A música rock en Galiza non se entende sen o Manifesto de Viana. Alí tomou carta de natureza o Bravú que aínda segue a dar tralla. Houbo un antes, certamente, é un despois, e non foi casualidade que ese manifesto se elaborase e se dese a coñecer en Chantada. Un concello que con oito mil habitantes conta con máis de 600 músicos e con agrupacións máis que centenarias. E, no mundo da música rock só ten un rival, Cerceda.

Foi aquel memorábel primeiro de novembro de 1994 o día que marcou un antes e un despois. Alí, na taberna do Caballero, os míticos Rastreros (grupo encargado de pór a banda sonora da miña infancia) xunto cos Diplomáticos de Monte-alto, os Skornabois e varias bandas máis, cimentaron os alicerces de grande parte da música en galego da época. Foi aquel día que se asinou o Manifesto de Viana, ou noutras palabras, o día en que naceu o tan noso ‘Rock Bravú’.

Achegámonos a tasca ‘O Sistema’ na parroquia de San Pedro de Viana para coñecer de primeira man como foi aquel histórico día. O seu dono, Xosé Moure, o inmortal Caballero, ou Pepe, así a secas, deunos información como para elaborar toda unha tese acerca do acontecido aquel día. 

«O que non se pode é perder as raíces», repetía mentres lle daba grolos ao café e relataba as historias e anécdotas que alí aconteceron ao longo dos anos. Describía con moito cariño como os grupos que alí se xuntaron aquel día de 1994 «traían moitísimas ganas de tocar». Celebrábase a segunda edición do xa histórico Castañazo Rock, e o Caballero era o encargado de lles dar o xantar e de lles proporcionar un lugar para os ensaios: «Viñan aquí xa de mañá, xantaban, tomaban uns ‘chupitos’ e despois baixaban a Chantada tocar». Iso seguiu acontecendo durante catro ou cinco anos máis ata que a organización decidiu trasladar todo, por motivos loxísticos, á vila, algo que o Caballero recorda con certa pena. Hoxe en día, o dono do ‘Sistema Made in Viana’, dedícase á venda de produtos cárnicos, sendo estes dos máis coñecidos tanto dentro como fóra do país pola súa alta calidade.  

Os Rastreros como catalizadores.

Se falamos do “Manifesto de Viana”, hai que falar do que é, sen dúbida, o grupo máis histórico con que contamos en Chantada: ‘Os Rastreros’. Eles estaban alí, eles viron como todo naceu e eles foron dos primeiros que decidiron facer música do país para o país. 

Heléctrico, vocalista do grupo, explícanos como naceron os Rastreros, e como o máis difícil foi a parte económica: «Se es un neno de papá e tes pasta, cómpranche unha guitarra, se tes que buscarte a vida é moito máis complicado». Cre tamén, a respecto do panorama musical en Chantada, que hai moi boa canteira na Escola de Música e eloxia o gran labor que fai o Castañazo Rock para a música na vila. Xa falando sobre o apoio institucional, o Heléctrico pensa que non debe xogar un papel primordial: «Non creo que o apoio institucional deba ser o alimento da cultura, porque iso dá pé a que non queiras morder a man que che dá de comer». Con todo, si que pensa que hai carencias desde as institucións: «O que si boto en falta son unhas instalacións en Chantada onde poder facer actos públicos como o Castañazo, que hai que facelo no mercado gandeiro e iso supón un problema impresionante de son». Cando falamos dos Rastreros, non debemos vacilar nin un segundo acerca do papel que xogaron para a música en galego. Foron dos primeiros en decidirse a facelo e foron, polo tanto, os encargados de compor a banda sonora da infancia de varias xeracións de chantadeses e chantadesas (entre elas a miña, por exemplo) con cancións míticas como «O sacristán de Basán» que se podía escoitar no Xabarín Club da TVG, «A vida de Xan» ou «Tratorada». 

Os corridos de Liviao de Marrao

Continuando co Rock Bravú, toca falar doutra banda xa histórica no panorama musical chantadés: ‘Liviao de Marrao’. Van xa 10 anos desde o nacemento deste grupo que naceu «de carallada» en palabras do seu vocalista Antom Fente. Pouco tardou a ‘carallada’ en se converter nalgo cada vez máis grande e máis serio. Aos poucos fóronse engadindo máis e máis compoñentes ao grupo que hoxe conta con 9 integrantes. Lamenta Antom Fente a falta de axudas que tiveron cando decidiron comezar co grupo, con todo, destaca o impulso que supuxo para eles o feito de poder tocar en festivais como o Castañazo Rock ou Pardiñas, festivais estes que segundo as súas palabras: «apostan pola música do país e por dar a coñecer as bandas que van emerxendo».

