O 15 de decembro do ano 2019 suspendeuse por primeira vez un partido por berros dos seareiros. Os xogadores do Rayo Vallecano e do Albacete decidiron non saír ao campo no segundo tempo, contando co amparo dos árbitros, da Federación Española de Fútbol e da Liga. 

«Zulie, es un nazi», dirixido ao xogador ucraíno do Albacete, Roman Zozulya, foi o que levou a tomar esta decisión consensual e sen precedentes. Máis alá que a decisión se tomase por un cualificativo político e non, por exemplo, por un berro racista, «puto negro», poñamos por caso, é preciso analizar as razóns que levaron a que a violencia nos campos de fútbol, tanto física como verbal, pasase a ser non só algo permitido, senón aínda incentivado desde o poder, pois o fútbol funcionou durante moitos anos como válvula de escape social, a perseguida por todos os medios ao alcance do poder.

A violencia e o desafogo dábanse nun lugar sinalado e acondicionado ao efecto, a unha hora determinada e cunhas regras máis ou menos prefixadas. Todo controlado! E  iso desapareceu mais a violencia na sociedade non.

Fagamos un repaso pola historia e vexamos que foi mudando neste espectáculo de masas para prohibir o que antes se incentivaba.

Xogar cos pés

Xogar cos pés responde á necesidade lúdica de todas as civilizacións. Johan Huizinga afirma na súa obra Homo Ludens que «o xogo é máis vello que a cultura, pois, por moito que estreitemos o concepto desta presupón unha sociedade humana e os animais non agardaron a que as persoas os ensinasen a xogar».

O fútbol medrou salvando moitas prohibicións e sendo impulsado outras veces. En 1349, Eduardo III de Inglaterra promulgou unha lei contra as «corridas das grandes pelotas» e en 1547 foi Enrique VI quen o declarou «delito lamentábel».

Afonso X prohibiulles aos clérigos que o xogasen. E en Francia Felipe V de Francia en 1319 e Carlos V en 1369, tamén decretaron a prohibición deste xogo.

O Calcio, no que hoxe denominamos Italia, pola contra, foi potenciado en todas as repúblicas, ao ser asumido pola nobreza urbana para as súas grandes festas, en disputa cun pobo que teimaba en xogalo a diario e a súa maneira.

A violencia

«O rudimentario balón botou cara un recanto da estreita calexa de Cheaspide londinense, case sorprendido por terse librado, aínda que fose por uns instantes, das furiosas patadas que lle propinaban decenas de artesáns, mercantís, nenos, frades e homes de dubidosa reputación. Un mozo corre cara el, tenta dominalo e canear aos forzudos dos arqueiros da Súa Maxestade. As pernas, os cóbados e até os cachetes destes, golpearon ao mozote tan duramente, que caeu ao chan dando berros coa dor. O pai do mozo, que esta preto da «xogada», sacou de entre as súas roupas un pequeno pero afiado coitelo e matou aos dous soldados, vingando a «falta» que cometeran contra o seu fillo».

Así relata o xornalista británico Brian Lester Glanville, «as dúas primeiras vítimas mortais do brusco, apaixonante e primitivo fútbol inglés da Idade Media».

Pero, nin que dicir ten que este deporte era moito máis civilizado que o circo romano, cando os dous bandos nas gradas, «roxos e azuis», se enfrontaban entre si defendendo os seus gladiadores favoritos. Xa daquela, contan os cronistas, existía un servizo de orde con porras e vergallos para desfacer as zarracinas. Aínda así, nun destes espectáculos, os enfrontamentos foron tales que chegaron a morrer 30.000 persoas. A min parécenme moitas mortes, pero cítanas varios autores.

Nos partidos celebrados en Inglaterra no 1888, resultaron mortos 23 xogadores, 30 pernas partidas, 9 brazos rotos, 11 clavículas escachadas e 27 lesións graves de diversa índole. Os datos de «caídos» nos seguintes anos foron moi semellantes.

