Núñez Feixóo no Congreso de Valencia de 2008 do PP. ©Fundación ANT/XC

Alberto Núñez Feixóo non é un calquera. Gañou tres elección e vai pola cuarta lexislatura presidindo a Xunta. Chora cada vez máis e non se desprende da palabra Galicia. Chámano o dos Peares porque naceu alí… Pero quen é realmente Alberte Núñez Feixóo?

Nunca puiden preguntarlle a que o levara a deixar o sindicalismo reivindicativo e entrar na comenencia opusdeiana de X. M. Romay Beccaría. Non puiden facelo porque foi o único presidente da Xunta que non me quixo conceder unha entrevista. Tamén é o único presidente galego co que nunca xantei, nin ceei, nin estiven a soas con el no seu despacho. Así que,poido afirmar que non o coñezo persoalmente. 

Se non lembro mal, só tiven dúas conversas con el. Unha na cadea SER, cando eu estaba alí de paliqueiro, pouco antes de comezar a campaña electoral que o levaría á presidencia da Xunta e outra, moitos anos antes, no 1988, cando era un destacado sindicalista de AFICA (Funcionarios Interinos e Contratados Administrativos). Dérame o seu contacto o dirixente de Esquerda Galega, Carlos Vázquez, afirmando que era partidario de Camilo Nogueira.

Candidatura na que están Feixóo e Carlos Negreira, e táboa de reivindicacións do seu sindicato.

Aínda que non o crean, naquel tempo, desde 1985, cando entra na Xunta de interino, até 1991, que aproba as oposicións, Núñez Feixóo foi un sindicalista moi combativo. Mesmo sufriu a apertura dun expediente informativo pola súa actividade sindical. Un delegado sindical moi comprometido e activo: pechouse en San Caetano e durmiu na moqueta para reivindicar os dereitos dos empregados públicos, convocou folgas, demandou un horario flexible, reclamou transporte de balde até a sé da Xunta, axudas sociais, subidas salariais por riba do IPC, pedía que non se permitise o aceso da policía a San Caetano…  E enviaba cartas ao presidente da Xunta demandando o cesamento de altos cargos, cando o presidente era Fernando González Laxe, candidato ao que afirmaba ter votado.

Núñez Feixóo, arriba á esquerda, con outros membros de AFICA, na fotografía da candidatura.

De boas a primeiras, négase a ir nas listas de Esquerda Galega e comeza a súa carreira política no PP.

Segundo a súa nai, foi daquelas cando decidiu «casar con Galicia». E Galicia, Galicia, Galicia, converteuse na palabra máxica que o levaría ao poder galego que sempre está a abandonar, segundo os seus críticos, pero ao que el se aferra porque chegou a onde nunca matinou que tería chegado.

Por iso eu entendo as súas bágoas, a súa emoción, cada vez que toma de novo posesión como presidente, ou cando no debate parlamentario se refire a Galiza.

Son capaz de asegurar que son froito do sentimento e non dunha performance ensaiada. Se un enxerga a súa nai nas tomas de posesións darase conta non só do orgullosa que está toda a familia de súa carreira política, de a onde chegou, senón do sentimento que a el o embarga por vir de onde ven e estar onde está. A quen non lle pasaría o mesmo?

Son emocións que o honran non só por telas, senón por expresalas.

Non é fácil que alguén, vido das clases populares, poida acadar a presidencia da Xunta co PP, senón que llo preguntaran no seu día a Xosé Cuíña. No interior do partido aniña un profundo clasismo que non impide que usen a persoas vidas das clases populares como reclamo electoral, pero que non se fían deles para ser os que mandan. A dereita española non se entende sen o clasismo franquista, aínda que aquí lles chamen os do birrete. Feixóo coñece como as gastan en Madrid.

Non é fácil que alguén, vido das clases populares, poida acadar a presidencia da Xunta co PP, senón que llo preguntaran a Xosé Cuíña.

A Cuíña falláronlle as lealdades, comezando pola de Manuel Fraga e Núñez Feixóo non sabe doutra lealdade que a da súa propia persoa e a dos seus máis próximos.

O demais, como Xosé Cuíña, é razón do seu enorme vento político.

Hai quen afirma que Núñez Feixóo debe o seu éxito a que é “moi ben mandado”.  Discrepo. O Alberto dos Peares nunca foi ben mandando, non fai falta que o manden. Sabe o que ten que facer antes de que llo digan, sabe con quen ten que estar antes de que os demais saiban quen gaña e, sobre todo, el sabe moi ben quen manda. Só vin outro animal político coma el, Xosé Blanco.

A foto abrazado ao presidente de Iberdrola, Sánchez Galán, na súa primeira toma de posesión, non só é un resume da súa traxectoria vital-familiar, senón toda unha definición do político que é Núñez Feixóo. Sabe a quen arrimarse.

Ao amparo de Romay Beccaría

Por iso, cando Manuel Fraga chega a Galiza e gaña as eleccións co apoio de Paco Vázquez, Alfonso Guerra e Felipe González, que non só torpedean a campaña electoral de González Laxe, senón que lle «ceden» o escano de Ourense que Fraga necesitaba par ser presidente, Núñez Feixóo dáse conta de que imos ter a dereita no poder político en Galiza para moitos anos.

Xa funcionario fixo, logo de aprobar as oposicións, abandona o sindicato AFICA, que gañara as eleccións na sé central da Xunta, cando el fora elixido delegado, e acepta a petición de Romay Beccaría para ocupar o cargo de Secretario Xeral da Consellería de Sanidade.