 A respecto da conxuntura actual, salienta a situación de precariedade que sofren as bandas que traballan con estilos musicais como o seu e subliña que «non se aposta moito institucionalmente pola música en galego». Con todo, tamén hai lugar para a autocrítica; segundo el «fai falta unha maior autoorganización das propias bandas, tamén hai que ser autocríticos. Non podemos esperar a que a administración ou terceiros nos solucionen a papeleta». 

Sen dúbida, os Liviao de Marrao son unha das bandas máis senlleiras na historia do rock bravú e da música chantadesa con cancións míticas como «Narco-Corrido Ribeirao», «Viana Manifest» ou «Rock Liviao». 

O pop electrónico

Quenda agora para ‘Fábrica de Espejos’ e o seu pop con bases electrónicas. Fábrica de Espejos ten sido unha das bandas máis activas nos últimos anos en Chantada. Antes da chegada da Covid-19, non era raro velos en directo na vila e gozar da súa música. Falei con Isaac, un dos membros do grupo que, a respecto do nacemento da banda, coméntanos que o primeiro encontro entre as persoas integrantes do grupo se produciu «de forma casual e inesperada». Para el, o feito de crear unha banda en Chantada non quita valor, máis ben todo o contrario: «O proceso de maduración lenta que permite a vida na vila é un valor engadido». No referente ao panorama musical actual na vila do Asma, Isaac destaca o seguinte: «Por sorte, no noso pobo conviven multitude de agrupacións con propostas musicais de todo tipo». Tamén salienta a necesidade de crear unha rede de cooperación entre concellos para dinamizar proxectos musicais da zona: «Non se trata só de que os grupos de Chantada toquen en Chantada e os de Monterroso en Monterroso, senón de posibilitar a creación dun tecido cultural común que nos conecte a todos». Hai que manter un ollo ben cerca desta banda, non convén perderlles a pista xa que teñen previsto sacar un disco máis cedo do que tarde, chamarase «Mundo Incierto». 

Terror Erótico, tecnopop repelente

Continuamos neste tour  e a seguinte parada é Terror Erótico Adolescente. Tres son os membros que integran este grupo que se dedica a facer, nas súas palabras, «Tecnopop repelente». Comezaron coa banda xa hai tempo e baixo un nome diferente: ‘Señor Metapod’ que despois dun tempo evolucionou ao nome actual. Cando decidiron comezar eran «uns pipiolos que tiñan a ilusión de formar un grupo». Non é unha sorpresa para ninguén dicir que comezar un grupo desde cero é difícil, para eles o máis complicado é «ter un lugar ou local cos medios necesarios para poder ensaiar todos xuntos». Con todo, Desde Terror Erótico Adolescente, cren que o máis importante é atreverse e dar o paso de facer música. No relativo ao panorama musical en Chantada, comentan que cada vez hai máis produción musical, de todos os xeitos non o consideran suficiente: «Cada vez somos máis, aínda que nos parece que é algo escaso, hai cantidade de músicos e artistas que viven nas sombras». No que ten a ver co apoio institucional, explican que, a pesar de que si existe hai traballo por facer: «Sería xenial poder contar con algún organismo que se involucrase realmente cos grupos. Ter un apoio para crecer e darse a coñecer». Atentas e atentos a este grupo, poden dar moito que falar!

De Zaquín para o mundo

Seguinte parada! Tócalle ao rock alternativo dos ‘Gancho Sanches’. Esta banda integrada por tres rapaces tivo o seu local de ensaio no barrio chantadés de Zaquín, lugar onde lle deron forma ao seu último disco que recibe o mesmo nome que o propio barrio. 

Falamos con Iván, batería da banda, quen se refire as dificultades que supón formar un grupo: «O máis complicado sempre foi cadrar os horarios, xa que ao non ser ningún de nós músico profesional, tiñamos que ensaiar nos días libres do traballo». A pesar de todos os atrancos, conseguiron saír adiante: «[…] logramos adaptarnos e traballar moito a base de maquetas online e sacamos adiante o disco que nos fixo moitísima ilusión poder publicar». 

Na altura en que Gancho Sanches se creou, os seus tres integrantes estaban a vivir en Barcelona, polo cal, coñecen ben as diferenzas que existen entre facer música nunha vila como Chantada a facela nunha grande cidade. Iván considera que ambos casos teñen as súas vantaxes e inconvenientes, mais que, ao fin, as complicacións acaban por ser semellantes: «[…] penso que nos foi igual de complicado en ambas situacións». No tocante ao panorama musical en Chantada, Iván cre que a tradición musical é moi extensa e resalta a cantidade de xente que, hoxe en día fai música na vila: «Paréceme un patrimonio cultural enorme que tanta xente sexa capaz de tocar un instrumento e, indubidabelmente, iso fai que se creen todo tipo de agrupacións musicais». O apoio institucional pode ser vital para a supervivencia de moitas bandas e, segundo Iván «a nivel institucional estamos, en xeral, moi lonxe do que eu considero unha xestión digna da cultura […] O modelo de macrofestivais dopados con cartos públicos paréceme un erro». De todos os xeitos, hai lugar para a esperanza: «Agardo que poidamos seguir desfrutando das bandas locais e concertos de estilos diversos». 

