Etiqueta: Feixóo

  • Quen é Núñez Feixóo

    Quen é Núñez Feixóo

    Alberto Núñez Feixóo non é un calquera. Gañou tres elección e vai pola cuarta lexislatura presidindo a Xunta. Chora cada vez máis e non se desprende da palabra Galicia. Chámano o dos Peares porque naceu alí… Pero quen é realmente Alberte Núñez Feixóo?

    Nunca puiden preguntarlle a que o levara a deixar o sindicalismo reivindicativo e entrar na comenencia opusdeiana de X. M. Romay Beccaría. Non puiden facelo porque foi o único presidente da Xunta que non me quixo conceder unha entrevista. Tamén é o único presidente galego co que nunca xantei, nin ceei, nin estiven a soas con el no seu despacho. Así que,poido afirmar que non o coñezo persoalmente. 

    Se non lembro mal, só tiven dúas conversas con el. Unha na cadea SER, cando eu estaba alí de paliqueiro, pouco antes de comezar a campaña electoral que o levaría á presidencia da Xunta e outra, moitos anos antes, no 1988, cando era un destacado sindicalista de AFICA (Funcionarios Interinos e Contratados Administrativos). Dérame o seu contacto o dirixente de Esquerda Galega, Carlos Vázquez, afirmando que era partidario de Camilo Nogueira.

    Candidatura na que están Feixóo e Carlos Negreira, e táboa de reivindicacións do seu sindicato.

    Aínda que non o crean, naquel tempo, desde 1985, cando entra na Xunta de interino, até 1991, que aproba as oposicións, Núñez Feixóo foi un sindicalista moi combativo. Mesmo sufriu a apertura dun expediente informativo pola súa actividade sindical. Un delegado sindical moi comprometido e activo: pechouse en San Caetano e durmiu na moqueta para reivindicar os dereitos dos empregados públicos, convocou folgas, demandou un horario flexible, reclamou transporte de balde até a sé da Xunta, axudas sociais, subidas salariais por riba do IPC, pedía que non se permitise o aceso da policía a San Caetano…  E enviaba cartas ao presidente da Xunta demandando o cesamento de altos cargos, cando o presidente era Fernando González Laxe, candidato ao que afirmaba ter votado.

    Núñez Feixóo, arriba á esquerda, con outros membros de AFICA, na fotografía da candidatura.

    De boas a primeiras, négase a ir nas listas de Esquerda Galega e comeza a súa carreira política no PP.

    Segundo a súa nai, foi daquelas cando decidiu «casar con Galicia». E Galicia, Galicia, Galicia, converteuse na palabra máxica que o levaría ao poder galego que sempre está a abandonar, segundo os seus críticos, pero ao que el se aferra porque chegou a onde nunca matinou que tería chegado.

    Por iso eu entendo as súas bágoas, a súa emoción, cada vez que toma de novo posesión como presidente, ou cando no debate parlamentario se refire a Galiza.

    Son capaz de asegurar que son froito do sentimento e non dunha performance ensaiada. Se un enxerga a súa nai nas tomas de posesións darase conta non só do orgullosa que está toda a familia de súa carreira política, de a onde chegou, senón do sentimento que a el o embarga por vir de onde ven e estar onde está. A quen non lle pasaría o mesmo?

    Son emocións que o honran non só por telas, senón por expresalas.

    Non é fácil que alguén, vido das clases populares, poida acadar a presidencia da Xunta co PP, senón que llo preguntaran no seu día a Xosé Cuíña. No interior do partido aniña un profundo clasismo que non impide que usen a persoas vidas das clases populares como reclamo electoral, pero que non se fían deles para ser os que mandan. A dereita española non se entende sen o clasismo franquista, aínda que aquí lles chamen os do birrete. Feixóo coñece como as gastan en Madrid.

    Non é fácil que alguén, vido das clases populares, poida acadar a presidencia da Xunta co PP, senón que llo preguntaran a Xosé Cuíña.

    A Cuíña falláronlle as lealdades, comezando pola de Manuel Fraga e Núñez Feixóo non sabe doutra lealdade que a da súa propia persoa e a dos seus máis próximos.

    O demais, como Xosé Cuíña, é razón do seu enorme vento político.

    Hai quen afirma que Núñez Feixóo debe o seu éxito a que é “moi ben mandado”.  Discrepo. O Alberto dos Peares nunca foi ben mandando, non fai falta que o manden. Sabe o que ten que facer antes de que llo digan, sabe con quen ten que estar antes de que os demais saiban quen gaña e, sobre todo, el sabe moi ben quen manda. Só vin outro animal político coma el, Xosé Blanco.

    A foto abrazado ao presidente de Iberdrola, Sánchez Galán, na súa primeira toma de posesión, non só é un resume da súa traxectoria vital-familiar, senón toda unha definición do político que é Núñez Feixóo. Sabe a quen arrimarse.

    Ao amparo de Romay Beccaría

    Por iso, cando Manuel Fraga chega a Galiza e gaña as eleccións co apoio de Paco Vázquez, Alfonso Guerra e Felipe González, que non só torpedean a campaña electoral de González Laxe, senón que lle «ceden» o escano de Ourense que Fraga necesitaba par ser presidente, Núñez Feixóo dáse conta de que imos ter a dereita no poder político en Galiza para moitos anos.

    Xa funcionario fixo, logo de aprobar as oposicións, abandona o sindicato AFICA, que gañara as eleccións na sé central da Xunta, cando el fora elixido delegado, e acepta a petición de Romay Beccaría para ocupar o cargo de Secretario Xeral da Consellería de Sanidade.

    Soubo onde acubillarse. Romay non só era un dos pesos pesados do PP, senón que fora o cachanchán que, desde dentro, desbaratou as pretensións dun grupo de conselleiros, comandados polo vicepresidente X. L. Barreiro Rivas, para facer dimitir a Xerardo Fernández Albor da presidencia da Xunta, senón que rematou coa carreira política do seu adversario partidario, logrando a súa condena e inhabilitación.

    Xosé Manuel Romái Beccaría, mentor do actual presidente da Xunta desde os anos 90. ©Fundación ANT/ X.C

    Núñez Feixóo pronto se esqueceu das súas reivindicacións sindicais, daquelas demandas, que me explicara no seu día: «pedimos que lles dean acceso á Función Pública aos interinos e aos contratados administrativos e que se lles asegure a estabilidade nos postos de traballo nas mesmas condicións salariais que os funcionarios”.

