Etiqueta: Cidade da Cultura

  • Castelao: negro para o drama, branco para o futuro

    Castelao: negro para o drama, branco para o futuro

    Ideoloxicamente  eu non son máis que un patriota. Así se definiu Castelao no ano 1944, no discurso de agradecemento por mor da publicación do “Sempre en Galiza”. E no mesmo acto avanzou a súa estética: A arte para min non foi mais que un elemento, un recurso, un medio de expresión, e co lapiseiro ou coa pluma, só quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas dores e das súas esperanzas. Debuxei sempre en galego; e se sacades o que hai de galego e de humano na miña obra non quedaría nada.

    Un ano máis tarde pinta o cadro “A derradeira lección do mestre”, como homenaxe a todos os que deran a súa vida por Galiza e pola democracia,  simbolizado na figura asasinada de Alexandre Bóveda.  Un seu debuxo do álbum Galiza Mártir, serviralle para trasladar ao lenzo o mesmo esquema ensaiado no 1937, no álbum de guerra.

    “A derradeira lección do mestre”, pintado no exilio de Bos Aires, mantén toda a tensión que pode producir o tema do asasinato. Castelao desbotou as impactantes imaxes que pintara Goya sobre do 3 de maio porque representaba unha traxedia onde un exército disciplinado fusila a un pobo que se levanta contra dunha invasión. Tampouco busca inspiración na pintura romántica española onde aparecen os verdugos e as vítimas, tal como fixo Antonio Gisbert no cadro “Comuneros de Castilla”, ou noutro seu cadro “Fusilamiento de Torrijos”, nas que as vítimas aínda, como signo de dignidade, mantéñense en pé, pero detrás están os soldados que os van matar.

    Castelao busca unha icona netamente galega. Ningún modelo da pintura lle serve. Escapa da traxedia, do espectáculo impáctante que pode supoñer ver un fusilado, ou unha máquina de matar como é un exército. Castelao busca dar forma a un drama humán, cal é a figura dun asasinado, que é contemplado por dous raparigos. A pintura española, busca o acto tráxico do enfrontamento  físico de dúas realidades, unha que mata e a outra que espera dignamente a morte. Mentres Castelao quere reflexar o drama que supón o asasinato dun mestre pero tamén a esperanza reflectida nos dous rapaces. Para iso non recurre a traxedia, pon ao espectador no acto posterior ao asasinato, para que reflexione. “A derradeira lección do mestre”, presenta o cadáver, o home executado, como motivo de reflexión.

    A icona pintada por Castelao mantén unha estética que poderíamos dicir con el que é galega. O noso artista utilizaba a arte como arma para facer Patria, por iso se autodefinía como patriota. A imaxe na que representa a Alexandre Bóveda, aparece oblicuamente para conseguir profundidade, e tirado sobre da Terra, millor sería dicir, recollido pola Terra. Pois Castelao traballara sobre “As Cruces de Pedra na Galiza”, que se editarían despois de morto o seu autor, e para el o tema do fillo morto sobre o colo da nai éralle moi familiar. Así, a imaxe que nos dá é a dun fillo que é acollido pola Terra nai, representada por unha paisaxe alongada que fai cruz cos dous cachopos ao fondo. Símbolo da rexeneración. O concepto da Terra, como algo vivo, do que zugamos a nosa esencia, do que se mantén a nación, xa o tiña comentado, ou lembremos a súa acuarela “Faunalia” do 1941.

    Castelao acude ao negro, como símbolo do drama e branco para o futuro que son os rapaces que contemplan o morto.

    Detalle do cadro “A derradeira lección de mestre” no que Castelao retrata a Alexandre Bóveda.

    Tecnicamente o cadro está resolto con curvas e cunhas pinceladas que lembran o expresionismo, todo moi dentro do que Vicente  Risco denominaría Atlantismo. O colorido está feito co negro, e co branco, lonxe das cores primarias con que Goya pintou o 3 de maio. Castelao acude ao negro, como símbolo do drama. Negro para o cadáver que aparece na gabia, metáfora do drama. E branco para o futuro que son os rapaces que contemplan o morto.

    Detalle do cadro “A derradeira lección de mestre” de Castelao.

    Chama a atención como Castelao foi quen de se aproximar ao expresionismo a partires dos seus álbumes de guerra. A pincelada solta é todo o contrario dos seus inicios, da liña modernista. A mancha, o expresionismo, son as achegas coas que o rianxeiro dramatiza a escena.