O rap de Tiam Gz

O rap tamén presente

«Hai que ir indo» que diría algún, mais antes de acabar este artigo debemos de  facer unha pequena referencia ao grupo a que pertenzo, o ‘TIAM Gz’. Comezou todo hai cousa de dous anos e medio cando, dun día para outro, decidimos comprar un micro e gravar unhas letras que tiñamos escritas sobre bases de rap. Foi pasando o tempo, gravamos máis cancións, filmamos algúns videoclips, demos algunhas actuacións ao vivo e chegamos até o día de hoxe. Na actualidade continuamos a traballar e temos algúns proxectos pendentes que estamos a levar a cabo. Se vos gusta o rap combativo, en galego e feito na casa, igual che interesa darnos unha escoitada, eu non digo nada… 

Un sector da música moitas veces esquecido é o das charangas. Chantada conta cunha das máis importantes, a ‘Unión Phenosa’. Un dos seus integrantes é Roberto Varela, máis coñecido na vila polo seu alcume: ‘Bimbo’. Cando lle preguntamos a respecto do nacemento da charanga comentounos que non é tan fácil como moita xente cre: «Leva moito traballo, moitos ensaios e moitas horas comezar algo así». Coas charangas en concreto, a perspectiva social sobre a actividade musical parece mudar, hai grandes sectores de populación que o ven máis como un divertimento do que como unha actividade que require un esforzo. 

A respecto disto, o señor Bimbo di o seguinte: «Obviamente o que queremos é que a xente o pase ben, que se divirta e que estea contenta coas nosas actuacións, pero tamén queremos que o noso traballo sexa recompensado». Se falamos do papel das institucións, salienta: «Agradeceríase moito que os concellos puxesen da súa parte para contratar a conxuntos como o noso […] O apoio non ten nin por que ser económico, hai moitas outras axudas que as institucións poden proporcionar, como por exemplo facilitar locais de ensaio». Sempre é agradábel asistir a unha festa e que haxa unha charanga a amenizar as celebracións, e na comarca de Chantada contamos cunha das mellores. Longa vida á Unión Phenosa! 

Como último apunte, sei que deixo algunhas agrupacións polo camiño, mais a produción musical en Chantada é tal que para contactar con todas as persoas que fan música precisaría anos. Algúns destes grupos, como ‘As Searas’, o grupo de gaitas ‘Os Barrios’, as ‘Chorimas & Toxos’ ou as ‘Punkiereteiras’ merecen unha análise máis en profundidade. E como non, a Coral Polifónica, coñecida en toda Galiza que mesmo acolleu no seu día a Andrés Dobarro. 

A banda como canteira musical

Para falarmos sobre a música en Chantada na actualidade, é preciso que falemos da Banda de Música de Chantada. O actual presidente, Luís Miguel Crespo, ilústranos coa súa historia: “A Banda de Música de Chantada foi fundada en 1865, algo que a converte nunha das máis antigas da Galiza. Os fundadores foron Manuel e Antonio Fernández (os compositores da máis que popular Muiñeira de Chantada)”. 

A pesar dos obstáculos no camiño, nunca deixou de haber banda de música en Chantada para realizar o seu labor: amenizar festas, eventos e diferentes celebracións. Actualmente, a banda conta con 43 integrantes e, en ocasións, compaxinar o día a día con ensaios e concertos non é tarefa fácil que se diga. «Ás veces é complicado contar con todo o mundo» comenta Luís Miguel que tamén subliña:

«Esta é unha actividade que facemos porque nos gusta. A situación da banda no relativo a actuacións é mellorábel. As festas populares en que se conte coa banda por esta nosa zona son moi poucas. Non é o máis habitual que as comisións chamen a unha banda, sabemos que todo vai cara as orquestras», lamenta o presidente. 

A pandemia da Covid-19 afectou tremendamente a Banda de Chantada en todos os sentidos, mesmo para os ensaios, debido a que é preciso manter un metro e medio de distancia entre cada integrante, así como cumprir os protocolos de desinfección e o uso de máscaras mentres non se está a ensaiar.

Moita xente que hoxe está noutros grupos, aprendeu a tocar na banda, o que lle dá unha calidade musical que non teñen grupos doutra parte, por non falar dos grandes profesionais que inzan as orquestras populares e sinfónicas, desde París a Compostela, desde Zaragoza a Valencia, pasando por Madrid e aínda Viena.

    

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here