gtag('config', 'UA-106570544-1');
Xoves, 24 Abril 2025

Cando a UPG se entrevistou cos líderes da República no exilio

Xosé Soto Rodríguez aproveitaba as súas viaxes polo mundo adiante, a finais dos anos sesenta do século pasado como gaiteiro do Ballet Galego Rey de Viana, para montar células da UPG polo exterior. Pero non só iso. Tamén facía de embaixador da por entón recén creada fronte patriótica galega para realizar visitas institucionais a distintas personalidades.

Especial relevancia ten a visita que realizou no 1967 en Buenos Aires ao Presidente da República Española no exilio, Luís Jiménez de Asúa.

Conta Soto, coñecido tamén como Xosé de Arxeriz no seu libro de memorias, Sombras, Ecos, Olgas (Fundación Xosé Soto de Fión, 2016) que abordou co presidente republicano, en nome da UPG, dous temas principais: as nacionalidades e o camiño para a superación do franquismo.

“No primeiro punto vin que non había nada que rañar: don Luís non só se opoñía ao dereito de autodeterminación, senón que consideraba retrógrado o cultivo das culturas rexionais, rémora que nos faría recuar no canto de avanzar. Porque, pense, amigo Soto, que esas linguas que vostedes tanto estiman carecen incluso de léxico para manexarse na abstracción ou expresar conceptos elevados…”. Así relata Soto o primeiro tema da súa entrevista.

Non lle ía ir moito mellor cando comezan a falar de como pórlle fin ao franquismo:

“No tema da loita armada case que se me alporiza, e máis aínda a súa dona que viña de se incorporar á conversa: que horror!, a tiros outravolta!. Uns irmáns matando a outros. Outra vez a guerra ou as guerrillas, como vostede di. Que horror! Don Luís cortou amábel e  cinicamente: muller, estes mozos son moi fieis a tradición, se até a verba guerrilla é unha achega española a linguaxe universal”.

Claudio Sánchez Albornoz e Luís Jiménez de Asúa

Rematada aquela conversa telefonáronlle a don Claudio Sánchez Albornoz para que o recibise. Seguindo o relato de Soto entrevista co Presidente do Consello de Ministros non foi moito mellor:

“Don Claudio, nada máis sentarnos ao redor da mesiña do braseiro espétame: así que é vostede comunista…

– Profesor!, como di vostede iso?

– Ah!, pois porque mo dixeron a min.

– Quen?

– Un paxariño.

– Hummmm! E como llo dixo?

– Por teléfono.

– Mire, profesor: só Seoane [Luís] e a señora de Jiménez de Asúa puideron falarlle de min e estou seguro que lle mencionaría a un universitario progresista.

– Claro, claro! Iso mesmo…Se saberei eu o que esconde ese cualificativo de progresista.”

Seguiron a falar pero o fío da conversa quebrou: “pola crueldade de Franco, pola súa brutalidade e estolidez, estou eu aquí… E non sei até cando; pero se vostedes tiveran gañado a guerra, a min tamén me terían fusilado de inmediato.

– Por favor, profesor, de sobra sabe vostede o moito que o apreciamos persoalmente e admiramos o seu saber”.

Facsímil do primeiro número de Terra e Tempo, boletín da UPG, en 1965

Xosé de Arxeriz afirma que “a tónica da conversa co Presidente do Consello de Ministros estaba a ser pouco máis ou menos (pero en versión rupestre, serrán de Gredos) unha mala fotocopia da que mantivera un día antes co Presidente da República. Ambos os dous eran os cabezaleiros institucionais da nosa lexitimidade no exilio”.

Sánchez Albornoz despediuno co agasallo dun opúsculo sobre a Escola de Traductores de Toledo coa seguinte dedicatoria: “A José Soto, despois de fracasar no intento de convertelo á liberdade”.

Na entrevista Xosé Soto estivera acompañado do seu discípulo, Ricardo Palmás, que seica non dixo palabra. Saíron os dous galegos en silencio e, logo de andar un anaco, Xosé de Arxeriz sóltalle ao compañeiro: “Palmás, escoita: este bo señor vive no 1481… Cando os Reis Católicos comezaban a construción das Españas.

– Amigo Soto, isto que vés de dicir téñollo que contar esta mesma noite a Seoane, porque denota un inxenio que destila malignidade. O que ti dis é cruel, pero é certo. Seoane, que tamén é moi cáustico, vaise divertir”.

O pouco que lles importaban as autonomías e as “culturas rexionais”  mantíñano tamén outros personaxes cabezaleiros da República.

