A manifestación foi bloqueada pola policia na Praza de Galicia o Día da Patria de 1983 e provocou unha sentada de case 5 horas antes das cargas policiais. ©X.C./Fundación A Nosa Terra

Para moitos nacionalistas a manifestación do 25 de xullo en Compostela, e o seu remate na praza da Quintana, converteuse nun ritual laico. Algúns van dereitos a praza, sen realizar o percorrido, outros xa non entran. Pero non sempre foi así.

O dereito a manifestarse en Compostela, e o de entrar na parte histórica, tiveron que gañalo os nacionalistas  a pulso e a paus.

No 1978 as forzas autonomistas convocaban unha manifestación que remataba na praza do Obradoiro. Os nacionalistas remataban na praza da Quintana, superándoos en manifestantes.

Ao ano seguinte, 1979, os partidos estatais xa non festexaron en Compostela o Día de Galicia, mentres que a manifestación do Bloque desbordaba a capacidade da Quintana.

En 1980 produciuse a primeira proibición de entrar no casco vello compostelán despois de dous anos consecutivos sen problemas.

No 1980, xa lle prohibirían os nacionalistas a entrada no casco histórico, cunha toma policial de Santiago sen precedentes. E así continuou até 1983, cando se remataba na praza de Galicia ante a imposibilidade de entrar de xeito legal, pero axiña se sucedían as manifestacións no interior da cidade antiga, os saltos, os berros, as cargas e as detencións. 

Paralelamente comezara unha campaña para convencer á opinión pública que a manifestación nacionalista prexudicaba o turismo e a imaxe de Santiago, que debe de ser de todos, como o 25 de xullo, que era o Patrón de España.

Os nacionalistas respostaban cun lema, “non renunciamos á patria galega”, e afirmando que, ao non poder desnaturalizar a data, tentaban prohibila pola forza. Mesmo detiñan a xente na praza do Obradoiro por levar adhesivos do Bloque.

O golpe de Estado mudou moitas cousas

As formacións autonomistas esqueceron celebrar a data e os medios de comunicación teimaron en resaltar a Ofrenda ao Apóstolo como un grande acto central, cando o certo foi que viña decaendo na súa propia idiosincrasia pouco acorde cos tempos democráticos.

O golpe de estado do 23 de febreiro de 1981 mudou moitas cousas. O punto álxido da presión do Estado español aos nacionalistas galegos e o intento de expulsar o Día da Patria extramuros da cidade vella de Compostela, hai que situalo no ano 1983. Foi o ano do desmantelamento da industria naval, das grandes manifestacións e das folgas xerais e co PSOE no Goberno central e no de Compostela, con Xerardo Estévez, ex militante do PSG, como alcalde, que puxo á policía local ao servizo da represión, adicándose a arrancar os carteis, pancartas e bandeiras nacionalistas.

Ao ano seguinte, as xentes do BNG regresaron á Quintana e atópanse tan a gusto que esqueceron a reivindicación doutrora de rematar a marcha anual na praza do Obradoiro.

Portada do número que deu conta da xornada do 25 de xullo de 1983.

As consignas máis coreadas naquel 1983 pola manifestación, que saíu da Alameda compostelá, eran ademais da clásica de “Galicia Ceibe, poder popular”, “Non a OTAN, soberanía nacional”; “Non. non, non, á nuclearización;”Non á represión, liberdade de expresión; “Lei antiterrorista, lei fascista” ; “Fraga, Felipe, Albor, a nova inquisición”, “Aborto libre, a muller decide”…

A manifestación, segundo ordenara o Gobernador Civil tería que dar a volta nunha praza de Galicia en obras e retornar a onde partira, na vez de entrar no casco antigo.

Mais os nacionalistas estaban dispostos a chegar ata Quintana tal e como solicitaran.

Cinco horas na Praza de Galicia

Iso pretendían, pero unha cousa era dicilo e outra logralo. Cando chegaron á Porta da Mámoa, atopáronse cunha compañía antidisturbios chegada desde Valladolid. A cabeza da manifestación fixo un intento de traspasar o cordón policial, pero foron repelidos coas mocas e a pancadas aos xeonllos dos manifestantes. Ante forzas tan desiguais non era cousa de intentalo de novo, pensaron os dirixentes nacionalistas.

Sentada na Praza de Galicia, pouco antes das 18,12 en que se produciu a carga policial o Día da Patria de 1983. ©X.C./Fundación A Nosa Terra

Logo dun tempo de tenso fite entre mandos policiais e a cabeza da manifestación, a dirección nacionalista decidiu instalar na mesma praza unha tarima e un servizo de megafonía. Alí realizáronse as intervencións que ían ter lugar ao remate da manifestación.

