En Galicia caducan agora a concesión de 14 saltos pero a maioría deles vánllela prorrogar, como pasou xa co dos Peares. Hai unha vara de medir para os pequenos e outra para os grandes. Até de agora, o Estado veu incumprindo sistematicamente as súas leis e as directivas europeas. Sequera lles reclama as empresas o 25% que por contrato teñen que entregar para usos sociais.

Cando a finais do ano 1957 comezaron os movementos de terras para construír o salto de Belesar, ao alcalde de Chantada, Xosé Vázquez Yebra, non se lle ocorreu nada mellor que pedirlle a Fenosa que solicitase e pagase licencia de obras coma calquera veciño.

Aos poucos días xuntáronse a comer no restaurante Catro Camiños de Chantada o director xeral de Fenosa, Benigno Quiroga, o Gobernador Civil de Lugo, Enrique Otero e o presidente da Deputación, Luís Ameijide.

Comeron troitas e perdices e, ao rematar, chamaron polo alcalde para que se presentase alí ipso facto. Sen convidalo sequera a café, comunicáronlle que quedaba cesado no seu cargo.

Non era un alcalde calquera, a súa familia viñera patrimonializando o posto de alcalde dese municipio, só coa paréntese da II República.

No seu lugar nomearon a Xosé Regal Vázquez, un dentista que tiña o grande mérito de ser amigo persoal de Benigno Quiroga.

Serviu tan ben a Fenosa que mentres el mandou e puido designar os seus sucesores a empresa nunca tivo que pagar o canon eléctrico. O contencioso nos tribunais comezou no 1993, cando accederon ao goberno os nacionalistas e non rematou até o 2007, cando volveron a ocupar a alcaldía. Polo medio, votacións do actual alcalde, Manuel Varela, tanto no concello como na Deputación, mostrándose contrario á execución da sentenza do TSXG que lle daba a razón ao concello.

Como se pode observar,  a man de Fenosa non só e longa, senón que preme con intensidade onde ten que premer.

A Naturgy (antes Fenosa) remataríalle a concesión do salto de Belesar, o máis importante de Galiza, no ano 2013. Hai que ter en conta que as obras comezaron no 1957 e que a central hidroeléctrica se inaugurou no 1963, aínda que Fenosa se fai coa concesión para o aproveitamento hidráulico do Miño a fin dos anos cincuenta segundo a lei 1879. Con ela en vigor, a concesión era só por 50 anos. Pero no ano1975 entra en vigor un texto legal a que se acolle Fenosa para prorrogar os aproveitamentos de todos os seus saltos 25 anos máis.

As eléctricas non só as saben todas, senón que forman parte da cerna do Estado. Así que construíron en Belesar dúas novas centrais, ampliando así a concesión case sine die se as leis non se cumpren.

O encoro dos Peares como exemplo

A afirmación pode semellar gratuíta, pero non o é se temos como referente o que ditaminou o goberno Zapatero para o encoro de Os Peares. A concesión caducaba no 2010 e renovárona, un ano antes, até o 2059, superando os 75 que fixa o Regulamento do Dominio Público Hidráulico.

Fenosa tamén solicitou daquela a ampliación da concesión tendo en conta que construíra dúas centrais contiguas á grande presa.

Non se trataría de dúas novas presas ou muros, senón de dúas novas centrais coas súas correspondentes turbinas, alertan desde Ríos Con Vida.  O catedrático de Dereito Administrativo, Pedro Brufao considera que nestes casos existen graves problemas para aplicar a legalidade.

Pedro Brufao, catedrático de Dereito Administrativo.

Esas novas turbinas, contiguas ao salto principal, son unhas turbinas que están a instalar tanto Naturgy como Iberdrola en todas e cada unha das principais centrais hidroeléctricas galegas.

As propaganda oficial das empresas afirma que, como reutilizan a auga do xerador principal, bombeándoa de novo ao encoro coa súa propia electricidade, son moi rendíbeis, tanto desde o punto de vista económico como ecolóxico, pois non só non xerarían impacto ambiental, senón que, agora, “permiten que a canle do río leve auga onde antes estaba seco”.

Os ecoloxistas de ADEGA non están de acordo. Afirman que estas novas centrais””modifican substancialmente as concesións dunhas zonas que deberían de recuperarse”. Polo que critican que o ministerio prescindira no 2007, no caso dos Peares, “da correspondente avaliación de impacto ambiental”.

“Ao extinguirse o dereito concesional, reverterán na administración competente, gratuitamente e libres de cargas cantas obras fosen construídas dentro do dominio público hidráulico para a explotación do aproveitamento”, di a lei.

E iso queda moi ben para as centrais pequenas, pero non para as grandes presas hidroeléctricas, que pertencen ao oligopolio.