Enfrontamento con Indalecio Prieto

Esta visión de Galiza e o pouco que lles importaban as autonomías e as “culturas rexionais”  mantíñana outros personaxes cabezaleiros da República. Xosé de Arxeriz relata no seu libro de memorias unha anécdota que lle contou Ramón Fernández Mato, deputado exiliado por Lugo.

Celebraba xuntanza as Cortes da República en México capital e Indalecio Prieto realizou “unha atrocidade contra as autonomías, un cántico en toda a regra ao xacobinismo centralizador”.

“Castelao, seica embargado pola emoción e o cabreo, non foi quen de lle responder, así que tomou a palabra o deputado por Lugo:

– Tome nota a súa señoría de que o xuízo que acaba de proferir é, de feito, e con todo o dereito, merecedor da máis cálida felicitación do Caudillo. Si, do tirano uniformador que, se se dignase responder desde o seu cumio a modestísima condición e calidade da súa señoría, remitiríalle, xunto cos seus parabéns, a condecoración ad hoc e o título de edecán honorario”.

Prieto seica quedou sen fala, tardando un anaco en reaxir, mentres Castelao se abrazaba a Mato dándolle as grazas”.

Xosé Soto co arcebispo de Xerusalén en 1981

Xosé de Arxeriz, unha personaxe singular

Xosé Soto Rodríguez O Saviñao, 1938), coñecido como Xosé de Arxeriz, é hoxe o presidente da Fundación Xosé Soto de Fión, creada no 1996 e todo un referente na recuperación do patrimonio histórico artístico, á que lle doou as súas propiedades: o ecomuseo e o “rus” de Arxeriz, no Saviñao, o pazo de Suatorre e a Torre de Arcos, o solar da súa familia en Chantada,  e o Castelo de Doiras en Cervantes.

Nos comezos da Unión do Pobo Galego en Madrid, onde aínda reside, tivo un papel destacado, unindo o seu compromiso coa causa, coa súa posición de mozo de familia acomodada e don de linguas, estudara en diversos países, sobre todo Alemaña, coa súa relación con personalidades e altos cargos do Réxime, como o presidente do Centro Galego de Madrid, o xeneral Constantino Lobo Montero.

Foi no Centro Galego de Madrid onde aprendeu a tocar a gaita. Despois pasou a enrolarse no Ballet Galego Rey de Viana, percorrendo con el medio mundo, e aproveitando para montar células da UPG ou realizando visitas institucionais en nome do partido que viña de nacer. Daquela era coñecido como Pepiño da Gaita.

Con Felipe González en 1980 nunha reunión da Internacional Socialista.

Logo viría a súa relación con Tierno Galván de quen foi secretario, a entrada no PSOE, no que ocupou diversos cargos nas relacións internacionais do partido, maiormente cos servizos secretos: “coido que a CIA e o KGB chegarían a ver en min unha inversión asumíbel a prazo histórico como peón na carreira polo amortecemento das tensións”.

Así o conta no seu libro de memorias Sombras, Ecos, Olgas, perto dun milleiro de páxinas nas que debulla a súa vida e pensamentos, nas que se mostra “fiel a Galiza” e non renuncia aos seus anos de militancia nacionalista nin as amistades daqueles tempos. Para el o grande referente foi Bautista Álvarez.

Afonso Eiré López
Afonso Eiré López
Afonso Eiré López (Laxe-Chantada 1955). Aos 7 anos xa escribía coplas. Aos 14 comeza a colaborar en El Progreso. Aos 15 anos leva o primeiro premio literario, o de Narracións da Caixa Rural de Lugo. Aos 18 marcha estudar xornalismo a Madrid. No 1977 incorporase ao equipo que pon en marcha A Nosa Terra e no 1981 lidera un grupo para evitar o seu peche e traslada o periódico de Compostela a Vigo. Ocupou o posto de director máis de 30 anos e tamén o de Conselleiro Delegado e Presidente na empresa editora do semanario nacionalista. Postos que compaxinou coa colaboración en diversos medios de Galiza e da península, como correspondente e comentarista político, función que tamén desempeña aínda hoxe. A súa traxectoria está premiada polos principais galardóns xornalísticos, entre eles a Medalla Castelao. Escribiu máis dunha ducia de libros, ensaio, crónica e novelas. Na actualidade tamén ocupa o cargo de Presidente

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na Coruña o politico nacionalista Pablo González Mariñas. Presente en momentos fundamentais do devalar político contemporáneo,...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario. Mestra excepcional, pedagoga da experiencia directa, a súa biografía alfómbrana as flores de moitas mulleres...

10 de marzo, a colleita do 72

Teño recollido nestas páxinas de «A Nosa Terra» unha breve escolma da vida de persoas extraordinarias cos que tiven a sorte de atoparme. Persoas...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap