O líder do SPD alemán Willy Brandttutelou a traxectoria de González nos anos da Transición.

“Felipe González, de pronto, sacou un largo Cohiba, acendeuno devagariño e fumouno coma un sibarita. A min ese pequeno detalle chocoume, estrañoume. Era un trazo burgués que non encaixaba cos seus pantalóns vaqueiros, nin coa súa camisa barata de cadros, nin co seu esquerdismo…  Na miña axenda privada de notas escribín: Felipe González, semella apaixonado pero é frío. Hai nel algo falso, enganador. Non me pareceu un home de ideais, senón de ambicións.

Quen isto relata é o comandante Miguel Paredes, axente do SECED (Servicio Central de Documentación), que foi entre 1972-1977 o nome dos servizos de intelixencia en España.

Andrés Casinello. militar e elemento central sempre nos diferentes organismos desde o SECED ao CNI.

Meses antes da celebración do congreso de Suresnes (outubro de 1974), que se financia con fondos achegados polo SPD alemán de Willy Brandt, ponse en marcha por parte do SECED a denominada Operación Primavera, unha serie de contactos con membros do PSOE do interior, para coñecer  os seus plans políticos. “Tiñamos a misión de que o PSOE se achegase a posicións máis tépedas, na liña de moderación pragmática que lles recomendaba Willy Brandt”, afirma o Comandante Paredes.

O SECED non só entregou pasaportes aos principais militantes socialistas para que puidesen desprazarse a Francia, tamén os escoltou até Suresnes evitándolles problemas na fronteira e, aínda, foi quen de incluír na nova executiva socialista a máis da metade de militantes que estaba na órbita americana, non sen antes reunirse con Nicolás Redondo e pedirlle que non se presentase a secretario xeral, e así colocar a Felipe González, como relata o daquela capitán do CESED Manuel Fernández-Monzón.

Willy Brandt flanqueado por Felipe González, Slfonso Guerra e Galeote, durante a presentación en Madrid do XXVII Congreso do PSOE, en Decembro de 1976.

Os papeis de Felipe González

Estes feitos, loxicamente, non aparecen, na transcrición do encontro de Felipe González e Alfonso Guerra no 1976, co director do CESED, o coronel Andrés Casinello, e co xefe de información, o tamén comandante Xosé Faura, que publicou xornal El País o 22 de setembro.

O rotativo madrileño recolle ese encontro da cúpula socialista cos responsábeis dos servizos secretos dos documentos do propio CESED que están en poder de Felipe González, cuxo arquivo persoal leva uns meses aberto ao público.

Aínda así, nesta xuntanza, que aparece como se fose a primeira entre os dous líderes socialistas e os servizos secretos españois fundados polo almirante Carrero Blanco, pode ollarse que as ideas políticas que transmite o secretario xeral do PSOE, teñen moi pouco que ver non só coas que defende a maioría da militancia, tamén non coas aprobadas no congreso de Suresnes.

Felipe González, á dereita e Santiago Carrilo á esquerda, nunha fotografía de 1982.

Aínda que o PSOE inclúa no seu programa nesa altura o dereito a autodeterminación, nesa conversa  González móstrase a prol dun Estado autonómico, rexeitando que se articule “a partires da decisión soberana de non sei que pobos independentes”. Tamén se manifesta en contra dun “concerto económico para Cataluña”.

Cando se fala da Amnistía, os socialistas colócanse detrás da pancarta, pero González deixa claro o que vai ser a súa política e, tamén, o que sería a denominada Transición: “creo que neste país hai que saldar contas co pasado, pero até un límite”.

Nin que dicir ten que, sendo un partido republicano como aínda era o PSOE, González apoiaba plenamente á Coroa.

O golpe de Estado de Suresnes

Francisco Bustelo, un dos militantes elixidos como membro da nova Executiva do partido en Suresnes, que acompañaría logo a Felipe González a visitar ao embaixador estadounidense e, que, como el escrebe, comería logo repetidamente co conselleiro político da embaixada dos EEUU, afirma que en Suresnes hai tres grupos fundamentais: os vascos, con Nicolás Redondo, Eduardo López Albizu, Enrique Múgica e Txiki Benegas; os andaluces, con Felipe González, Alfonso Guerra e Eduardo Galeote e os madrileños, con Pablo Castellanos e Francisco Bustelo.

