Virxilio Viéitez: ‘Retratei un tempo marcado pola emigración e a miseria’

A sona de Virxilio Viéitez medrou mercede ao labor de coidado e investigación no arquivo da súa filla Henriqueta, e ás diversas exposicións que se teñen realizado e o documental sobre seu pai que agora prepara.

0
@Virxilio Viéitez

A fin de século as súas imaxes explotaron nas retinas asombrando pola súa calidade estética. En 1998, no marco da Fotobienal de Vigo, apareceron por primeira as fotografías de Virxilio Viéitez (Forcarei, 1930-2008). Desde entón a súa sona medrou mercede ao labor de coidado e investigación no arquivo da súa filla Henriqueta, ás diversas exposicións que se teñen realizado e o documental sobre seu pai que agora prepara. En Soutelo de Montes fíxose en agosto parte da filmación e o concello anunciou que lle adicará unha rúa. Esta que segue foi unha entrevista publicada por A Nosa Terra no ano que a súa obra comezou a medrar na admiración do público.

Como foron os seus comezos na fotografía? Cal era o seu criterio estético?

Estando en Barcelona empecei coa fotografía deportiva, que tiña algo de arte pero non dispuña de medios económicos para seguir. Aínda mozo comecei a facer os primeiros traballos comerciais, cando tiven soldo e comisión nos laboratorios cataláns nos que me empreguei. A miña idea era non só facer o retrato dos suxeitos, senón estudar moito os fondos, onde podía atopar una dimensión que acompañase o primeiro plano. Hai que pensar que eu debíame en parte a quen me ía pagar a fotografía, pero tamén a certas limitacións técnicas de uso dun só obxectivo. Non gustei moito nunca dos fondos desenfocados e sempre busquei unha información de contexto. Toda a vida fun fiel a ese estilo que non copiei de ninguén. Debía ser un tipo raro porque cando ollaba libros de fotografía doutra xente non me gustaban prefería sempre o meu. Outro verían os meus defectos…

Sempre usando luz natural?

Polo xeral si porque non gustei moitos do estudo, aínda que o tiven. Sempre era a mesma cortina, a mesma cadeira,… quería ver algo máis. Calquera que mirase unha foto daquel tempo coñecía en que estudo se fixera. Cando me instalei fixen moitas reproducións e sabía a que fotógrafo de Pontevedra pertencían. O día que tiven traballo dabondo (entre reportaxes de vodas, bautizos, comunións e retratos que se podía escoller o dia para facer con luz natural) empaquetei o estudo, e así até que me xubilei.

Hai moita foto na exposición que pertence a reportaxes pero que olladas individualmente adquiren outro relevo. O conxunto preséntasenos como unha enorme crónica sobre a vida daquel tempo.

En parte si, porque se pode ver como era a vida das persoas, as roupas que usaban, como eran os cuartos das casas, como se penduraban os cadros,… son moitos os elementos que se contemplan. Hai que pensar que eran fotos que en moitos casos ían para a emigración, debe estar América chea de fotos miñas! Tratábase de que os que estaban fóra lembrasen que aquela era a cama na que durmiran ou o curruncho onde xantaban. Había unha morriña que eu trataba trataba de captar máis alá do retrato da persoa, e iso dáballe forza á miña fotografía.

Eses elementos que aparecen nas fotos, improvisábanse ou eran unha reflexión anterior?

Había de todo. Certas secuencias coincidían (por exemplo o neno que leva o xoguete do avión), noutras escolliamos sobre a marcha. A presenza dos animais é outro motivo, que gustou moito nas miñas fotos, porque tamén servía para lembrarlle aos emigrantes que recibían a foto outra vida que tiñan presente na distancia.

Dicíache que eu era moi realista.

O sistema social non é o da familia de antes, moito máis integrada. Entre irmáns apenas se interesan uns polas fotos dos outros, ou polas dos pais ou dos parentes. Agora o que máis conta é a fotografía dos propios fillos. Hoxe hai unha cámara en cada casa e todos fan de fotógrafos. Sae moito máis caro e é de peor calidade, realmente non valen para nada, pero resolven a papeleta. Iso fixo desaparecer a moitos fotógrafos.

