Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o día 8 de abril. Durante anos apareceu no cadro de colaboradoras de A Nosa Terra, e co seu compañeiro Quique Sanfiz, eran referencia nosa en Ferrolterra. Antes aparecera fotografada en portada, alegre, bailando reivindicativa nunha marcha anti-OTAN. Tamén do arquivo rescatamos unha extensa tribuna «Os machos do rock and roll», coa súa perspectiva feminista, sempre dialéctica e activa, como nos intensos debates onde o feminismo se abría paso, contraditoriamente, no BNG dos primeiros anos 80.
Tomamos de Radio Fene, onde exerceu profesionalmente, a reseña biográfica que fixo Xosé Manuel Sarille, amigo e compañeiro de xeneración.
“Para mín foi un referente no movemento feminista” afirmou esta mañá unha muller da zona. Desde os últimos anos do franquismo en Ferrol e Compostela foi unha incansábel activista democrática. Formaba parte da Xeración ERGA, os estudantes revolucionarios galegos que ensancharon substancialmente a base social do nacionalismo galego naqueles anos e nos sucesivos.
Pitusa tivo unha especial inclinación intelectual cara o cinema. A súa formación iniciouse en Compostela, cos cursos, coas materias regradas e formando parte da directiva de O Galo, o cineclub galeguista vinculado á Universidade. Esa afección tan intensa iniciárase moito antes, porque Pitusa viviu de nena, fisicamente, dentro do Cine Adriano de Barallobre. As lembranzas de aqueles días ilumináronlle permanentemente a vida en forma de marabillas. Ela dicía que eses insuperábeis estímulos, permitíranlle formar parte nos xogos da infancia, con total naturalidade, dos continxentes de enfermeiras da Primeira Guerra Mundial e das tribos iroquesas que resistían heroicamente os ataques dos bárbaros invasores.
A tese de licenciatura titúlase “A exhibición cinematográfica en Santiago de Compostela na II República (1931-1936)”. Despois estudou as salas de cinema en Fene, desde o 1928 até 1994. Escribiu a catro mans o libro titulado O cine na comarca de Ferrol, as súa xentes, os seus recursos (1897-2010).
“Vivir no Adriano”, onde se destaca o antigo poder cultural e social do fermoso xigante de cemento.
Escribiu a novela gráfica sobre “Bóveda” e “Pancho Allegue, Historia dun compromiso”. Tamén “Maniños no Pasado”, “Barallobre no Pasado” e “Perlío no Pasado”, libros que ordenan a historia recente das citadas parroquias. Na mesma liña de actividade é coautora do cómic “Galiza acorda. Andrés de Barallobre” e de “Fene vai de Antroido”.
O seu labor xornalístico cruza case completamente o período democrático, desde 1984 en que Radio Fene acababa de nacer, cando non había ningunha emisora municipal en Galicia, deica a actualidade. Un labor extenso ao servizo da cidadanía e destinado a promover a lingua e a cultura galegas, pois a radio fundouse con eses dous obxectivos, dos que a nosa compañeira foi protagonista principal.
Pero por riba de todo iso, nós de Pitusa nunca esqueceremos a súa predisposición para axudar aos demais, a súa inclinación a compartir coas persoas.
A súa delicada amabilidade. A súa natureza acolledora e colaborativa.
Até sempre Compañeira
Os machos do Rock and Roll
MARIA XESÚS ARIAS REI
As vexacións do tipo sexual cara á muller saltan acotío dun lado para outro. Do terreo exclusivamente privado (vexase violación matrimonial ou legal, maternidade non desexada pero socialmente obrigada, afectividade negada, frixidez alegada polo torpe camarada, pasividade adoptada, penetración sine qua non, etc etc…) ao terreo público, moito máis poderoso, perigoso e en consecuencia máis difícil de combater.
A transcendencia da imaxe da muller ao terreo da publicidade abarca asimesmo cantidade de aspectos, desde a utilización da nosa imaxe falando cun Scotch-Brite até sentarnos todas escarranchadas aló enriba do teito dun Supermirafiori (tal é a nosa incapacidade que non nos sentan ao volante). Xa dí o refrán: «muller ao volante perigo constante».
Será por iso…
Pois ben, o Poder con maiúscula cada vez é mais sofisticado. E, que é máis sofisticado e arrollador que a música, que penetra pola nosa pel inundándonos os sentidos?
Na xeración anterior (chámse Franquismo) os encargados ou mandados da sonora laboura represiva, eran por exemplo un Carlos Gardel ou calquera orquestra ao uso que con voz moi masculina reproducía a mensaxe dos divos.
Voces como esta soaban no salóns de baile para asegurar a represeión sobre todo feminina (xa que aos homes estáballe permitido socialmente o escapa, por aquilo de que tal potencialidade sexual, ou tiña escape ou rebentaba, e non era cuestión de arriscar a saúde e pórse morao): «(…) desde el día que te fuiste, siento angustias en mi pecho (…) si supieras que aún dentro de mi alma conservo aquel cariño que tuve por ti (…)» ou aquilo de «(…) mujersita qe mala que fuiste / cabesita que ma me hisiste (…); «(…) te amé de veras flor de pecado, como a ninguna mujer amé / Dios es testigo de que he llorado / la noche aquella que no te hallé»
Nese momento a represión solapada viña da man desa galantaría romanticona, de catecismo, que deixaba ás mulleres embobadas e as facía sentirse importantes.
O «deixarse levar» no baile, era un primeiro paso para o «deixarse levar» na vida. Todo un símbolo da domesticación feminina: esposas e nais para a gloria, unha gloria de cascarilla e de miserias.
E agora, por fin, entrades vós, os machos do Rock and Roll(1). Da vosa man a domesticación ten ar novo, moderno, rupturista e agresivo….
«(…) No puedo acercarme a tí / que más quisiera yo / que poder abrazarte, violarte, estrangularte / como sé que te gusta /(…) no intentes acercarte por dios / enfermarías y esa no es mi intención/(…) « [gracias Semen Uop pola consideración do final para co noso sexo débil].
