Etiqueta: sanidade pública

  • Mª Xesús Lago: ‘Morrer con dignidade e sen dor é un dereito’

    Mª Xesús Lago: ‘Morrer con dignidade e sen dor é un dereito’

    “No século XXI é inadmisíbel que as persoas teñan que aturar a dór insoportábel da fase derradeira dalgunhas patoloxías”. María Xesús Lago Vilaboa é traballadora social na Unidade de Coidados Paliativos do Hospital do Meixoeiro en Vigo. Foi no seu día secretaria xeral de Benestar, integrada na vicepresidencia da Xunta no período do goberno bipartito (2005-2009) e coñece como poucas  o lento avance deste piar do estado de benestar. Forma parte dun equipo que atende o servizo de Coidados Paliativos nunha zona do hospital vigués especialmente acondicionada, “na decoración contamos coa facultade de Belas Artes de Pontevedra”, con cuartos individuais e con cama para familiares que acompañan. O problema, segundo explica, non é que estas unidades, que hai en todas as areas hospitalarias do país, non cubran as necesidades, “onde falta avanzar máis é na atención domiciliaria”. Lago pregúntase por que con taxas tan altas de doazón de órganos non temos a mesma capacidade de deixar por escrito a vontade de como debe tratarnos o sistema sanitario cando entramos no camiño que nunca desandamos, o vieiro sin fin que dicía Ramón Cabanillas.

    Falamos dos coidados paliativos sen saber distinguir ben se son unha opción ao que todo o mundo ten acceso no transo final da vida.

    Son unha parte da medicina que se ocupa das persoas cun prognóstico de vida comprometido e non teñen xa curación. Son coidados que procuran aliviar o sufrimento tanto físico, psicolóxico ou espiritual e tamén social. E están pensados para manter unha vida digna até o fin. En Galicia temos a lei 5/2015 de “dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais”. Recolle os dereitos que todos temos cando nos enfrontamos a un proceso de final de vida. Por exemplo que unha persoa pode decidir sobre o seu propio proceso de morrer, que quere e que non quere para si. Se quere ser mantido artificialmente até o fin ou rexeitar tratamentos que manteñan a vida artificialmente, tamén sobre alimentación ou calquera outro procedemento invasivo que non vai ser útil e producirá sufrimento. A lei trata de darlle carta de natureza á decisión das persoas para dispoñer do final da súa propia vida.

    Esa decisión pódese tomar en plenitude de facultades co que se coñece como “testamento vital”. Hai información abondo de como facelo?

    Ademais da lei hai outros regulamentos e documentos denominados Instrucións que noutras comunidade chámase testamento vital. Podemos tomar unha decisión e recollela de maneira libre no que dicimos se queremos ou non que nos propoñan eses tratamentos. O documento está salvagardado nun Rexistro Galego de Instrucións Previas, tamén está recollido nun rexistro estatal e incorpórase no historial médico de cada cidadán que o realiza.  Daquela se tes un accidente e ingresas nun hospital o médico que te atende xa sabe desde o primeiro momento o que queres e o que non. Por exemplo se queres ou non resucitación sempre e cando estea comprometida a dignidade da vida que che queda, porque vas quedar cunha discapacidade que consideras que non vai permitir que teñas, ao teu xuízo, unha vida digna.

    E hai moita xente que realice ese documento?

    Funciona pero hai escasa información en relación a eses dereitos. Con independencia de que a medicina foi mudando dun certo paternalismo tradicional a unha visión máis centrada no paciente, a cidadanía non ten moi claro que pode facer ese documento. Os profesionais asistenciais vanse decatando que non son decisións deles senón que teñen que ser compartidas cos pacientes, coa familia, e que a parte asistencial ten obriga de dar a coñecer e consensuar as decisións, informando nós como especialistas para que poidan tomalas coa mellor información. Aínda hai poucos documentos de instrucións previas en Galicia en relación a outras comunidades autónomas. Rondan os 7.000 e a maioría deles fixéronse nos últimos dous anos. Evoluciónase rapidamente, pero debe ser sempre desde unha base informativa e unha boa comunicación As persoas quedamos máis tranquilas sabendo que estamos en mans de persoas que van ter en conta o que decidamos en circunstancias que limitan a nosa autonomía de decisión.

