Non me esmerei demasiado, seino, en atopar o encabezamento dun texto que pretende salientar a figura e obra deste singular artista galego de Ferrol. Aínda que está posto có pretexto de poñer en valor o seu orixe de traballador de Astano, porque de alí, da mesa da Oficiña Técnica de Estruturas, sairían os primeiros bosquexos da súa obra universal.

Naquela Oficina, lembraba o seu amigo e compañeiro de panel Emilio Romero, Xaquín recollía os comentarios que os compañeiros salientaban cada dia ao iniciar a xornada, sobre acontecementos cotiás, da veciñanza, das noticias da prensa do día, ou mesmo do cura da parroquia. á hora do café xa tiña «elaborada» a viñeta da xornada.

Xa non por ser o primeiro en chegar, que tamén, o caso é que aquela Sala Técnica de Estruturas, permitía que entre a capacidade profesional do artista e os compañeiros que compartían con el a elaboración daqueles planos “repetidos” dos grandes petroleiros, o Arteaga o Buitrón os Texacos, etc, cos que o Estaleiro Astano asombraría o mundo, farían posible a compatibilidade da súa gran paixón de artista, coa necesidade de xustificar o soldo que gañaba.

O fillo daquel Mestre que viñera a Ferrol a exercer a súa profesión dende Montemolín un pobo da provincia de Badaxoz, converteríase en moi pouco tempo, e dende a súa mesa de traballo de Astano, nun referente universal do humor gráfico.

Seguro que a mal chamada Reconversión Naval non tivo ningún aspecto positivo, ou se cadra, polo menos un. Xaquín Marín podería adicarse de cheo e a xornada completa á súa gran paixón.

De Xoaquín Bieito Marín Formoso, coñecido no mundo do arte como Xaquín Marín, xa escribiron durante estos últimos anos, xornalistas acreditados, colegas de profesión, etc. cada vez que o facían merecedor dun premio. E foron moitos. O máis recente o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña pola defensa da lingua puxo, unha vez mais, na actualidade a este extraordinario personaxe da nosa cultura a quen teño a honra de coñecer, de admirar e recoñecido queda, de explotar a súa xenerosidade.

Así é que grazas á súa entrega e ao seu absoluto desinterese no económico, puidemos agasallar os nosos afiliados e afiliadas cós motivos das súas viñetas, publicacións, etc. que moitas das veces sen sequera el sabelo, servirían para solventar carencias económicas das nosos organizacións sociais, veciñais, etc. e como supoño xa estará prescrito, podo afirmar que é o artista mais importante que coñezo, así como o mais «pirateado» copiado e difundida a súa obra sen o seu consentimento, con aquelo que «seguro que dirá que si….».

Menos mal que na súa traxectoria aparecen persoas e institucións que axudan a dar a coñecer a cultura do noso país e as persoas que o fan posible. Este é o caso de Felix Caballero que en outubro do 2015 presentou a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo sobre o humor de Xaquín Marín. Titulase «Innovación e tradición no humor gráfico galego» e onde afirma que Xaquín Marín é «o mais importante humorista gráfico dende Castelao».

Meu tio Barocho, finado xa vai moitos ano,s fora suscriptor de La Codorniz, aquela revista satírica dirixida na última etapa por Álvaro de la Iglesia. Ata eu era moi novo, e xa daquela ademáis do «diálogo para besugos» auténtica peza literaria de primeiro orde, coñecín o dun tal Xaquín Marín, que moitas veces aparecía na portada. Nesa Rrevista traballaban os grandes: Mingote, Chumy, etc. e por alí andaba aquel Pé dun artista de Ferrol. Quen ía dicir que anos mais tarde eu mesmo teño o enorme privilexio de ter algunha obra adicada a min, por encargo de xente que me quere.

Cando un coñece polos medios de comunicación a quen a Oficialidade lle concede tal ou cal premio, sempre penso na inxustiza que supón a marxinación consciente que padecen os artistas mais reivindicativos e que son capaces de facernos ver a realidade que padecemos en clave de humor. Menos mal que, por exemplo no caso de Xaquin, a súa categoría persoal, cultural e social está moi por encima destas miserias.

En moitos fogares de xentes coma min está pendurada das paredes algunha obra de Xaquín Marín, das que non están nas galerías, tamén nos locais de Sindicatos, asociacións de todo tipo, obras singulares, feitas a mantenta, adicadas moitas delas, e somos xentes que non podemos concederche premios relevantes, o que si podemos e debemos é agradecer o teu traballo a prol da nosa cultura e sumarnos a todas aquelas institucións que coma recentemente fixo a Deputación de A Coruña a instancias do Concello de Fene.

Grazas Xaquín. Grazas amigo.

1 comentario

  1. Tellado: Es un amigo, teño que pensar como darche as grazas, xa que acabo de ler o que escribiche de min e aínda non o din dixerido, Xa falaremos!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here