    Canda el deron o salto ao PP outros dous dirixentes daquel sindicato: Carlos Negreira, que chegaría a ser alcalde de A Coruña e García Borregón, que, como Feixóo, ocuparía varios cargos públicos, sobre todo no Sergas.

    Si, porque o hoxe presidente da Xunta , do cargo de Secretario Xeral Técnico, con Romay pasa a ser Secretario Xeral do Sergas. El é o encargado de pór en marcha as primeiras privatizacións de servizos nos hospitais públicos.

    E saltaría o seu primeiro escándalo, no hospital Menxueiro de Vigo por terse infectado por Aspergillus  nos quirófanos máis de 120 pacientes, con tres falecidos. Quirófanos que dependían do Medtec, un organismo que Romay e Feixóo puxeron en marcha en Galiza e que, logo, con Romay xa como ministro e Feixóo como Presidente Executivo do Insalud, quixeron exportar a todo o Estado.

    Deste posto na sanidade, Núñez Feixóo pasaría a ocupar o cargo de Director Xeral de Correos e Telégrafos, comezando tamén o seu desmantelamento e privatización.

    O que moi poucos saben é que, en Madrid, Núñez Feixóo non só ocupou eses postos, senón que foi designado para outros moitos, onde verdadeiramente se fan cartos se estás en política.

    O actual presidene da Xunta, no decisivo congreso do PP en Valencia en 2008, uns meses antes de chegar á presidencia da Xunta de Galicia. ©Fundación ANT/XC

    Así, formou parte de diversos consellos de administración de empresas públicas: Banco de Crédito Local, Empresa Nacional de Autopistas, Paradores de Turismo de España, Instituto Galego de Medicina Técnica (Medtec), International Post Corporatión, Fábrica Nacional de Moeda e Tímbre e Chronospost Express. Tamén foi membro do Consello Asesor de Telecomunicacións e do Consello Asesor Postal.

    Até que no ano 2003 Fraga Iribarne o nomea Conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas.

    O seu ascenso en Galiza

    Dáse a circunstancia de que Cuiña Crespo estaba enfrontado con Fenosa e Iberdrola ás que lle tiña paralizado máis de medio cento de minicentrais e tamén diversos proxectos eólicos. Explicoumo o propio Cuiña uns meses antes de ser cesado, afirmando que el non ía ceder.  Tamén me dixo que nel non mandaban «as grandes construtoras madrileñas».

    Comenteille que lle escoitara dicir a un destes «grandes empresarios» que non ían permitir que Cuíña Crespo fose presidente da Xunta. E aínda lle dixen máis: “e se te fías de Fraga non o vas ser, en Madrid téñeno ben collido”. «Pero eu teño os votos e o partido», retrucoume fachendoso.

    Nunca pensou que sería o propio Núñez Feixóo, tan ben relacionado coas eléctricas e as construtoras, o que rematase con Cuiña politicamente.

    Xosé Cuíña, cando era todopoderoso secretario do PP galego.

    Un día comenteille paseando na cima do Foro, dicía que lugar equidistante entre as nosas respectivas tribos, cando aínda pensaba que ía suceder a Fraga:

    – Ti es unha alma cándida, Pepe, debaixo desa faciana de duro e da valentía da que presumides os de Lalín. Mentres ti vas de fronte, outros están a facerche a cama. Non te fíes de Feixóo.

    – Feixóo é Romay e Romay non me chega nin para empezar, nunca me deu derrotado –contestoume todo cheo de razón.

    Como nunca tratei persoalmente a Alberto Núñez Feixóo só podo falar polos seus feitos, e polo que me dixeron os que o coñecen politicamente.

    Cando foi elixido á presidencia da Xunta polo PP,  pregunteille a un ex conselleiro da etapa Albor polas ideas políticas que guiaban ao novo presidente:

    – Non as ten. Feixóo é moi listo e sabe moi ben quen manda. E non é que sexan uns amorais en política el e o seu equipo, son perfectamente amorais. Non teñen nada a ver cos de antes.

    A mesma pregunta lla fixen outro día xantando a Xosé Luís Baltar.  Só me contestou:

    -É coma o seu tío.

    Non me quixo dicir máis nada. Mandoume investigar aos Peares. Contáronme que non tiña boa fama, acusábano de ser «un chivato da empresa».

    Poida que así se entenda non só a personalidade política de Núñez Feixóo, senón tamén o efusivo abrazo que se dá co Presidente de Iberdrola na súa primeira toma de posesión como presidente. Era máis ca unha declaración de intencións. Situara a súa familia onde nunca pensara.

    É lóxico que a emoción o embargue ao falar de Galiza, pero tamén sabe moi ben a quen serve.

  • A venda de Povisa amóldase ao modelo sanitario do PP

    A venda de Povisa amóldase ao modelo sanitario do PP

    Cando Alberte Núñez Feixóo, actual presidente da Xunta, exercía como Secretario Xeral de Asistencia Sanitaria no Ministerio de Sanidade e Consumo (primeiro goberno Aznar), púxose en marcha o denominado modelo de colaboración público-privada que é o modelo sanitario do Partido Popular.

    Afirman fontes coñecedoras da sanidade pública que nin Núñez Feixóo nin o Ministro Xosé Manuel Romay Beccaría estaban pola labor. Mais quen foi logo o impulsor dese modelo? Foi só unha zuna de Eduardo Zaplana, presidente da Generalitat Valenciana?  O modelo PPP tamén se chamou Modelo Alzira, por ser o hospital desta localidade o primeiro que se construíu en colaboración da administración pública e o sector privado.

    A Comunidade Valenciana serviu de probeta ao Partido Popular para desenvolver a xestión privada en hospitais e na Atención Primaria.  Este «experimento», dirixido a poñer en práctica a estratexia neoliberal na sanidade española, aplicouse nos novos hospitais construídos na Comunidade Autónoma de Valencia: Alzira, La Marina, Elx, Torrevieja e Manises e, posteriormente, na Comunidade de Madrid e tamén no noso país.

    En 1997 o executivo de Eduardo Zaplana, en connivencia coa aseguradora sanitaria Adeslas, decidiu construír e xestionar desde a aseguradora un novo hospital público a cambio de cobrar un canon por cada habitante asignado ao centro. Para iso crearon Ribera Salud, unha empresa de xestión privada na que incluíron as caixas de aforros valencianas Bancaja, Caja de Ahorros del Mediterráneo e Caixa Carlet, (45%); a aseguradora Adeslas (51%) e dúas empresas construtoras ACS-Dragados (2%) e Lubasa, (2%).

    Dáse a circunstancia de que o primeiro concurso encalla e teñen que ir a unha segunda licitación na que, loxicamente, aparece unha mellora considerábel para a concesionaria Ribera Salud.

    En primeiro plano o Hospital Álvaro Cunqueiro, ao lonxe, no alto, o Hospital do Meixoeiro.

    Exemplo para o Álvaro Cunqueiro

    Algo moi semellante ao que pasou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no que as construtoras que recibiron a concesión e a explotación, Acciona e Puentes y Calzadas, tamén tiveron que recibir axuda por parte da Xunta, con condicións melloradas, o que semella ser unha norma, suprimindo camas e, logo, facilitando avais para poder rematar o proxecto. Nesa altura xa Alberte Núñez Feixóo presidía a Xunta. 

    No caso de Ribera Salud un dos seus maiores fornecedores de crédito foi o Instituto de Crédito Oficial, dependente do goberno central, e o seu obxectivo empresarial era claro: «poñer en marcha iniciativas de colaboración público-privadas». Así que tiñan, desde un comezo, claro o seu negocio.

    Logo de asentarse fortemente na sanidade madrileña, a expansión comezou a torcerse por mor da defensa que en Madrid comezaran a facer múltiples colectivos da sanidade pública. Mais, sobre todo, recibiu un varapao cando o modelo Alzira se veu abaixo: ao chegar o socialista Ximo Puig ao goberno da Generalitat, pactando con Compromís, unha das primeiras medidas foi a de recuperar para a xestión pública o hospital. 

    A empresa revolveuse todo canto puido, tanto no ámbito administrativo, no xudicial e no informativo, pois, segundo comenta un veterano xornalista de Valencia, «Ribera Salud sempre foi unha grande cliente para os medios da nosa comunidade». 

    Estes reveses retardaron a entrada no seu capital do fondo americano Centene Corporation, pois, afirmaron, que se coutaba a súa expansión. Mais finalmente fixéronse co 50% da empresa, o outro 50% estaba en mans do Banco de Sabadell, e, agora, veñen de mercarlle outro 40%, co que se fan co 90% do capital.

    Povisa no punto de mira

    Dáse a circunstancia de que a adquisición deste 40% por parte de Centene Corporation, por 50 millóns de euros, prodúcese cando comezan as primeiras conversas con Terra Nosa 21, a empresa propietaria de centro vigués Povisa. Ao día de hoxe as conversas están tan avanzadas que xa só queda o visto e pracet da Comisión para a Defensa da  Competencia para pechar unha operación de venta estimada nos 20 millóns de euros.

    Logo do resgate administrativo de Alzira, Povisa, o maior hospital privado, pero que vive da sanidade pública, representa para a norteamericá Centene Corporation outro xeito de completar a súa expansión en España. Mais as miras de Centene, afirman fontes do sector, están postas na súa expansión en Europa.

    Centene Corporation de Povisa a Europa

    Grupo Ribera Salud é hoxe o grupo empresarial de xestión sanitaria líder no sector das concesións administrativas sanitarias no Estado. Agora está nas mans do xigante de seguros de saúde norteamericano Centene Corporation, cunha facturación de 60.000 millons de euros.

    Este xigante americano é unha corporación que apoiou o modelo sanitario de Obama acaso por ser a súa especialidade a xestión da sanidade pública. Así que os especialistas sanitarios consideran que a merca de Povisa entra totalmente no seu modelo de negocio e que pretenderá seguir co concerto co Sergas en toda circunstancia pois esa é a razón central da adquisición

    O último concerto do Sergas con Povisa asinouse o 1 de setembro de 2014, cunha duración prevista de oito anos, até o 31 de agosto de 2022. 

    «No caso de confirmarse a venta, o SERGAS esixirá e defenderá o mantemento da calidade asistencial na área sanitaria e o mantemento dos postos de traballo», afirman desde a Xunta.

    Xosé B. Silveira e Xulio F. Gaioso (á dereita).

    Povisa víñalle realizando ao Sergas continuas reclamacións para que mellorasen os convenios, ao que accedeu a Xunta aínda non hai un ano, baixo a ameaza do grupo comandado por Xose Baltasar Silveira, e dirixido por ex cargos do Sergas, con deixar de prestar a atencións aos pacientes da sanidade pública sen non recibía maior financiamento e declarando un ERE. Afirmaban que estaban en perdas, pero era o mellor negocio do grupo Nosa Terra 21.

    Un ex director xeral do Sergas considera que Núñez Feixóo non só elimina unha preopcupación con esta venta, tamén estaría satisfeito, pois Ribera Salud é, en parte, intelectualmente, como filla súa. 

    Poida que, tamén en parte, a desaparición de Caixanova e a caída en desgraza do seu presidente, Xulio Fernández Gaioso, consogro de Xosé B. Silveira, dono do hospital, teñan algo que ver coa venta. Mentres, desde o BNG denuncian que a Xunta saneou as contas de Povisa para que puidese vendela ao xeito

  • 26-M, un retrato cara ás próximas eleccións galegas

    26-M, un retrato cara ás próximas eleccións galegas

    Estas eleccións do 26 de maio son moi semellantes en tendencias e, aínda en resultados, ás de 2003, cando se podía albiscar como socialistas e nacionalistas eran quen desbancar ao PP da Xunta.

    O PP cae aos mesmos niveis de votos ca naquela antesala das eleccións autonómicas. Non só non vai conseguir ningunha alcaldía nas grandes cidades, senón que tamén as perde en vilas significativas. Aínda así, o PP de Galiza non é o PP de España, por máis que Núñez Feixóo tente equiparalos na súa política práctica.

    Abel Caballero, alcalde de Vigo. © X.C.

    O PSOE sobarda por vez primeira o 30% dos votos nunhas eleccións municipais, aínda que haxa que descontar o “efecto Vigo”, cos 20 concelleiros de Abel Caballero. Caso inaudito que retrata moi ben unha cidade e aos seus medios de comunicación de referencia.

    Un PSOE que, nas eleccións europeas, supera ao PP en cinco puntos porcentuais demostrando unha tendencia a alza.

    O BNG móstrase, de novo, como a principal alternativa ao PSOE para as eleccións autonómicas galegas, que sempre tiveron unha dinámica propia.

    Nas eleccións europeas, que poden ilustrar mellor o mapa político galego, o BNG non superaba os cen mil votos desde o ano 2004.  Agora acadou 168.000, dobrando os resultados de hai cinco anos (80.000).

    Pola contra, Podemos situouse nos 117.000 e Ciudadanos nos 96.000. Lídia Senra, a candidata de En Marea, só conseguiu 15.000 votos, fronte aos 106.000 de hai cinco anos, perdendo a súa acta.

    Pola súa banda, Compromiso por Galicia só foi capaz de sumar 6.520 votos á candidatura impulsada polo PNV.

    As diferencias

    Aínda así, existen unhas notábeis diferencias a respecto das eleccións de hai doce anos.  A situación do BNG é ben distinta. Daquelas, aínda que estaba xa en devalo electoral, mantiña unha maior fortaleza electoral nas grandes cidades. A recuperación do 26 de maio, non lle outorga aínda ese poder institucional que logo ten un papel considerábel nas eleccións autonómicas, aínda que volva ter representación en todas as cidades.

    Pola contra, ten unha organización cohesionada, coa irrupción dunha nova xeración na dirección e o achegamento de novo de moita xente moza.

    O BNG ten unha organización cohesionada, coa irrupción dunha nova xeración na dirección e o achegamento de novo de moita xente moza.

    Tamén conta con liderado claro na persoa de Ana Pontón, xa baqueteada e exitosa nas pasadas eleccións autonómicas. Hai doce anos, lembremos, Xosé Manuel Beiras, aínda lle disputaba a supremacía ao candidato Anxo Quintana, tentando non só de ocupar o primeiro lugar pola provincia de A Coruña, eclipsando así ao candidato, e negociando xa antes das eleccións co PSOE o apoio nacionalista a investidura de Pérez Touriño e o seu posto como Presidente do Parlamento. Feito que o levou á ruptura con Anxo Quintana e o pase de Beiras á oposición tanto interna como externa, cando o alaricano ocupou a vicepresidencia da Xunta.

    Gonzalo Caballero, o candidato do PSOE vai ter, por vez primeira, todo o apoio do partido en Madrid para asaltar a Xunta

    Gonzalo Caballero, o candidato do PSOE, aínda non ten o prestixio que tiña daquelas Emilio Pérez Touriño, e tampouco se pode comparar con Ana Pontón. mais, pola contra, vai ter, por vez primeira, todo o apoio do partido en Madrid para asaltar a Xunta, algo que desde Ferraz lle escatimaron a todos os candidatos, cando non os boicotearon directamente como a González Laxe.

    Tampouco vai ter Gonzalo Caballero un militante como Francisco Vázquez que o torpedee desde dentro. Quen podía facelo, sería Pachi Vázquez e xa está fora da organización e fracasado no Carballiño, no intento de conseguir a alcaldía, onde foi derrotado con contundencia polo PSOE.

    O cambio, cambiado

    A alianza entre sectores do nacionalismo e a esquerda estatal quedou rota e totalmente esfarelada. O que foi pensado para propiciar un cambio, e que se presentou hai catro anos como En Marea, fracasou nos seus postulados.

    Xa quedara de manifesto nas eleccións xerais de abril pasado, coa ruptura total entre os aliados de comenencia. Pero aínda lles quedaba aí as chamadas “alcaldías do cambio”, que desta volta recibiron un forte correctivo, que os podería levar a dar o experimento por cancelado.

    Quedaron sen ningunha alcaldía e noutros concellos ou non sacaron representación (Lugo, Pontevedra, Ourense) ou non pasan de ser testemuñais como no caso de Vigo, onde tamén descenderon un concelleiro.

    O problema de En Marea, desde a óptica nacionalista na que eles operan, foi que serviu para asentar en Galiza a Podemos, aínda que os seus resultados no Estado, e sobre todo o seu papel en Madrid, os leven a descomposición ou a unha refundación na que Galiza pouco peso vai ter. E tamén a unha Esquerda Unidad residual que conta cunha deputada en Madrid para catro anos.

    O outro problema teno o BNG, que deberá de analizar as causas de que os votos perdidos polas Mareas nas cidades que tiñan alcalde, foron parar ao PSOE, maioritariamente, e non optaron polo nacionalismo.  Sen eses votos, o BNG non pode ser alternativa ao PSOE nas próximas eleccións autonómicas.

    Que farán agora os capitáns das Mareas? Como será a súa cohabitación co PSOE? Que fará a En Marea de Villares,

    Que farán agora os capitáns das Mareas? Como será a súa cohabitación co PSOE? Disolverase Anova, como piden algúns militantes? Que fará a En Marea de Villares, teimará en presentarse logo destes últimos resultados? Poderá comezar unha política de colaboración dalgúns destes sectores tanto nos concellos, como no Parlamento Galego, cando rache oficialmente o Grupo de En Marea, co BNG?

    Segundo se resolvan estas incógnitas así van ser as posibilidades de que o nacionalismo non só volva gobernar Galiza, senón que o faga con forza ou minorizado a respecto do PSOE.

  • A sanidade, un negocio que vai a máis

    A sanidade, un negocio que vai a máis

    Servizo público ou negocio. Velaí o debate na sanidade galega, aínda que a Xunta enmascara a realidade. Unha historia e algúns datos explican as razóns da folga en atención primaria que estaba prevista para os días 9, 10 e 11 de abril e foi finalmente desconvocada.

    O señor Lamas tivo unha infección de ouriños que o levou ao Hospital de Monforte. Alí botou tres semanas a base de antibióticos até que o estabilizaron. Déronlle a alta un venres pola tarde. No ambulatorio de Chantada non recibiron ningunha comunicación até luns pola mañá, “o que mostra como a medicina hospitalaria e a primaria funcionan unha de costas a outra”, comenta o seu enfermeiro de quenda, Afonso Piñeiro.

    O señor Lamas, ten que recibir, durante seis semanas, un antibiótico por vena. O tempo de duración da inxección é de hora e media. Así que o normal era que o incluísen en asistencia extrahospitalaria.  O problema é que o concello de Chantada, ao quedar a máis de 15 minutos en coche do centro hospitalario de Monforte, non ten hospitalización a domicilio. Si o teñen parroquias do Saviñao ou de Pantón que quedan ben máis lonxe. Ante o risco de que contraese unha infección sobrevida no hospital, o médico especialista suxeriulle á familia que alugase un piso preto do hospital comarcal monfortino.