    Estamos preparados para esa valoración fría que esixe elaborar esas Instrucións Previas?

    Arredor de 400 persoas pasan cada ano pola Unidade de Coidados Paliativos hospitalaria que temos no Meixoeiro. Arredor dun 20% delas volven a casa e durante un tempo  manteñen unha vida digna. Pasan sen dor nin sufrimento ese tempo de vida que lle queda . E é unha unidade das mellor valoradas cando se fan os inquéritos de valoración. Chegan moi asustados porque non coñecen o que son os coidados paliativos e pensan que é un lugar no que entras a morrer. Sendo conscientes, uns máis outros menos, de que están nun proceso de final de vida, a xente cando sae de alí ou a familia cando remata a vida do familiar, valora o trato digno que se lle dá, a información, o enfoque integral que tenta evitar o sufrimento. Non se pode admitir no século XXI que as persoas teñan que aturar a dór insoportábel da fase derradeira dalgunhas patoloxías. Hai sufrimento emocional   porque é un momento transcendental e hai situacións sociais graves, conflitos por resolver, papeis por arranxar, decisións que tomar e na Unidade de Coidados Paliativos trátanse todas esas situacións cos pacientes e as súas familias. Ás persoas hai que facilitarlle a verdade soportábel sobre o seu proceso e ir facilitándolle información a medida que a demanda. A práctica totalidade das persoas que entran nunha Unidade de Coidados Paliativos sabe que o seu proceso non ten xa posibilidade de resolución e trátase de axudar a que sexa  unha situación o máis digna posíbel.

    No século XXI é inadmisíbel que as persoas teñan que aturar a dór insoportábel da fase derradeira dalgunhas patoloxías.

    Hai unidades de paliativos en toda a rede pública sanitaria?

    Hainas en todas as areas sanitarias pero o que están pouco desenvolvidos son os coidados paliativos na atención domiciliaria. Non hai equipos abondo e hai que amplialos porque tamén o di a lei: cada quen debe poder escoller se morrer nun hospital ou na casa. Non sempre se pode garantir esa atención especializada a domicilio, con acompañamento sociofamiliar. Entendo que é aí onde hai que reforzar, dando máis formación aos médicos de atención primaria e formando máis equipos de atención domiciliaria. A medida que a sociedade reclame que se cumpran eses dereitos avanzaremos máis de presa e quen xestione a sanidade darase conta de que ten que atendelo como outras áreas clínicas.

    Estamos falando sempre de equipos de atención.

    En Coidados Paliativos só se pode traballar cun enfoque integral. Nós temos unha psicóloga, un médico, persoal de enfermería, auxiliares de clínica e eu como traballadora social, formados para abordar o traballo conxuntamente. Primeiro a psicóloga e eu  facemos a primeira entrevista psicosocial conxunta, na que avaliamos co médico e enfermería, a situación: como chegou até alí, como evoluiu a enfermidade, que é o que máis lle preocupa, que sabe e que non sabe e esa conversa inicial moi aberta danos pistas de como temos que intervir. Falamos coas familias e ao final hai unha unidade de acción entre todos. O traballo é duro e complexo e aínda o é máis nas unidades de paliativos pediátricas, que hai noutras comunidades autónomas. Pasa factura emocional, pero cando ves os resultados e os apoios que se prestan ás persoas e ás súas familias nese transo paga a pena.

    O membro de honor da Sociedade Española de Coidados Paliativos, o oncólogo Enric Benito, sostén a idea de que a morte é un instante e que o bo morrer ten que ver coa conformidade das persoas coa propia biografía.

    Enric Benito formúlao dicindo que a morte non existe. Nós despois da primeira entrevista temos contactos regulares e aínda que non temos unha estatística feita, as persoas que mellor aceptan a inminencia do falecemento son aquelas que tiveron unha vida plena, que está satisfeitos coa súa biografía, que tiveron boas relacións familiares… que sinten que a súa vida pagou a pena.

    María Xesús Lago, traballadora social, na unidade de coidados paliativos do hospital do Meixoeiro (Vigo).

    Hai unha confusión, interesada ou non, entre coidados paliativos e eutanasia?