Soubo onde acubillarse. Romay non só era un dos pesos pesados do PP, senón que fora o cachanchán que, desde dentro, desbaratou as pretensións dun grupo de conselleiros, comandados polo vicepresidente X. L. Barreiro Rivas, para facer dimitir a Xerardo Fernández Albor da presidencia da Xunta, senón que rematou coa carreira política do seu adversario partidario, logrando a súa condena e inhabilitación.

Xosé Manuel Romái Beccaría, mentor do actual presidente da Xunta desde os anos 90. ©Fundación ANT/ X.C

Núñez Feixóo pronto se esqueceu das súas reivindicacións sindicais, daquelas demandas, que me explicara no seu día: «pedimos que lles dean acceso á Función Pública aos interinos e aos contratados administrativos e que se lles asegure a estabilidade nos postos de traballo nas mesmas condicións salariais que os funcionarios”.

Canda el deron o salto ao PP outros dous dirixentes daquel sindicato: Carlos Negreira, que chegaría a ser alcalde de A Coruña e García Borregón, que, como Feixóo, ocuparía varios cargos públicos, sobre todo no Sergas.

Si, porque o hoxe presidente da Xunta , do cargo de Secretario Xeral Técnico, con Romay pasa a ser Secretario Xeral do Sergas. El é o encargado de pór en marcha as primeiras privatizacións de servizos nos hospitais públicos.

E saltaría o seu primeiro escándalo, no hospital Menxueiro de Vigo por terse infectado por Aspergillus  nos quirófanos máis de 120 pacientes, con tres falecidos. Quirófanos que dependían do Medtec, un organismo que Romay e Feixóo puxeron en marcha en Galiza e que, logo, con Romay xa como ministro e Feixóo como Presidente Executivo do Insalud, quixeron exportar a todo o Estado.

Deste posto na sanidade, Núñez Feixóo pasaría a ocupar o cargo de Director Xeral de Correos e Telégrafos, comezando tamén o seu desmantelamento e privatización.

O que moi poucos saben é que, en Madrid, Núñez Feixóo non só ocupou eses postos, senón que foi designado para outros moitos, onde verdadeiramente se fan cartos se estás en política.

O actual presidene da Xunta, no decisivo congreso do PP en Valencia en 2008, uns meses antes de chegar á presidencia da Xunta de Galicia. ©Fundación ANT/XC

Así, formou parte de diversos consellos de administración de empresas públicas: Banco de Crédito Local, Empresa Nacional de Autopistas, Paradores de Turismo de España, Instituto Galego de Medicina Técnica (Medtec), International Post Corporatión, Fábrica Nacional de Moeda e Tímbre e Chronospost Express. Tamén foi membro do Consello Asesor de Telecomunicacións e do Consello Asesor Postal.

Até que no ano 2003 Fraga Iribarne o nomea Conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas.

O seu ascenso en Galiza

Dáse a circunstancia de que Cuiña Crespo estaba enfrontado con Fenosa e Iberdrola ás que lle tiña paralizado máis de medio cento de minicentrais e tamén diversos proxectos eólicos. Explicoumo o propio Cuiña uns meses antes de ser cesado, afirmando que el non ía ceder.  Tamén me dixo que nel non mandaban «as grandes construtoras madrileñas».

Comenteille que lle escoitara dicir a un destes «grandes empresarios» que non ían permitir que Cuíña Crespo fose presidente da Xunta. E aínda lle dixen máis: “e se te fías de Fraga non o vas ser, en Madrid téñeno ben collido”. «Pero eu teño os votos e o partido», retrucoume fachendoso.

Nunca pensou que sería o propio Núñez Feixóo, tan ben relacionado coas eléctricas e as construtoras, o que rematase con Cuiña politicamente.

Xosé Cuíña, cando era todopoderoso secretario do PP galego.

Un día comenteille paseando na cima do Foro, dicía que lugar equidistante entre as nosas respectivas tribos, cando aínda pensaba que ía suceder a Fraga:

– Ti es unha alma cándida, Pepe, debaixo desa faciana de duro e da valentía da que presumides os de Lalín. Mentres ti vas de fronte, outros están a facerche a cama. Non te fíes de Feixóo.

– Feixóo é Romay e Romay non me chega nin para empezar, nunca me deu derrotado –contestoume todo cheo de razón.

Como nunca tratei persoalmente a Alberto Núñez Feixóo só podo falar polos seus feitos, e polo que me dixeron os que o coñecen politicamente.

Cando foi elixido á presidencia da Xunta polo PP,  pregunteille a un ex conselleiro da etapa Albor polas ideas políticas que guiaban ao novo presidente:

– Non as ten. Feixóo é moi listo e sabe moi ben quen manda. E non é que sexan uns amorais en política el e o seu equipo, son perfectamente amorais. Non teñen nada a ver cos de antes.

A mesma pregunta lla fixen outro día xantando a Xosé Luís Baltar.  Só me contestou:

-É coma o seu tío.

Non me quixo dicir máis nada. Mandoume investigar aos Peares. Contáronme que non tiña boa fama, acusábano de ser «un chivato da empresa».

Poida que así se entenda non só a personalidade política de Núñez Feixóo, senón tamén o efusivo abrazo que se dá co Presidente de Iberdrola na súa primeira toma de posesión como presidente. Era máis ca unha declaración de intencións. Situara a súa familia onde nunca pensara.

É lóxico que a emoción o embargue ao falar de Galiza, pero tamén sabe moi ben a quen serve.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here