Tiven a sorte de coñecer, aprender e asombrarme coa súa dialéctica, cos seus coñecementos, coa súa postura diante das inxustizas que nos rodeaban a moitos daqueles heroes de 1972, que só tiñan a formación mínima esixible para entrar na Bazán, aínda que coñecendo mais en profundidade aos personaxes, cheguei a entender o profundo da súa formación.

Como pasa o tempo. Estamos no 50 cabodano daquels conflito na Bazán de Ferrol que convulsionou a toda a sociedade galega con grande repercusión internacional. O Franquismo parecía que estaba dando os derradeiros alentos ou xa visualizaba o principio do fin, pero aínda tiñamos que sufrir uns anos mais a barbarie. Cinco fusilados ademais do asasinato de Moncho Reboiras todo isto xa no ano 1975.

Os traballadores e as traballadoras coa súa loita fixeron posible o que chamamos democracia, a pesares de que machacaron, torturaron, e asasinaron a centos deles. Aquel “Tribunal de Orden Público” creado no ano 1963 xulgou a mais de 50.000 persoas, o 70% delas foron traballadores.

Manifestación en Ferrol, marzo de 1972. Foto clandestina tirada por Abel López ©(Fundación 10 de Marzo)

Tiven a sorte de coñecer, aprender e asombrarme coa súa dialéctica, cos seus coñecementos, coa súa postura diante das inxustizas que nos rodeaban a moitos daqueles heroes, que só tiñan a formación mínima esixible para entrar na Bazán, aínda que coñecendo mais en profundidade aos personaxes, cheguei a entender o profundo da súa formación. 

Un daqueles homes foi Regino Varela Martínez a quen coñecín no Taller de Fundición cando me incorporei á empresa despois do meu primeiro despido  por aquela manifestación diante do parador de Turismo de Ferrol. Eu, que entrara na oposición de 1963, despedíranme ao rematar a Escola de Aprendices no ano 1967. Incorporado á empresa e con todo o medo do mundo no corpo, esa sensación foi desaparecendo escoitando a Regino. Eu que pensaba que sendo formado en axuste e máquinas ferramentas, o de incorporarme ao taller de fundición era simplemente un castigo, rematei dándolles as grazas, asi polo baixo.

Ali atopei a Regino Varela no medio das carretas de area para os fundidores que naquela época tiñan como traballo «especial» o monumental cabalo  co ditador enriba e que tantos anos tivemos que soportar na entrada de Ferrol

O Tribunal de Orden Público creado no ano 1963 xulgou a mais de 50.000 persoas, o 70% delas foron traballadores.

Foron aqueles, anos de rebelión, de enfrontamento, de solidariedade obreira e de reclamación constante de democracia e liberdade. Os conflitos eran conflitos de todos e de todas e na Bazán sabiámolo ben.  Recén incorporado, estalou o conflito da Pysbe polo intento de despido de 250 a maioria traballadoras e a saída de toda a Bazán na defensa do emprego foi determinante. Entre outros represaliados alí estaba Regino, detido e encarcelado.

Nos talleres falábase abertamente de democracia da necesidade de conquistar un marco de liberdades axeitado, dunha negociación colectiva participativa, mobilizadora. Aqueles líderes obreiros arriscaban maltrato, despedimento, cárcere. Regino, ademáis falaba de Curros Enríquez, recitaba de memoria Mirando o Chau e porque o Divino sainete facíase algo longo. Recitado e explicado para entendelo mellor. Non só iso, senón que un bo dia, así como pasaban as octavillas ou os textos clandestinos, convidoume a ler Sempre en Galiza, dunha edición arxentina e por suposto clandestina.

Ese foi o meu primeiro contacto co nacionalismo galego, a través de Castelao, de Curros Enríquez e por suposto grazas a Regino Varela.

Conta Antonio Blanco nas Biografías Obreiras de Ferrol editadas pola Fundación 10 de Marzo e a Deputación de A Coruña que Regino Varela era fillo do barbeiro de Ares, e xa podedes imaxinar aquela barbería como faladoiro e centro de debate para os homes moitos deles represaliados ou simpatizantes. Aquel Regino mozo que xa escoitaba co seu pai a Pirenaica e Radio París xa entraría na Bazán na convocatoria de 1956 con moito aprendido.

Comentaría con moita rexouba, que fuxindo do traballo na terra a casualidade fixo que o seu primeiro traballo e ata o seu despedimento en marzo de 1972 fora tamén coa terra neste caso refractaria para a construción dos moldes de fundición.

Xa tiña «antecedentes», como decían os da social. O avó paterno fora detido en 1936 por colaborar coa guerrilla, o tío materno botara catro anos no penal de Santoña (Cantabria), o avó paterno da súa muller, mariño republicano, estivo preso e fora desterrado e exiliado en Cuba.

Regino Varela a aquel grupo de sindicalistas que decidiron combater o sindicato vertical dende dentro, algo sorprendente e que tivera reticencias importantes. Pasado o tempo xa non ten dúbida o éxito daquela arriscada operación. Na primeira candidatura estaría Rafael Pillado, Manolo Galán, Mera e por suposto Regino Varela. Este feito histórico fixera posible poder enfrontar os conflitos dende unha mellor posición e naquela época non foron poucos. Así ademais da Pysbe, o conflito do desmantelamento de Obras Civiles convulsionou a cidade dun xeito importante grazas á loita por conservar os empregos.

E con estos antecedentes de loita pola democracia, por convenios xustos, pola defensa do emprego, a policía a tiros pretende rematar co conflito da Bazán e mata a Amador e a Daniel na manifestación do dia 10. Xa estaría claro que Regino foi unha persoa especial non só para min, porque tamén de especial tivo que o dia 9 de marzo fora operado dunha hernia aínda que nos paros dos dias anteriores estivera participando activamente dentro da empresa.

A carta de despido recibiuna igual porque xa estaba previsto que tiña que ser despedido estivera onde estivera. Faltaría detelo e encarceralo o que fixeron cando foi a entregar a documentación e o parte de alta médica do hospital onde fora intervido que demostraría que o día 10 non puidera participar como esgrimían na carta de despido. 

Ata decembro de 1976, data de reincorporación na Bazán, estivo en varios traballos, dende a celulosa de Pontevedra ata facendo de electricista dun buque mercante no roteiro de Barcelona a Australia.

Regino Varela Martínez finou no 2014, e deixa en min profundo agradecimiento. Seguro que hoxe lembraríamos xuntos  Que Leis nin que raios, si valen tres pitos que o demos me leve”.

Bouzamaior, 50 anos despois (1972-2022)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here