    Cada vez os médicos están máis concienciados sobre os limites éticos do esforzo terapéutico. E que se as medidas curativas non teñen sentido a obriga é paliar o sufrimento. Xa non hai esa obstinación de intentar unha curación que xa non é posíbel. Por iso é importante deslindar a diferenza entre coidados paliativos e eutanasia. Avanzar como se debe en coidados paliativos non evita que se aborde a regulación da eutanasia: os coidados paliativos teñen que que ver co dereito á morte digna e a eutanasia coa capacidade de cada persoa a decidir sobre o momento da súa morte. É certo que só cinco paises teñen regulada a eutanasia: Holanda, Luxemburgo, Bélxica, algúns estados dos EEUU e Colombia. En Suíza e noutros estados existe o suicidio asistido. En España, e penso que non só pola cuestión relixiosa,  quizais tamén polo estilo de vida ou de relacións familiares, non se abriu o debate e claro que ten moito peso a Igrexa. O debate acabará  realizándose pero non me gusta que se vincule cos coidados paliativos porque confunde á cidadanía que identifica eutanasia e coidados paliativos. A sedación non acurta a vida.

    Non me gusta que se asocien eutanasia e coidados paliativos porque confunde á cidadanía. A sedación non acurta a vida.

    Teñen as mesmas posibilidade as persoas que viven no entorno rural que no urbano? Demandan diferentes cousas?

    Non noto diferencia nas demandas. Entre rural e urbano non identificamos ningún patrón claro de preferencia sobre morrer no hospital ou na casa. O que si mudou é a configuración sociofamiliar. Todo o mundo sería capaz de manter ao seu familiar na casa se tivera soporte dabondo para que ese proceso o puidese levar de xeito razoábel. Porque os pacientes o que queren é seguridade, saber que se te pos mal tes un teléfono ao que chamar e ingresar na unidade, que se se agrava o proceso podes contactar cun médico que te vai aliviar a situación, e se hai unha situación de cansazo familiar podes chamar e terás axuda nesa situación de esgotamento. Cada vez máis imos ver iso. Porque as familias mudaron, hai xente maior coidada por outra xente maior, hainas que viven soias, e limítase o dereito a rematar a túa vida na casa se non se ofrecen apoios ou acompañamentos. Por iso a elección non é totalmente  libre e rematas no hospital porque non queda outra. Pero aínda sen nós atopar diferencias entre o mundo rural e o urbano, é certo que nas cidades hai máis recursos dos que se contemplan en concellos máis afastados. Aquí na área de Vigo hai concellos máis isolados, A Caniza, Arbo ou Crecente, hai moitas parroquias con accesos complicados, e  o trato na casa será diferente que nunha cidade por esas circunstancias obxectivas.

    Moitas persoas con conviccións relixiosas reclaman tamén atención de cregos, como se manexa isto nas unidades hospitalarias?

    As persoas nos hospitais teñen dereito a dispor de apoio da súa relixión. O peso da catolicismo é maioritario e os cregos funcionan a demanda das persoas. E se o demandan  os pacientes ou as súas familias, facilítaselles.

  • O que ninguén lles contou de Povisa

    O que ninguén lles contou de Povisa

    Cando se trata de Povisa, non falamos dunha empresa calquera, porque ademais de condicionar a sanidade galega é das que “mandan en Vigo”. Prepara un ERE  cun obxectivo claro: obter máis cartos da sanidade pública asinando un novo convenio.

    José Silveira e Xulio F. Gaioso (á dereita).

    O auxe do Grupo Nosa Terra XXI, que preside o extremeño José Silveira Cañizares, non se entende sen ter en conta as súas relacións con Xulio Fernández Gaioso, de quen é consogro, logo de casar o seu fillo Xosé Bernardo, cunha filla do outrora todopoderoso presidente da Caixanova.

    No 1997, polos tempos de producirse este casorio, Silveira, propietario da empresa de remolcadores Remolcanosa, merca Elcano, a maior navieira española, que viña de privatizar o goberno Aznar.

    Un ano despois faise coa propiedade de Povisa, o maior hospital privado de todo o Estado. Entra no mundo da sanidade grazas ao doutor Pintado, seu médico, amigo e socio.  Unha boa parte do diñeiro da operación sae dun crédito de Caixavigo.