    Mais o señor Lamas, con 95 anos, e a súa familia querían voltar para casa. Xa en Chantada, puxéronse en contacto co seu enfermeiro de quenda, Afonso Piñeiro. Estrañado por esa alta e pola falta de comunicación do hospital, decidiu resolver el o problema esa fin de semana.

    Logo acordaron no ambulatorio de Chantada proporlle unha solución á xerencia de atención primaria: o enfermeiro de quenda poríalle a inxección todos os días, incluíndo o sábado pola mañá e o domingo, como pola tarde hai un dobre equipo, suministraríanlle desde o PAC o antibiótico necesario. Porque o domingo non pode estar o PAC sen enfermeiros, mentres se despraza, pero si os outros días.

    Afonso Piñeiro afirma que “se teimei en realizar este servizo é porque é un dereito do paciente, porque estou en contra da discriminación sexa por onde habitas ou pola extracción social, e porque defendo a sanidade pública”. E pregúntase se fose unha familia “que non me coñecese, que non soubese moverse ou non tivesen medios, como farían?”.

    O do señor Lamas non é un caso único. No hospital de Monforte, onde non queren facilitar datos, existen múltiples anuncios que ofertan “pisos preto do Hospital”. O mesmo que nos bares e restaurantes próximos. Pero na Inmobiliaria La Monfortina, dinnos “non ter constancia destes alugamentos”.

    O do señor Lamas é un exemplo real do que pasa na sanidade galega, na Atención Primaria. Os ambulatorios non teñen medios e o PP desmantelou as xerencias de Atención Primaria, que se converteron en apéndices dos grandes hospitais que son quen controlan orzamentos e recursos.

    A metade do gasto recomendado

    O gasto sanitario en atención primaria representa o 13% do total, moi lonxe do 25% recomendado polo Ministerio de Sanidade no acordo estatal e, tamén, do Plan de Mellora do ano 2008 asinado polo goberno bipartito (PSOE-BNG) cos sindicatos e colexios profesionais. Agora é a demanda principal da folga que convocaron para esta semana.

    O bipartito situou a Atención Primaria como eixo central do sistema sanitario, cunha aposta clara pola sanidade pública, aumentando os orzamentos, convocando oposicións, aumentando o número de profesionais e de medios ao seu alcance para que dependesen o menos posíbeis dos hospitais de cabeceira.

    O bipartito situou a Atención Primaria como eixo central do sistema sanitario, cunha aposta clara pola sanidade pública, aumentando os orzamentos, convocando oposicións, aumentando o número de profesionais e de medios

    Ao chegar Núñez Feixó á Xunta, como experto privatizador no sector sanitario, decretou a paralización do Plan Mellora e o desmantelamento das xerencias das áreas sanitarias e a supeditación dos centros de saúde ás xerencias hospitalarias en mans de coñecidos médicos afíns ao PP.

    E, pouco a pouco, a sanidade pública foille cedendo paso e orzamento á sanidade privada. O gasto en privatización superou o gasto en persoal en todas as Estruturas de Xestión Integrada, agás en Pontevedra, pola persistencia anómala do Policlínico Povisa, con concerto propio.

    Seguindo a dinámica dos últimos anos, o gasto en persoal (44%) perde peso a respecto ao gasto en privatización. Sigue aumentando a partida para o gasto farmacéutico e o orzamento para a prevención e, segundo denuncian os sindicatos ao unísono, “atópase en niveis inaceptábeis”. Só existe unha raquítica partida de 11,5 millóns de euros no ano pasado, o que representa un 0,3% do total.

    Son apostas por un modelo sanitario determinado, non “xestión ineficaz” como pode desprenderse dalgunhas declaracións de políticos ou sindicalistas. E ese modelo onde mellor se contempla é nos orzamentos da Xunta, que ten moi pouco que ver coas gabanzas que lle dedica o presidente Feixó a sanidade pública.

    A Xunta incrementou en 249 millóns de euros o gasto sanitario no orzamento do ano 2018. O 70% de este incremento (171 millóns) consumiuse en fármacos e privatizacións, e só o 30% (78 millóns) en persoal, malia os grandes recortes dos últimos años. “Isto agravou o círculo vicioso de consumo innecesario de fármacos-incremento de efectos adversos-máis consumo de fármacos”, afirman os médicos de Atención Primaria..

    O que din desde a sanidade privada

    Para ollar ao xeito o papel da sanidade privada e como vai gañando cada vez máis peso orzamentario, tanto en Galiza como no resto do Estado non hai mellor fonte que acudir aos datos da súa patronal. Así que imos facer aquí un resume do informe que ven de presentar a Fundación IDIS (Instituto para o Desenvolvemento e a Integración da Sanidade Privada).

    Nunha década aumentaron nun 16% as consultas na privada, un 20% as operacións e un 25% as probas diagnósticas. Un 15% da poboación ten contratado un seguro médico privado. Moitos pacientes pasan directamente da sanidade pública á privada, tanto aos hospitais coma nos servizos de urxencia.

    Nunha década aumentaron nun 16% as consultas na privada, un 20% as operacións e un 25% as probas diagnósticas. Un 15% da poboación ten contratado un seguro médico privado.

    Nos dous últimos exercicios o gasto per cápita na sanidade creceu en Galiza aínda que de diferente maneira segundo o diñeiro sexa público ou privado. Así, en 2015 a sanidade pública gastaba 1.393 euros per cápita en Galicia, que baixaron aos 1.360 en 2016 e volveron subir ata os 1.404 en 2017, é dicir, 11 máis en dous anos. Con todo, segundo, segundo o informe do Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (Fundación IDIS), na privada gastábanse en 2015, 519 €/per capita, que aumentaron ata 530 o ano seguinte e volveron aumentar o ano 2017 ata os 546, o que representa 27 € máis.

    Segundo os Orzamentos da Xunta de 2018, a partida destinada a asistencia sanitaria con medios alleos, é dicir, privados, contou cun orzamento de algo máis de 205 millóns. Os concertos do Sergas para atención especializada con entidades privadas levaron a maioría do orzamento (67,7 %), seguido dos programas especiais de hemodiálise (11,6 %) e do programa especial de transporte (9,5 %). Esta partida dos Orzamentos evolucionou desde os 213 millóns de 2010, baixando os seguintes exercicios ata os 199 millóns de 2016, para comezar despois a volver aumentar ata 203 en 217 e os 205 de 2018.

