1989, cando era dirixente sindical e me fracturaron a clavícula. A xente salvoume levándome ao monte porque non me podía mover de cintura para arriba.

Loita indixenista, de esquerdas, que diferenza ten a súa proposta coa de Marcos en Chiapas? 

Son admirador e teño respecto por Marcos. O Exército Zapatista de Liberación Nacional fixo un gran levantamento pero neste momento está cercado militarmente, non ten un movemento social que o respalde e tampouco un instrumento político e electoral, esa é a diferenza respecto a nós. A vantaxe é que as mensaxes do subcomandante están vixentes e é bo que a opinión pública as escoite. Esperamos que continúen creando esperanza para os excluídos. Para min, son importantes todas as loitas, a sindical e social, a resistencia civil organizada contra a invasión e tamén a institucional, que é política e electoral. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here