    Neste cadro Castelo está a enfrontar unha estética nova, que estaba a crear, con toda a historia da arte española, na que Goya, de quen Castelao tanto aprendeu para os seus deseños, como os románticos preferían expresar unha traxedia,  definida polas cores primarias e as liñas deseñadas polas posturas corporais. Mentres Castelao deseña un drama, con contención nas cores e nas liñas. Busca co beanco e negro e coas curvas a emoción do espectador e invitando á reflexión e non á exaltación. Castelao estaba a facer Patria, coa súa arte.

  • A nova lección do mestre Castelao

    A nova lección do mestre Castelao

    Dibuxando o rostro de Alexandre Bóveda nunha das súas obras máis universais, Castelao recollía a lealdade ao seu irmán político e ás ideas galeguistas e democráticas que ambos os dous defenderon. O cadro popularizárase xa antes de ser pintado nas láminas de Atila en Galicia, un dos álbumes de guerra que debuxou o rianxeiro. Este propio deseño foi recreado nun formato diferente nunha grande pancarta que no ano 1937 penduraba na fachada da Universidade de Barcelona. O oleo pintado por Castelao en Buenos Aires viaxou agora temporalmente a Galicia desde Arxentina. Podémolo contemplar dentro da exposición Castelao Sempre aberta na Cidade da Cultura  até o 3 de marzo

    As chamadas estampas de guerra de Castelao (recollidas nos álbumes Atila en Galicia, Galiza mártir e Milicianos) son as pezas máis coñecidas internacionalmente de toda a obra gráfica do artista, escritor e político galego. Nacidas nun contexto catastrófico, foron reproducidas en múltiplas edicións por todo o mundo, desde América á China. E de entre todas elas, a forza simbólica de “A derradeira lección do mestre”, atravesa o tempo e segue a conmover a quen a contempla.

    Sempre coñecemos a reprodución en formato vertical de todas estas pezas. E así está tamén na realizada en óleo de gran formato por Castelao xa exiliado na Arxentina.

    A sorpresa salta ao mergullarse na hemeroteca do xornal La Vanguardia: en 1937, nas paredes da Universidade de Barcelona, exhibiuse outra versión da mítica estampa, en formato apaisado, con máis elementos no horizonte e en primeiro plano, que lle engaden profundidade, unha variante que Castelao tería realizado nun momento intenso da súa colaboración cos traballos da propaganda antifascista.

    É sabido que o valor universal do cadro trascende a particular homenaxe que tamén inclúe. O rostro do morto que dous meniños choran é o de Alexandre Bóveda, o irmán na causa galeguista de Castelao, o auténtico motor do nacionalismo do Partido Galeguista. Bóveda fora fusilado o 17 de agosto de 1936, logo dun xuízo delirante que recreou en 1972 o seu cuñado xornalista, Xerardo Álvarez Gallego, en Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda.

    A emoción permanece

    As estampas de guerra son unha pura emoción. No álbum Galicia mártir Castelao escribe: “Aos galegos que andan polo mundo: estas estampas, arrincadas da miña propia door, van dirixidas a vós que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruir o fogar desfeito. Valencia, Febreiro de 1937” Durante a ditadura apenas podían ser coñecidas clandestina e minoritariamente. É obvia a razón. Morto o ditador, a editorial Akal publicounas, pero sempre reproducidas desde outras edicións, o que fixo que non se chegase a apreciar a calidade daqueles debuxos, que pese a iso non perdían a súa tremenda forza expresiva. Ademais o goberno de Arias Navarro, secuestrou a edición.

    Nin no centenario do nacemento de Castelao (1986), se puideron editar. O Museo de Pontevedra, que meritoriamente as conservaba en bo estado, non consideraba chegado o momento, temía as reaccións políticas e prefería mantelas baixo chave e nin sequera amosalas no espazo singular que dedicaba permanentemente a Castelao. Simplemente non se coñecían en público e só podían velas, con reservas, algúns investigadores.

    En 1986 saiu un especial de A Nosa Terra que abriu o debate da memoria histórica.