Toda a potencialidade contestataria, agresiva e vangardista que contivo sempre esta música, contra poder e as normais sociais establecidas, é orientada casualmente cara un dos sectores sociais máis oprimidos e servís desta sociedade: as mulleres.
Hoxe a nosa opresión sexual xa non está solapada como nos tempos do «inocente tango». Claro, é que coa chegada da «democracia» e a «abertura» xa está permitido incitar ás masas, desde o poder que confiere o disco e o escenario, a «rachar» coa represión sexual violando e pegando a destra e sinistra para perpetuar o «mellor» da tradición.
Así a algúns e algunhas non nos sorprendeu ver nas páxinas do xornal, perante a campaña electoral unha das firmas que pedía o voto incondicional para o partido no Poder: Semen Up. O novo ar de modernidade queda así claro, de rupturismo na nai e da agresividade sinto dicirvos que moi mal orientada.
Exemplar didáctico:
Na canción «Lo estás haciendo muy bien»(2) «(…) Y mientras yo me concentro / chúpalamás adentro / que ya llega el momento / y lo haces muy bien (…)», aparte da división de tarefas, a intelectual e activa (concentración do macho) e a mecánica e pasiva (chupar) da femia, qe son unha boa mostra da división sexual do traballo no terreo social, imos comparar a orientación desta agresividade con esta outra dun grupo de Rock galego que para moitos si é rupturista: «(…) chupa aquí, e mama na casa (…)».
A diferencia substancial en que aquí o que chupa é Solchaga [Nota: Carlos Solchaga era na altura de 1986 o ministro responsable da reconversión industrial].
Ides captando a onda?
non se trata de ver fantasmas, o que pasa é que o famoso Poder da maiúscula ten grandes recursos. para eles existe a necesidade real de perpetuar a opresión e o papel que se nos ten asignado ás mulleres neta sociedade, antes de que se lle cambaleen algúns piares. Pero como todoevoluciona, hai que cambiarlle a imaxe a esa opresión aínda que substancialmente todo siga igual (salvo as pequenas batallas que imos gañando por nós mesmas, fundamentalmente).
A permisividade da pornografía, por exemplo, é un bon dado que pode servir. Aparentemente ráchase cos tabús do sexo pero realmente é a presentación da muller coma un obxecto apetitoso e unha vía de escape masculina para toda esa impotencia que o home vai acumulando froito da sá propia represión social.
A muller, sexualmente, ven entón desempeñar a mesma función que calquera droga, canalizando esa impotencia, que en lugar de converterse en protesta social contra do inimigo común, ven desembocar na agresión a un sector humano dobremente discriminado polo sexo ao que pertence.
Ben, con todo isto concluímos que os machos do Rock and Roll non podían perpetuar mellor a norma establecida en canto á división do papel sexual se refire.Aí está a trampa.
Non hai grande diferencia de contido entre o que nos di un Perales e aquilo de «(…) ahora te debes callar / y vas a saborear el exquisito manjar / sé que me harás disfrutar / que te vas a esmerar / como siempre lo harás / muy bien, muy bien (…)»
Só cambiaron os rexistos lingüístico, mais seguen en pé as normas:
muller = pasividade
home = actividade
muller = silencio
home = babosadas
muller = violada
home = violador
Ula o progresismo? Ula o avance social?
No que si lle podemos dar a razón a Semen Up é naquilo de:
«(…) Yo soy una máquina de hacer el amor (…)»
Iso si que é verdade «como la vida misma»… un verdadeiro desastre,
Mentres o sexo estea centrado exclusivamente na violencia e na «buxía» (termo empregado polos protagonista desta historia) que como sabemos é o elemento que fai funcionar o motor, irá moi mal o asunto. Avísovos que a próstata acaba con todo, e logo que? O que avisa non é traidor.
Antes de lanzarse a predicar haise que informar e descubrir as potencialidade de ambos os dous sexos, en pé de igualdade, para sacar o maior rendemento posíbel do noso corpo. Ah! e aparte de se informar tamén hai que practicar.
Isto tamén vai polos siniestros eses queveñen de triunfar na Metrópole (escámese o que queira).
«(…) Voy a asesinarte nena / no me volverás a engañar/(…) te acuestas con todos a la vez /(…) y si vamos al cine los dos / lo haces con el acomodador (…)»
Moi simpáticos, pero
muller = fidelidade
home = infidelidade
muller = vítima
home = asesino
muller = propiedade
home = propietario
«(…) has perdido eso, mi dulce nenita, mi mala zorrita (…)»
muller = virxinidade
home = circuncisión prematura.
Pero, a quen ides asasinar vós monicreques? por que non vos suicidades e comprobades se «todos los ahorcados mueren empalmados»? E o do virgo, que o leístedes, nun conto de fadas ou nun do Capitán Trueno, que tantos estragos fixo?
O de «Miña Terra Galega» gústame moito porque eu son moi folclórica, iso lévase na alma.
Antes de rematar quixera contar unha anécdota que me pasou nun festival dos CicatrizLa Polla Records (son asidua asistente).
Cando os primeiros dixeron unha barbaridade ofensiva ao noso sexo desde o poderoso escenario e algunhas berramos: «machistas!», resultou que a «novia» do cantante (que estaba diante nosa na dura pista) volveuse e confesounos que o que cantaba era unha cousa pero que el era un tío estupendo.
Eu xa escoitara por aí que «unha cousa é unha cousa, outra cousa é outra cousa, e as cousas como son».
Paradoxos da vida!!!
O que non se pode negar Semen é que o voso espectáculo é estupendo (en directo na Coruña). Como di o crítico musical Diego Manrique:Alberto ten elegancia deportiva e é un bon actor.(3)
Outro tema interesante e que vai quedar por esta vez no tinteiro é a análise do fenómeno do Rock galego? e o vasco, por exemplo.
Un saúdo para La Polla Records, Kortatu, Hertzainak, Os Resentidos, etc etc….
Despídese unha descrida disto da «gran movida galega» e do «boom» e súmome ao de «Galiza: Paisaxe en Re Menor».(4)
Despídese, ao fin, unha resentida, ao son daquilo que dicía: «(…) que los siniestros no tienen pilila, non tienen pilila (…)» Poñédelle vós a música.