    No ano 2010, dous días antes da fusión de Caixa Galicia con Caixanova, e baixo a supervisión de Deloitte, a entidade de aforro radicada en Vigo triplica a súa participación en Nosa Terra XXI a través do Fondo de Inversión Ahorro 2000, ao que pertence Povisa.

    Puido ser unha casualidade.

    Como que Rocío Mosquera, xerente do hospital Nosa Señora da Esperanza, pertencente ao mesmo grupo que Povisa, fose nomeada por Núñez Feixóo xerente do Sergas (2009-2012) e a seguir conselleira de Sanidade (2012-2015), sendo ela quen negociou o convenio do ano 2014.

    Rocío Mosquera foi Conselleira de Sanidade e María Luís Brandt é a actual xerente de Povisa.

    Actualmente, Rocío Mosquera é xerente de Galaria, empresa pública que, anteriormente, presidiu María Luisa Brandt, xerente agora de Povisa.

    Pero hai máis casualidades. A propia María Luísa Brandt, traballou en Deloitte (2001-2007), a empresa que auditaba a Povisa. Si, a mesma que, contratada pola Xunta, non atopou ningún burato na entidade presidida por Xulio F. Gaioso.

    Adaptar o Álvaro Cunqueiro a Povisa

    A planificación do Sergas case sempre se fixo tendo en conta os intereses deste hospital.

    Cando o goberno bipartito decide construír un novo centro sanitario en Vigo, para cubrir as demandas sanitarias dunha área de máis de 500.000 persoas, ármase un tremendo balbordo nas altas instancias galegas.

    Cayetano R. Escudero, actual concelleiro en Vigo, foi director xeral do SERGAS cando se elaborou o proxecto do novo hospital de Vigo, no periodo do goberno bipartito, demediado despois que chegou Feixóo á presidencia da Xunta.

    Co proxecto aprobado, sendo Cayetano Rodríguez Escudero secretario xeral do Sergas (2006-2009), a sanidade pública xa non precisaba o hospital de Povisa. O hospital público, que agora se chama Álvaro Cunqueiro, e máis o hospital do Meixoeiro, serían quen de atender os pacientes de toda a área.

    Algunha das empresas finalistas no concurso, recibira a “recomendación” de que mercasen Povisa, se querían optar á concesión.

    Non aceptaron e pechouse o concurso con bastante escándalo, aínda que amortecido nos medios de comunicación e con presións ás empresas perdedoras desde diversos sectores políticos e económicos de Vigo e Compostela.

    A situación mudara co novo Goberno do PP e coaa chegada de Alberto Núñez Feixó á presidencia da Xunta. Axiña se modifica o proxecto primario minorando o que ía ser o novo hospital. E non só iso: privatizase na práctica o Álvaro Cunqueiro, entregándollo a unha empresa que apenas tiña experiencia en xestión hospitalaria.

    Ao proxecto do Cunqueiro recortáronlle 400 camas das 1470 previstas, xusto as mesmas (405) que agora ten concertadas Povisa co Sergas

    Dáse a casualidade que o recorte ao novo hospital foi de 400 camas sobre as 1.470 previstas no primeiro proxecto. As mesmas que Povisa ten dedicadas agora (405) á atención pública, fronte as 123 que dedica á atención privada.

    A plataforma pola Sanidade Pública, BNG e PSOE, denunciaron daquela que a modificación do proxecto primixenio do hospital se realizaba para que “a clínica Povisa siga mantendo o negocio”.

    Manifestacións a prol da sanidade pública unha e outra vez, declaracións de médicos, sindicatos e plataformas denunciando a situación, e un alcalde, Abel Caballero, que colle a bandeira da sanidade pública, tísnaa de viguismo e envólvese nela. O non a privatización da sanidade, aínda ecoa en todo Vigo unha e outra vez.

    O mesmo Abel Caballero, abandeirado contra a privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro, é o que demanda agora que a Xunta lle dea máis diñeiro público a Povisa para “evitar o seu estrangulamento”.

    A presentación dun ERE

    O hospital Povisa, seguiu a ser, por mor da  decisión de Núñez Feixóo, imprescindíbel para a sanidade galega. Ten ao seu cargo a atención de 137.000 cidadáns da sanidade pública, a medio dun concerto asinado coa Xunta. O último no ano 2014.

    Por cada cartilla da Seguridade Social que xestiona Povisa, as arcas galegas páganlle á empresa de Silveira 540 euros ao ano.

    Agora Povisa anuncia que é ela a que está a “financiar a sanidade pública”. Afirma que, desde que asinou o convenio, perdeu 42 millóns de euros, máis de 10 millóns por ano. E demanda un cambio no concerto asinado coa Xunta. Quere máis cartos ou que lle permitan despedir a persoal, para ser rendíbel.

    Aínda que, todo hai que dicilo, segundo a Asociación Galega para a Sanidade Pública “non ofrece información desagregada dos gastos que lle ocasiona a atención aos pacientes da sanidade pública e da sanidade privada”.

    Como a Xunta se nega, Povisa presenta un ERE e pídelle que se faga cargo deses 137.000 pacientes.

    A Xunta sabe que hoxe por hoxe non pode facer operativas as 400 novas camas necesarias para atender a eses milleiros de cidadáns, porque Povisa xa forma parte do sistema sanitario público galego, o mesmo que o hospital Álvaro Cunqueiro, con xestión tamén privada. Lembren que son esas 400 camas que lle sacaron a este novo hospital.

    A xerente do centro, María Luísa Brandt manifesta que “nós non queremos gañar nada coa sanidade pública, só non perder diñeiro”, cando o concerto co Sergas representa o 77% do seu negocio.

    Así que demandan unha saída formulando un dilema: “ou aumentamos os ingresos, ou reducimos os gastos”.

    A hospitalización representaría o 87% dos gastos e a farmacia o 13%.

    A Xunta xa cedeu un pouco e afirma estar disposta a pagar os medicamentos dos pacientes non ingresados. Pero a Povisa non lle é bastante. As negociacións seguen.

    Desde a Asociación Galega para a Sanidade Pública denuncian o grande risco que implica esta medida para o erario público, pois “o hospital privado prescribe unha medicación que será pagada polo Sergas e o Consello de Contas denunciou a coincidencia de pacientes públicos e privados e os gastos sen desglosar”. As 137.000 persoas da sanidade pública que dependen do “hospital de referencia”, son os reféns.

    Cantos máis recortes de persoal, peor atención. Por iso ten a lista de espera máis grande da sanidade galega e a Xunta, desglosa en Vigo a espera por atención en Povisa coa dos outros hospitais que xestiona máis ou menos directamente, pois duplica á do Sergas.

    Os sindicatos denuncian que o aumento de cartillas en Povisa non levou emparellado o aumento do persoal

    Os sindicatos denuncian que o aumento de cartillas que se deu en Povisa, cun dúas fortes campañas propagandísticas, non levou emparellado o aumento do persoal e en consecuencia  a atención aos pacientes empeorou e as listaxes de espera medraron.

    A última e intensa campaña publicitaria para que as persoas escollesen Povisa como hospital produciuse hai menos dun ano. Segundo fontes sindicais, conseguiu un aumento de máis de 1.500 cartillas.

    Como se entende logo que se os pacientes da Seguridade Social lle dan perdas e non lles chegan a nada como din os 540 euros anuais da Xunta por paciente, se lancen a conseguir máis afiliados da Seguridade Social? Por que a Xunta se viu obrigada a pórlle un tope de 139.000 cartillas no concerto asinado entre ambos?

    Povisa ten agora medo a que moitos dos usuarios captados se dean de baixa, e marchen para a ser atendidos nos centros públicos e por iso unha das súas demandas é que o número de persoas a atender se manteña estábel durante todo o ano.

    E non se conculca deste xeito a libre elección de médico e hospital que pregoa a Xunta?

    A historia dun negocio

    No ano 2010, en pleno conflito laboral, Povisa xa ameazou con despedir a 787 traballadores, mediante un ERE semellante ao actual.

    No ano 2014, antes de asinar o Concerto Singular que está en vigor, planeou outro ERE para suprimir 56 postos de traballo máis.

    As ameazas e as demandas continuas de melloras dos concertos, forman parte da historia da empresa.

    No 1996 asinou un vantaxoso concerto que lle permitiu cobrar por adiantado e incrementar os seus ingresos por aumento da poboación asignada (de 102.312 a 127.405, habitantes), e por contratar novas actividades. Paralelamente a estas medidas, o Sergas suprimiu os controis sobre os excesos que se sancionaban economicamente.

    No 2006 anunciou recursos xudiciais se o Sergas non pagaba a débeda acumulada entre o ano 2000 e o 2004 por exceso de cota e ofreceuse a resolver as listas de espera en 14 meses se se lles aportaba máis diñeiro.

    Na última negociación do Concerto do ano 2014, conseguiu modificar o sistema de pago pasando a cobrar 540 euros por persoa/ano, só 100 euros menos que o Hospital Público Álvaro Cunqueiro malia a non atender a pacientes desprazados, a carecer de numerosos servizos como xinecología, paliativos ou hospitalización a domicilio e a atender procesos de menor complexidade e custo xa que non realiza cirurxía cardíaca, cirurxía torácica, ou non atende psiquiatría, tuberculose e outras patoloxías respiratorias, etc…

    Outra importante axuda ao negocio foi que o novo Concerto permitiulle ampliarse captando poboación en todo Vigo (antes só prestaba servizos ao Morrazo, Coia e Val Miñor). A pesar de todo, a mala xestión conduciunos a perder 7,1 millóns nos dous primeiros anos e a presentar unha demanda por 9,8 millóns para medicamentos.

    Entre o ano 2000 e o 2018 o incremento do concerto alcanzou o 27,1%, tres veces máis que o crecemento da poboación asignada que foi de tan só o 9,6% (de 126.922 a 139.828 persoas).

    Os problemas veñen de lonxe, e aínda que a falta de transparencia é a norma no Concerto, o Informe de Fiscalización do Concerto de Povisa realizado polo Consello de Contas de Galicia en 2006, mostrou que o proceso se realizou vulnerando a lexislación e sen ningunha transparencia, que as revisións anuais eran utilizadas para incrementar substancialmente as ganancias, que os custos se incrementaban utilizando certas trapelas, que existían irregularidades na facturación de consultas, que os servizos se facturaban a un maior prezo do acordado ou que Povisa conseguiu eliminar a inspección médica.

    O persoal de Povisa ven reclamando un novo convenio desde 2010, con folgas senelleiras na sanidade

    No medio, os traballadores

    Se os pacientes semellan estar calados neste conflito, do que son os principais damnificados e, todo o máis, rosman polo baixo, non así os 1.400 traballadores e traballadoras da empresa.

    Maria Xosé Abuín, da CIG, afirma que “o ERE é unha chantaxe coa que pretenden cargarse o actual convenio colectivo para que o novo persoal entre en peores condicións”.

    A loita do persoal desta empresa ven de lonxe, reclamando mellores condicións de traballo e tamén de atención aos pacientes, con folgas senlleiras na sanidade.

    Desde o ano 2010 están a reclamar un novo convenio colectivo, convenio que está paralizado desde aquelas.

    Eva Solla, parlamentaria de En Marea, considera que “non é normal que a empresa estea aducindo perdas e que as súas contas nin sequera sexan públicas”, o primeiro paso para poder presentar un ERE.

    E non son públicas porque, cando presentaron o ERE, aínda non estaban depositadas no Rexistro Mercantil, así que non existe documentación que certifique estas perdas de 42 millóns nas que basean a regulación de emprego.

    Se no 2013 gañaron cartos e ao ano seguinte asinaron un novo convenio coa Xunta, como comezaron decontado a perder diñeiro?

    O que si existen son datos do ano 2013, no que presenta unhas ganancias de 11,8 millóns de euros. Dáse a circunstancia de que Povisa era a empresa máis rendíbel do grupo Nosa Terra XXI, gañando cinco veces máis que a grande navieira Elcano, que, malia a súa dimensión só obtivo 2,2 millóns de beneficios.

    E salta unha pregunta lóxica: se no 2013 gañaron cartos e ao ano seguinte asinaron un novo convenio coa Xunta, suponse que mellorando as condicións, como comezaron decontado a perder diñeiro?

    A voceira de sanidade do BNG, a parlamentaria Montse Prado, afirma que “é magoante que o presidente Feixóo diga que a Xunta non ten que fiscalizar nada, cando a sanidade pública paga cos seus recortes o mantemento dunha empresa privada”.

