Honesto, calmo, pacificador e defensor das liberdades democráticas. Ben podería ser un héroe das películas de John Ford ou mesmo aquel John Wayne de «O Home Tranquilo». Pero a vida, e sobre todo a súa vida, non foi de ficción. Foi real, exemplar e sen os  efectos especiais e a maquillaxe coa que disimular a profunda pegada que o maltrato, as vexacións e as torturas deixaron á forza, nel e nas persoas da súa contorna.

Tiven o privilexio de coñecer a Fernando Miramontes, pouco tempo pero moi intenso. Sempre tivo palabras amábeis e agarimosas comigo. «Que hai chaval…..» engadindo de seguido algún consello sobre a vida, a loita ou o que cadrase. Así era. 

A primeira vez que escoitei falar del foi a través das conversas de cárcere co seu irmán Pepe que xunto a Suso Díaz okupamos a cela 112 no primeiro andar da prisión da Coruña. O problema veu cando ingresou un día de Marzo de 1972. Estaba de  cór azul, o pelo azul, enteiro, tranquilo e asumindo a súa situación case como natural.

Fernando era escaiolista xunto a seu irmán Pepe, e para o Comisario Xeral da Policía Social desprazado a Ferrol, Fernando era caza maior. Xa estábamos presos todos e todas as que apareceríamos no libro de «fichados». Tratábase de desmantelar todo o aparello clandestino político e sindical.  Polos apuntes e as conversas que tiven a sorte de compartir na casa con Paco Balón, tratábase de Vicente Reguengo quen curiosamente xa fora policía na República e viña coa «experiencia» de interrogar nada menos que a Julián Grimau.

A brutalidade policial dos días posteriores aos encarceramentos masivos, básicamente de traballadores de Bazán, foi tremenda, levando a peor parte Fernando Miramontes. Foi apaleado e golpeado brutalmente na Comisaría de Policía por un retén de garda composto por tres policías da provincia de Lugo e antes de levalo o cárcere de A Coruña tiveron que ingresalo nun hospital durante cinco días.

Así foi como coñecín, aínda convalecente e «morado» polas malleiras a Fernando Miramontes, e o pracer de escoitalo nas charlas diarias daquela Universidade Popular na que a Ditadura converteu o cárcere coruñés.

Non abonda con lembrar unha vida exemplar e de compromiso, non. Ferrolterra e a súa cidadanía ten que recuperar a historia degradada, terxiversada e manipulada da loita contra da ditadura e pola defensa das liberdades

Segundo contaba Paco Balón, a raíz dos sucesos do 72 toda a dirección de CC.OO., o Comité Provincial e o Comité Local do Partido Comunista estaban no cárcere: Xesús Aneiros, Geluco Guerreiro, Xan María Castro, Vitoria Cabanela, Sari Alabau, Xulio Pérez de la Fuente, Rafael Pillado, Manuel Amor Deus, Xosé M. Rioboó, Xulio Aneiros, Fernando Miramontes, Vicente Álvarez Areces, Paco Balón, etc. coa «sorte» de que os das multas gubernativas sairían antes e así a finais do 72, Fernando Miramontes xunto coas compañeiras dos que seguían encarcerados e o proprio Paco Balón reactivaron o desmantelado Comité Local.

Os inicios de Fernando están cheos de exemplaridade de militancia e de compromiso. Xa en 1969 pasou cinco meses no cárcere e cada vez que a ditadura tiña ocasión retornaba a prisión como quen ten unha segunda vivenda. Tal era que co estado de excepción polo Proceso de Burgos, pasou dous meses na cadea.

Contaba que nos catro anos emigrado na Francia comprobou o positivo dun sistema democrático e o lonxe que estábamos del, salvo que a loita popular o conseguise. Deste xeito incorpórase ao Comité Local do PC xunto con Rafael Pillado, coa responsabilidade do movemento cidadán e da pequena empresa. Apunto eu, que traballando de escaiolista actividade que mantivo durante catorce anos ata que cedeu a empresa aos traballadores cos que contaba. Dignidade e compromiso ata o final.

As loitas contra o desmantelamento industrial de Ferrolterra encetado nos ano 70, continuando nos 80 e posteriores, marcaron a vida de moitas persoas e como non, entre elas a de Fernando Miramontes e a súa compañeira, que sufriron e padeceron as consecuencias daquelas loitas.

Documental realizado co gallo dos 40 anos da primeira corporación democrática no Concello de Ferrol presentado o 14 de abril de 2019 nos actos correspondentes ao aniversario da 2ª República. Homenaxe a Fernando Miramontes.

Non foi menos o sufrimento polo paulatino desmantelamento do Partido no que loitaron tantos anos, ata que como resultado das primeiras eleccións democráticas foi nomeado concelleiro naquel primeiro pleno democrático o 20 de abril de 1979.

Non abonda, penso eu, con lembrar unha vida exemplar e de compromiso, non. Ferrolterra e a súa cidadanía ten que recuperar a historia degradada, terxiversada e manipulada da loita contra da ditadura e pola defensa das liberdades. O traballo de Suárez e de Maiz entre outros, sinalando e documentando o que aconteceu neses anos escuros ten que dar paso a ese recoñecimento. Recoñecemento onde de seguro volveremos a lembrar a Fernando Miramontes Vázquez.

En Bouzamaior, rematando xaneiro do 2021

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here