Un comezo obrigado 

Virxilio Vieitez fotografado en 1998 ©Xan Carballa/Fund. ANT

Virxílio Viéitez voltou a Soutelo de Montes no ano 1957 desde Barcelona, onde traballaba, porque morre a súa nai. Como era o sostén económico da familia, fillo único e co pai fóra, e podía ir pedindo prórrogas militares. Por só quince dias tivo que facer o servizo militar, o que dilatou a súa entrada na profesión de fotógrafo, oficio que aprendera, en todas as súas facetas de retratista e técnico de laboratorio, en Barçelona. Despois de realizar un período de proba, considerou que as posibilidades comerciais abríanlle un futuro, “pese a que despois de estar vivindo en Barcelona, volver á aldea, á vila, facíase un pouco costa arriba”. Foise facendo sitio fronte á competencia, xusto no ano no que arrinca a demanda das reportaxes de vodas e comunións, “casaba a xente todos os dias, agás o martes que era o meu único dia de descanso. Ese día podíasme atopar en calquera sitio de Galiza”. Na súa rápida aceptación tamén puido influír a experiencia do oficio adquirida en Barcelona, onde labrou o seu estilo, “no tempo dos primeiros turistas na Costa Brava, en 1951, os colegas estabamos nas praias facendo fotos que despois levábamos reveladas aos hoteis. O turista, polo xeral, non traía cámara. A min chamábanme o “record”, porque cando un tiña 30 tomas eu xa podía ter un par de centos, e sempre procurando que a foto levase un motivo, unha paisaxe, un lugar que a identificase, porque tamén os turistas o pedían”.

Destaca a quietude da xente cando se pon diante da súa cámara.

É outro tempo porque daquela había unha Ditadura e a xente estaba máis acostumada á disciplina. O fotógrafo case tiña mando. Hoxe facendo unha reportaxe de voda non hai quen domine á xente, hai que facelo todo en acción, en movemento. Antes era diferente porque eu case daba ordes e aceitábanse. A min gustoume sempre a fotografía natural non as poses pactadas. Estudaba á xente e o seu carácter, miraba as luces e procuraba sacar a realidade da vida. Despois coa técnica de laboratorio tentaba sacar para fóra aquela vida que tiña a foto. É certo que coñeciamos moi ben os materiais e que, en certo sentido, os que se usaban en branco e negro eran mellores que os de hoxe.

Tamén chaman moito a atención as fotos que fai aos mortos, en presenza dos familiares e dos acompañantes ao cemiterio.

Ten a súa explicación. O fotógrafo actuaba como notario, e cando morría alguén non abondaba con mandar aviso escrito a América ou a Europa desa morte, senón que había case unha esixencia documental que o acreditase. Mesmo asinaba eu por atrás esas copias. A min non me entusiasmaba facelas pero tampouco fun aprehensivo e procuraba colocar o morto de maneira que saíse o máis favorecido posíbel.

Eu era moi realista. Vense caras de fame porque era o que había, persoas de cincuenta anos que xa eran vellas… 

Toda a exposición é unha sorte de grande reportaxe social da vida da aldea e a pequena vila de Galiza neses anos.

Dicíache que eu era moi realista. Nas miñas fotografías coido que saquei o carácter das persoas como eran naquel momento, nada frívolas. Hoxe mellorou o nivel de vida, pero daquela a miseria era de pena, porque ademais era de moito traballo, sacrificio e escravitude. A xente levantábase para traballar de sol a sol, para non ver nada. Mercaban uns zapatos e pendurábanos dun cravo e namais os usaban dúas veces no ano para unha festa, así que pasados trinta anos eran os mesmos zapatos. Eu gravei moito diso: vense caras de fame porque era o que había, persoas de cincuenta anos que xa eran vellas…

Arquivou todo a fotografía que realizou?

Gardábase todo, pero non por historia, senón porque a xente pasados algúns anos pedía copias de fotos vellas, de familiares xa mortos. O problema era cando había placa de cristal que se deterioraba moi rapidamente, e ademais ocupaba moito espazo. Pero eu traballei xa con película e iso permitiume conservalo todo. Axudoume o feito de que, polo perigo dos materiais químicos, sempre impedín que entrase ninguén no laboratorio, agás a miña filla Henriqueta, que é a que agora tomou as rendas para facer esta exposición xunto á xente da Fotobienal de Vigo.