Enviande, a primeira central que caduca

A minicentral de Enviande non só é a primeira á que lle caduca a súa concesión, senón que tamén vai ser a primeira, e, de momento, a única da que o Estado se faga cargo, aínda que só sexa de xeito temporal.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil prepara xa un expediente para sacar de novo a concesión de Enviande a concurso público.

Situada no municipio de Chantada, a hidroeléctrica conta con 1.100 KW de potencia e estaba agora explotada pola división enerxética de Aluminios Cortizo. A concesión rematou o 11 de decembro de 2016, pero, como ocorre con case todo o que ten que ver coa tramitación deste tipo de instalacións, a extinción da concesión asinouse o pasado 14 de marzo, “acordando reverter á Administración Xeral do Estado e adscribir á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil este aproveitamento”.

Non será a única. Existen outras 14 centrais, das 91 existentes nas Confederación Hidrográfica,  cuxa concesión tamén caduca nos próximos anos e deberá de ser revisada.

O 10 de decembro do pasado 2017 finalizou o prazo da concesión da central de Castro Caldelas e o 10 de marzo deste 2018 a de Vilachán. A primeira delas, no Río Edo (Ourense), alcanza os 4.360 KW e está en mans dunha sociedade, con sede en Madrid, administrada por Eulogio Carlos Blanco Fernández.

Existen outras 14 centrais, das 91 existentes nas Confederación Hidrográfica do miño-sil,  cuxa concesión tamén caduca nos próximos anos e deberá de ser revisada.

A de Vilachán, no municipio pontevedrés de Oia, conta cunha potencia de 1.250 KW e o titular é a agrupación de interese económico Hidrotide.

A data de aprobación das dúas centrais, como pasa coa de Enviande, é relativamente recente, en comparación co que é habitual neste tipo de infraestruturas (en 1992 e 1993 respectivamente), co que hai marxe para dar vía libre a unha prórroga.

Así o pediron as empresas propietarias e, segundo a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, “están a tramitar os expedientes de modificación de características e ampliación do prazo concesional”.

Non será a última ocasión na que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, teña que decidir sobre as prórrogas. Cantas e cales non o podemos saber. Tanto desde Iberdrola como desde Naturgy afirman que é “unha información confidencial”.

A Confederación informa que as concesións das centrais a revisar serán 14, pero non  fornece máis datos. Nunha resposta por escrito do Goberno ao Senado, a principios de 2014, sobre a caducidade dos aproveitamentos no próximos dez anos incluía na conca a central de Castadón-Hervidoiro (1.210 KW en Pereiro de Aguiar) de Endesa, e a de Cabo, (4.900 KW na Cañiza), de Hidromedia Galicia.

A CHMS licitou en agosto un contrato de asistencia técnica para a tramitación de expedientes sobre aproveitamentos hidroeléctricos. “En particular, expedientes de concesión, modificacións concesionais, revisión, extinción, autorizacións, estudos sobre a continuidade da explotación do aproveitamento con fins hidroeléctricos, e, no seu caso, tramitación do concurso público de explotación”, concretan na Confederación.

É certo que, como afirman algunhas fontes, o Estado deixou pasar os 18 meses regulamentarios para reclamar as concesións dalgunhas centrais e así facer efectiva a prórroga? Non podemos sabelo.

Construción de San Pedro II, ampliación por Iberdrola da central de San Pedro no río Sil

O Estado non quere as centrais

Desde o ministerio de Transición Ecolóxica afirman que aínda non tiveron tempo de tomar unha determinación do que van facer coas centrais que caducan, pero se tomamos en consideración a decisión tomada coa de Enviande, todo indica que o goberno do Estado dá as costas á explotación directa por tempo indefinido das centrais que vaian volvendo ás súas mans tras o fin do prazo das concesións.

A Confederación Hidrográfica del Ebro e o goberno de Aragón poderían ser un exemplo a seguir en Galiza. Os primeiros levaban anos batallando por quedarse coa titularidade dos encoros que caducan na súa conca.

A primeira batalla xa a gañaron cando conseguiron quedarse coa titularidade do encoro de El Puello, en Jaca.

O goberno de Aragón, pola súa parte, tamén demanda a xestión dos saltos hidroeléctricos que vaian caducando, negándose que se lle prorrogue a concesión ás empresas.

Non estamos a falar dunha batalla menor. O Observatorio de Sostenibilidade aposta por recuperar o total do aproveitamento das presas hidroeléctricas “como política de Estado”.

O Observatorio de Sostenibilidade aposta por recuperar o total do aproveitamento das presas hidroeléctricas “como política de Estado”.

Sería un xeito de abaratar o recibo da luz e que o impacto destes encoros repercutise na cidadanía. Como exemplo, poñen que, agora, o encoro de El Puello produce enerxía a un céntimo Kw/h, fronte aos 18 céntimos que cobran as empresas por quilovatio na mesma bacía.