    Todos ollan cara Feixó

    A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública faille dúas demandas a Xunta: “Non permitir a chantaxe” e que se comprometa a xestionar directamente o hospital no caso de que a empresa non garanta mantemento dos postos de traballo.

    Tamén piden que se realice unha auditoría pública que analice a xestión do diñeiro público entregado a Povisa”e que a Xunta se comprometa “a non entregar un só euro máis entanto non se realice a auditoría”.

    Poucos creen que a Xunta responderá ao xeito.

    Para Pablo Vaamonde, coordenador xeral da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), o presidente galego é un “experto e convencido privatizador. Foi a man que puxo a andar as nefastas Fundacións Sanitarias que logo houbo que rescatar e incorporar ao Sergas, porque estaban en quebra”.

    Pablo Vaamonde afirma que “o traballo destrutivo de Feixó continúa agora: os centros privados ven asegurado o negocio e incrementan de xeito notábel a actividade derivada do Sergas”.

    Povisa só seria un exemplo. Pero hai máis, como o acordo marco cos hospitais privados de A Coruña asinado non hai moito. “Logo de nove anos, a sanidade pública está nunha situación dramática”, conclúe Vaamonde.

    En primeiro plano o Hospital Álvaro Cunqueiro, ao lonxe, no alto, o Hospital do Meixoeiro.

    A propiedade do Álvaro Cunqueiro

    A Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A., é unha unión temporal de empresas (UTE) que forman Acciona (Entrecanales, 43% do capital), Puentes y Calzadas (galega, 23%), Veolia (dona de Altair, socia orixinal, co 17%) e Concesía (17%).

    A UTE é a mesma que realizou a obra do hospital que agora xestiona, nomeando a seu máximo responsábel.

    O contrato co Sergas incluía que a mesma firma se faría cargo durante vinte anos da xestión dos servizos non clínicos do hospital Álvaro Cunqueiro e dos outros da área de Vigo. Por este traballo cobra un canon anual de 68 millóns de euros. Para executala, as empresas constituíron outra UTE: Sociedade Operadora Novo Hospital de Vigo.

    O novo proxecto, co seu modelo de financiamento público-privado, supuxo un incremento tal que pasou dos 450 millóns de euros a 1.400 millóns.

    Un financiamento que foi cuberto polo Sergas que solicitou un crédito de 110 millóns de euros ao Banco Europeo de Investimentos pois a concesionaria non daba atopado financiamento.

    O modelo de contratación, denunciado ante a UE, evitou a fiscalización estipulada na Lei de Contratos do Estado.

    Ademais de reducir as camas nun 31%, o proxecto adaptado tamén reduciu o 55% das camas de urxencias, o 31% dos quirófanos, elimináronse os laboratorios… As distintas superficies, aparcamentos, xardíns, zonas de espera etc, minguaron nun 75%… E até estreitaron as parades e mudaron os zócalos.

    Mentres Povisa anuncia perdas, a UTE do Cunqueiro cada ano gaña máis cartos.

  • Carta a Pastor Alonso Paz, médico

    Carta a Pastor Alonso Paz, médico

    Benquerido amigo:

    Andas por Ferrol tan pouco que teño que recorrer a unha carta para poder despedirme de ti como te mereces. Non é que pretenda morrer sin avisar pero sempre que nos atopamos foi de cadrada e nunca rematamos a conversa polas presas que sempre levas. Ademais aínda avisando para morrer, quen sabe onde andarás.

    Tamén quería facelo, porque estou na idade óptima para xulgar o resultado daquela vasectomía que me fixeches e da que non se garantía un resultado acorde co que se pretendía. Bon, si: o de non embarazar resultou, pero pretendíase tamén desfrutar da parella sen os medos que poñían límites ao pracer. Nesa parte protestábanme antes e seguiron protestando despois.

    É posíbel que a miña operación fallara nesa parte por “exceso de participantes” porque con tanta xente ao redor do quirófano, seguro que o fío das “habilidades amatorias” o deixaches desamarrado. Xa se sabe cousa de moitos…. Entre aquela monxa que solemnemente afeitaba ao redor dos testículos (os meus) levantando cunha man o meu acolloado pene, o doutor Buitrón e tres médicos máis e por suposto ti, aprendendo a facer aquela operación, saín vasectomizado daquela maneira.

