E Antonio Mohamed tirou o traxe

0
Antonio Mohamed.

O Celta empezou a tempada 2018-19 nunha montaña rusa emocional. Tras dez xornadas, o equipo é décimo, con 13 puntos de 30, un cómputo modesto pero acorde ao esperado, nun contexto de competición moi igualado en con bastantes sorpresas.

Malia iso, había moito tempo que en Balaídos non se vivía unha situación tan extrema. Paixón e cambios de humor na bancada moi en consonancia co seu adestrador, Antonio Mohamed, centro (seguramente involuntario) das expectativas do club e do seu presidente, Carlos Mouriño.

O 27 de outubro, a iso das oito do serán, ao tempo que en Balaídos empezaba a refrescar, os máis de 15.000 espectadores do Celta-Éibar empezaron a facer a onda na bancada. Un pouco polo resultado (4-0), un pouco por aburrimento, o campo enteiro mostraba así o seu alivio tras varias xornadas sen gañar. O curioso é que esta manifestación de alegría chegaba só oito días despois dos maioritarios apupos e asubíos contra o equipo, a directiva e, especialmente, o adestrador, logo da derrota fronte ao Deportivo Alavés (0-1).

Este sobe-baixa emocional parece que vai ser un sinal de identidade do Celta desta tempada. É un novo escenario tras unha tempada, a pasada, que comandou Juan Carlos Unzué entre a apatía e o desencanto, e o recordo, cada vez máis afastado, da época de ilusión e alegría competitiva de Eduardo Berizzo. A pesar de contar o Celta co seu mellor xogador en toda a historia, Iago Aspas, e ir compoñendo un cadro de futbolistas de gran calidade e proxección: Hugo Mallo, Brais Méndez, Stanislav Lobotka, Maxi Gómez, Pione Sisto, Fran Beltrán…, o club necesita sentir que ten un líder, unha voz que comande de vez a consolidación do Celta na elite do fútbol español. E ese líder ten que ser, por forza, o adestrador.

Quizais ten a ver coa propia situación da cidade e do club a outros niveis. Vigo vive desde hai anos baixo o goberno de Abel Caballero, un alcalde omnipresente que goberna sen apenas delegar, cun hiperliderado populista de manual que se traduce nunha maioría absolutísima no Concello.

Enfronte, como auténtico líder da oposición (por ausencia de tal figura no propio pleno), o presidente do Celta, Carlos Mouriño, o único capaz de poñelo nervioso, de revelar a súa inconsistencia na xestión, aínda que sexa a base de argumentos obviamente interesados e cunha estratexia á súa vez megalómana e tamén baseada no seu propio carisma.

Mouriño fixo do seu Celta unha especie de estandarte do Vigo orgulloso e poderoso. O empresario conseguiu (mercé á condonación da millonaria débeda do club no seu momento) ter gaños ano tras ano e presume de entidade saneada e autónoma economicamente, un fito único na historia do fútbol galego de elite. Os acertos deportivos en canto a fichaxes e traspasos manteñen o celtismo nunha posición de orgullo contido. Ser do Celta está ben pero no fútbol sen triunfos, sen títulos, calquera outra gloria vale pouco.

Mais a gloria deportiva non a dá conseguido un equipo do calibre do Celta sen empeñarse ou ben con moita sorte. Así que o celtismo que acode a Balaídos pacta algo máis modesto, aparentemente: manter intactos os valores futbolísticos do club. Esta filosofía tácita podémola caracterizar con algúns conceptos recoñecibles para a afección: coidado da canteira sempre que esta sexa competitiva, aposta polos xogadores novos e, sobre todo, xogo ofensivo e estético.

O celtismo moderno recoñécese neste paradigma desde os tempos nos que Javier Irureta levou o Celta de novo á Copa da UEFA na década do 1990. E reacomodouse nel tras o paso por Vigo de Luis Enrique e máis tarde Berizzo. De feito, a fichaxe de Unzué, que fora axudante de Luis Enrique, buscaba xustamente esa lealdade ao estilo.

Mais Mouriño cambia a aposta no pasado verán. Ficha a Antonio Turco Mohamed para ocupar un banco cobizado. Un adestrador arxentino consolidado na liga mexicana que nunca vivira en Europa nin como futbolista nin como técnico e que nunca ocultou que é máis ben resultadista (dise da escola de Diego Simeone) e que esconde todo o seu ditado baixo o lema: “La actitud no se negocia”.

En Vigo xorden as dúbidas pola escolla. Ten a ver cos negocios do propio Mouriño en México? É unha aposta persoal para tentar romper a dinámica anterior e crear un novo paradigma? Se Mouriño converteu o Celta B nun equipo que ten pouco de canteira co obxectivo de levalo á segunda división, por que non optar un fútbol menos vistoso pero con máis triunfos?

A bancada vive nunha fantasía edificada por si mesma e precisa desintoxicarse de soberbia.

O público acolle ben o Turco. É un home franco diante da prensa. Fala ben e transmite sabedoría sobre o fútbol. Recorda a Berizzo pola súa común orixe e tamén por esa capacidade de engaiolar a afección ofrecéndose como líder. Ademais, no primeiro gran desafío deportivo da tempada, o Celta humilla e derrota o Atlético de Madrid, o equipo de Simeone.

Mais aquel recital é unha miraxe. Pouco e pouco aparece a realidade. Mohamed non é quen de trasladar esa teoría que recita perante os micros ao terreo de xogo. Séntese mellor con xogadores máis físicos ca técnicos e demostra, até o momento, dúas debilidades graves: ignora o perfil do plantel que deseñou o director deportivo, Felipe Miñambres, para el. E non ten un deseño de xogo propio máis alá da adaptación ao rival.

Isto supón que o Celta nunca domina os partidos, sempre parece ir a remolque, a mercé do estado anímico do rival. Mohamed só confía en dous nomes para salvar o resultado: o crack, Iago Aspas, e o dianteiro centro, Maxi Gómez.

A bancada desespérase cos seus cambios imposibles e acaba estresada sempre pensando que xoga en inferioridade. En Vigo o Celta nunca dá a cara nin asume o protagonismo. A defensa amósase moi vulnerable, o medio campo pasa 90 minutos resistindo. Non hai creación nin intelixencia, só pase longo e potencia anotadora. Mohamed quéixase de que non ten extremos senón mediapuntas que xogan nas bandas a perna cambiada. Pide paciencia. Na súa lóxica, a afección está inxustamente desesperada. Ten razón pero xa non lle vale como argumento.

O celtismo vive desesperado a pesar de que o inicio é correcto porque as expectativas foron moi altas. A bancada vive nunha fantasía edificada por si mesma e precisa desintoxicarse de soberbia. Si, Fran Beltrán apunta maneiras de grande estrela. Si, Boufal parece ter capacidade para crear xogadas imposibles. Si, por suposto que Aspas debería estar entre os finalistas ao Balón de Ouro. Pero tamén hai que lembrar que o orzamento céltico é o 13º da liga, que os defensas centrais son moi frouxos, que non se fichou un cerebro para o medio campo, que non hai un relevo de garantías nin para os laterais e que o terceiro dianteiro é Dennis Eckert, un rapaz que o ano pasado xogaba na 2ª B e non destacara na categoría especialmente.

Mohamed non vestiu de traxe, por primeira vez en todo o campionato, durante o partido contra o Éibar. Soubo interpretar que era unha final. Foi máis cauto nos trocos e non experimentou na táctica. O resto fíxoo Iago Aspas, coa axuda do gardameta Serxio Álvarez. Foi só unha tregua que lle permitirá ao técnico arxentino reflexionar sobre o seu futuro inmediato. A bancada, a pesar da onda, teno debaixo dun dente pero seguro que muda de parecer se hai vitorias e algo de “fútbol de salón”. Talvez o Turco non volva pór o traxe até ter algo que celebrar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here