Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o día 8 de abril. Durante anos apareceu no cadro de colaboradoras de A Nosa Terra, e co seu compañeiro Quique Sanfiz, eran referencia nosa en Ferrolterra. Antes aparecera fotografada en portada, alegre, bailando reivindicativa nunha marcha anti-OTAN. Tamén do arquivo rescatamos unha extensa tribuna «Os machos do rock and roll», coa súa perspectiva feminista, sempre dialéctica e activa, como nos intensos debates onde o feminismo se abría paso, contraditoriamente, no BNG dos primeiros anos 80.

Tomamos de Radio Fene, onde exerceu profesionalmente, a reseña biográfica que fixo Xosé Manuel Sarille, amigo e compañeiro de xeneración.

“Para mín foi un referente no movemento feminista” afirmou esta mañá unha muller da zona. Desde os últimos anos do franquismo en Ferrol e Compostela foi unha incansábel activista democrática. Formaba parte da Xeración ERGA, os estudantes revolucionarios galegos que ensancharon substancialmente a base social do nacionalismo galego naqueles anos e nos sucesivos.

Pitusa tivo unha especial inclinación intelectual cara o cinema. A súa formación iniciouse en Compostela, cos cursos, coas materias regradas e formando parte da directiva de O Galo, o cineclub galeguista vinculado á Universidade. Esa afección tan intensa iniciárase moito antes, porque Pitusa viviu de nena, fisicamente, dentro do Cine Adriano de Barallobre. As lembranzas de aqueles días ilumináronlle permanentemente a vida en forma de marabillas. Ela dicía que eses insuperábeis estímulos, permitíranlle formar parte nos xogos da infancia, con total naturalidade, dos continxentes de enfermeiras da Primeira Guerra Mundial e das tribos iroquesas que resistían heroicamente os ataques dos bárbaros invasores.

A tese de licenciatura titúlase “A exhibición cinematográfica en Santiago de Compostela na II República (1931-1936)”. Despois estudou as salas de cinema en Fene, desde o 1928 até 1994. Escribiu a catro mans o libro titulado O cine na comarca de Ferrol, as súa xentes, os seus recursos (1897-2010).

 

Encarna Otero intervindo na II Asembla do BNG, e á súa dereita María Xesus Arias, Pitusa ©Xan Carballa / Fundación A Nosa Terra

“Vivir no Adriano”, onde se destaca o antigo poder cultural e social do fermoso xigante de cemento.

Escribiu  a novela gráfica sobre “Bóveda” e “Pancho Allegue, Historia dun compromiso”. Tamén “Maniños no Pasado”, “Barallobre no Pasado” e “Perlío no Pasado”, libros que ordenan a historia recente das citadas parroquias. Na mesma liña de actividade é coautora do cómic “Galiza acorda. Andrés de Barallobre” e de “Fene vai de Antroido”.

O seu labor xornalístico cruza case completamente o período democrático, desde 1984 en que Radio Fene acababa de nacer, cando non había ningunha emisora municipal en Galicia, deica a actualidade. Un labor extenso ao servizo da cidadanía e destinado a promover a lingua e a cultura galegas, pois a radio fundouse con eses dous obxectivos, dos que a nosa compañeira foi protagonista principal.

Pero por riba de todo iso,  nós de Pitusa nunca esqueceremos a súa predisposición para axudar aos demais, a súa inclinación a compartir coas persoas.

A súa delicada amabilidade. A súa natureza acolledora e colaborativa.

Até sempre Compañeira

Os machos do Rock and Roll

MARIA XESÚS ARIAS REI

As vexacións do tipo sexual cara á muller saltan acotío dun lado para outro. Do terreo exclusivamente privado (vexase violación matrimonial ou legal, maternidade non desexada pero socialmente obrigada, afectividade negada, frixidez alegada polo torpe camarada, pasividade adoptada, penetración sine qua non, etc etc…) ao terreo público, moito máis poderoso, perigoso e en consecuencia máis difícil de combater.

A transcendencia da imaxe da muller ao terreo da publicidade abarca asimesmo cantidade de aspectos, desde a utilización da nosa imaxe falando cun Scotch-Brite até sentarnos todas escarranchadas aló enriba do teito dun Supermirafiori (tal é a nosa incapacidade que non nos sentan ao volante). Xa dí o refrán: «muller ao volante perigo constante».

Será por iso…

Pois ben, o Poder con maiúscula cada vez é mais sofisticado. E, que é máis sofisticado e arrollador que a música, que penetra pola nosa pel inundándonos os sentidos?

Na xeración anterior (chámse Franquismo) os encargados ou mandados da sonora laboura represiva, eran por exemplo un Carlos Gardel ou calquera orquestra ao uso que con voz moi masculina reproducía a mensaxe dos divos.

Voces como esta soaban no salóns de baile para asegurar a represeión sobre todo feminina (xa que aos homes estáballe permitido socialmente o escapa, por aquilo de que tal potencialidade sexual, ou tiña escape ou rebentaba, e non era cuestión de arriscar a saúde e pórse morao): «(…) desde el día que te fuiste, siento angustias en mi pecho (…) si supieras que aún dentro de mi alma conservo aquel cariño que tuve por ti (…)» ou aquilo de «(…) mujersita qe mala que fuiste / cabesita que ma me hisiste (…); «(…) te amé de veras flor de pecado, como a ninguna mujer amé / Dios es testigo de que he llorado / la noche aquella que no te hallé»

Nese momento a represión solapada viña da man desa galantaría romanticona, de catecismo, que deixaba ás mulleres embobadas e as facía sentirse importantes.

O «deixarse levar» no baile, era un primeiro paso para o «deixarse levar» na vida. Todo un símbolo da domesticación feminina: esposas e nais para a gloria, unha gloria de cascarilla e de miserias.

E agora, por fin, entrades vós, os machos do Rock and Roll(1). Da vosa man a domesticación ten ar novo, moderno, rupturista e agresivo….

«(…) No puedo acercarme a tí / que más quisiera yo / que poder abrazarte, violarte, estrangularte / como sé que te gusta /(…) no intentes acercarte por dios / enfermarías y esa no es mi intención/(…) « [gracias Semen Uop pola consideración do final para co noso sexo débil].

Toda a potencialidade contestataria, agresiva e vangardista que contivo sempre esta música, contra poder e as normais sociais establecidas, é orientada casualmente cara un dos sectores sociais máis oprimidos e servís desta sociedade: as mulleres.

Hoxe a nosa opresión sexual xa non está solapada como nos tempos do «inocente tango». Claro, é que coa chegada da «democracia» e a «abertura» xa está permitido incitar ás masas, desde o poder que confiere o disco e o escenario, a «rachar» coa represión sexual violando e pegando a destra e sinistra para perpetuar o «mellor» da tradición.

Así a algúns e algunhas non nos sorprendeu ver nas páxinas do xornal, perante a campaña electoral unha das firmas que pedía o voto incondicional para o partido no Poder: Semen Up. O novo ar de modernidade queda así claro, de rupturismo na nai e da agresividade sinto dicirvos que moi mal orientada.

Exemplar didáctico:

Na canción «Lo estás haciendo muy bien»(2) «(…) Y mientras yo me concentro / chúpala más adentro / que ya llega el momento / y lo haces muy bien (…)», aparte da división de tarefas, a intelectual e activa (concentración do macho) e a mecánica e pasiva (chupar) da femia, qe son unha boa mostra da división sexual do traballo no terreo social, imos comparar a orientación desta agresividade con esta outra dun grupo de Rock galego que para moitos si é rupturista: «(…) chupa aquí, e mama na casa (…)».

A diferencia substancial en que aquí o que chupa é Solchaga [Nota: Carlos Solchaga era na altura de 1986 o ministro responsable da reconversión industrial].

Ides captando a onda?

non se trata de ver fantasmas, o que pasa é que o famoso Poder da maiúscula ten grandes recursos. para eles existe a necesidade real de perpetuar a opresión e o papel que se nos ten asignado ás mulleres neta sociedade, antes de que se lle cambaleen algúns piares. Pero como todo  evoluciona, hai que cambiarlle a imaxe a esa opresión aínda que substancialmente todo siga igual (salvo as pequenas batallas que imos gañando por nós mesmas, fundamentalmente).

A permisividade da pornografía, por exemplo, é un bon dado que pode servir. Aparentemente ráchase cos tabús do sexo pero realmente é a presentación da muller coma un obxecto apetitoso e unha vía de escape masculina para toda esa impotencia que o home vai acumulando froito da sá propia represión social.

A muller, sexualmente, ven entón desempeñar a mesma función que calquera droga, canalizando esa impotencia, que en lugar de converterse en protesta social contra do inimigo común, ven desembocar na agresión a un sector humano dobremente discriminado polo sexo ao que pertence.

Ben, con todo isto concluímos que os machos do Rock and Roll non podían perpetuar mellor a norma establecida en canto á división do papel sexual se refire.  Aí está a trampa.

Non hai grande diferencia de contido entre o que nos di un Perales e aquilo de «(…) ahora te debes callar / y vas a saborear el exquisito manjar / sé que me harás disfrutar / que te vas a esmerar / como siempre lo harás / muy bien, muy bien (…)»

Só cambiaron os rexistos lingüístico, mais seguen en pé as normas:

muller = pasividade

home = actividade

muller = silencio

home = babosadas

muller = violada

home = violador

Ula o progresismo? Ula o avance social?

No que si lle podemos dar a razón a Semen Up é naquilo de:

«(…) Yo soy una máquina de hacer el amor (…)»

Iso si que é verdade «como la vida misma»… un verdadeiro desastre,

Mentres o sexo estea centrado exclusivamente na violencia e na «buxía» (termo empregado polos protagonista desta historia) que como sabemos é o elemento que fai funcionar o motor, irá moi mal o asunto. Avísovos que a próstata acaba con todo, e logo que? O que avisa non é traidor.

Antes de lanzarse a predicar haise que informar e descubrir as potencialidade de ambos os dous sexos, en pé de igualdade, para sacar o maior rendemento posíbel do noso corpo. Ah! e aparte de se informar tamén hai que practicar.

Isto tamén vai polos siniestros eses que  veñen de triunfar na Metrópole (escámese o que queira).

«(…) Voy a asesinarte nena / no me volverás a engañar /(…) te acuestas con todos a la vez /(…) y si vamos al cine los dos / lo haces con el acomodador (…)»

Moi simpáticos, pero

muller = fidelidade

home = infidelidade

muller = vítima

home = asesino

muller = propiedade

home = propietario

«(…) has perdido eso, mi dulce nenita, mi mala zorrita (…)»

muller = virxinidade

home = circuncisión prematura.

Pero, a quen ides asasinar vós monicreques? por que non vos suicidades e comprobades se «todos los ahorcados mueren empalmados»? E o do virgo, que o leístedes, nun conto de fadas ou nun do Capitán Trueno, que tantos estragos fixo?

O de «Miña Terra Galega» gústame moito porque eu son moi folclórica, iso lévase na alma.

Antes de rematar quixera contar unha anécdota que me pasou nun festival dos Cicatriz  La Polla Records (son asidua asistente).

Cando os primeiros dixeron unha barbaridade ofensiva ao noso sexo desde o poderoso escenario e algunhas berramos: «machistas!», resultou que a «novia» do cantante (que estaba diante nosa na dura pista) volveuse e confesounos que o que cantaba era unha cousa pero que el era un tío estupendo.

Eu xa escoitara por aí que «unha cousa é unha cousa, outra cousa é outra cousa, e as cousas como son».

Paradoxos da vida!!!

O que non se pode negar Semen é que o voso espectáculo é estupendo (en directo na Coruña). Como di o crítico musical Diego Manrique:  Alberto ten elegancia deportiva e é un bon actor.(3)

Outro tema interesante e que vai quedar por esta vez no tinteiro é a análise do fenómeno do Rock galego? e o vasco, por exemplo.

Un saúdo para La Polla Records, Kortatu, Hertzainak, Os Resentidos, etc etc….

Despídese unha descrida disto da «gran movida galega» e do «boom» e súmome ao de «Galiza: Paisaxe en Re Menor».(4)

Despídese, ao fin, unha resentida, ao son daquilo que dicía: «(…) que los siniestros no tienen pilila, non tienen pilila (…)» Poñédelle vós a música.

Notas

  1. Só os machos do Rock and Roll, non o Rock and Roll
  2. Abuso de comiñas polo cambio de idioma
  3. Artigo «Erotismo y rock», da revista Ruta 66.
  4. Artigo de Lola Álvarez no número 1 de Luces de Galiza

 

A NOSA TERRA. Nº 283, febreiro 1986

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here