Reunión na cuberta durante a toma do Santa María polos militantes do DRIL.

En xaneiro de 1961 os xornais, as radios e as tv do mundo botaron case tres semanas pendentes dun barco con 1000 persoas, tomado no Atlántico por dúas dúcias de militantes do DRI que enfrentaban as ditaduras de Franco e Salazar, baixo a dirección de dous galegos e un portugués: Xosé Velo, o comandante Soutomaior e Henrique Galvão. En 1992, o fillo de Soutomaior, o fotógrafo Federico Fernández (falecido en 2014), participou na Fotobienal de Vigo, e como parte daquel comando debullou aqueles días frenéticos de hai sesenta anos. 

Federico Fernández, frecoñecido fotógrafo, faleceu en 2014,

Federico Fernández é un dos fotógrafos que pendura parte do seu traballo na Fotobienal adicada a Latinoamérica. A súa obra ten acadado diversos premios en Venezuela, o seu país de adopción, e participa nos Coloquios Latinoamericanos de Fotografía de México e Cuba. Federico Fernández é fillo do Comandante Soutomaior, un dos protagonistas co galego Xosé Velo e o portugués Henrique. Galvão, da toma do barco Santa María, nunha acción contra as ditaduras de Franco e Salazar realizada en Xaneiro de 1961. O propio Federico Fernández, con só 21 anos, tamén estaba entre as dúas ducias de activistas que acompañaban aos tres dirixentes galego-portugueses. 

O asalto ao Santa María, pronto rebautizado como Santa Liberdade, foi unha acción que sendo de grande importancia histórica na loita contra as ditaduras que asolaron durante décadas aos países ibéricos, menos atención se lle ten prestado nos últimos anos, constituíndo un fito máis da desmemoria colectiva que se impuxo como consecuencia da asonada franquista. A epopea que durante catorce dias concitou nas augas do Océano Atlántico a atención mundial, tivo como protagonistas de primeiro orde a un nacionalista galego de profundas conviccións, Xosé Velo Mosquera, e a Xosé Fernández Vázquez, o Comandante Soutomaior, un galego comunista, xunto co militar portugués anti-salazarista Henrique Galvão. Pouco tempo antes, en círculos republicanos e de exilados españois e portugueses de Venezuela, en contacto coa península, organizárase o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), que protagonizou diversas accións en Madrid, pero que foi coñecido mundialmente co secuestro do paquebote portugués Santa María. 

«Surxira a idea de facer un movemento ibérico contra as ditaduras de Franco e Salazar, e organízase o DRIL desde Venezuela. Non sei á perfección o surximento da idea do secuestro do Santa María [Galvão fala no seu libro O assalto ao Santa Maria da coincidencia de dúas operacións ideadas por el e polo Comandante Soutomaior e Xosé Velo], pero coсñézoo cando comezo a participar en reunións do DRIL, moitas das cales se facían en casa de meu pai

«No plano ideal tratábase de tomar unha nave á súa saída dos Estados Unidos, a meio de duascentas persoas co armamento máis moderno. O destino sería ir a unha illa portuguesa na África, tomala militarmente e declarala territorio liberado, en contacto co movemento guerrilleiro de Angola e Mozambique. Esa era a idea primeira. 

«Meu pai estudaba moito a cuestión legal para evitar unha acusación formal de piratería, que obrigaría a calquera nación a abordar o barco e restaurar a orde en altamar.  Como impedir iso? Aí surxe a idea de vincular a Galvão, que fora Gobernador Militar en Angola, e estaba exiliado en América, xunto ao xeneral Humberto Delgado, que gañara unhas eleccións non recoñecidas por Salazar. Un ou outro eran as persoas que permitían internacionalmente darlle unhas características políticas inequívocas á toma do barco, e safarse da acusación de delito común. 

«Xosé Velo e meu pai, chegan a acordos con Galvão, e este consegue un apoio tácito do político brasileiro Jano Quadros, que despois ia ser eleito presidente do Brasil e xogar un importante papel na solución final da toma do Santa Maria». 

Unha acción política 

«Galvão pasou a ser a figura representativa do movemento en termos da súa relevancia internacional, pero no intelectual Xosé Velo Mosquera, que tomou o nome de Xunqueira de Ambia e así se refire Galváo a el, e meu pai, Xosé Fernández Vázquez, que escolleu o de Comandante Soutomaior, no organizativo, forman un triunvirato que é realmente o protagonista colectivo de todo o proceso. 

«Formaban un triunvirato, e precisamente Galvão é o único que non emprega seudónimo porque debe server de lexitimidor internacional de que se trataba dunha acción política. Non hai que esquecer que o secuestro do Santa Mara era a primeira acción deste tipo que se realizaba, e abría o paso á lexitimación política de accións semellantes. 

«O resto dos que participamos directamente no barco, galegos, españois e portugueses, eramos xente moza ou que participaran na guerra civil e con vontade de loitar contra o fascismo.  Víctor e eu, fillos de Velo e Soutomaior, estábamos tamén no barco. Eu non tiña especiais preocupacións políticas, e a miña presenza, con vinteún anos, era case polo vencello familia. Non podería afirmar o mesmo no caso de Víctor, que sendo máis novo tiña maior interese na actividade política. 

«A idea inicial fórase modificando moito durante os preparativos, tamén por problemas de loxística. Finalmente embarcamos no Santa Maria duas ducias de homes, dos que só 14 estaban armados, dunha maneira bastante rudimentaria produto de doazóns. As armas no Santa Maria parecían case de un museo». 

Disensións en alta mar 

«A maioría dos asaltantes entramos no barco na súa escala en La Guaira, pero Galvão e unha espwcie de gardacostas fixérono en Curação. Xa dentro do barco houbo unha mudanza de plans, que resolveron finalmente entre os tres mandos da operación. As relacións con Galvão xa viñan tensas de atrás, tamén por motivos ideolóxicos. Meu pai era comunista, Xosé Velo Mosquera nacionalista galego e Galvão declarábase católico e liberal.  Ademais en Caracas dáse un caso que nunca se rematou de aclarar, referido a unha muller ligada a Galvão e da que chegaron noticias que pertencía á CIA e podía botar os plans abaixo. Os non portugueses esixíronlle a Galvão que a deixara e toda esa tensión explotou no barco.  Algúns dos máis violentos do grupo, xa no Santa Maria, falaban de matar a Galvão. Faltou pouco para que remataran a tiros. Entre os tres resolvérono, modificando a operación:  Jânio Quadros gañara as eleccións no Brasil e tomouse a decisión de enviar o barco cara aquel país e xa dentro, finalizada a acción agora especialmente de propaganda, incrementar a forza do DRIL, conseguir que xermolara». 

Xosé Velo.

Se nun principio se tiña previsto facer a operación sen ter localizado o barco, durante o asalto morre un oficial e hai dous feridos, un deles grave. Deciden desviar o barco para enviar a terra aos feridos, co que se facilita a localización da nave, «pese a que meu pai, que gobernaba as manobras e o rumo do barco, estabelecera un sistema que mesmo podía mantelo relativamente afastado de calquera perseguidor durante tres días. Nesa altura a acción era cualificada de pirata, pero hai unha discusión en organismos internacionais de Xenebra que finalmente resolve que se trata dunha acción política». 

Catorce dias de rota 

«O plan de como organizar internamente a bordo dun barco que levaba perto de mil persoas estaba moi pormenorizado: que relacións estabelecer cos pasaxeiros nas diferentes clases, como artellar a xerarquia cos tripulantes, e un longo etcétera de previsións. Débese ter en canta que nós só eramos vintecatro e non todos armados.

«A vida a bordo durante a meirande parte dos catorce días que durou a toma do barco foi bastante normal e mesmo houbo quen falou de organizar aos simpatizantes da acción entre os pasaxeiros. O caso máis notorio foi o dun cidadán norteamericano que se ofreceu a evitar coa súa solidariedade a intervención dos navíos de guerra norteamericanos, mesmo dicía que se puña el na borda se tentaban bombardear o barco. Este cidadán norteamericano participou como intérprete nas conversas coa delegación norteamericana encabezada polo Contra-Almirante Allen Smith o 31 de xaneiro, dez días despois de ter comezado e catro antes de finalizar o secuestro. 

«A acción, como sinalei, transformárase, desbotado o plan inicial que procuraba un efecto en cadea a medio prazo: liberar as colonias, derrubar consecutivamente a Salazar que non resistiría aquel embate político e como corolario final lograr a saída de Franco.  A finalidade principal naquela altura era darlle relevancia internacional á loita contra as ditaduras española e portuguesa, gracias á prensa que estaba completamente ateigada de noticias do Santa María. Para isa era necesario manter a tensión, e desa maneira mentres houbese pasaxeiros norteamericanos a bordo e nós estivésemos rodeados dunha ducia de navíos ianquis había atención e necesidade de sacar noticias continuas» 

Exilio no Brasil e ruptura con Galvão 

A negociación final, a primeiros de febreiro, levounos ao Brasil, onde recén tomara o poder Jânio Quadros, que ofereceu asilo político. «Humberto Delgado contaba coa lexitimidade de ser un presidente que ganсara unhas eleicións e que se lle tiña usurpado o poder por Salazar.  Galvão fala publicamente en dirección a Delgado, que ven ao barco e rendémoslle honras militares. En Recife, onde finalmente recalou o Santa Maria, que no comezo foi rebautizado por nós como Santa Liberdade, había unha efervescencia de solidariedade, pero o movemento do DRIL apenas tiña tradición política e case non era coñecido por ninguén». 

Despois da chegada a Recife o grupo vai para São Paulo e durante un tempo mantense unha certa actividade, tamén de adestramento militar nunha finca na que estaban instalados. «O grupo xa se resentira porque ao pouco de nós chegar, coincidindo coa loucura do Carnaval brasileiro, fotografaron a algúns membros do grupo divertíndos»e. 

«Meu pai entendía que a solución para España pasaba por revisar a guerra civil dalgún xeito. Non é que pensara que tivese que haber mortos a eito nin nada semellante, pero si que había que restaurar a legalidade deturpada polo golpe de Franco. En Velo e meu pai había un profundo radicalismo e levábanse moi ben entre eles». 

As poucas semanas de estar no Brasil, en São Paulo fíxose un mítin público que afondou as diferencias entre os dous galegos e Galvão, «no mitin tamén había un representante do movemento de liberación angolano.  Velo e Soutomaior defendían a autodeterminación para as colonias africanas, en termos de independencia. Galvão insinúa unha idea contraria, e tafalala en termos de transición dunha autonomía ampla, tutelada, porque consideraba que eran pobos que non podían autogobernarse de vez. Nesa diverxencia tan radical penso que se carimbou a ruptura entre Galvão e Velo e Soutomaior». 

Soutomaior, do Barbanza á Tricontinental

Xavier Navaza no seu libro Disparos (Xerais, 1991 ), recolle os fitos biográficos dos protagonistas principais do Santa María. A semblanza de Soutomaior, cuxo verdadeiro nome era Xosé Fernando Fernández Vázquez é, coa de Xosé Velo, prototípica dun antifascista empeñado até a morte en turrar por todas partes polas súas ideas revolucionarias. 

Xosé Fernandez, máis coñecido como Comandante Soutomaior.

«Naceu na Pobra do Caramiñal no 1908 (…) procesado palas súas actividades republicanas daquela é alférez de navío. Xosé de Soutomaior é confinado en África (1928). Dous anos despois, implicado na conspiración de Jaca, opta por solicitar a súa baixa na armada española. No 1931, coa proclamación da II República, sofre unha profunda radicalización política e persoal. Mostra diso é o seu libro Ideas sobra la técnica del golpe de Estado. No 1933, ingresa no Partido Comunista de España. Conforme principia a guerra civil, no 1936, é ascendido a tenente de navío e chega a Vilagarcía coa misión de defender a zona. A finais dese mesmo ano, vese na obriga de se refuxiar na Serra do Barbanza, onde combate até agosto de 1937 ao mando dun grupo de corenta e dous homes que nunha ocasión intenta secuestrar un barco francés, fondeado na ria arousá. 

«Foxe a Portugal e, xa en Lisboa, participa na voadura dun cargueiro alemán preparado para o transporte de armas con destino ao exército de Franco. Naquel outono de 1937, prodúcese un atentado, sen éxito, contra Oliveira Salazar: o autor da acción era, precisamente, o home encargado de acompaсar a Soutomaior na súa saída a Portugal, utilizando a carboeira dun buque noruego que os deixou no peirao da cidade francesa de Burdeos en decembro daquel mesmo ano. 

«Fáltalle tempo para se reincorporar á armada republicana. En adiante, sempre estará ao pé do canón: desde a resistwncia francesa contra a invasión nazi até o asesoramento de grupos guerrilleiros en Latinoamérica, pasando por unha tráxica estadía no campo de concentración de Auswitchz. 

«No 1948 sae do PCE, do que discrepa con virulencia polo seu abandono das actividades guerrilleiras en España. Emigra a Venezuela e, no 1959, participa na creación do DRIL. Despois dunha tempada no Brasil, retorna a Venezuela no 1962. Intentan secuestralo no 63, posibelmente nunha operación combinada das policías políticas de España e Portugal. Máis tarde, en Caracas, vai ao cárcere baixo a acusación de proporcionar instrución militar ao MIR (Movimiento de Izquierda Revolucionaria) venezolana. Xa en liberdade, pasa uns anos en Cuba, antes de se estabelecer definitivamente en Venezuela. 

«En Cuba, onde exerce un tempo como profesor de universidade, é designado membro da secretaria permanente da Tricontinental –nome popularizado da organización Latinoamericana de Solidariedade– ou Conferéncia da Habana en representación do MIR. En virtude deste cargo político visita diversos países, entre eles Vietnam e Laos. En lembranza daquela xeira escrebe Un gallego en Vietnam, libro que segue o seu peculiar estilo autobiográfico. [Anteriormente, en Monte Ávila Ediciones, Xosé Fernández publicara Yo robé el Santa Maria]. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here