“Os vascos, ou mellor dito, Redondo, que era o seu peso pesado, eran decisivos. Se apoiaban aos andaluces, como fixeron en Suresnes, González tería o poder asegurado. Nicolás Redondo saberá por que o fixo”, afirma Bustelo.

“O asalto ao vello PSOE xa comeza no 1970, cos contactos entre Enrique Múgica e o destacado sindicalista alemán, Hans Matthöfer, que edita a revista Expres Español en Alemaña”, escrebe Alfredo Grimaldos en La CIA en España. O mesmo Rodolfo Llopis, daquela secretario xeral do PSOE, denuncia que Matthöfer “apoia economicamente as escisionistas do PSOE”. Justo De la Cueva, membro da comisión mixta de reunificación do PSOE madrileño, procede do sector histórico e deixa a militancia logo da “unificación” e declara: “O PSOE vai cara onde diga a CIA a través de Willy Brandt”. 

“Os servizos secretos americanos e a socialdemocracia alemá altérnanse celosamente na dirección da Transición española con dous obxectivos: impedir unha revolución logo da morte de Franco e aniquilar a esquerda comunista”, sostén Grimaldos. E continúa: “este traballo fino da construción dun partido de esquerdas para impedir, precisamente, que a esquerda se faga co poder en España, é obra da CIA, en colaboración coa internacional socialista. O primeiro deseño remóntase xa á década dos sesenta”.

O PSOE e a CIA

Algúns socialistas non agardan a que a axencia de intelixencia norteamericano chame ás súas portas e son eles mesmos os que ofrecen espontaneamente os seus servizos. É o caso de Carlos Zayas, segundo documentación que aporta Juan Garcés.

Zayas sinalaba que había outros “informantes” do PSOE a CIA, sinalando a Joan Reventós en Barcelona e a Mariano Rubio en Madrid. Tamén desvela que o principal axente do PCE en Madrid é Federico Sánchez, alias de Jorge Semprún, que, andando o tempo, tamén sería ministro de Felipe González.

Os mozos que deron o golpe de man dentro do PSOE en Suresnes, comandados por Felipe González, van cumprir ao pe da letra o guión que lles prepararon. O poder está cada vez máis preto e o papel que ten que interpretar o PSOE na Transición levaría escrito desde bastantes antes da morte de Franco, pero remata de pulirse no 1974.

Henry Kissinger, era secretario de estado norteamericano durante os anos da Transición en España.

Logo da Revolución do Cravos en Portugal, Henry Kissinger, Secretario de Estado americano, alármase e viaxa a Alemaña para entrevistarse primeiro con Helmut Schmidt (canciller alemán entre 1974 e 1982) e despois con Willy Brandt para insistirlles que apoien decididamente ao PSOE.

García Trevijano escrebe: “por iso Felipe González non entra na Junta Democrática, porque se sente amparado por unha potencia superior, polos alemáns e os norteamericanos. Unha vez que está seguro dese apoio, trasládase a Madrid onde ten unha entrevista  co Rei e con altos mandos do exército, e establecen a estratexia a seguir para evitar unha radicalización. A min advírteme da situación Claude Cheysson, que sería ministro de Exteriores con Mitterrand, daquela comisario en Bruxelas”.

En Outubro de 1982 o PSOE gaña as eleccións por maioría absoluta e Felipe González é presidente. Un ano despois José Mario Armero, presidente de Europa Press que non só negociara a legalización do PCE, escribe: “a realidade demostra que hoxe en España goberna un partido socialdemócrata europeo, occidentalista, proamericano e decididamente atlantista. Nun ano de goberno, os homes do PSOE cumpriron un papel realmente singular: a case destrución da esquerda tradicional española substituíndoa pola socialdemocracia no que cabe a libre empresa, a propiedade privada, os europeos, os norteamericanos e a OTAN”.

O ex ministro e curmán de Francisco Franco, Salgado-Araujo escribe nas súas memorias que  informa “ao Caudillo como a CIA expón abertamente que coas súas actividades cumpre co seu deber de prever o futuro, pois do contrario a un réxime débil sucederíalle o caos e, a este, o comunismo”.

Con estes datos, se cadra, enténdese mellor a política histórica do PSOE e os xiros políticos de Pedro Sánchez e como unha cousa é pactar  políticas sociais e outra  políticas de Estado, na que o guión principal está escrito desde hai décadas.

Ampliar a tamaño completo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here