gtag('config', 'UA-106570544-1');
Domingo, 27 Abril 2025

Castelao: negro para o drama, branco para o futuro

Ideoloxicamente  eu non son máis que un patriota. Así se definiu Castelao no ano 1944, no discurso de agradecemento por mor da publicación do “Sempre en Galiza”. E no mesmo acto avanzou a súa estética: A arte para min non foi mais que un elemento, un recurso, un medio de expresión, e co lapiseiro ou coa pluma, só quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas dores e das súas esperanzas. Debuxei sempre en galego; e se sacades o que hai de galego e de humano na miña obra non quedaría nada.

Un ano máis tarde pinta o cadro “A derradeira lección do mestre”, como homenaxe a todos os que deran a súa vida por Galiza e pola democracia,  simbolizado na figura asasinada de Alexandre Bóveda.  Un seu debuxo do álbum Galiza Mártir, serviralle para trasladar ao lenzo o mesmo esquema ensaiado no 1937, no álbum de guerra.

“A derradeira lección do mestre”, pintado no exilio de Bos Aires, mantén toda a tensión que pode producir o tema do asasinato. Castelao desbotou as impactantes imaxes que pintara Goya sobre do 3 de maio porque representaba unha traxedia onde un exército disciplinado fusila a un pobo que se levanta contra dunha invasión. Tampouco busca inspiración na pintura romántica española onde aparecen os verdugos e as vítimas, tal como fixo Antonio Gisbert no cadro “Comuneros de Castilla”, ou noutro seu cadro “Fusilamiento de Torrijos”, nas que as vítimas aínda, como signo de dignidade, mantéñense en pé, pero detrás están os soldados que os van matar.

Castelao busca unha icona netamente galega. Ningún modelo da pintura lle serve. Escapa da traxedia, do espectáculo impáctante que pode supoñer ver un fusilado, ou unha máquina de matar como é un exército. Castelao busca dar forma a un drama humán, cal é a figura dun asasinado, que é contemplado por dous raparigos. A pintura española, busca o acto tráxico do enfrontamento  físico de dúas realidades, unha que mata e a outra que espera dignamente a morte. Mentres Castelao quere reflexar o drama que supón o asasinato dun mestre pero tamén a esperanza reflectida nos dous rapaces. Para iso non recurre a traxedia, pon ao espectador no acto posterior ao asasinato, para que reflexione. “A derradeira lección do mestre”, presenta o cadáver, o home executado, como motivo de reflexión.

A icona pintada por Castelao mantén unha estética que poderíamos dicir con el que é galega. O noso artista utilizaba a arte como arma para facer Patria, por iso se autodefinía como patriota. A imaxe na que representa a Alexandre Bóveda, aparece oblicuamente para conseguir profundidade, e tirado sobre da Terra, millor sería dicir, recollido pola Terra. Pois Castelao traballara sobre “As Cruces de Pedra na Galiza”, que se editarían despois de morto o seu autor, e para el o tema do fillo morto sobre o colo da nai éralle moi familiar. Así, a imaxe que nos dá é a dun fillo que é acollido pola Terra nai, representada por unha paisaxe alongada que fai cruz cos dous cachopos ao fondo. Símbolo da rexeneración. O concepto da Terra, como algo vivo, do que zugamos a nosa esencia, do que se mantén a nación, xa o tiña comentado, ou lembremos a súa acuarela “Faunalia” do 1941.

Castelao acude ao negro, como símbolo do drama e branco para o futuro que son os rapaces que contemplan o morto.

Detalle do cadro “A derradeira lección de mestre” no que Castelao retrata a Alexandre Bóveda.

Tecnicamente o cadro está resolto con curvas e cunhas pinceladas que lembran o expresionismo, todo moi dentro do que Vicente  Risco denominaría Atlantismo. O colorido está feito co negro, e co branco, lonxe das cores primarias con que Goya pintou o 3 de maio. Castelao acude ao negro, como símbolo do drama. Negro para o cadáver que aparece na gabia, metáfora do drama. E branco para o futuro que son os rapaces que contemplan o morto.

Detalle do cadro “A derradeira lección de mestre” de Castelao.

Chama a atención como Castelao foi quen de se aproximar ao expresionismo a partires dos seus álbumes de guerra. A pincelada solta é todo o contrario dos seus inicios, da liña modernista. A mancha, o expresionismo, son as achegas coas que o rianxeiro dramatiza a escena.

Neste cadro Castelo está a enfrontar unha estética nova, que estaba a crear, con toda a historia da arte española, na que Goya, de quen Castelao tanto aprendeu para os seus deseños, como os románticos preferían expresar unha traxedia,  definida polas cores primarias e as liñas deseñadas polas posturas corporais. Mentres Castelao deseña un drama, con contención nas cores e nas liñas. Busca co beanco e negro e coas curvas a emoción do espectador e invitando á reflexión e non á exaltación. Castelao estaba a facer Patria, coa súa arte.

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das escritoras galegas, organizada desde A Sega. Xa hai varias semanas nas que diferentes escritoras lémbrana...

Darío Xohán Cabana, pedra de futuro

Cunha obra literaria  extensa, e fitos de grande éxito ("Galván en Saor" foi un dos primeiros best sellers en galego no tránsito dos anos...

Xela Arias, unha entrevista e un poema inédito

Perdido na selva da hemetoteca, fuxindo do buscador de texto, en marzo de 1982 publicábamos quizais un dos primeiros poemas de Xela Arias, man...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap