A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e o debate que propoñía o recén desaparecido empresario galego Maxín Alfredo Froiz (1943-2022), segue de actualidade. Olladas coa perspectiva do tempo as súas posicións, á altura da década dos 90, semellan as dun empresario galego convencido das capacidades de enfrontar a «invasión» das grandes distribuidoras e comercializadores, con esforzo empresarial e apoio lexislativo. Fillo de pai galego e nai aragonesa, desde novo viviu en Pontevedra, onde os pais tiñan unha carniceria na Praza de Abastos. Actualmente a empresa que fundou en 1968, ten máis de 250 puntos de venta e de 6000 persoas empregadas.

‘O governo debe regular o comercio’ 

«Hai que regular o comercio como tan os cataláns e os franceses. Son consciente de que provoco paro, pero tamén xero emprego e os beneficios fican aquí. Non se pode dicer o mesmo dos grandes hipermercados», sinala Maxín Alfredo Froiz, propietario de Distribuciones Froiz empresa que conta con 47 tendas propias en toda a Galiza, tres almacéns de alimentación e dúas liñas de franquía que supoñen outras 50 tendas. Froiz prevé facturar este ano 17 mil millóns de pesetas (1993) [algo máis de 100 millóns de euros], «se a economia non se deteriora máis». 

A súa empresa tivo un crecemento moi rápido. Cales son as razóns? 

Chámaslle rápido a toda unha vida? Levo 27 anos traballando aquí sen vacacións. Penso que o fixemos ben, pero pasamos épocas moi malas. Empezamos de cero, comprando as mercadorías coa caixa do dia. Sabemos moi ben o que custa gañar un peso. Ademais está é unha empresa moi aforradora, reinvestimos nela o 98% dos beneficios. lso non é o habitual. Os meus fillos non andan por aí en cochazos. Tamén tratamos sempre de ofrecer calidade, surtido (temos 8 mil produtos rexistrados) e servizo, por- que o cliente non é parvo. 

Pero ao longo destes anos houbo grandes investimentos, caso da compra en 1990 de oito establecimentos de Mantequerias Leonesas. 

Si. Houbo moitos riscos. O empresario que non asume riscos non é tal. Será un especulador ou un traballador máis. Ninguén ten varas máxicas. 

Competimos coas grandes superficies 

Os responsábeis das grandes superficies comerciais poñen varios argumentos no seu favor. O primeiro a maior profesionalidade. 

lso non é certo. Eles poden ter maior poder económico e, nalgún momento puideron ter mellor organización. Pero máis profesionalidade non. O seu persoal é galego como o dos demais. Nós este ano irnos dedicar cen días a formación. Non creo que ningunha multinacional do noso sector en Galiza teña superado iso. Xa que logo os seus empregados non poden estar mellor formados. 

Tamén din que eles acabaron coa ditadura do fornecedor dos produtos. 

lso é verdade a medias. Cada un defende a súa empresa. Pero os fornecedores importantes son eles os que poñen a ditadura. A ver quen lle di nada a Nestle. Ora, ao pequeno ou mediano podémoslle facer mal ás veces. 

Pero as grandes superficies fan pedidos moi grandes e iso dalle máis forza á hora de conseguir mellores prezos? 

Ás veces conseguen e ás veces non. Pero está xente ten un defecto grande. Abusan dos nosos fabricantes poñéndolle uns prazos de pago moi longos. Con eses cartos fan os investimentos. O fabricante así non pode dar bos prezos, de modo que o que gañan gracias a facer pedidos grandes, pérdeno despois. Coido que os medianos estamos gañando aí a batalla, porque pagamos máis axiña. Ademais, temos xa un potencial que nos permite mercar o 90% dos nosos produtos en trailers co cal o aforro de portes é o máximo. En conxunto penso que competimos cos seus prezos. Comparando os nosos prezos medios cos dos hipermercados resulta que lle levamos dous anos gañando e teño dados que o demostran. 