    Só en 1996 se puideron reproducir legalmente as estampas de guerra de Castelao. En 1986 Edicións A Nosa Terra puxera en circulación a primeira publicación masiva sobre memoria histórica que se fixo no noso país. “O 36 na Galiza” tivo dúas edicións consecutivas, a segunda delas ampliada, e foron case 15.000 exemplares que deron a pista de saída a un novo enfoque historiográfico do golpe de estado de 18 de Xullo de 1936. A nosa intención, xa naquela altura, era realizar unha edición digna das estampas de guerra de Castelao. Non foi posíbel. Houbo que esperar outra década, nas primeiras semanas de 1996, para dar cabo a esa incautación. Axudou no empeño Isaac Díaz Pardo, que avalou a edición conxunta dos tres álbumes cun pequeno prólogo. Poñíase así o ramo a un secuestro que durou 60 anos. Descubrir agora unha nova volta estética neste cadro de Castelao é un singular agasallo no tempo. Intacta permanece a mensaxe, intacta a emoción.

    Álbumes da Guerra de Castelao

    ISAAC DIAZ PARDO

    Algúns quixeron facernos ver que Castelao era só un artista. Cando morreu hai 45 anos, os que decidían dictaron orde á prensa que falescera un humorista, para adicarlle somentes catro liñas.

    Penso que Castelao foi quen primeiro soubo entender a historia malfadada do noso povo, cun rigor na estrutura que aínda non se entende ben hoxe. Castelao propoñía recuperar o que nunhas circunstancias desfavorables nun longo período da historia tiñamos perdido, mais non dun xeito utópico senón posible. El viu que o actual norde de Portugal e a Galiza foron unha mesma nación, no intre en que se formou o noso carácter, continuando a Gallaecia, e que intereses alleos nos teñen partido polo Miño, nos que tomamos vieiros diverxentes, deturpado o noso pola presión de Castela. Mais Castelao non fala de correxir drasticamente este mal, porque a historia ten o seu peso, senón buscar un acercamento posible, sen traumas, dos dous povos que conservan tantas cousas en común, namentres a falla de entendemento e colaboración entre eles é, por demais, unha rémora económica.

    Castelao, ademais de saber transmitir ideas coas palabras, sábeas expresar tamén con imaxes gráficas. Pero as súas ideas gráficas non tentan ser esteticistas; todo o que dibuxa ten unha orientación: traballar por causas xustas nas que vai a causa de Galiza, da recuperación da nosa personalidade política.

    Os tres álbumes de guerra teñen un antecedente: o Álbum Nós, no que Castelao loita por unha forma constructiva da Galiza en tempos en que non hai guerra pero persiste a opresión caciquil sobre o noso povo. (Por certo convén relembrar unha vez máis que os orixinais do Álbum Nós atópanse en paradeiro decoñecido e estaría ben que algún dos tantos eruditos que temos, capaces de descobrir un cabelo dunha muller do neolítico, se preocupase de explicar esta perda que fica dentro dos últimos 64 anos).

    Os tres álbumes de guerra continúan a mesma liña ideolóxica que o Álbum Nós; a súa diferencia con este é que están feitos nun tempo diferente, cunha confrontación coa violencia desatada polos nemigos de Galiza, ou cando menos polos nemigos da restauración do dereito natural da personalidade histórica da nosa terra.

    Aínda que a publicación do álbum Milicianos se fixo en América, un ano despois de saír Castelao da península, non ten dúbida que os orixinais foron feitos en Valencia ou Barcelona apoiando a loita a favor da República.

    En canto ao carácter plástico das tres pezas de guerra, hai que sinalar diferencias. Ten poucas dúbidas que Castelao dende o ponto de vista plástico móstrase até o ano 36 como un modernista expresionista, o estilo do tempo no que se tiña formado. Este carácter vai ficar aínda presente no seu primeiro álbum de guerra, Galiza Mártir, destacando, por mor do tema, o expresionismo sobre o modernismo. Mais os outros dous álbumes, Atila en Galiza e, sobre todo, Milicianos, despréndese do modernismo, e o seu expresionismo corresponde xa a unha plástica acorde co seu tempo, no que o tema fica mergullado no espacio compositivo e unha nova técnica.

    Luís Seoane pensaba, e eu estiven sempre de acordo con el, que Castelao se deixou influir pola plástica de Arturo Souto, o que máis ben sería unha postura aleccionadora da súa conducta, e, máis que de humildade, de saber adaptarse ao mellor para servir de mellor maneira á súa ideoloxía.

    Cómpre só felicitar a todos os que fixeron posible que as estampas dos álbumes de guerra de Castelao chegasen intactas a nós a través das difíciles circunstancias que atoparon, e estender a felicitación a quen fan o esforzo de espallar o seu coñecemento.

    (Prólogo á edición dos Álbumes de Guerra de Castelao (A Nosa Terra, 1996)