Presentados por Xosé Agrelo Hermo, primeiramente Xesús Veiga deu lectura dun comunicado conxunto do MCG (Movemento Comunista de Galicia) e LCR (Liga Comunista Revolucionaria), que se referiu a que “a sombra de Gómez Aguerre é moi longa. Aquel gobernador Civil da UCD está a facer agora carreira política no PSOE”. [Aguerre fora gobernador da Coruña cando comezou a probición e era en 1983 alto cargo no ministerio do Interior].

A continuación, en representación do BNG, falou Francisco Carballo, que entre outras consideracións atacou duramente ao PSOE “que quere afortalar o capitalismo, baixo o cal non pode haber liberdade, nin paz, nin xustiza…”

Ao rematar a intervención de Carballo, tomou o micrófono Francisco Rodríguez para pedirlle á xente que sentase e non abandonase a praza, que pronto chegaría comida e bebida para todos.

Así foi. A sentada seguiu até as 18,12 horas, entre berros, música e cancións. Tamén baixo a choiva que se convidou ela soa, como tantos 25 de xullo en Compostela.

A crónica de A Nosa Terra o 25 de xullo de 1983, daba conta do momento en que se produciu a carga policial logo dunha xornada pacífica.

Comeza a guerra

Despois de máis de cinco horas de sentada, ás 18,12 comezou a “guerra”. Logo de pequenos amagos de incidentes por parte dalgún policía que se mostraba visibelmente agresivo e prepotente, un dos manifestantes, mentres se coreaba “ea, ea, ea, a policía se cabrea”, pasoulle unha bandeira polo casco a un deses policías, por encima do servizo de orde que estaba separando a policías e manifestantes.

Casquillo da munición empregada na carga policial.

O policía non resistiu e abalanzouse contra do servizo de orde, porra na man, golpeando de cacho para testo. Detrás seguírono todos malia a oposición de dous tenentes que, cos brazos abertos, pretendía impedir a liorta.

A carga ía con saña. Alí levou todo o mundo: rapaces, vellos, embarazadas, xornalistas… Arrombaron coa megafonía, mallando na xente que caía ao chan, algunhas veces, entre catro na mesma persoa.

Até se deu o caso que algún policía, alarmado, foi axudar a erguer a algúns dos que estiveran mallando no chan.

Utilizaron pelotas de goma e balas de plástico. Os manifestantes defendíanse con botellas e algunhas pedras.

Nesta primeira carga producíronse máis de 20 feridos, algúns de consideración, como no caso de Alberte Blanco, cun cóbado quebrado.

Crónica de A Nosa Terra o 25 de xullo de 1983.

Cando na Praza de Galicia só ficaba xente tombada ou feridos que non puideran escapar, a policía, presa non se sabe de que espírito febril, comezou a rachar con asañamento as pancartas e todo símbolo nacionalista que se atopaban ao seu paso, moitos deles colocados nos xardíns.

Seguidamente dedicáronse a entrar nos bares e, alí mesmo, aporrear na xente, sen preguntar. Nun deses barres cargaron tres contra un señor maior, un vasco con chapela, pero que non tiña nada que ver coa manifestación.

No café Derby entraron, porra en man, actitude ameazante dicindo, “os alborotadores e os que non teñan a conciencia tranquila que saian”.

E como non saíron, detiveron a dúas persoas.

Tamén foi detido un fotógrafo, ao que lle romperon a cámara e lle pegaron.

Quen isto escribe, logo de identificarse como xornalista a dous números da policía e ao brigada, foi retido, logo ceibado, volto e reter e, por último, o mesmo Brigada mandaría cargar contra del e máis outro compañeiro,.

A carga na Praza de Galicia o Día da Patria de 1983 comezou as 18,12 h. ©X.C./Fundación A Nosa Terra

As cargas policiais continuaron pola parte nova de Compostela, cara onde escaparan os manifestantes que levantaban barricadas con caixas e coches.

Tamén collían pedras das obras. Unha destas alcanzou a un policía. Colleuna e gardouna.

A policía disparaba bolas de goma, amarelas, e balas de plástico, verdes, directamente contra dos manifestantes.

Un dos momentos de maior tensión produciuse cando a policía cargou na Alameda, co recinto festeiro cheo de persoas maiores e nenos.

Xeonllo en terra, dous policías disparaban pelotas de goma por entre a xente.

Vítimas das cargas policiais foron atendidas en centros hospitalarios máis de 50 persoas. Tamén foron detidas outras 33, das que sete permaneceron en dependencias policiais até o 26 ás 21 horas, cando foron postas en liberdade logo de prestar declaración. 

O rei deixa as cousas claras

Sorprendera, e non só nos círculos do nacionalismo, a brutal carga policial, sobre todo cando o gobernador era Domingo Ferreiro, un socialista tido por home dialogante.