    E da viaxe de volta con todo o que viviches nin te lembrarás. Dende o Hospital Público de A Coruña ata Narón fun sentado na parte de atrás dun 600 que por moi mítico que sexa, recén vasectomizado non se collía xa que as pernas non cerraban ben porque aquela parte a deixárades coma un pandeiro. Todo deus metera as mans para aquela primeira práctica, monxa incluída.

    Aquel episodio non quedou aí. Despois viñeron asembleas veciñais, nos talleres, polos Concellos, etc e daquela primeira vasectomía seguiron centos delas na miña mesa da cociña, no teu piso prestado de Fene e xa desfrutando das melloras da tecnoloxía na Rúa Galiano de Ferrol.

    Despois viñeron asembleas veciñais, nos talleres, polos Concellos, etc e daquela primeira vasectomía seguiron centos delas na miña mesa da cociña, no teu piso prestado de Fene…

    Non sei se merecería a pena tanto esforzo, tanto traballo reivindicativo a prol dunha sanidade pública gratuíta e de calidade que ampliara as súas prestacións e xa daquela que non se privatizara. Demandábamolo en 1984!! Aquel Consello Galego de Saúde que inventaras, axudou a interromper embarazos non desexados en mulleres aínda por encima vulnerábeis por diferentes razóns. Cantas demandas atendidas, cantas tardes e noites empregadas en conseguir unha calidade de vida mellor para tantas persoas, reivindicando que iso correspondía aos poderes públicos. En fin.

    Pero toda esa entrega, ao meu modo de ver, quedaba en parte gratificada co nomeamento de Alcalde no lugar no que exercías de médico. Que os veciños e veciñas de Noia te nomearan alcalde, non deixaba de ser un recoñecemento ao teu esforzo polos demais.

    Eu tiña unha idea diso de ser alcalde. Xestionar o poder sempre me pareceu gratificante, ademais de ilusionante, naqueles tempos de cambio e democratización da vida pública. Pensei eu. Agora poderá facer todo aquelo que sempre quixo. Un alcalde é un alcalde. Pois non. Ou si. Ben, ti concretamente non.

    Denunciar, mesmo até o despido, aos históricos vividores do público dentro do teu concello non o podían tolerar os verdadeiros “poderes”, eses que non se someten a votación. Non che digo nada se aínda por encima algún tiña galóns nas “forzas da orde”. Eu que pasei contigo pola Alameda parando a falar con todos os veciños e veciñas que te atopabas, moitas veces anotando as queixas nunha pequena libreta para resolvelas no vindeiro pleno, nin me podía imaxinar a resolución final do teu mandato como Alcalde.

    Teño comentado daquela que o país non daba para tanto e que aqueles plenos multitudinarios no pavillón de deportes de Noia non resistirían as túas demandas. Seguramente porque as organizacións políticas, incluída na que militabamos, tamén non resistían esas políticas.

    Gocei da túa amizade, do teu traballo, das túas leccións maxistrais e o pouco que nos falamos nos últimos tempos desfrutei do momento. Mesmo esta última vez que che consultei a posibilidade de escribir aquela parte das nosas vidas. Ademais de dicirme que fixera eu o que me dera a gana, para iso eu tamén estaba alí, remataches preguntándome pola miña saúde. Comentei as pastillas que tomaba para os males correntes dos homes da miña idade e inmediatamente vinme a calzón caído co dedo índice teu metido ata onde non se podía meter mais.

    Foi a última vez que te vin e para iso unha parte do tempo de costas. E tamén niso acertaches, conteille ao especialista o teu criterio sobre aquel tratamento e coincidiu contigo que non debería de tomalo mais.

    Souben dos teus avances na especialización de uroloxía. Do teu percorrido polas principais cidades de Europa e América e como seguramente coincidir contigo non é moi probábel. Despídome de ti cunha forte aperta celebrando aquel tempo vivido, tempos que os mediocres que te xulgaron en todos as frontes non souberon dixerir.
    Ata sempre.

     

Boletín de novidades

Recibe as novas no teu e-mail


Política de privacidade *