Chega a novena edición da celebración en agosto das escritoras galegas, organizada desde A Sega. Xa hai varias semanas nas que diferentes escritoras lémbrana e len o seus textos (#IXDGL #DGL22 #DíadasGalegasnasLetras). Recollemos aquí a entrevista que lle fixo Carme Vidal no ano 2000 e a súa derradeira columna no semanario no que colaboraba a cotío.

Luísa Villalta

«As culturas armadas contra a globalización son aquelas nas que perviviu o seu folclore»

CARME VIDAL

En O outro lado da música, a poesía, Luís Villalta analisa dúas facetas da actividade artística que sempre entendeu como complementares. A artista mergúllase na historia da literatura galega, para reinterpretar a relación entre as dúas artes, música e poesía, que tan presentes están na súa traxectoria. Por iso o ensaio que ven de publicar A Nosa Terra responde ás inquedanzas criativa de Luísa Villalta, aínda que, desta vez, a autora de Música reservada, Ruído, Silencio ensaiamos, Teoría de Xogos ou As certezas de Ofelia, non fale da súa obra.

O ensaio parte da tese de unión entre música e poesía. 

A expresión ritual da palabra en si mesma é xa música, unha produción sonora dentro das características do canto. O que acontece é que a palabra se foi especializando en significacións concretas e, en cambio, a parte sonora do propio canto tira para o lado da expresividade sen esa forma semántica concreta senón meramente emocional. A poesía asume todas as características da música e se nos parece que, hoxendía, se vai prosificando hai que ter en conta que ese camiño tamén o recorreu a música que foi perdendo regularidade rítmica. Foron en paralelo e, desde un princípio común, chegaron a diversificarse nun momento recente que na cultura occidental sitúase no século XV. Por un lado naceu a poesía como texto escrito, cun son implícito que non se ten que manifestar, e a música como linguaxe en si mesma. 

Nas cantigas medievais faise máis explícita esa unión? 

Nesa orixe da nosa literatura pode demonstrarse que aínda son un todo. De todos xeitos, na época medieval tamén se deixa traslucir unha certa consideración da música como algo que está supeditado á poesía, á letra, porque a música representa un campo ambiguo de emocións non en exceso racionais, mentres a poesía enténdese como o que na cultura grecolatina se chamou logos, o característico do ser humano. A poesía é portadora de avlores racionais e a música veículo no que se sostén o logos.

Esa supeditación marca tamén a distinta consideración social de xograres e trovadores?

O logos é o aristocrático, o importante, e así os trovadores tiñan que demonstrar unha grande mestría cando compuñan as súas letras. Os que se ocupaban da parte musical eran os xograres que eran valorados na medida en que tocaban mellar ou peor, pero vilipendiados cando se metían a trovadores, cando accedían á parte textual. 

A música semella ter, pola contra, unha cativa presenza nos estudos de literatura medieval. 

Esa é unha das claves de que teñamos tan pouca tradición musical escrita. Só se conserva nas cantigas de Martín Códax e noutras de Don Dinís e non temos coñecemento de máis cando todas tiñan a súa parte musical. Mesmo no cancioneiro de Ajuda aparece o espazo para a música.

Esa relación que logo se rompe, pervive na tradición popular?

É onde continúa ese vencello entre música e poesía. Aínda hoxe se perguntamos o que máis interesa na música pop e de consumo de seguro a maior parte da xente se inclinaría polo texto, pola comunicación de sentimentos e emocións. A canción é a pervivencia desa unión pero a nivel de historia das dúas artes houbo unha polarización a partir do século XV. A poesía vólvese meramente texto, aínda que conserve estigmas e características que son recordo da súa musicalidade como ritmo ou rima. A música tamén se ensimismou e se fixo linguaxe autónoma, ao independizarse da palabra na cultura occidental permitiu que tivese unha evolución máis complexa que outros sistemas musicais. Unha e outra arte gañan en complexidade pero pervive a nostalxia da outra, coma un membro amputado do que se conserva a memoria.

Que papel xoga a música como referente literario no Rexurdimento?

Aos escritores do Rexurdimento seríalles moi fácil traducir ao galego a poesía que se está facendo noutras linguas, sen embargo, o que fan é coller un referente da cultura popular que é a canción popular. Así ternos a Alborada de Nicomedes Pastor Diaz, a Gaita Gallega de Pintos, os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro ou a recuperación dos mitos patrióticos que se fundamentan na cultura musical popular que fai Curros Enríquez. En Pondal aparece, sen embargo, a utilización da música na medida en que se concibe a poesía como canto que se recorda, igual que facían os bardos. Pondal chama continuamente a recordar o propio canto, pero non recolle instrumentos como a gaita porque rexeita o popularismo, o uso dionisíaco. Bota man, pola contra, dun instrumento apolíneo como a harpa que entende como algo aristocrático.

Que relevancia ten o Nacionalismo Musical Galego? 