Un escándalo

E se o Estado vai realizar novas concesións das centrais que caducan, cal vai ser a política a seguir? Que condicións lles imporá ás novas empresas? Farán cumprir a lei?

As empresas concesionarias dos saltos hidroeléctricos asinaron que lle entregarían un 25% da súa produción ao Estado para usos sociais.

Hoxe só hai unha empresa que cumpre o estipulado: Acciona que, logo da reclamación da Confederación Hidrolóxica do Ebro, comezou a pagar no 2014 ese 25% da enerxía hidráulica producida, a razón de 29´72 euros/MW/hora, máis impostos e gastos.

A empresa Endesa, á que tamén lle reclamou a mesma CHE, négase a facer efectivo o pagamento, argumentando que no seu prego de condicións das concesións non aparece consignado o prezo, como si aparece nas concesións de Acciona, que son máis recentes. Mentres tanto, Endesa, záfase e non paga.

Segundo datos do ano 2011, en Galiza hai instalados 3.337 MW en 147 centrais e minicentrais: 74 pertencentes á Xunta e 73 á Confederación Hidrolóxica Miño-Sil.

Porque ambos organismos non reclaman ese 25% da produción que nos pertence e con efecto retroactivo? Só o salto de Belesar tería que pagar máis de 10 millóns de euros anuais para usos sociais.

Recomendacións

O Informe do Observatorio para a Sostenibilidade realiza unha serie de recomendacións relacionadas coas las concesións hidroeléctricas para reducir o custe da enerxía en España, así como os gases de efecto invernadoiro que as instalacións enerxéticas expulsan a atmosfera.

Segundo datos do ano 2011, en Galiza hai instalados 3.337 MW en 147 centrais e minicentrais: 74 pertencentes á Xunta e 73 á Confederación Hidrolóxica Miño-Sil.

A primeira é “recuperar o total dos aproveitamentos hidroeléctricos como política de Estado e volver a licitalos ou non, pero con condicións favorables para o ben común e non as determinadas hai 75 anos”.

A segunda, “reducir o período de concesión das grandes hidráulicas a menos de 50 anos”.

E, por último, analizar con detalles a priorización no uso da auga do resto de aproveitamentos tanto para regar como de abastecementos, en relación aos aproveitamentos hidroeléctricos”.

Franco inaugurando o encoro de Belesar.

O discurso de Franco

Os encoros son moito máis ca fábricas de electricidade. Foron símbolo do Réxime franquista e construíronse segundo a súas disposicións ditatoriais e a comenencia das empresas que formaban parte do miolo do seu Estado.

Ese espírito franquista semella que colonizou as augas dos encoros, borrando do mapa a lampreas, anguías, cangrexos, troitas e, aínda, ameixas. Tamén as pobres das xacías e mouras que habitaban as augas e moraban nos penedos dos vales anegados.

Por non falar dos miles de veciños que perderon as súas terras e as súas casas, lugares dos que non quedan sequera letreiros que deixen constancia da súa existencia.

Encoro de Belesar.

Pero, entre todos os encoros que inaugurou Franco, ningún como o de de Belesar, “orgullo de España”. Este foi o discurso de inauguración do ditador (10-9-1963), sen parangón cos outros 70 pronunciados en idénticas circunstancias:

“Dúas palabras soamente para saudar a tantos galegos e demais españois aquí reunidos, aos que tiven a satisfacción neste día de poder ver e chocar a man. E para felicitar ao presidente e propulsor desta Empresa e de tantas outras da rexión e a todos os que puxeron as súas mans nesta obra grandiosa que, utilizando o aforro rexional e estimulando o seu quefacer e as súas inquedanzas, lograron poñer en marcha este complexo eléctrico tan importante e transcendente para a economía da rexión e para a vida de España, non só pola obra en si, senón polo efecto multiplicador da riqueza da nación e dos postos de traballo. Moitas grazas a todos e a miña felicitación máis entusiasta aos técnicos creadores deste complexo que hoxe é o orgullo de España. Moitas grazas”.

Como se ve, nin unha soa palabra para os veciños aos que lle anegaron as terras nin para os dos 30 lugares que quedaron baixo a auga.

Luciano Yordi de Carricarte, enxeñeiro do embalse de Belesar.

A réplica, en certo xeito, daríalla 25 anos despois Luciano Yordi de Carricarte, o enxeñeiro que construíu a presa máis alta de Europa coa técnica de construción máis anovadora (antes proxectábanse en tres dimensións, o de Belesar foi o primeiro en facelo en dúas), das habidas daquelas en todo o mundo: “Démolo todo (Galiza) para resolver o problema enerxético (de España), polo que agora (Galiza) debe esixir a montaxe, no seu propio chan, de industrias que teñan a súa base na enerxía, sen ter que enviala ao exterior”.

Vostedes víronas?

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here