Notas
Só os machos do Rock and Roll, non o Rock and Roll
Abuso de comiñas polo cambio de idioma
Artigo «Erotismo y rock», da revista Ruta 66.
Artigo de Lola Álvarez no número 1 de Luces de Galiza
O artigo de María Xosé Queizán que ides ler ten trinta anos. Foi publicado no Decenario, un traballo especial que fixemos para celebrar a primeira década dunha A Nosa Terra recuperada. Lido agora pode servir de referente de interese para coñecer os antecedentes do feminismo en Galiza, o camiño percorrido e a percorrer, a perspectiva do presente e do futuro. Acompañamos tamén, para completar ese panorama, o caderno especial As mulleres somos editado en 1991, con artigos e reportaxes que completan o relato informativo de María Xosé Queizán.
Ninguén o vai facer por nós
María Xosé Queizán
Despois dos longos anos de ditadura que truncaron o movemento sufraxista, no ano 1975 aparece de novo o Feminismo no Estado como movemento organizado. En Galiza nace a Asociación Galega da Muller (A.G.M.) e iníciase así unha loita coas súas correspondentes manifestacións, detencións, penas e condenas. Loita que supuxo un desafío social no que moitas de nós deixamos a pel (en todos os sentidos semánticos, reais e figurados, porque foron moitas horas de traballo, esforzo e dedicación, porque fomos despelexadas pola opinión pública e porque mudamos de pel ao converternos en mulleres conscientes).
Parece que hai un século que reclamábamos amnistía para as mulleres detidas por delitos «específicos», que nos manifestábamos en apoio da adúltera de Vilaxoán. No ano 1976 aínda había xuízos contra mulleres adúlteras. O adulterio foi despenalizado en 1978, con grande pesar de moitos parlamentarios que manifestaban nas Cortes que «a familia continúa sendo a base moral da sociedade; o matrimonio, a base da familia e a fidelidade dos cónxuxes, a base do matrimonio». lncluso o PSOE, que presentaba a emenda, concede: «En todo caso admitiríamos que o adulterio fose a causa de desheredación pero non de indignidade». Pobres, pero dignas, cando menos, a partir do1978 xa non hai adúlteras no país. Adúlteros nunca houbo.
Acumulábamos as reivindicacións. Por unha sexualidade libre, pola legalización dos anticonceptivos, polo aborto, contra a lei de perigosidade social, por un posto de traballo xusto, etc. (Non pretendo facer un reconto pormenorizado dos avatares do feminismo nestes anos).
O Goberno proponse «modernizar» o código da familia. O amplo número de mulleres separadas aconsellaba aprobar unha lei de divorcio que normalizara unha situación irregular e perturbadora. No ano 1981 promúlgase a lei, insuficiente e arbitraria, sobre a interrupción do embarazo. Tamén hai que constatar certos cambios legais no referente á violación que era considerada un delito «contra a honestidade» e no que existía a posibilidade de perdón por parte da vítima.
Nos limiares do feminismo, nas organizacións intégranse as mulleres máis concienciadas, que eran tamén as que se ocupaban na loita contra a ditadura. Esta circunstancia vai marcar o movemento feminista en todo o Estado. O feminismo coincide coa instauración da democracia e moitas afiliadas nas organizacións feministas eran máis ben antifascistas militantes, con un nivel de conciencia feminista aínda non desenrolado.
Na A.G.M. amoldouse unha macedonia partidaria. Excluíndo ás integrantes do Movemento Democrático de Mulleres (M.D.M.), estaban representados todos os partidos (que entón eran moitos), agás os nacionalistas para os que ser feminista, daquela, era delito de alta traición.
De sobra será comentar que as conveniencias partidarias, o intento de reproducir os intereses de partido no seo da A.G.M.., fixéronnos perder moito tempo, desviamos do camiño en múltiples ocasións e remataron por dividirnos.
Xa desde os inicios había dúas marcadas concepcións do feminismo na A.G.M.. Lembro que na elaboración do primeiro manifesto, na nosa presentación pública, o meu escrito foi masivamente rexeitado por excesivo, mesmo se eu o consideraba do máis comedido. Tanto o era que os seus presupostos foran colectivamente superados en moi pouco tempo. Pero, as chamadas feministas de «dobre militancia» (en realidade a militancia non pode ser máis que única), adxudicaban aos partidos os grandes cambios sociais, reservándolle ao feminismo aqueles aspectos estimados como propios e concernentes ás mulleres. Fronte a isto, outras concibíamos o feminismo como unha alternativa global á sociedade e protestábamos ante unha tendencia que podía levar a considerar os problemas das mulleres como un asunto do baixo ventre.
As diferentes concepcións estendíanse por todo o Estado, fomentadas polas lecturas de obras das feministas europeas e norteamericanas, que xa abriran brechas no pensamento feminista, e pola aplicación ao tema da explotación das mulleres doutras teorías: marxistas, freudianas, de liberación nacional… Algunhas, seguindo máis ben ás norteamericanas, preferían marcar a énfase na diferencia sexual como base do patriarcado.
Da aplicación do marxismo dimana, como un problema de regla de tres, a consideración da muller como clase social. Este resultado tivo, evidentemente, forte oposición nas mulleres de partido. Para estas. o problema era tratar de comprender e compaxinar dous sistemas semiautónomos: o patriarcado e o capitalismo. Desta combinación xurdía a subordinación das mulleres a distintos niveis. A grande contradición, desde a súa análise, era que facer coas esposas dos burgueses. (Esta pode ser unha das razóns de que a muller galega, durante bastante tempo, foi unha muller do campo, imaxinada sempre co pano á cabeza e as vacas. O feminismo galego tamén pasou a súa etapa ruralista).