Un proceso de civilización

Até que punto a violencia foi permitida e auspiciada desde o poder? Afirma Norbert Elias nos seus traballos sobre Deporte e violencia, que as prácticas deportivas son unha forma civilizada de controlar os instintos, de domesticar social e politicamente a violencia canalizándoa eficazmente. 

Existe unha maneira de violencia social, segundo Javier Durán, autor do Vandalismo no fútbol, as falcatruadas e o pandillismo adolescente, que é admitida en todas as sociedades, e que se dá tamén no fútbol, pero neste espectáculo «canalízana axeitadamente desde a mesma concepción urbanística e arquitectónica, á concepción do espazo tanto dentro coma fora dos estadios».

Hai analistas que afirman que o conflito é inerente ao fútbol, pois trátase dunha disputa entre dous bandos á procura dunha vitoria por todos os medios ao seu alcance.

Os cidadáns crean arredor do espectáculo futbolístico as ilusións necesarias, as que Noam Chomsky cualificou como caneos da vida. As emocións convértense en paixóns, pero tamén en desculpa, en relación social e, mesmo, en evasión.

Moitas veces o cidadán non é consciente de estar instalado nesa realidade artificial, dotada de emocións propias, trasladándoa tanto ao seu comportamento persoal coma social, creándose un síndrome que podería denominar futbolite.

Hai analistas que aínda van máis alá e afirman que o conflito é inerente ao fútbol, pois trátase dunha disputa entre dous bandos á procura dunha vitoria por todos os medios ao seu alcance. Pouco a pouco a regras fóronlle pondo coto a esas disputas.

O sociólogo español Amando de Miguel considera que «o ser humano caracterízase por unha serie de impulsos básicos e, algúns deles, pódense satisfacer moi ben a través do espectáculo futbolístico. Por exemplo, o impulso de afiliación, quer dicir, a necesidade de distinguir un nós fronte a un eles, os rivais».

Por que esa necesidade de identificación? De Miguel explícao con este razoamento: «cando se erosiona o senso de pertenza a un territorio queda o enlace a través do club de fútbol correspondente. Non se esqueza que os clubs de fútbol (fronte a outros deportes) levan denominación territorial».

O que aclararía, en certo xeito, as razóns de que a case totalidade das asociacións de seareiros galegos sexan animicamente nacionalistas.

Saltarse o control social

Norbert Elias e  Eric Dunning sinalan que, como a sociedade está sometida cada vez máis a un ríxido control social das expresión emocionais, consecuentemente aumenta a importancia da emoción lúdica, «e esta ten lugar en contextos de tempo libre e ocio. O deporte en xeral e o fútbol en particular, on uns deses ambientes prioritarios».

Mais non hai que esquecer que os feitos violentos correspóndense coa sociedade na que vivimos e a violencia nos estadios foi minguando ao longo da toda a historia do deporte. Se analizamos o fútbol podemos ollar como evoluiu o proceso de civilización da sociedade, aínda que permaneceu, loxicamente, unha subcultura xuvenil de afeccionados violentos.

«As manifestacións deportivas, como as artísticas, dan unha visión do mundo e procuran unha interpretación da sociedade», afirma Patrick Mignon, sociólogo francés autor de A paixón do fútbol.

«As manifestacións deportivas, como as artísticas, dan unha visión do mundo e procuran unha interpretación da sociedade», afirma Patrick Mignon

«O radicalismo nos comportamentos ou a politización aparecen cando se modifican as condicións do ritual. O que se chama crise (dificultade para entrar no mundo do traballo, constitución de ghettos, dificultade de integración, percepción dun sentimento de inseguridade na confrontación entre dúas bandas) e os problemas propios dos diferentes países (fin do franquismo no Estado español, caída dos réximes comunistas, crise do Estado italiano) ou a modificación das condicións ou formas de vida (thatcherismo), os contidos e as significacións da presenza dos estados como consecuencia xeral das rivalidades rexionais ou étnicas, levan á violencia que canalizaron a través do fútbol», analiza Mignon.