En todo momento defendeu a actuación policial afirmando que “estaba en xogo a seguridade e a liberdade dos cidadáns”.  Tamén afirmaba o Gobernador que os manifestantes so eran 300 persoas.

Desde o BNG contestábanlle que os manifestantes nunca puxeron en perigo nin a convivencia, nin os bens, nin as persoas. Preguntábanse tamén se eles só eran 300, para que quería o gobernador 400 policías.

A manifestación foi bloqueada pola policia na Praza de Galicia o Día da Patria de 1983. ©X.C./Fundación A Nosa Terra

Por outra banda, o propio Domingo Ferreiro comentaría que el nunca mandou cargar e que todo obedeceu a que a policía non puido coa tensión e coa fame e se lles foi das mans aos propios mandos.

Pero, segundo nos comentaba un policía galego que viña de Valladolid, todos estes anos a rutina era igual. Acuartelábanos ás sete da mañá, hora que almorzaban. Logo, até que todo rematase, non podían comer nin beber.

El afirmaba que todo era a man tenta para aumentar a súa tensión cando deran orde de cargar ou de reprimir aos manifestantes.

O Gobernador tamén dicía non saber nada deste xeito de actuar dos mandos policiais.

Pero as que estaban claras eran as directrices políticas: nación só existe unha, a española e o 25 de Xullo é o día de Santiago, patrón de España, única e indivisíbel. Se alguén tiña dúbidas abondaríalle con escoitar o discurso pronunciado ese mesmo ano 1983 por Xoán Carlos de Borbón na catedral.

Na ofrenda ao apostol, á que o Rei chegou contrariado, e foi das mías política das que tiña pronunciadom afirmou “honremos a bandeira de España, que é a representación da nosa unidade e depósito da nosa historia”.

A ofrenda máis política das que tiña pronunciado e das que pronunciaría despois nesa data e nese templo, propoñendo un auténtico programa de goberno.

“Síntome profundamente en España”, afirmou, para seguir deixando claro que “Galiza é un piar fundamental da patria que nos une” e pedíndolle ao apóstolo Santiago axuda para “que honremos a bandeira de España, que é a representación da nosa unidade e depósito da nosa historia”.  Viñera aquel ano enfadado Xoán Carlos I de España. Non tiña pensado vir e debera mudar de plans.

Liorta na Xunta

O motivo non era outro que a negativa da Xunta de Galicia a asistir á ofrenda pois, na contra de nomear ao presidente Xerardo Fernández Albor como delegado rexio, fixérao na persoa de Domingos García Sabell, delegado do Goberno central na Galiza, logo que este llo pedise ao rei e ao mesmo Felipe González, nunha entrevista días antes na Moncloa.

O vicepresidente económico, Carlos Mella, convocou unha rolda de prensa na que afirmou que “con todos os respectos, a Casa Real cometeu un erro”.

A Xunta xa estaba amolada porque no peche da Porta Santa, na vez do presidente da Xunta, o delegado rexio fora o Ministro de Xustiza. O Goberno galego non acudiría ao acto.

Tanto a Xunta como Fraga Iribarne saíron afirmando que as declaracións de Carlos Mella  eran a título persoal, aínda que foran abenzoadas por todo o Goberno autónomo e polo propio Fraga Iribarne.

O rei chamaríaos á orde no propio discurso ao afirmar que “hai moito que facer para perder o tempo en minúsculas regueifas”.

Aquel ano 1983 os nacionalistas venceron e conseguiron a liberdade de entrar, de novo, no casco antigo.

Pero o que se estaba a propiciar por aqueles días desde Alianza Popular era un distanciamento entre Fernández Albor, que viña de ocupar o cargo de presidente con AP e os seus amigos de Realidade Galega que, aínda que desaparecida oficialmente, seguín tecendo moitos fíos na política galega.

Desde AP, enfrontando a Albor e García Sabell, tentaban que o presidente galego respondera ante Fraga e ante ninguén máis.

Carlos Mella anunciaba que a Xunta ía ser “moito máis virulenta con Madrid” e os nacionalistas criticaban que os únicos conflitos eran por “festas e protocolo”.

Mais aquel ano 1983 os nacionalistas venceron e conseguiron a liberdade de entrar, de novo, no casco antigo. Ao ano seguinte, no que tivo lugar o polémico traslado dos restos de Castelao desde Arxentina, acompañaríanos centos de retratos de Castelao até a Quintana, nunha das manifestacións máis multitudinarias.

1 comentario

  1. lembrar, porque non figura no texto (tampouco no que publicou ANT no seu día) que no meu caso a policia machacoume duas costelas na alameda de Compostela, despois de que dispersaran a manifestación na praza de Galiza, Por este motivo estiven de baixa varias semanas escaiolado. Por certo, se non lembro mal era o responsabel do servizo de orde do BNG. Manuel Mera.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here