Deu moito xogo na cultura galega e viña avalado por un grande éxito na música rusa, onde naceu buscando potenciar as características propias fronte un sistema musical de corte centroeuropeo. Trátase dunha idea de ruptura coa tradición hexemónica da música alemana e italiana e de potenciación dos recursos da música popular. No noso ámbito, Marcial del Adalid incorpórase á pesquisa do propio folclore e as Irmandades da Fala inclúen nos seus presupostos fundacionais a necesidade de potenciar a música inspirada na tradición popular porque deste modo afianzan as características propias. Un dos seus primeiros obxectivos é a creación dun conservatorio nacional onde se estude todo o relativo á música galega. A ruptura produciuse no 1936. Até entón a música estaba involucrada no devir cultural galego como parte do sistema, despois perdeuse a conexión entre o labor musical e as outra angueiras da cultura galega. 

En que consiste a ruptura que promove Manuel Antonio? 

O Nacionalismo Musical Galego está no mesmo movemento de recuperación cultural que se leva a cabo no Rexurdimento en todo os ámbitos. Cando chegamos a Manuel Antonio encontramos unha actitude rupturista con respecto á tradición, emprega o referente musical patriótico como algo que está en decadencia, traxicamente abocado a perderse, como eses gaiteiros triste que retoman á súa aldea vencidos. Sempre hai unha connotación de melancolía, de esgotamento do discurso patriótico como é normal nun vangardista. 

Vostede sitúa na conxunción de música e poesía a creación dos símbolos patrióticos.

Porque é onde residen os símbolos da cultura popular que é oral e ten unha dimensión fónica. Dificilmente se podía basear a recuperación da cultura galega nunha tradición escrita que non había, nace por reivindicación do xenuinamente galego que é o popular. Esta fase esgótase en Manuel Antonio que se mostra distante e irónico coa sobrevaloración da cultura popular e pon en crise os símbolos patrios. Entendo tamén que as únicas culturas que están ben armadas contra a globalización son aquelas nas que perviviu o seu folclore, non ancorándose nun punto senón evolucionando coa sociedade como aconteceu coa música irlandesa ou o flamenco. Isto non aconteceu co folclore galego, que foi asistido artificialmente pero non perviviu como manifestación cultural.

Os poetas máis cantados continúan a ser os máis populares?

Hoxendía a música segue a ser o vehículo de difusión de determinados poetas, penso, por exemplo, en Celso Emilio. Temos, sen embargo, outros niveis de elaboración musical que tamén deberían ser galegos por máis que non teñen estes sinais de identidade. Non coido que sexa preciso ter uns determinado estigmas que os identifiquen como propios, a non ser a utilización inescusábel da lingua.

(ANT nº 922 17 de febreiro de 2000)

A derradeira columna: Cultura, cultureta, culturismo

Luísa Villalta

Unha clase de fame que non damos superado desde a posguerra é a fame de cultura. Entre o automatismo que impelía a Millán Astray a levar a súa única man á pistola ante a só mención da palabra e os nosos días de hoxe, foron cambiando as cousas, é certo, pero o verme da escaseza, da infravaloración, da cutrería en definitiva, aínda nos roe por dentro o estómago da cabeza, se segue a valer a analoxía. No tempo de Franco, non cabían matices: a prohibición foi, por desgraza, a súa maior homenaxe á cultura. Por iso mesmo, no tempo e circunstancias que eu atinxo a testificar, a cultura tamén acadou o valor de maior arma contra a ditadura en favor da liberdade de pensamento, de información e de opinión, núcleo mesmo de todas as demais liberdades. Canda a cultura, o sentido crítico e a dignidade virían por si sós a construír unha sociedade xusta. Así o creimos un día e así miramos de poñelo en práctica tanto no persoal como no colectivo desde entón. Pero chegaron arrecendos democráticos e con eles tamén chegou un momento en que tanto afinco, para alén de inútil, caiu no demodé. Quen non se lembra? Eran tempos de goberno «progresista», portanto, sentido crítico, liberdades, para que? Tempos foron en que a cultura de súpeto se volveu aborrecida, mesmo triste, boa só para aqueles energúmenos que non sabían divertirse e tirar partido da «movida» subvencionada e proto-industrial, o que se deu en chamar a «cultureta», coas súas xentes recén empoleiradas, satisfeitas, sumisas e que, agás naquela primeira oposición á OTAN, depuxeron as súas armas críticas en favor da morna tranquilidade criativa. Mais eis que paso a paso veu achegándose o antigo monstro da direita que estaba acazapado. Pero agora volve entrenado, o moi cuco, sabendo que recuperou todo agás aquilo que aínda o fai trousar: esa caste de cultura que serve entre outras cousas para razoar un non á guerra ou o direito de autodeterminación. E, como sabe que cultura non a ten nen a soporta, dedícase, nun alarde de confusión, a practicar o «culturismo», isto é, reforzar a musculatura opresora, utilizando como incríbeis anabolizantes os supostos 350 «intelectuais» que dan publicidade ao pintoresco partido de Unificación Comunista, manifestando que «si é certo» que até aí chega a consigna de «Una, Grande y Libre». 

(ANT nº 1119 4 de marzo de 2004)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here