Perdido na selva da hemetoteca, fuxindo do buscador de texto, en marzo de 1982 publicábamos quizais un dos primeiros poemas de Xela Arias, man con man do seu amigo Xosé Guillermo. Resgatámolo agora xunto coa entrevista que lle fixemos cando a irrupción espectacular de Tigres coma cabalos.

Xela Arias

‘Nunca decidín ser poeta, foi unha necesidade’

Xela Arias preséntase cunha montaxe orixinal de fotografía e poesía na Sá do Colexio de Arquitectos de Vigo. «Tigres como cabalos» é unha experiencia inédita en certo sentido na que os poemas de Xela acompañan e son acompañados polas fotografías de Xulio Gil. O libro co mesmo título recolle todo o material exposto e vaise presentar noutras cidades galegas. 

Fotografía e poesía son dous xéneros minoritarios no mundo editorial e «Tigres como cabalos» atrévese non só coa exposición tamén co libro, «foi unha proposta de Xulio hai dous anos e une en verdade dous xéneros minoritarios, que están enlazados polo seu carácter de reportaxe, de parquedade, de flash, de cousa rápida. Se funcionase acadando un maior público mellor que mellor. A lectura que se faga agora do que escribín xa non me preocupa. Se ante algunha foto alguén pensa que o poema é unha explicación da foto ou viceversa, todo vale».

«Para min a creación faise desde un estado de ánimo; outra cousa é o que ti produces no lector. O novidoso do proxecto é que son dous xéneros minoritarios: nin na fotografía nin na poesía hai hábito público de lectura. Non me importa que a primeira quedada sexa coa foto, que é o que vexo que sucede na exposición, pero sorpréndeme ver que hai quen se detén a ler os poemas. Sei que o sitio do libro é o estante e o lugar de lelo o sillón». 

©Xulio Gil

Xela Arias tiña publicado anteriormente «Denuncia do equilibrio» e pertence a un segmento de criadores agrupados, sen case perspectiva histórica, pola súa idade e non polas súas coin cidencias. Hoxe ela non se ve conectada con poetas do seu tempo e coida que é moi particular a súa ubicación xeracional, «un ve as xeracións cando pasan moitas décadas e olla cara atrás. Hoxe non me identifico co persoal da miña idade que fai poesía.  Persoas que teñen catro anos máis ca min xa non escreben en galego polo mesmo que o fago eu, escreben en galego por unha decisión política ou ideolóxica. Hai un momento en que creo que se dividen as xeracións que é o ano 1975. Eu pertenzo a unha xeración de xente que pasa nese ano da infancia á adolescencia. Eu saio do Instituto sen referencias sociais e políticas claras, pois estaban en plena mudanza, e entón xúntase esa procura de referentes cun momento critico tamén no persoal. Esa é unha xeración pequerrechiña, por iso non topo coincidencias cos que teñen catro anos máis ou catro menos Por engadido tampouco teño o referente de Santiago, que era onde moitos empezaron a publicar, e máis ben quedei incluída entre os que quedaron en paro. E son o paro e a droga dúas realidades que teñen marcado moito a este grupo no que me inclúo. É unha visión moi persoal de agora, e quizais dentro de vintecinco anos vexa coincidencias»

Relación co leitor

A poesía que fai ten sido marcada como urbana, sempre que lle demos validez a esa clasificación. Que marcas realmente atravesan a súa obra?

Non quero crer nesa clasificación. O medio fórmanos e desde os sete anos a miña cultura é urbana, eduqueime xogando nun solar e logo de ir á escola nun arrabalde de Vigo, seguín estudos nun centro do Calvario que é un barrio tamén moi de cidade. Fixen vida de barrio, identifícome con ela, e resúltame moi interesante o que saia de alí. O urbano non é parte de min senón unha circunstancia da vida. 

Que mundos cre entón que reflexa a súa poesía?

Cada un enténdea como quer. Nunca decidín «vou ser poeta ou escritora» e sigo considerando que o fago por necesidade, aínda que esta obra que presentamos agora si foi un proxecto máis preconcebido. No meu caso quero que a poesía sexa un territorio especial e  no que só traballarei mentres considere que teño algo que dicir. Para min a poesía non é literatura, é outra cousa.

Nesa experiencia de individualidade da poesía, se a intervención do lector non é importante, que sentido ten publicar? 

Si conto co lector desde o momento en que me desdobro como facía en «Denuncia do equilibrio» empregando o «eu» e o «ti» como a mesma persoa, como cousas que se podían alternar. Non é que pense nun lector particular, pero non escrebo como terapia porque entón faría diarios e non faría nin poesía nin literatura. Cando procuras unha estética para expresarte xa estás pensando, quéiralo ou non, nun posíbel lector. O meu primeiro libro provocou Luís Mariño que o publicara, pero non tiña idea de facelo. 

©Xulio Gil
©Xulio Gil

Tradución do portugués

Tradutora prolífica, Xela Arias é autora da versión ao galego de «Amor de Perdição» de Camilo Castelo Branco, que causou no seu día unha importante polémica por ser versión ao galego dunha obra portuguesa. «fixen traducións, principalmente, porque precisaba cartos. O primeiro que traducín era un libro infantil de Jorge Amado [O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha Historia de Amor], pero «Amor de Perdição» foi xa unha proposta da editorial na que traballo [Xerais]. Ao principio tiven as miñas dúbidas pero tomei unha decisión drástica. Eu non son lingüista e teño necesidade de ter unha lingua na que me expresar; tiven unha lingua, o galego, desde que nacín e na que me expresei.  A forma da grafía que se lle dea para min estaba máis preto da normativa que da portuguesa, e niso quizais me inflúa ser do norte.  Aceptado iso parecíame que traducir «Amor de Perdição», habendo unha única tradución do castelán, penosa e mutilada, era acertado. Somos moi poucos os que lemos aínda en portugués, e hoxe Saramago, na Galiza, léese máis en castelán que no seu idioma. «Amor de Perdição» vendeu unha edición completa e en definitiva traducilo supoñía dicir: a nosa é unha lingua completa e capaz. «O bosque animado», orixinariamente en castelán, tamén o traducín, a pesar de entenderse no «idioma orixinal» en que se fixoo, no noso país, e funcionou como libro.  [A Nosa Terra. nº 426. 29 de marzo de 1990]

Máis de Xela Arias en A Nosa Terra

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here