Dentro do mesmo marco teórico, o traballo doméstico creaba problemas. Marx só tivera en conta o traballo produtivo na área capitalista da produción. O traballo do-méstico era, logo, produtivo ou improdutivo? A explotación no marco da produción doméstica podía compararse coa explotación na unidade de produción capitalista? Aínda non se manexaban os traballos de Heidi Hartman, en América, nin as análises de Christine Delphy, en Francia, que independizarían o feminismo da ortodoxia do pensamento tradicional e demostrarían que o capitalismo non explica toda a opresión das mulleres, que faltan as relacións de xénero no exame do mesmo.
Esta polémica reanudabámola, na A.G.M., cada ano con motivo da conmemoración do 8 de Marzo. Moitas non aceptábamos o aditamento de «traballadora» ao Día da Muller, nin o cariz que se lle quería dar, por consideralo excluínte e inxusto para un elevado número de mulleres, denominadas «amas» de casa, que traballan arreo e padecen unha sistemática explotación, mesmo senón son asalariadas nin afiliadas aos sindicatos.
Os plantexamentos teóricos diferentes provocan escisións no feminismo en todo o Estado. Nas Xomadas de Granada en 1980, as mulleres non organizadas en partidos ven a necesidade de debater os avances teóricos do feminismo en encontros propios para desligarse das propostas reformistas nas que se centraba o movemento. Nace así o movemento feminista independente que terá tamén variados enfoques: posicións ecoloxistas, pacifistas, formas de vida alternativas, etc.
Dimanada, sen dúbida, da controversia anterior e da identificación das mulleres de partido co marxismo, levou a certas feministas independentes a renegar desta teoría. Falsa interpretación ao meu entender, xa que o método marxista foi utilizado por todas nós, incluso para contestar aos propios teóricos no seu terreo. Os homes, mesmo os marxistas, tenden a situar o feminismo no plano superestrutural, mentres que as feministas, seguindo a Marx, partimos das bases materiais para analizar a nosa situación no mundo. Comprobamos como os teóricos marxistas, tan preocupados pola base económica da sociedade, se despreocupaban do traballo gratuíto das mulleres e non deixaban de considerarnos como un obxecto de uso e posesión e o noso traballo como algo que permanece no plano do «natural». Isto é Idealismo e non Materialismo. Nós, as feministas, como somos materialistas, sabemos que incluso os sentimentos teñen unha base material e iso permítenos desmitificar e demoler a imaxe que se fixo do ser feminina e toda a patraña de historias que nos contan para que «sirvamos» mellor á sociedade. Incluso amar é un traballo. As mulleres somos educadas para derrochar amor, afecto, cariño, coidados… Canto tempo, canto esforzo, canto sacrificio dedicamos as mulleres a querer aos demais? É unha actividade incesante que cobre as necesidades materiais, afectivas e psicolóxicas das persoas queridas: maridos, fillos, pais…, incluso os compañeiros de traballo. E, gracias ao marxismo, comprendemos que todo este derroche de cariño non é innato nas mulleres, que hai un ríxido control social para conseguir este comportamento, que temos a obriga de amar.
Non só do marxismo, senón do estruturalismo e de todas as teorías científicas nos servimos para irmos tirando dos ollos as teas de araña seculares. Andivemos tamén oscilando entre determinacións biolóxicas e determinacións culturais, que xa non dependen da bioloxía. Hoxe, sen negar a bioloxía, ou o feito evidente de que damos a vida e criamos os seres humanos, tratamos de comprender a importancia e os lindes dese feito.
Nestes anos, as organización feministas pasaron por diferentes opcións. Hester Eisenstein analízaas e sintetízaas así:
1º) Opción de loitar no mundo da política nos términos definidos polos homes.
2º) Opción de retirarse do mundo (patriarcal) e crear un mundo separado de mulleres.
3º) Opción de cambiar este mundo baixo a imaxe dos valores que se encontran no centro do feminismo.
Nisto estamos.
Volvendo ao rego do feminismo galego, hai unha característica que o distinguiu e distingue no resto do Estado, incluíndo Cataluña e Euskadi, que é o nacionalismo. Na A.G.M. podería haber distintos graus ao respecto, pero o nacionalismo era indisputado e o galego foi sempre a lingua dos nosos escritos e debates. Asimesmo levamos po-nencias e suscitamos o tema, reiteradamente, nos encontros estatais das independentes.
Non se pode ocultar que na A.G.M. había moitas discrepancias. A loita por reformas era contestada polas que non as considerábamos propiamente reivindicacións feministas. Aínda hoxe, queda por deslindar até que punto certos cambios no ordenamento xurídico foron consecuencia única da presión do movemento feminista ou responderon á propia modernización necesaria da transición política. Do mesmo xeito que, nestes momentos, a Comunidade Europea está marcando a pauta das campañas estatais pola igualdade das mulleres. Que dirán en Europa!, din os nosos paisanos, agachando a estaca cavernícola.
Mesmo así, con discrepancias, o noso labor deu os seu froitos, a nosa unión foi produtiva e podía seguir séndoo. A escisión da A.G.M, foi dramática e penosa. Supuxo unha grande perda para o feminismo galego e, nesa medida, foi un trunfo reaccionario.
As feministas independentes galegas agrupámonos na F.I.G.A., organización que valorou os debates intemos e tivo importancia na formación e realización persoal pero que foi perdendo incidencia pública. Tomou parte activa nas xuntanzas Feministas Independentes do Estado e organizou as I Xornadas de Independentes en Vigo. Paulatinamente foi esmorecendo como movemento. No ano 1983, un grupo de independentes fundamos a «Festa da Palabra Silenciada», revista de cultura na que colaboran e se interesan moitas mulleres do país e que abarca un amplo e enriquecedor espectro ideolóxico. Pola súa parte, a A.G.M. edita a revista «Andaina», con tendencia máis concreta. Son, que eu saiba, as dúas publicacións feministas de Galiza.
Creo que na actualidade é evidente para todas que o camiño reformista é un calexón cego. Unha vez conseguidas as reformas o espellismo desaparece. Non discutimos que certas reformas non sexan necesarias, pero, máis que nunca, vemos a necesidade de permanecer alerta. Porque certo feminismo é aceptado, por compatíbel, funcional e estruturalmente, coas condicións dominantes e non conduce a un cambio de sistema. Ao contrario, o sistema normalízao necesariamente. As mulleres feministas debemos negarnos a morder o anzol mistificador porque a nosa situación continúa sendo angustiosa. A caza de mulleres está aberta todo o ano. Vivimos ameazadas por un terrorismo atroz. A violencia sobre nós aumenta de día en día. Mulleres violadas, mulleres maltratadas e golpeadas, a maioría no propio fogar, (17.056 casos denunciados no ano 1987. Estimativos 350.000), mulleres asasinadas, a maioría polos propios maridos, amantes, incluso fillos (200 casos no ano 1987). E isto sen contar as violacións conxugais, as vexacións continuas, o acoso sexual no traballo, as prestacións a xefes e mandamais…
As mulleres feministas debemos negarnos a morder o anzol mistificador porque a nosa situación continúa sendo angustiosa. A caza de mulleres está aberta todo o ano. Vivimos ameazadas por un terrorismo atroz. A violencia sobre nós aumenta de día en día.
Un silencio afoga todo este terror. Cando se fala de terrorismo non se alude á caza das mulleres. De sermos vítimas dunha organización armada sairíamos nas primeira páxinas dos xomais e nas cabeceiras dos telediarios. Pero non somos máis que mulleres.
As conciencias patriarcais intentan tranquilizarse que eses actos violentos son executados por tolos, por psicópatas. Pero non. Aí teñen os datos para comprobalo. O único avance neste sentido foi que as muIleres comenzan a denunciar as brutalidades e a detención dos violadores permite, cando menos, constatar que a maioría non son psicópatas, que son honrados traballadores, pais de familia, homes normais aos que «ninguén lle notara nada raro». O violador ou asasino pode ser compañeiro, pai, amgo da vítima. Xa non se exime de sospeita nin os portadores do féretro da sacrificada.
Compre dicilo, máis ben berralo, o sistema é cómplice deste terror. Os gardiáns da orde patriarcal son tamén violadores, torturadores, asasinos de mulleres, aos presentarnos como obxectos sexuais e fomentar, a través da educación, a pasividade, a submisión, como valores femininos.
O problema, é necesario insistir, non o resolven as reformas. Tomemos o exemplo das mulleres maltratadas. As feministas presionamos nas institucións para crear casas de acollida onde as damnificadas, cos seus fillos, encontren agarimo mentres non reorganizan a súa vida, material e psiquicamente. Pero, por un lado, farían falta moitísimas casas e, por outro, estes son parches. Parches. Comparables ás axudas ao terceiro mundo, aos campamentos da Cruz VermeIla en Etiopía. Alí tamén chegan as nais, azoutadas pola fame, cos seus fillos desnutridos. Humanitariamente non podemos ver con malos ollos eses auxilios. Xa que hai fame, xa que hai mulleres golpeadas en situación desesperada, algunha se aliviará. Pero sabemos que a solución á fame do terceiro mundo non está no envío de alimentos e algún persoal sanitario; que é necesaria a transformación da economía mundial, a desaparición do colonialismo e da explotación para chegar a un reparto máis equitativo da riqueza. O leite caritativo que tragan eses seres famélicos e depauperados provoca a nosa indignación, o mesmo que a acoIlida a tantas mulleres maltratadas. Como asistir pasivamente á escena? Sobre todo sabendo, como sabernos, a Grande Falacia: que as institucións do Estado sufraguen «xenerosamente» lugares de acollida para uns seres que son vítimas desas propias institucións. Porque os poderes públicos consinten na difusión da imaxe das mulleres como obxectos, alimentan a industria pornográfica, a idea da muller como algo que se debe mirar, tomar, gozar, dominar «naturalmente». Incitan a esa toma, a ese abuso de poder, e cando os individuos cómpren as suxerencias, daquela, pretenden protexer ás vítimas, ou sexa, facernos beber o branco leite da ignominia.
as feministas, ao mesmo tempo que se organizan solucións de urxencia, temos que conseguir mudar a mentalidade da sociedade.
Por iso, as feministas, ao mesmo tempo que se organizan solucións de urxencia, temos que conseguir mudar a mentalidade da sociedade. As melloras non significan cambios mentres todo siga suxeito á lóxica, profunda, ás veces invisíbel, pero sempre noxenta, do sistema patriarcal.
Outra tese errónea foi pensar que o ingreso das mulleres no ámbito produtivo levaría consigo a liberación psico-social. Por moi importante que sexa o número de muIleres que ocupan postos de traballo, isto non supuxo o abandono do medio de produción doméstico. As mulleres, sobre todo as casadas con fillos, están sometidas ao castigo da dobre xornada de traballo, ademais de seren utilizadas como man de obra barata e, ás veces, oculta, no mercado. Das traballadoras se aproveitan non só a eficacia e boa disposición, senón tamén a aparencia e o sexo. O dereito de pemada do patrón acada agora sutís e altísimos cumprimentos. Quizás, as mulleres que se libran algo do tributo son as solteiras. Estas soltei-ras de hoxe non teñen nada que ver con aquelas solteironas faimerir dos chistes e as historietas, que eran feas, ninguén as quería e quedaban para vestir santos. (Na realidade vestían sobriños, atendían pais, tías e demais familia, nun traballo abnegado e non recoñecido). Carecían do status, incluso do non status do que «disfrutaban» as súas irmáns casadas. As solteiras de hoxe son mulleres libres, decididas profesionais e traballadoras activas, que fan da súa capa un saio, ou, mellor dito, do saio que a vida lles tiña predestinado, unha capa de luxo, ou sexa de autonomía e dignidade. Pero nin elas poden cantar vitoria. Non se libran de ser consideradas «como mulleres» por compañeiros ou xefes, nin de ser agredidas, insultadas, asaltadas ou violadas. Pois unha das razóns do incremento da violencia radica xustamente no desexo de autonomía das mulleres. Na medida en que queiramos fuxir do cárcere doméstico, do papel tradicional, da submisión, e ocupar espazos que estaban reservados unicamente aos homes, encontramos a oposición. A arma dominadora por excelencia é a violencia. Canta maior sexa a impotencia e a frustración, meirande será a violencia.
Doume conta de que estou presentando un panorama desolador, pero a situación das mulleres non permite acougo.
O feminismo fixo máis cambios sociais que ningunha outra opción política nos nosos tempos e o campo aberto polas precursoras deixa ver un feixe de posibilidades.
Agora ben, que non nos regalemos cos meles insensatos do optimismo non nos impide recoñecer os enormes avances realizados, os cambios que se observan na sociedade, a grandiosa epopea levada a cabo polas mulleres nos últimos anos. Neste sentido temos que estar satisfeitas. O feminismo fixo máis cambios sociais que ningunha outra opción política nos nosos tempos e o campo aberto polas precursoras deixa ver un feixe de posibilidades. O feminismo está en todas as partes, en todos os ámbitos sociais. Sometido a múltiples interpretacións, con diferencias de grao e coñecemento segundo as circunstancias, pero que corroboran a índole sistemática do patriarcado.
Para evidenciar o amplo campo de acción do feminismo na nosa terra, vou relatar brevemente unha experiencia persoal que me parece de suma importancia. Este verán pasado fun requirida por un amplo grupo de monxas para darlles unha charla sobre feminismo no convento central, en Santiago de Compostela, onde acudirían desde diversos lugares de Galiza, A palabra empregada é correcta: requerida, xa que tiveron que insistir para vencer a miña reticencia, fundada na idea de que as miñas palabras, os meus criterios, o meu discurso non sería adecuado para a realidade delas, que xulgaba noutra dimensión. Unha vez convencida, cismei en como abordar o que consideraba o cometido máis delicado da miña andadura feminista. Ante todas aquelas mulleres, quedei un momento dubidosa. O que fixen foi falarlle como ao resto das mulleres, con toda sinceridade, sen pamplinas, sen disimular a miña postura crítica para a institución que as «ampara» e as reprime, institución que leva en alto, máis ca ningunha outra, a palma do patriarcado. Elas xa o sabían. Fun comprendida e querida. No coloquio devolvéronme o discurso analizado e reflexionado. Souben dos seus desexos de liberación, do seu nacionalismo sentido e practicado, dos seus anceios por modificar unha realidade inxusta, en moitos casos, empezando por elas mesmas. Confirmáronme que os mecanismos de opresión seméllanse como dúas pingas de auga, que Eva e María, a prostituta ou a santa, son as dúas caras dunha mesma moeda.
Aprendín moito aquel día. Sororizamos nunha dimensión máis alta que a do entramado social, elevándonos sobre as alineacións con asas de liberdade. lnvitáronme a comer. No refertorio, falamos do erotismo da mística. Faltaba a música gregoriana para crear o ambiente que contentaría a miña tendencia novelesca. En troques, eu Iembreilles as eróticas cancións da igrexa da miña infancia (que nos despertaban a sensualidade con aquel «vivir no puedo lejos de ti», ou «ábreme la herida de tu corazón») que cantamos coa mesma actitude desmitificadora, ante o estupor das máis novas que descoñecían, índuso, o tamtum ergum.
Coma se estes grafemas se convertiran en telescopios, podo ver o voso sorriso socarrón. Adonde quero chegar? Acaso no feminísmo vale todo? Non, non pretendo cair no relativismo, pero cando as mulleres nos reunimos e falamos, comprendemos a unicidade do sistema que nos oprime. Creo que podemos afirmar que o feminismo está en todo e que o «continuum natural» da estrutura patriarcal fai agua por todas as partes. O feminismo superará os arquetipos sobre as mulleres (boas, malas; fadas, bruxas; recluídas e «fágase a túa vontade» ou mulleres públicas, mulleres da vida). Compre destruír as dicotomías.
O paradigma patriarcal, a idea do home como modelo único de todo o humano, vai camiño de desaparición.
O paradigma patriarcal, a idea do home como modelo único de todo o humano, vai camiño de desaparición. Mesmo se as mulleres estivemos marxinadas da cultura e ausentes das universidades até hai ben poucos anos, proliferan as investigadoras e as científicas. O feminismo é un discurso innovador, crítico e totalizador. Abarca ciencias diversas: bioloxía, antropoloxía, socioloxía, filosofía, historia, lingüística, etc. Introdúcese nas artes e na literatura cunha anovadora visión. As mulleres, como todo o pobo que se libera, necesita crear a súa propia arte e literatura, a propia concepción do mundo, xa que para nós non serven os paradigmas actuais nen o aluvión histórico feito polos homes. Por iso temos que entrar en todas as disciplinas con actitude crítica. Pensar, e pensar como feministas, para elaborar a única cultura que non é alienante para nós. Difícil labor. Porque no que consiste, en suma, o feminismo é en pasar dunha existencia en simulacro a unha existencia real; de sermos fantasías masculinas a realidades femininas; de ser pensadas a pensar-nos; de ser desexadas a desexarnos; de sermos obxectos con dereitos sobre o propio corpo, sobre a nosa entidade, sobre a nosa conciencia.
Esta revelación é, evidentemente, unha magna revolución que implica a disidencia dun mundo establecido sen nós e sobre nós, que supón desarticular toda a orde de valores impostos, toda relación entre suxecto e obxecto, todas as posicións dos seres no espacio e as relacións dos mesmos coa natureza. As nosas miradas, inéditas, recentes e conscientes, refrexarán un novo semblante e o mundo deixará de ser monolóxico para ser complexo.
Que desatino!, pensarán os gardiáns do sistema, Queren pór o mundo patas arriba, un mundo desordenado! Xustamente o contrario. O que procuramos as feministas é un mund ordenado, unha sociedade coherente. O sistema actual é desordenado e inxusto. Manter oprimida e cousificada á metade da poboación do orbe é unha desorde descomunal. O resultado foi, e segue a ser, non só a degradación das vítimas senón tamén dos verdugos. Deste modo se perpetúa a noxenta representación da historia, na que nós queremos baixar o telón. Así, o feminismo, máis que unha subversión é unha versión recta e hamónica das relacións entre as persoas e destas coa natureza.
Para este grande emerxer na nosa terra, as mulleres temos que marchar unidas. Son moitos os campos que compre arar, os temas que hai que abordar, os valores que debemos universalizar. Non podemos deixar pasar os momentos ou asistir impávidas á consolidación do simulacro. Compre tomar conta da nosa vida e da nosa terra. Ninguén o vai facer por nós.
«Na obra literaria de Rosalía está primeiro a reivindicación das mulleres, que hoxe chamaríamos feminismo, e logo a vindicación da nación», afirma Helena González (Santo André de Comesaña, 1967) responsábel dunha antoloxía para iniciarse na lectura contemporánea de Rosalía de Castro, Rosalía Feminista (Xerais, 2019). Autora de numerosos ensaios e estudos, Helena González é directora na Universidade de Barcelona do Centre de Recerca Teoria, Génere, Sexualitat.
Antoloxías de Rosalía pódense facer moitas, pero aquí é clara a intención desde o título, Rosalía feminista.
Facer este libro foi como armar un xoguete fermoso. Foi unha aposta do editor Fran Alonso, quería algo contemporáneo, non un traballo filolóxico que xa está realizando Anxo Angueira. Un libro máis popular e deste tempointentando conectar coa lectura que fixeron as feministas dos 80 e que foi medrando. O panorama de estudos rosalianos estaba moi receptivo a eses enfoques, nos que Rosalía saía da única lectura do nós e a nación. É de aí que xorde a antoloxía Rosalía Feminista: popularizar unha Rosalía que nos acompaña no século XXI e que dá claves para cuestións do noso tempo. O título viña dado e só aceitei se podía remexer os poemas e propoñer un novo fío narrativo, que é o que fago nas miñas clases. Traballo con estudantes que entran en contacto con Rosalía un tempo moi limitado e debo manexar conceptos de teoría política e de feminismo que eles teñan a man. Propoño poemas que conecten coas grandesfiguras da teoría feminista. O outro elemento que perseguín é que houbese figuras. Moitas veces lese a Rosalía desde unha ollada biográfica, que para min redúcelle potencial político, ou senón lecturas moi histórico-filolóxicas. Parecíame que en Rosalía hai moitas mulleres. E isto non é unha idea miña senón das persoas que máis saben nos estudos rosalianos. Que puidesen verse nenas, mozas e vellas, mulleres frustradas, iradas ou suicidas ou mulleres que celebran.
Propoño poemas que conecten coas grandesfiguras da teoría feminista.
Interésalle iso que denomina facer a xenealoxía das viúvas.
Ler as viúvas dos vivos como un libro narrativo, con principio e final. De maneira que podes ver a marcha do home, a soidade da muller, a dor horríbel que a confinaba na desesperación, na saudade que non ten cura ou na loucura que a leva ao suicidio e diante da imposibilidade do suicidio (o poema das Torres de Catoira) concluír que xa que non podo morrer por el teño que facerme cargo do meu. Velaí cando xorde o concepto da viúva de vivo, non só como alguén que espera, que é a lectura habitual que facemos dela, senón de alguén que farta de esperar decide navegar. Velaí o fío con Xohana Torres. A viúva dos vivos non é unha muller vella, senón alguén con forza para a travesía, para ir a América, aínda sabendo que pode non atopar o home, e que sente a perda da Terra que deixa. É un final espectacular, moito máis interesante que o da muller que só queda esperando por moi conmovedor que resulte
Barallar os poemas pode deturpar a lectura da obra?
Para nada, porque se ve un continuo. O texto inaugural é Lieders, no que Rosalía di que é unha muller que se sente unha igual entre os seus iguais. Na súa obra literaria está primeiro a reivindicación das mulleres, que hoxe chamaríamos feminismo, e logo está a vindicación da nación. Isto permite entender mellor que as súas campesiñas, as viúvas ou as figuras de mulleres que aparecen nas súas moitas outras obras non só sexan personaxes folclóricas. En realidade encontramos mulleres que sofren moito e mulleres que toman decisións, porque non hai finais felices para elas.
En Rosalía o concepto da viúva de vivo é unha muller que farta de esperar decide navegar. Velaí o fío con Xohana Torres.
Como é posíbel que sendo Rosalía de Castro unha escritora que adopta a decisión explícita de escribir entre iguais, que ese punto de vista tardase tanto en abrirse paso?
As lecturas teñen sempre un tempo e un lugar e cando morre Rosalía interesaba resaltar a grande poeta canónica da literatura galega, cando a medida era do escritor home que se fai cargo da nación. O patrón autorial en tempo no que Rosalía morre era misóxino, e en toda Europa e en América veuseque as mulleres avanzaran moito e conviña que voltaran a casa, porque as mulleres sabias resultaban perigosas. A imaxe autorial de Rosalía estivo moi coutada. Non se lle daba permiso para ser unha escritora na que o feminino fose positivo. Dalgunha maneira tiñamos que andar a xustificar que non era ignorante, que non escribía ao ditado, que non estaba louca, que as súas novelas tiñan intereses estraños ou directamente non eran dela senón de Murguía… Foi unha carreira de superación de obstáculos e agora fáltanos o reto de que Rosalía de Castro sexa unha voz internacional. É un momento adecuado, cando se están recuperando as voces das románticas inglesas e empezamos a entender que nos explican o século XIX doutro xeito. A nós quédanos facer ben os deberes de internacionalización. Celebramos as traducións e cada vez que fóra se fala de Rosalía, pero falta moito traballo. Debería estar na bolsa dos asuntos literarios internacionais. É unha escritora de primeira liña que ademais aporta emocións moi profundas para saber o que pasa na Galiza de antes e na de agora, que segue sendo emigranteaínda que as mulleres estean máis empoderadas e non pensen tanto en suicidarse…
No Congreso Internacional de Rosalía de 1985 (Santiago), xa había estudos de mulleres de fóra nesa dirección, estou a pensar en Kathleen N. March, Catherine Davies, Cristina Dupláa…
Por iso digo que esta antoloxía é debedora dos 80. Esas mulleres estaban alí tamén porque as feministas galegas (Carmen Blanco, María Xosé Queizán, a nova Ana Romaní daquel momento, Camiño Noia, Margarita Ledo… e máis porque a lista é inconclusa). Estaban a ver ese potencial de Rosalía e souberon facer chegar aos organizadores a nova lectura.
A popularidade de Rosalía axuda a unha mellor conexión con ese novo punto de vista para quen a le? Naqueles anos 80aparecen os discos de Amancio Prada, que lembro que na Asociación Cultural de Vigo servíronnos para organizar unha montaxe audiovisual, Rosa de Abril, con textos interpretativos de Francisco Rodríguez e unha escolma de poemas e cancións cunha recepción espectacular.
As musicacións de Amancio Prada foron moi importantes para unha xeración. Agora temos que volver porque cada momento necesita actualizarse. Na escola eu entrei a Rosalía pola porta de Amancio Prada. Agora o que estamos conseguindo é ler a Rosalía de maneira completa, cos textos xornalísticos, coa obra narrativa e atópanse materiais moi interesantes, reflexións rachadoras. Sigo fascinada con El primer loco, ou en Costumes Gallegas nas que lle pon rostro a unha palmeira e nos fala da estranxeiridade cunha sensibilidade especialísima. É unha escritora magnífica.
Helena González, directora na Universidade de Barcelona do Centre de Recerca Teoria, Génere, Sexualitat
Traballa en Barcelona con María Xesús Lama, que publicou a primeira parte da súa gran biografía de Rosalía (Galaxia, 2018) e esa recuperación da peripecia vital fora sempre reclamada, porque había néboas e interpretacións non documentadas. Muda algo a percepción que temos de Rosalía escritora?
Non, porque temos os textos e moitos deles falan sós. Na antoloxía vai un prólogo para enmarcar o que é a proposta de lectura, pero quen le ten ferramentas para entender, aínda que procurei tamén establecer contrastes, como por exemplo lendo contiguamente San Antonio e Decides que o matrimonio. Cada xeración sabe facerse cargo dos textos pero nesta antoloxía, e penso que en xeral nos libros de poesía, os poemashai que lelos de principio a final. Cando menos esa lectura seguida hai que facela nos poemas das viúvas, porque hai unha construción dramática da personaxe que só se capta lendo os poemas ao completo. Unha vez preguntei á xente da miña volta como leran a Rosalía e case todas o fixeran peteirando nos poemas. É mágoa porque en Rosalía hai vontade de construír libro, hai unha arquitectura. Por suposto que se pode antologar, porque é unha grande poeta, pero é unha mágoa non ler as obras enteiras como ela as quixo.
Que hai de mito e que de realidade na súa obra perdida, poderíase recuperar?
Claro que hai obra perdida ou censurada, e non hai indicios de que poida recuperarse. Pero o estado dos arquivos e do patrimonio galego é bastante lamentábel e quen sabe se no medio dalgún baúl nunha vella casa aparece algo… Os textos desaparecidos sempre teñen un morbo engadido e despois están os queimados, suponse que coa autorización de Murguía e por petición de Rosalía… sempre haberá un elemento mítico. En realidade hai autores aos que esa aura de misterio dalgúns aspectos non os dana, todo o contrario. Despois de traballar con Rosalía a min paréceme que é importante que os/as intelectuais deben deixar o seu propio testemuño, aínda que sexa incómodo, deben deixar o relato da súa vida. Xa leremos nós e desbrozaremos. A primeira case que o fai é Queizán, cunha autobiografía que levanta ronchas, por suposto, perodeixa pegadas para avanzar.
Hai libros de entrevistas, poucas memorias traballadas, están As Décadas de Lois Tobío, que poden ser un modelo….
É importante que deixen testemuña da súa vida, xa haberá tempo de ir ás hemerotecase facer contraste. Os libros de conversas teñen valor, pero os relatos autobiográficos deixan ver mellor as contradicións. E máis agora que xa non hai correspondencia escrita que se conserve, porque o electrónico esváese, case é oralidade.
É unha escritora de primeira liña que ademais aporta emocións moi profundas para saber o que pasa na Galiza de antes e na de agora
Revisando a hemeroteca de A Nosa Terra, sobre todo os números arredor do Día das Letras Galegas, pódese situar nos anos 80 a emerxencia de mulleres como autoras.
Hai un primeiro momento de loita política, de recuperación de espazos e esa era prioridade. Pasada a transición prodúcese un xiro importante no que non se deixa a militancia pero especialízase. É cando nace A festa da palabra silenciada, que é produto dun traballo moi asembleario. Conséguese un grande logro porque abre un espazo, como tamén ocorreu nos campos culturais vasco, catalán ou español. A diferenza é que as galegas conseguen a que a lectura feminista teña un pequeno lugar que vai dando pasos, sexa no congreso Rosalía ou nas historias xerais, mentres que nas historias da literatura catalá o feminismo brilla pola súa ausencia, porque o paraugas totalizador da nación funcionou, a pesar de que teñen figuras tremendas, que xa quixéramos nós. En Cataluña poderían facer unha historia da súa literatura no século XX pasando de grande autora en grande autora. Nós temos tempos de silencio e como parafrasea Carme Blanco a Ferrín fomos de Rosalía a Xohana Torres… Até ese anos 80 ademais están apenas Luz Pozo, Pura e Dora Vázquez en Ourense, recupérase a figura pública de María Mariño…. María Merçé Marçalcreia que a singularidade das escritoras galegas debíase á figura de Rosalía e que Cataluña non tiña unha figura inaugural. E iso que Rosalía é un facho incómodo, porque non é santificábel, porque nun momento dado renuncia ao idioma porque non é entendida polos seus contemporáneos. Foi unha muller rabuda.
Boletín de novidades
Recibe as novas no teu e-mail
Este páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para optimizar a túa navegación, adaptarse ás túas preferencias e realizar labores analíticos. Ao continuar navegando aceptas a nosa Política de Cookies.AceptarVer Pól. de Cookies
Política de Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.