    De acordo cos datos recolleitos no estudo da Fundación IDIS, que engloba a maioría das empresas sanitarias privadas, en 2018 a sanidade privada en España superou os10,3 millóns de usuarios, entre asegurados e mutualistas, o que supón un incremento do 4,3% respecto ao ano anterior. Ademais, cabe destacar que este crecemento de asegurados de asistencia sanitaria rexístrase en “todas as provincias do país, sen excepción”, subliña Manuel Vilches, Director Xeral da fundación. En termos económicos, o gasto sanitario privado representa o 28,8% do gasto sanitario total. Se se suma o gasto de concertos co gasto sanitario privado alcánzanse os 36.308 millóns de euros, o que representa o 3,3% do PIB. Ademais, os 8,5 millóns de asegurados (sen contar os 1,8 millóns de usuarios do sistema privado no modelo de mutualismo administrativo)””contribúen á descarga e o aforro do sistema público”. As estimacións indican que o aforro por paciente xerado polo seguro privado oscila entre 546 e 1.224 euros ao ano, en función de se o uso é mixto público-privado, ou exclusivamente privado.

    As comunidades que máis gastan en sanidade privada en termos proporcionais son Cataluña, cun 49,7 % do total do gasto sanitario no seu territorio; Madrid, cun 42,9 %; Baleares, cun 40,7 % e Canarias, cun 34,5 %. As mesmas catro comunidades están á fronte en gasto público en concertos con centros privados: Cataluña dedícalle o 24,9 % do seu gasto público en sanidade; Madrid, o 10,7 %; Baleares, o 10,4; e Canarias, o 9,3 %. Segundo os últimos datos, de 2016, este sector dispón de o 58% do total dos hospitais e o 32% das camas do noso país e levaron a cabo o 30,9% das intervencións cirúrxicas en España, o 23,7% das altas e o 24,1% das urxencias de todo o territorio nacional. A nivel de actividade e en termos de diagnóstico, nos centros privados realizáronse o 39% do total de resonancias magnéticas, o 17% dos TAC e o 21% dos PET. “Aínda hai capacidade no sector privado”, destacou o doutor Vilches.

    E cada vez estanse a quedar con máis torta sanitaria.

  • O que ninguén lles contou de Povisa

    O que ninguén lles contou de Povisa

    Cando se trata de Povisa, non falamos dunha empresa calquera, porque ademais de condicionar a sanidade galega é das que “mandan en Vigo”. Prepara un ERE  cun obxectivo claro: obter máis cartos da sanidade pública asinando un novo convenio.

    José Silveira e Xulio F. Gaioso (á dereita).

    O auxe do Grupo Nosa Terra XXI, que preside o extremeño José Silveira Cañizares, non se entende sen ter en conta as súas relacións con Xulio Fernández Gaioso, de quen é consogro, logo de casar o seu fillo Xosé Bernardo, cunha filla do outrora todopoderoso presidente da Caixanova.

    No 1997, polos tempos de producirse este casorio, Silveira, propietario da empresa de remolcadores Remolcanosa, merca Elcano, a maior navieira española, que viña de privatizar o goberno Aznar.

    Un ano despois faise coa propiedade de Povisa, o maior hospital privado de todo o Estado. Entra no mundo da sanidade grazas ao doutor Pintado, seu médico, amigo e socio.  Unha boa parte do diñeiro da operación sae dun crédito de Caixavigo.

    No ano 2010, dous días antes da fusión de Caixa Galicia con Caixanova, e baixo a supervisión de Deloitte, a entidade de aforro radicada en Vigo triplica a súa participación en Nosa Terra XXI a través do Fondo de Inversión Ahorro 2000, ao que pertence Povisa.

    Puido ser unha casualidade.

    Como que Rocío Mosquera, xerente do hospital Nosa Señora da Esperanza, pertencente ao mesmo grupo que Povisa, fose nomeada por Núñez Feixóo xerente do Sergas (2009-2012) e a seguir conselleira de Sanidade (2012-2015), sendo ela quen negociou o convenio do ano 2014.

    Rocío Mosquera foi Conselleira de Sanidade e María Luís Brandt é a actual xerente de Povisa.

    Actualmente, Rocío Mosquera é xerente de Galaria, empresa pública que, anteriormente, presidiu María Luisa Brandt, xerente agora de Povisa.

    Pero hai máis casualidades. A propia María Luísa Brandt, traballou en Deloitte (2001-2007), a empresa que auditaba a Povisa. Si, a mesma que, contratada pola Xunta, non atopou ningún burato na entidade presidida por Xulio F. Gaioso.

    Adaptar o Álvaro Cunqueiro a Povisa

    A planificación do Sergas case sempre se fixo tendo en conta os intereses deste hospital.

    Cando o goberno bipartito decide construír un novo centro sanitario en Vigo, para cubrir as demandas sanitarias dunha área de máis de 500.000 persoas, ármase un tremendo balbordo nas altas instancias galegas.

    Cayetano R. Escudero, actual concelleiro en Vigo, foi director xeral do SERGAS cando se elaborou o proxecto do novo hospital de Vigo, no periodo do goberno bipartito, demediado despois que chegou Feixóo á presidencia da Xunta.

    Co proxecto aprobado, sendo Cayetano Rodríguez Escudero secretario xeral do Sergas (2006-2009), a sanidade pública xa non precisaba o hospital de Povisa. O hospital público, que agora se chama Álvaro Cunqueiro, e máis o hospital do Meixoeiro, serían quen de atender os pacientes de toda a área.

    Algunha das empresas finalistas no concurso, recibira a “recomendación” de que mercasen Povisa, se querían optar á concesión.

    Non aceptaron e pechouse o concurso con bastante escándalo, aínda que amortecido nos medios de comunicación e con presións ás empresas perdedoras desde diversos sectores políticos e económicos de Vigo e Compostela.

    A situación mudara co novo Goberno do PP e coaa chegada de Alberto Núñez Feixó á presidencia da Xunta. Axiña se modifica o proxecto primario minorando o que ía ser o novo hospital. E non só iso: privatizase na práctica o Álvaro Cunqueiro, entregándollo a unha empresa que apenas tiña experiencia en xestión hospitalaria.