Desmond Morris, antropólogo, autor do Mono Espido, que chegou a dirixente do Oxford United, afirma que «todas as novas xeracións teñen necesidade de enfrontarse perigosamente á sociedade, polo que, até de agora, o fútbol servía para canalizar esa violencia. Non embargantes, hoxe é diferente –afirma Morris–: o ritual dexenerou e os problemas agraváronse. Antes os hooligans -–bandoleiros, literalmente– descendían dos suburbios para demostrar que existían, para facerse notar. Na actualidade vense tocadas pola violencia todas as categorías sociais, parados, obreiros ou clase media, que utilizan o fútbol como caixa de resonancia dos conflitos sociais».

Os seareiros organizados

Nos anos setenta do século pasado, a crise económica e social, levou a un importante descenso de espectadores aos estadios de todo o mundo. Foi daquela cando os clubs impulsaron as organizacións de seareiros, primeiramente para levar ao campo á mocidade e, logo, tecendo unha rede o máis ampla posíbel que lles permitise a adhesión ao club máis alá do seu «territorio».

Estas «peñas» pasaron a ser axentes socializadores de parte da xuventude europea seguindo dous modelos. Por unha banda o británico, que foi copiado en Alemaña, Bélxica, Grecia, os Países Baixos e a Europa do Leste. Pola outra, o italiano, que foi o que floreceu no Estado Español, Francia e Portugal.

Este último colle un carácter militante, tanto na esquerda como na dereita, segundo a idiosincrasia da cidade na que se asenta o club, e da ideoloxía das propias directivas. O modelo inglés é máis anárquico, máis de pub.

Estes movementos sociais que se estenderon durante os anos oitenta do pasado século, nutríronse en Inglaterra de símbolos relixiosos, mentres que no Estado español de contidos ideolóxico-politicos, sendo impulsados algúns por determinadas organizacións, tanto fascistas, nacionalistas como radicais.

Pero non hai que esquecer que foron as propias directivas dos clubs as que impulsaron estes grupos. E que as barras bravas pasaron a formar parte das estruturas das entidades, con relacións moitas veces perversas cos dirixentes, pero tamén cos xogadores, corpo técnico, representantes dos xogadores e medios de comunicación, que os usaron para «aumentar o espectáculo» e ter novas máis sensacionais.

As barras bravas pasaron a formar parte das estruturas das entidades, con relacións moitas veces perversas cos dirixentes, pero tamén cos xogadores

No 1990, catro días antes do comezo do Mundial, deu a volta ao planeta a nova de que tres mozos ingleses foran castigados en Cagliari (Cerdaña) por esnaquizar o cuarto dun hotel. Ao día seguinte, os mesmos medios afirman que «foi identificado e detido en Roma o considerado hooligan máis perigoso de Inglaterra, Paul Scarroto, quen entrara en Italia con pasaporte falso. O hooligan foi expulsado de Italia».

Esta nova resultou ser, como se demostrou logo, unha montaxe do periódico británico Daily Star, que estaba en connivencia co detido para conseguir unha exclusiva mundial. Paul Scarrot estivo acompañado por un xornalista e un fotógrafo do xornal inglés en todo momento.

Esta práctica non era nova. As acusacións de montar este tipo de exclusivas veñen de  máis atrás. As imputacións sucedéronse desde 1998 entre os distintos xornais británicos culpando uns a outros de pagar a mozos para que provocasen incidentes que logo serían recollidos polos seus fotógrafos e publicados na primeira páxina.

A chegada das televisións a todos os campos non só incentivou a violencia simbólica, senón a conivencia e o amparo a estes grupos: os seareiros convertíanse en repercusión mediática e os protagonistas collían notoriedade, sentíndose parte esencial do espectáculo futbolístico, sexa nas bancadas, sexa na cidade na que se celebra o evento, pois o campo de xogo mediático ampliouse a toda a localidade e, aínda, fora dela.

Se os medios de comunicación usan e financian a estes grupos para aumentar audiencia, algunhas directivas fan o mesmo para impor as súas decisións e os seus intereses aos outros afeccionados. Así, nalgúns casos, estes grupos convertéronse en verdadeiras estruturas mafiosas dentro dos propios clubs. Comezaba o conflito.

As sociedade anónimas

Coa conversión dos clubs en sociedades anónimas deportivas, as directivas non é que xa non precisasen as barras bravas organizadas, senón que lle eran incómodas e, xa que logo, pasaron de impulsalas a toleralas e de toleralas a enfrontarse a elas, algunhas veces por motivos ideolóxicos, outras por restarlles protagonismo ou «representatividade» aos «donos da equipa», pero,sobre todo, por serlles antagonistas.

Estas barras bravas, non só operan como a conciencia do club que foi, senón como se foran os depositarios dos sentir de todos os afeccionados, reclamando mesmo capacidade de decisión en fichaxes, ventas ou xeito de xogar. Están aí os feitos de que estes grupos se presenten nos adestramentos e lle pidan contas a xogadores e adestradores, ou se enfronten aos presidentes, con verdadeiras campañas públicas, dirixindo contra deles a violencia, sobre todo simbólica, pois a física foi desaparecendo pouco a pouco dos estadios.

Por iso as distintas directivas, paseniñamente, foron tratando de desmantelar estes «seus» grupos, pretextando a loita contra a violencia…

Agora xa non os necesitaban para os seus fins dentro do club, nin para facer parte da masa social e, aínda menos, como conciencia social do equipo.

Aquí entra en xogo as televisións que, de certo, foron as que mudaron non so as estruturas dos clubs, senón o propio espectáculo futbolístico.

As televisións mandan

Si, xa dicíamos que as barras bravas foron creadas cando a crise para levar a xente nova aos estadios. Agora, aos clubs xa non lles importan nada eses ingresos por venta de localidades aos espectadores ou seareiros. O seu grande negocio está nas televisións, nos patrocinios (publicidade) e nos produtos derivados que venden. Outros, donos dos clubs, o negocio fano indirectamente, recualificando terreos ou apropiándose das instalacións públicas para usos diferentes aos deportivos: tendas, restaurantes, etc.

A TV é a clave de bóveda do fútbol contemporáneo.

E se agora os espectadores pouco importan, que é o que importa?. Por suposto as televisións e os televidentes, e canto máis afastados da localidade, mellor. Tratase de levar os anuncios a outras latitudes.

Por iso os horarios están en función non das persoas que van aos campos, senón daquelas que, en calquera parte do mundo, se poden sentar diante do televisor. E os ingresos dos clubs van en función non só do lugar que, finalmente, ocupen na táboa clasificadora, senón de cantos televidentes sintonicen os partidos.

Cos estadios convertidos en platós xigantes de televisión e os partidos en grandes soportes publicitarios, pensaron que era necesario mudar tamén as gradas para que as claques presentes (espectadores) obrasen coma se existise unha grande rexedor. O espectáculo manda!

O papel dos espectadores e dos seareiros máis comprometidos co equipo foi variando co tempo ao compás da evolución dos medios de comunicación.

A evolución nas gradas

Non é nada novo. O papel dos espectadores e dos seareiros máis comprometidos co equipo foi variando co tempo ao compás da evolución dos medios de comunicación.

Cando a radio comezou a transmitir en directo os partidos, os primeiros grupos organizados, para darlle ambiente, foron, sobre todo ruidosos. As carracas e as bucinas de lata eran o seu elemento máis significativo, agora totalmente esquecidas, aínda que antes conformasen os sinais de identidade de cada estadio, e con elas, os diferentes cánticos e berros, de animación ou rexeite. E os aplausos e asubíos, moitos aplausos. E, como sinal de protesta máxima,  as almofadiñas lanzadas ao campo… Até que as prohibiron. Si, as prohibicións non son cousa de agora.

Coa aparición da televisión, o novo medio necesitaba máis ca ruído, cor e movemento. E comezaron a agromar as bandeiras, as bufandas, as pancartas quilométricas a maioría das veces feitas para saír na televisión. E tamén os cartóns de cores para facer mosaicos, e os meneos…

Por necesidade do espectáculo televisivo parte do protagonismo foise trasladando ás bancadas. O espectáculo é cada vez máis interactivo, en consonancia coa democratización formal e os gustos sociais de participación aparente, ao tempo que lle permiten ao medio televisivo novos planos que complemente o que está a ocorrer no campo.