«Os Domingos son para descansar» 

Que opina da recente sentwncia sobre a liberdade de horarios? 

Os meus país tiñan mercancías na praza de abastos de Pontevedra. Este negocio segue estando en mans da familia, na segunda xeración. Lembro que cando eu era neno a miña nai nunca viña xantar a casa. A praza abría polas mañás e acababa moi tarde. Nunca había un festivo. Nunca vin á miña nai vestida de Domingo para levamos a algún sítio. Eu son partidario dun horario flexíbel durante a semana, pero son un loitador nato contra a apertura os Domingos e festivos. Ademais, coa crise que hai, se non se vende en seis días tampouco se vai vender en sete. Os meus principios están en non retroceder no benestar social e isa implica que ningún empresario, nen ningún empregado teña que traballar os festivos. E o comprador igual, ese día que o dedique a ir á praia. 

Quen mantén a economía, en todo o mundo, é a pequena e mediana empresa.

Como valora a política da Xunta e do goberno central tocante ao comercio? 

Quen mantén a economía, en todo o mundo, é a pequena e mediana empresa. Os políticos acaban de enterarse de que era importante apoiala para criar emprego. Producir moito e barato pode que non aumente a inflación pero incrementa o paro. A única maneira de frear ese deterioro é pulando pola pequena empresa que xera máis emprego que a grande. As axudas seguen a ser insuficientes. Axudar significa que a electricidade non sexa un 50% máis cara que a francesa, que a nosa seguridade social non sexa máis alta que a media europea e que o governo non tarde tanto en pagar ás empresas. 

A súa empresa é unha das principais asociadas á central de compras, a nível estatal, Centra. Precisamente o problema económico de Galiza non somente é de produción senón tamén de comercialización. 

Eu prefería vender máis augardente de herbas que whisqui escocés pero se o público pide whiqui eu teño que dárllelo. Contodo, ninguén me pode quitar que lle teña algo máis de cariño aos fornecedores galegos. Son raras as ofertas onde non saquemos produtos de aquí. Neste momento o 22% das mercadorías que temos de oferta nas nosas tendas son de empresas galegas. 

As vinte primeiras empresas de comercio minorista da CE pertencen a tres países: Alemaña, Francia e o Reino Unido. Entre 1980 e 1990 a industria agroalimentaria francesa multiplicou por cinco as súas vendas no Estado español. Que opina das grandes superficies que se están a instalar? 

O máis lamentábel non é que se instalen grandes superficies , senón que o 98% sexan de fora, francesas case todas. Non é que teña nada contra os franceses , pero o exceso de multinacionais é algo que, como empresario español e galego, non me agrada. lso non quere dicir que estea contra a liberdade de comercio, pero cando as aperturas son indiscriminadas e a súa pretensión comerse o noso mercado, debo poñerme en garda. Os beneficios que xeran non quedan aquí. O que veñen facer é colonizar o noso país. Non hai ningunha lei que protexa ao distribuidor pequeno e mediano e iso cando en Francia veñen de limitar a instalación de grandes superficies para defender ao pequeno. Eu pido unha lei de comercio que permita a competencia con dignidade . 

Que características deberia ter esa lei? 

Debería contemplar un tamaño mínimo de mercado, para que non se puidera abrir unha grande superfície nunha cidade de poucos habitantes e recursos e que xa está saturada de comercios. Igual que en Francia debería esixírselle tamén unha distancia dos centros urbanos para non entorpecer o tránsito. A saturación de grandes comercios non é boa para ninguén porque ao final acaban pechando todos. 

En Cataluña xa existe unha lei que ten conta destes aspectos. 

Os cataláns son cataláns e defenden coas unllas o seu territorio e con iso apoian ás súas empresas. Se os cataláns son máis intelixentes unha felicitación para eles e que os galegos aprendan.

(A Nosa Terra. Nº 580. Xullo de 1993)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here