Hospital de Monforte

Servizo público ou negocio. Velaí o debate na sanidade galega, aínda que a Xunta enmascara a realidade. Unha historia e algúns datos explican as razóns da folga en atención primaria que estaba prevista para os días 9, 10 e 11 de abril e foi finalmente desconvocada.

O señor Lamas tivo unha infección de ouriños que o levou ao Hospital de Monforte. Alí botou tres semanas a base de antibióticos até que o estabilizaron. Déronlle a alta un venres pola tarde. No ambulatorio de Chantada non recibiron ningunha comunicación até luns pola mañá, “o que mostra como a medicina hospitalaria e a primaria funcionan unha de costas a outra”, comenta o seu enfermeiro de quenda, Afonso Piñeiro.

O señor Lamas, ten que recibir, durante seis semanas, un antibiótico por vena. O tempo de duración da inxección é de hora e media. Así que o normal era que o incluísen en asistencia extrahospitalaria.  O problema é que o concello de Chantada, ao quedar a máis de 15 minutos en coche do centro hospitalario de Monforte, non ten hospitalización a domicilio. Si o teñen parroquias do Saviñao ou de Pantón que quedan ben máis lonxe. Ante o risco de que contraese unha infección sobrevida no hospital, o médico especialista suxeriulle á familia que alugase un piso preto do hospital comarcal monfortino.

Mais o señor Lamas, con 95 anos, e a súa familia querían voltar para casa. Xa en Chantada, puxéronse en contacto co seu enfermeiro de quenda, Afonso Piñeiro. Estrañado por esa alta e pola falta de comunicación do hospital, decidiu resolver el o problema esa fin de semana.

Logo acordaron no ambulatorio de Chantada proporlle unha solución á xerencia de atención primaria: o enfermeiro de quenda poríalle a inxección todos os días, incluíndo o sábado pola mañá e o domingo, como pola tarde hai un dobre equipo, suministraríanlle desde o PAC o antibiótico necesario. Porque o domingo non pode estar o PAC sen enfermeiros, mentres se despraza, pero si os outros días.

Afonso Piñeiro afirma que “se teimei en realizar este servizo é porque é un dereito do paciente, porque estou en contra da discriminación sexa por onde habitas ou pola extracción social, e porque defendo a sanidade pública”. E pregúntase se fose unha familia “que non me coñecese, que non soubese moverse ou non tivesen medios, como farían?”.

O do señor Lamas non é un caso único. No hospital de Monforte, onde non queren facilitar datos, existen múltiples anuncios que ofertan “pisos preto do Hospital”. O mesmo que nos bares e restaurantes próximos. Pero na Inmobiliaria La Monfortina, dinnos “non ter constancia destes alugamentos”.

O do señor Lamas é un exemplo real do que pasa na sanidade galega, na Atención Primaria. Os ambulatorios non teñen medios e o PP desmantelou as xerencias de Atención Primaria, que se converteron en apéndices dos grandes hospitais que son quen controlan orzamentos e recursos.

A metade do gasto recomendado

O gasto sanitario en atención primaria representa o 13% do total, moi lonxe do 25% recomendado polo Ministerio de Sanidade no acordo estatal e, tamén, do Plan de Mellora do ano 2008 asinado polo goberno bipartito (PSOE-BNG) cos sindicatos e colexios profesionais. Agora é a demanda principal da folga que convocaron para esta semana.

O bipartito situou a Atención Primaria como eixo central do sistema sanitario, cunha aposta clara pola sanidade pública, aumentando os orzamentos, convocando oposicións, aumentando o número de profesionais e de medios ao seu alcance para que dependesen o menos posíbeis dos hospitais de cabeceira.

O bipartito situou a Atención Primaria como eixo central do sistema sanitario, cunha aposta clara pola sanidade pública, aumentando os orzamentos, convocando oposicións, aumentando o número de profesionais e de medios

Ao chegar Núñez Feixó á Xunta, como experto privatizador no sector sanitario, decretou a paralización do Plan Mellora e o desmantelamento das xerencias das áreas sanitarias e a supeditación dos centros de saúde ás xerencias hospitalarias en mans de coñecidos médicos afíns ao PP.

E, pouco a pouco, a sanidade pública foille cedendo paso e orzamento á sanidade privada. O gasto en privatización superou o gasto en persoal en todas as Estruturas de Xestión Integrada, agás en Pontevedra, pola persistencia anómala do Policlínico Povisa, con concerto propio.

Seguindo a dinámica dos últimos anos, o gasto en persoal (44%) perde peso a respecto ao gasto en privatización. Sigue aumentando a partida para o gasto farmacéutico e o orzamento para a prevención e, segundo denuncian os sindicatos ao unísono, “atópase en niveis inaceptábeis”. Só existe unha raquítica partida de 11,5 millóns de euros no ano pasado, o que representa un 0,3% do total.

Son apostas por un modelo sanitario determinado, non “xestión ineficaz” como pode desprenderse dalgunhas declaracións de políticos ou sindicalistas. E ese modelo onde mellor se contempla é nos orzamentos da Xunta, que ten moi pouco que ver coas gabanzas que lle dedica o presidente Feixó a sanidade pública.

A Xunta incrementou en 249 millóns de euros o gasto sanitario no orzamento do ano 2018. O 70% de este incremento (171 millóns) consumiuse en fármacos e privatizacións, e só o 30% (78 millóns) en persoal, malia os grandes recortes dos últimos años. “Isto agravou o círculo vicioso de consumo innecesario de fármacos-incremento de efectos adversos-máis consumo de fármacos”, afirman os médicos de Atención Primaria..

O que din desde a sanidade privada

Para ollar ao xeito o papel da sanidade privada e como vai gañando cada vez máis peso orzamentario, tanto en Galiza como no resto do Estado non hai mellor fonte que acudir aos datos da súa patronal. Así que imos facer aquí un resume do informe que ven de presentar a Fundación IDIS (Instituto para o Desenvolvemento e a Integración da Sanidade Privada).

Nunha década aumentaron nun 16% as consultas na privada, un 20% as operacións e un 25% as probas diagnósticas. Un 15% da poboación ten contratado un seguro médico privado. Moitos pacientes pasan directamente da sanidade pública á privada, tanto aos hospitais coma nos servizos de urxencia.

Nunha década aumentaron nun 16% as consultas na privada, un 20% as operacións e un 25% as probas diagnósticas. Un 15% da poboación ten contratado un seguro médico privado.

Nos dous últimos exercicios o gasto per cápita na sanidade creceu en Galiza aínda que de diferente maneira segundo o diñeiro sexa público ou privado. Así, en 2015 a sanidade pública gastaba 1.393 euros per cápita en Galicia, que baixaron aos 1.360 en 2016 e volveron subir ata os 1.404 en 2017, é dicir, 11 máis en dous anos. Con todo, segundo, segundo o informe do Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (Fundación IDIS), na privada gastábanse en 2015, 519 €/per capita, que aumentaron ata 530 o ano seguinte e volveron aumentar o ano 2017 ata os 546, o que representa 27 € máis.

Segundo os Orzamentos da Xunta de 2018, a partida destinada a asistencia sanitaria con medios alleos, é dicir, privados, contou cun orzamento de algo máis de 205 millóns. Os concertos do Sergas para atención especializada con entidades privadas levaron a maioría do orzamento (67,7 %), seguido dos programas especiais de hemodiálise (11,6 %) e do programa especial de transporte (9,5 %). Esta partida dos Orzamentos evolucionou desde os 213 millóns de 2010, baixando os seguintes exercicios ata os 199 millóns de 2016, para comezar despois a volver aumentar ata 203 en 217 e os 205 de 2018.

De acordo cos datos recolleitos no estudo da Fundación IDIS, que engloba a maioría das empresas sanitarias privadas, en 2018 a sanidade privada en España superou os10,3 millóns de usuarios, entre asegurados e mutualistas, o que supón un incremento do 4,3% respecto ao ano anterior. Ademais, cabe destacar que este crecemento de asegurados de asistencia sanitaria rexístrase en “todas as provincias do país, sen excepción”, subliña Manuel Vilches, Director Xeral da fundación. En termos económicos, o gasto sanitario privado representa o 28,8% do gasto sanitario total. Se se suma o gasto de concertos co gasto sanitario privado alcánzanse os 36.308 millóns de euros, o que representa o 3,3% do PIB. Ademais, os 8,5 millóns de asegurados (sen contar os 1,8 millóns de usuarios do sistema privado no modelo de mutualismo administrativo)””contribúen á descarga e o aforro do sistema público”. As estimacións indican que o aforro por paciente xerado polo seguro privado oscila entre 546 e 1.224 euros ao ano, en función de se o uso é mixto público-privado, ou exclusivamente privado.

As comunidades que máis gastan en sanidade privada en termos proporcionais son Cataluña, cun 49,7 % do total do gasto sanitario no seu territorio; Madrid, cun 42,9 %; Baleares, cun 40,7 % e Canarias, cun 34,5 %. As mesmas catro comunidades están á fronte en gasto público en concertos con centros privados: Cataluña dedícalle o 24,9 % do seu gasto público en sanidade; Madrid, o 10,7 %; Baleares, o 10,4; e Canarias, o 9,3 %. Segundo os últimos datos, de 2016, este sector dispón de o 58% do total dos hospitais e o 32% das camas do noso país e levaron a cabo o 30,9% das intervencións cirúrxicas en España, o 23,7% das altas e o 24,1% das urxencias de todo o territorio nacional. A nivel de actividade e en termos de diagnóstico, nos centros privados realizáronse o 39% do total de resonancias magnéticas, o 17% dos TAC e o 21% dos PET. “Aínda hai capacidade no sector privado”, destacou o doutor Vilches.

E cada vez estanse a quedar con máis torta sanitaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here