    Ao proxecto do Cunqueiro recortáronlle 400 camas das 1470 previstas, xusto as mesmas (405) que agora ten concertadas Povisa co Sergas

    Dáse a casualidade que o recorte ao novo hospital foi de 400 camas sobre as 1.470 previstas no primeiro proxecto. As mesmas que Povisa ten dedicadas agora (405) á atención pública, fronte as 123 que dedica á atención privada.

    A plataforma pola Sanidade Pública, BNG e PSOE, denunciaron daquela que a modificación do proxecto primixenio do hospital se realizaba para que “a clínica Povisa siga mantendo o negocio”.

    Manifestacións a prol da sanidade pública unha e outra vez, declaracións de médicos, sindicatos e plataformas denunciando a situación, e un alcalde, Abel Caballero, que colle a bandeira da sanidade pública, tísnaa de viguismo e envólvese nela. O non a privatización da sanidade, aínda ecoa en todo Vigo unha e outra vez.

    O mesmo Abel Caballero, abandeirado contra a privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro, é o que demanda agora que a Xunta lle dea máis diñeiro público a Povisa para “evitar o seu estrangulamento”.

    A presentación dun ERE

    O hospital Povisa, seguiu a ser, por mor da  decisión de Núñez Feixóo, imprescindíbel para a sanidade galega. Ten ao seu cargo a atención de 137.000 cidadáns da sanidade pública, a medio dun concerto asinado coa Xunta. O último no ano 2014.

    Por cada cartilla da Seguridade Social que xestiona Povisa, as arcas galegas páganlle á empresa de Silveira 540 euros ao ano.

    Agora Povisa anuncia que é ela a que está a “financiar a sanidade pública”. Afirma que, desde que asinou o convenio, perdeu 42 millóns de euros, máis de 10 millóns por ano. E demanda un cambio no concerto asinado coa Xunta. Quere máis cartos ou que lle permitan despedir a persoal, para ser rendíbel.

    Aínda que, todo hai que dicilo, segundo a Asociación Galega para a Sanidade Pública “non ofrece información desagregada dos gastos que lle ocasiona a atención aos pacientes da sanidade pública e da sanidade privada”.

    Como a Xunta se nega, Povisa presenta un ERE e pídelle que se faga cargo deses 137.000 pacientes.

    A Xunta sabe que hoxe por hoxe non pode facer operativas as 400 novas camas necesarias para atender a eses milleiros de cidadáns, porque Povisa xa forma parte do sistema sanitario público galego, o mesmo que o hospital Álvaro Cunqueiro, con xestión tamén privada. Lembren que son esas 400 camas que lle sacaron a este novo hospital.

    A xerente do centro, María Luísa Brandt manifesta que “nós non queremos gañar nada coa sanidade pública, só non perder diñeiro”, cando o concerto co Sergas representa o 77% do seu negocio.

    Así que demandan unha saída formulando un dilema: “ou aumentamos os ingresos, ou reducimos os gastos”.

    A hospitalización representaría o 87% dos gastos e a farmacia o 13%.

    A Xunta xa cedeu un pouco e afirma estar disposta a pagar os medicamentos dos pacientes non ingresados. Pero a Povisa non lle é bastante. As negociacións seguen.

    Desde a Asociación Galega para a Sanidade Pública denuncian o grande risco que implica esta medida para o erario público, pois “o hospital privado prescribe unha medicación que será pagada polo Sergas e o Consello de Contas denunciou a coincidencia de pacientes públicos e privados e os gastos sen desglosar”. As 137.000 persoas da sanidade pública que dependen do “hospital de referencia”, son os reféns.

    Cantos máis recortes de persoal, peor atención. Por iso ten a lista de espera máis grande da sanidade galega e a Xunta, desglosa en Vigo a espera por atención en Povisa coa dos outros hospitais que xestiona máis ou menos directamente, pois duplica á do Sergas.

    Os sindicatos denuncian que o aumento de cartillas en Povisa non levou emparellado o aumento do persoal

    Os sindicatos denuncian que o aumento de cartillas que se deu en Povisa, cun dúas fortes campañas propagandísticas, non levou emparellado o aumento do persoal e en consecuencia  a atención aos pacientes empeorou e as listaxes de espera medraron.

    A última e intensa campaña publicitaria para que as persoas escollesen Povisa como hospital produciuse hai menos dun ano. Segundo fontes sindicais, conseguiu un aumento de máis de 1.500 cartillas.

    Como se entende logo que se os pacientes da Seguridade Social lle dan perdas e non lles chegan a nada como din os 540 euros anuais da Xunta por paciente, se lancen a conseguir máis afiliados da Seguridade Social? Por que a Xunta se viu obrigada a pórlle un tope de 139.000 cartillas no concerto asinado entre ambos?

    Povisa ten agora medo a que moitos dos usuarios captados se dean de baixa, e marchen para a ser atendidos nos centros públicos e por iso unha das súas demandas é que o número de persoas a atender se manteña estábel durante todo o ano.

    E non se conculca deste xeito a libre elección de médico e hospital que pregoa a Xunta?

    A historia dun negocio

    No ano 2010, en pleno conflito laboral, Povisa xa ameazou con despedir a 787 traballadores, mediante un ERE semellante ao actual.

    No ano 2014, antes de asinar o Concerto Singular que está en vigor, planeou outro ERE para suprimir 56 postos de traballo máis.

    As ameazas e as demandas continuas de melloras dos concertos, forman parte da historia da empresa.

    No 1996 asinou un vantaxoso concerto que lle permitiu cobrar por adiantado e incrementar os seus ingresos por aumento da poboación asignada (de 102.312 a 127.405, habitantes), e por contratar novas actividades. Paralelamente a estas medidas, o Sergas suprimiu os controis sobre os excesos que se sancionaban economicamente.

    No 2006 anunciou recursos xudiciais se o Sergas non pagaba a débeda acumulada entre o ano 2000 e o 2004 por exceso de cota e ofreceuse a resolver as listas de espera en 14 meses se se lles aportaba máis diñeiro.

    Na última negociación do Concerto do ano 2014, conseguiu modificar o sistema de pago pasando a cobrar 540 euros por persoa/ano, só 100 euros menos que o Hospital Público Álvaro Cunqueiro malia a non atender a pacientes desprazados, a carecer de numerosos servizos como xinecología, paliativos ou hospitalización a domicilio e a atender procesos de menor complexidade e custo xa que non realiza cirurxía cardíaca, cirurxía torácica, ou non atende psiquiatría, tuberculose e outras patoloxías respiratorias, etc…

    Outra importante axuda ao negocio foi que o novo Concerto permitiulle ampliarse captando poboación en todo Vigo (antes só prestaba servizos ao Morrazo, Coia e Val Miñor). A pesar de todo, a mala xestión conduciunos a perder 7,1 millóns nos dous primeiros anos e a presentar unha demanda por 9,8 millóns para medicamentos.

    Entre o ano 2000 e o 2018 o incremento do concerto alcanzou o 27,1%, tres veces máis que o crecemento da poboación asignada que foi de tan só o 9,6% (de 126.922 a 139.828 persoas).

    Os problemas veñen de lonxe, e aínda que a falta de transparencia é a norma no Concerto, o Informe de Fiscalización do Concerto de Povisa realizado polo Consello de Contas de Galicia en 2006, mostrou que o proceso se realizou vulnerando a lexislación e sen ningunha transparencia, que as revisións anuais eran utilizadas para incrementar substancialmente as ganancias, que os custos se incrementaban utilizando certas trapelas, que existían irregularidades na facturación de consultas, que os servizos se facturaban a un maior prezo do acordado ou que Povisa conseguiu eliminar a inspección médica.

    O persoal de Povisa ven reclamando un novo convenio desde 2010, con folgas senelleiras na sanidade

    No medio, os traballadores

    Se os pacientes semellan estar calados neste conflito, do que son os principais damnificados e, todo o máis, rosman polo baixo, non así os 1.400 traballadores e traballadoras da empresa.

    Maria Xosé Abuín, da CIG, afirma que “o ERE é unha chantaxe coa que pretenden cargarse o actual convenio colectivo para que o novo persoal entre en peores condicións”.

    A loita do persoal desta empresa ven de lonxe, reclamando mellores condicións de traballo e tamén de atención aos pacientes, con folgas senlleiras na sanidade.

    Desde o ano 2010 están a reclamar un novo convenio colectivo, convenio que está paralizado desde aquelas.

    Eva Solla, parlamentaria de En Marea, considera que “non é normal que a empresa estea aducindo perdas e que as súas contas nin sequera sexan públicas”, o primeiro paso para poder presentar un ERE.

    E non son públicas porque, cando presentaron o ERE, aínda non estaban depositadas no Rexistro Mercantil, así que non existe documentación que certifique estas perdas de 42 millóns nas que basean a regulación de emprego.

    Se no 2013 gañaron cartos e ao ano seguinte asinaron un novo convenio coa Xunta, como comezaron decontado a perder diñeiro?

    O que si existen son datos do ano 2013, no que presenta unhas ganancias de 11,8 millóns de euros. Dáse a circunstancia de que Povisa era a empresa máis rendíbel do grupo Nosa Terra XXI, gañando cinco veces máis que a grande navieira Elcano, que, malia a súa dimensión só obtivo 2,2 millóns de beneficios.

    E salta unha pregunta lóxica: se no 2013 gañaron cartos e ao ano seguinte asinaron un novo convenio coa Xunta, suponse que mellorando as condicións, como comezaron decontado a perder diñeiro?

    A voceira de sanidade do BNG, a parlamentaria Montse Prado, afirma que “é magoante que o presidente Feixóo diga que a Xunta non ten que fiscalizar nada, cando a sanidade pública paga cos seus recortes o mantemento dunha empresa privada”.

    Todos ollan cara Feixó

    A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública faille dúas demandas a Xunta: “Non permitir a chantaxe” e que se comprometa a xestionar directamente o hospital no caso de que a empresa non garanta mantemento dos postos de traballo.

    Tamén piden que se realice unha auditoría pública que analice a xestión do diñeiro público entregado a Povisa”e que a Xunta se comprometa “a non entregar un só euro máis entanto non se realice a auditoría”.

    Poucos creen que a Xunta responderá ao xeito.

    Para Pablo Vaamonde, coordenador xeral da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), o presidente galego é un “experto e convencido privatizador. Foi a man que puxo a andar as nefastas Fundacións Sanitarias que logo houbo que rescatar e incorporar ao Sergas, porque estaban en quebra”.

    Pablo Vaamonde afirma que “o traballo destrutivo de Feixó continúa agora: os centros privados ven asegurado o negocio e incrementan de xeito notábel a actividade derivada do Sergas”.

    Povisa só seria un exemplo. Pero hai máis, como o acordo marco cos hospitais privados de A Coruña asinado non hai moito. “Logo de nove anos, a sanidade pública está nunha situación dramática”, conclúe Vaamonde.

    En primeiro plano o Hospital Álvaro Cunqueiro, ao lonxe, no alto, o Hospital do Meixoeiro.

    A propiedade do Álvaro Cunqueiro

    A Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A., é unha unión temporal de empresas (UTE) que forman Acciona (Entrecanales, 43% do capital), Puentes y Calzadas (galega, 23%), Veolia (dona de Altair, socia orixinal, co 17%) e Concesía (17%).

    A UTE é a mesma que realizou a obra do hospital que agora xestiona, nomeando a seu máximo responsábel.

    O contrato co Sergas incluía que a mesma firma se faría cargo durante vinte anos da xestión dos servizos non clínicos do hospital Álvaro Cunqueiro e dos outros da área de Vigo. Por este traballo cobra un canon anual de 68 millóns de euros. Para executala, as empresas constituíron outra UTE: Sociedade Operadora Novo Hospital de Vigo.

    O novo proxecto, co seu modelo de financiamento público-privado, supuxo un incremento tal que pasou dos 450 millóns de euros a 1.400 millóns.

    Un financiamento que foi cuberto polo Sergas que solicitou un crédito de 110 millóns de euros ao Banco Europeo de Investimentos pois a concesionaria non daba atopado financiamento.

    O modelo de contratación, denunciado ante a UE, evitou a fiscalización estipulada na Lei de Contratos do Estado.

    Ademais de reducir as camas nun 31%, o proxecto adaptado tamén reduciu o 55% das camas de urxencias, o 31% dos quirófanos, elimináronse os laboratorios… As distintas superficies, aparcamentos, xardíns, zonas de espera etc, minguaron nun 75%… E até estreitaron as parades e mudaron os zócalos.

    Mentres Povisa anuncia perdas, a UTE do Cunqueiro cada ano gaña máis cartos.

Boletín de novidades

Recibe as novas no teu e-mail


Política de privacidade *