O espectáculo está nas bancadas, comezaron a dicir os comentaristas.

O combate que se dá, cada vez máis forte, no mercado das imaxes, fai que, a cada se constrúa sofisticadamente unha dramatización do evento deportivo, cun guión que se escenifica desde moito antes do comezo do partido (mesmo semanas) ata varios días despois do mesmo. Segundo a importancia que tenten darlle, ou as novas que precisen.

Este espectáculo xa ten moi pouco que ver xa co deporte en si, e interveñen moitos máis elementos que os propios xogadores.

Faise unha completa representación onde hai personaxes principais e secundarios, con múltiples escenarios dotados de luces e sombras segundo as necesidade dos realizador principal (medios de comunicación) así o requiran. Directivos, políticos, comentaristas, expertos, personaxes públicos…, aparecen sempre na trama.

Os seareiros comprenderon que, nesta teatralización ocupan un lugar importante, o máis importante, polo que non se resignan a ser meras comparsas ante os personaxes que, socialmente, teñen o papel de protagonistas.

Déronse conta de que o que non sae na tele non existe e utilizan as armas que teñen ao seu alcance para conseguilo: a unión, a forza e, se compre, a protesta e a violencia, máis simbólica que física.

Non asumen que xa son un produto máis do espectáculo, manexado polo grande rexedor publicitario, e teiman en interpretar o seu papel, saltándose o guión. 

E aquí chega outro conflito.

Gradas do Niu Camp durante o último enfrontamento co Real Madrid.

A publicidade non quere violencia

Se aos seareiros máis radicais a violencia, simbólica ou real, lles senta ben, pois acadan o recoñecemento que procuran, esas manifestacións, agora consideradas extemporáneas, non só son condenadas pola maioría da audiencia televisiva, senón polas casas publicitarias. Non casa ben cos produtos que venden!

Así que os medios tentan estruturar aos diversos actores dos espectáculos deportivos, incluído os espectadores, para ser vendidos e consumidos pola audiencia, e através, desta polas casas publicitarias. E unha maioría social que foi convencida polo poder, que non só ten que rexeitar toda caste de violencia ou protesta, senón a que lle impoñen o que é ou non é violencia. 

Hai que ter en conta que a represión contra toda manifestación, verbal ou física,non controlada nos espectáculos deportivos, vai paralela a toda unha chea de leis que recortan as liberdades públicas dos cidadáns. Unha lexislación ad hoc, pero tamén unha grande campaña social para rexeitar e criminalizar calquera oposición ou disidencia. 

Por iso o primeiro paso que decidiron dar nas distintas comisións antiviolencia foi a de «reconverter» as barras bravas en grupos de animación.

Trátase de conseguir integralos no guión predeterminado do espectáculo, ao mesmo tempo que lle sacan toda connotación de protesta, rebeldía ou violencia, verbal ou física. 

Nada moi diferente a outros eidos sociais no que tentan o mesmo por métodos moi semellantes, pois as consecuencias e a propaganda desa violencia exceden ao terreo de xogo e ao propio espectáculo, creando un alento social.

Pero, aínda que o intenten, non todos os grupos, ou individuos, son reconvertíbeis en animados animadores, pois o fútbol deveu nun fenómeno social e nel están representados, dun xeito ou doutro, as tensións que se dan no propio Estado.

Cara unha sociedade consumista e domesticada

É precisamente a nova natureza dos espectáculos deportivos a que fai que o poder, que antes incentivaba ese desafogo nas bancadas, como válvula de escape da disidencia xove, e xeito de controlar as protestas, encarreirándoas e asimilándoas, agora, grazas a esa proxección mediática, non pode tolerar esas manifestacións que atentan abertamente contra a concepción de sociedade submisa e paciente, que queren impor.

Porque as manifestacións e consignas que antes quedaban nos estadios, agora teñen unha proxección total, collendo carta de natureza fora do campo, con réplicas e adhesións de estratos sociais que van máis alá dos seareiros deses deportes.

Antes de tomar medidas había que crear na sociedade un clima propicio que «rexeite toda violencia» no deporte, aínda que esa violencia de calquera xénero fose a máis baixa de toda a historia.

Stanley Cohen, en Pánico Moral, xa escribiu que «as consecuencias da violencia deportiva, exceden o terreo de xogo, creando unha preocupación e alarma social».

Os estudosos afirman que o deporte sufriu un «proceso de civilización, que tamén se dá na sociedade en xeral», que agora rexeita o que antes aceptaba ou, polo menos, non condenaba.

Unha sociedade conformista, consumista, apática, acrítica, sentada diante do televisor, é unha sociedade máis civilizada? Eu non estaría tan seguro. Pero cara aí é cara onde nos encamiñan…, ou xa chegamos?

Unha sociedade conformista, consumista, apática, acrítica, sentada diante do televisor, é unha sociedade máis civilizada?

O eurobarómetro «Citizens of the European Unión and Sport», constata no 2007 que o 32% dos cidadáns da UE e un 47% do Estado español, consideran que un aspecto negativo do deporte é a violencia e que o rexeitamento a calquera acto violento é cada vez maior.

Pero xa moito antes comezara unha campaña e a posta en marcha de medidas para impedir a violencia nos estadios. No 1985 o Consello de Europa elabora o Convenio Internacional sobre a violencia, seguridade e interrupcións de espectadores con motivo de manifestacións deportivas e, especialmente, partidos de fútbol. Aproveitan a denominada «Traxedia de Heysel»: en maio de 1985 nese estadio de Bruxelas morreron 30 persoas e quedaron máis de 600 feridos.

O convenio é ratificado polo Estado español dous anos despois. No ano 1988, o Senado español pon en marcha unha comisión para estudar a violencia no deporte. A Lei do Deporte de 1990 foi un punto de partida do Estado para loitar contra esa «violencia».

Máis tarde creouse a Comisión Estatal contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia.

Eu, que participei nalgúns destes debates, negueime a aceptar os criterios cos que definían a violencia e os grupos violentos, que viñan non só marcados polos informes das forzas de orde pública, senón que tiñan un claro contido político, que atenta mesmo contra a Constitución, na súa vertente de liberdade de expresión e do pluralismo ideolóxico.

Prohibir as enseñas das nacións sen estado, ou mesmo símbolos de partidos ou asociacións legais, é unha regresión democrática. 

Afirmar que unha barra brava, por ter un carácter nacionalista e portar símbolos identificativos é radical e violenta, só se pode realizar desde unha óptica antidemocrática e totalitaria. O mesmo a prohibición de manifestarse contra os poderes públicos, as institucións do Estado ou os seus símbolos. Prohiben nos estados o que está permitido na rúa!

E, a min, non me vale o recurso ao que se acolleron para prohibir a manifestación de calquera disidencia (sobre todo política) nos estadios: é que crea violencia e a violencia nos estadios é moi perigosa.

Esta represión contra calquera protesta ou fenda non regrada no espectáculo deportivo, contrasta coa laxitude que, neste eido, teñen os medios de comunicación.

Os discursos bélicos e agresivos é un xeito continuo de realzar as novas. As declaracións e comentarios insultantes, descualificativos, despectivos. As acusacións, sobre todo contra os árbitros… A difusión, amplificación da violencia en si, cando non o seu fomento e conformación, é unha práctica habitual na maioría dos medios cando se trata de informar do fútbol. Os berros dos seareiros son castigados, as proclamas violentas nos medios de comunicación, que fomentan o enfrontamento gratuíto, non.

Eses mesmos medios que censuran que lle chamen nazi a un xogador que exhibe símbolos nazis, que fai apoloxía do nazismo, que financia o nazismo e que aínda din que non é nazi.

Non non é casualidade, non, que o único partido suspendido por berros dos seareiros estes tiveran un claro contido de rexeitamento político a unha ideoloxía totalitaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here