Luco Porto no centro da foto, recentemente nun acto interno de CC.OO

Non tiña moitos amigos, non. Se cadra porque fixo todo o posible para non telos, ou porque a súa traxectoria pola vida, está chea de situacións complicadas, algunha delas difíciles de entender. Quen sabe. O caso é que Luco, Angel Porto, finou hai uns días supetamente e sen avisar, incumprindo a promesa de visitarme na miña aldea de Bouzamaior. Promesa que renovaba cada vez que coincidíamos nas manifestacións unitarias percorrendo ás rúas de Ferrol.

Como o traxecto a pesares de ser longo non dá para tanto debate pendente entre eñ e mais eu, sempre se comprometía a facerme unha visita á miña aldea. E xa non poderá ser. 

Non era un tipo fácil este Luco, compartimos anos de traballo e loita no Comité de Empresa da Bazán e a pesares de ser un dogmático de manual, foi aceptando pouco a pouco que o sindicalismo nacionalista ía tomando corpo e forza nun Comité de Empresa no que Luco pensaba non perder nunca a hexemonía de CC.OO. Compartilo coa UGT non era o mesmo.

Luco, segundo da dereita de pé. celebrando á saida da carcere.

E algo de razón tiña. Aquelas Comisións Obreiras onde tantos e tantos traballadores deixaron a pel para conquerir os mellores Convenios Colectivos, loitando polas liberdades democráticas e contra a ditadura, que teñan que compartir os organismos democráticos polos que loitaron, o tiña especialmente cabreado. Moito temos debatido sobre esta cuestión. De como reconstruír un País e o Sindicalismo unha vez conquistadas as mínimas liberdades para poder facelo.

A verdade é que tiña un especial sentido do humor e sei que me tiña certo aprecio a pesares de todo, ou sería porque ese afecto compartido non o conseguía nin dentro nin fora da súa propia organización. Quen sabe.

Eu sempre tiven un gran respecto por todos aqueles valentes (tamén tiña que ver a valentía) que en tempos moi difíciles expuxeron ata as súas vidas para conquerir a democracia. E Luco aportou moito da súa vida para que nestes tempos de desmemoria non teñamos nin un mínimo de recoñecemento para a súa entrega. Eu cando menos si.

Sempre tiven un gran respecto por todos aqueles valentes ue en tempos moi difíciles expuxeron ata as súas vidas para conquerir a democracia

O relato que aínda gardo na miña memoria sería mais ou menos así: 

No mes de maio do ano 1972, o réxime de Franco xa tiña encerrados nas cadeas de A Coruña e de Carabanchel a todas as persoas que consideraba responsábeis das folgas de Ferrol e Vigo e das accións reivindicativas que dende marzo dese ano berraban «democracia» poñendo en serios apuros a todo o aparato represor despregado polo país.

Como podía ser que seguisen aparecendo «“octavillas» polos talleres e polos barcos militares en construción? Diante desa situación, o Goberno nomeou a un Xuíz Instructor da Mariña de Guerra, vinculando así ao Exército nun conflito laboral e social.

Este veu a ser o Comandante de Infantería de Marina Juan Fraguela Diaz pertenecente ao SIM (Servizo de Información da Mariña de Guerra) e o 18 de maio xa ordea as primeiras detención e o ingreso na Prisión Naval de Caranza.

O dia 1 de Xuño, aparece no xornal de Ferrol unha «requisitoria»” do Comandante Fraguela contra, entre otros, Angel Porto Feal. E aí vai o Luco e apreséntase voluntariamente na Auditoría de Guerra, imaxino preguntando… «que carallo me queren?…” sendo enviado inmediatamente á Prisión Naval de Caranza quedando incomunicado.

Os días posteriores foron de verdadeiro inferno. Os torturadores sentíanse «protexidos» nunha prisión militar a diferencia da prisión da Coruña ou mesmo Carabanchel, as palizas e as vexacións foron constantes. O Comandante Fraguela ensañouse especialmente con Luco Porto. Tiveron que intervir outras autoridades militares grazas a presión de avogados e familiares para que aquel torturador rematara con aqueles «interrogatorios». Finalmente Luco foi procesado por propaganda ilegal cunha petición fiscal de catro anos de prisión e multa de trescentas mil pesetas.

Daquel Consello de Guerra lémbrome especialmente. Primeiro porque tratábase diso, nada menos que dun Consello de Guerra que demostraba que o réxime morrería si, pero morrería matando. E porque aquela mañá fría de principios de xuño, fixemos cola para entrar á sala do xuízo á que só puideron entrar os avogados e algún parente a pesares da dimensión da sala. Enchérana previamente de militares para que non puidésemos visualizar aquela inxustiza.

Será polo medo que sempre tiven á represión, ou polo respecto que merecen esas persoas e as súas familias que a Luco Porto entre outros sempre lle tiven moito respecto, iso que no Comité no que participamos e nas loitas nas que coincidimos sempre foi duro de convencer. Para poder ondear a bandeira galega no pau de popa da patrulleira Vigia onde quedamos encerrados loitando contra o «expedente de regulación de emprego» , o problema foi «convencer» a Luco de que tiñamos que provocar con ese xesto e que sei a Mariña abordaba a patrulleira pois moito mellor. Non foi fácil. Nada fácil, claro que despois do éxito da bandeira na opinión pública e a repercusión mediática, dera a impresión que a discusión previa fora ao revés. Nada, cousas do protagonismo.

Pois así foi, ou polo menos parecido, unha parte da vida entregada pola causa da liberdade e que demasiadas veces parece que non existiu nunca, protagonizada por homes e mulleres e as súas familias e que nunca aparecerán nos libros de texto como referentes. Que queden polo menos na nosa memoria. Que menos.

Grazas Luco.

Dende Bouzamaior no medio da pandemia do 2020

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here