«Na obra literaria de Rosalía está primeiro a reivindicación das mulleres, que hoxe chamaríamos feminismo, e logo a vindicación da nación», afirma Helena González (Santo André de Comesaña, 1967) responsábel dunha antoloxía para iniciarse na lectura contemporánea de Rosalía de Castro, Rosalía Feminista (Xerais, 2019). Autora de numerosos ensaios e estudos, Helena González é directora na Universidade de Barcelona do Centre de Recerca Teoria, Génere, Sexualitat. 

Antoloxías de Rosalía pódense facer moitas, pero aquí é clara a intención desde o título, Rosalía feminista.

Facer este libro foi como armar un xoguete fermoso. Foi unha aposta do editor Fran Alonso, quería algo contemporáneo, non un traballo filolóxico que xa está realizando Anxo Angueira. Un libro máis popular e deste tempo  intentando conectar coa lectura que fixeron as feministas dos 80 e que foi medrando. O panorama de estudos rosalianos estaba moi receptivo a eses enfoques, nos que Rosalía saía da única lectura do nós e a nación. É de aí que xorde a antoloxía Rosalía Feminista: popularizar unha Rosalía que nos acompaña no século XXI e que dá claves para cuestións do noso tempo. O título viña dado e só aceitei se podía remexer os poemas e propoñer un novo fío narrativo, que é o que fago nas miñas clases. Traballo con estudantes que entran en contacto con Rosalía un tempo moi limitado e debo manexar conceptos de teoría política e de feminismo que eles teñan a man. Propoño poemas que conecten coas grandes  figuras da teoría feminista. O outro elemento que perseguín é que houbese figuras. Moitas veces lese a Rosalía desde unha ollada biográfica, que para min redúcelle potencial político, ou senón lecturas moi histórico-filolóxicas. Parecíame que en Rosalía hai moitas mulleres. E isto non é unha idea miña senón das persoas que máis saben nos estudos rosalianos. Que puidesen verse nenas, mozas e vellas, mulleres frustradas, iradas ou suicidas ou mulleres que celebran. 

Propoño poemas que conecten coas grandes  figuras da teoría feminista. 

Interésalle iso que denomina facer a xenealoxía das viúvas.

Ler as viúvas dos vivos como un libro narrativo, con principio e final. De maneira que podes ver a marcha do home, a soidade da muller, a dor horríbel que a confinaba na desesperación, na saudade que non ten cura ou na loucura que a leva ao suicidio e diante da imposibilidade do suicidio (o poema das Torres de Catoira) concluír que xa que non podo morrer por el teño que facerme cargo do meu. Velaí cando xorde o concepto da viúva de vivo, non só como alguén que espera, que é a lectura habitual que facemos dela, senón de alguén que farta de esperar decide navegar. Velaí o fío con Xohana Torres. A viúva dos vivos non é unha muller vella, senón alguén con forza para a travesía, para ir a América, aínda sabendo que pode non atopar o home, e que sente a perda da Terra que deixa. É un final espectacular, moito máis interesante que o da muller que só queda esperando por moi conmovedor que resulte

Barallar os poemas pode deturpar a lectura da obra?

Para nada, porque se ve un continuo. O texto inaugural é Lieders, no que Rosalía di que é unha muller que se sente unha igual entre os seus iguais. Na súa obra literaria está primeiro a reivindicación das mulleres, que hoxe chamaríamos feminismo, e logo está a vindicación da nación. Isto permite entender mellor que as súas campesiñas, as viúvas ou as figuras de mulleres que aparecen nas súas moitas outras obras non só sexan personaxes folclóricas. En realidade encontramos mulleres que sofren moito e mulleres que toman decisións, porque non hai finais felices para elas.

En Rosalía o concepto da viúva de vivo é unha muller que farta de esperar decide navegar. Velaí o fío con Xohana Torres.

Como é posíbel que sendo Rosalía de Castro unha escritora que adopta a decisión explícita de escribir entre iguais, que ese punto de vista tardase tanto en abrirse paso?

As lecturas teñen sempre un tempo e un lugar e cando morre Rosalía interesaba resaltar a grande poeta canónica da literatura galega, cando a medida era do escritor home que se fai cargo da nación. O patrón autorial en tempo no que Rosalía morre era misóxino, e en toda Europa e en América veuse  que as mulleres avanzaran moito e conviña que voltaran a casa, porque as mulleres sabias resultaban perigosas. A imaxe autorial de Rosalía estivo moi coutada. Non se lle daba permiso para ser unha escritora na que o feminino fose positivo. Dalgunha maneira tiñamos que andar a xustificar que non era ignorante, que non escribía ao ditado, que non estaba louca, que as súas novelas tiñan intereses estraños ou directamente non eran dela senón de Murguía… Foi unha carreira de superación de obstáculos e agora fáltanos o reto de que Rosalía de Castro sexa unha voz internacional. É un momento adecuado, cando se están recuperando as voces das románticas inglesas e empezamos a entender que nos explican o século XIX doutro xeito. A nós quédanos facer ben os deberes de internacionalización. Celebramos as traducións e cada vez que fóra se fala de Rosalía, pero falta moito traballo. Debería estar na bolsa dos asuntos literarios internacionais. É unha escritora de primeira liña que ademais aporta emocións moi profundas para saber o que pasa na Galiza de antes e na de agora, que segue sendo emigrante  aínda que as mulleres estean máis empoderadas e non pensen tanto en suicidarse…


No Congreso Internacional de Rosalía de 1985 (Santiago), xa había estudos de mulleres de fóra nesa dirección, estou a pensar en 
Kathleen N. March, Catherine Davies, Cristina Dupláa…

Por iso digo que esta antoloxía é debedora dos 80. Esas mulleres estaban alí tamén porque as feministas galegas (Carmen Blanco, María Xosé Queizán, a nova Ana Romaní daquel momento, Camiño Noia, Margarita Ledo… e máis porque a lista é inconclusa). Estaban a ver ese potencial de Rosalía e souberon facer chegar aos organizadores a nova lectura.

A popularidade de Rosalía axuda a unha mellor conexión con ese novo punto de vista para quen a le? Naqueles anos 80  aparecen os discos de Amancio Prada, que lembro que na Asociación Cultural de Vigo servíronnos para organizar unha montaxe audiovisual, Rosa de Abril, con textos interpretativos de Francisco Rodríguez e unha escolma de poemas e cancións cunha recepción espectacular.

As musicacións de Amancio Prada foron moi importantes para unha xeración. Agora temos que volver porque cada momento necesita actualizarse. Na escola eu entrei a Rosalía pola porta de Amancio Prada. Agora o que estamos conseguindo é ler a Rosalía de maneira completa, cos textos xornalísticos, coa obra narrativa e atópanse materiais moi interesantes, reflexións rachadoras. Sigo fascinada con El primer loco,  ou en Costumes Gallegas nas que lle pon rostro a unha palmeira e nos fala da estranxeiridade cunha sensibilidade especialísima. É unha escritora magnífica.

Helena González, directora na Universidade de Barcelona do Centre de Recerca Teoria, Génere, Sexualitat

Traballa en Barcelona con María Xesús Lama, que publicou a primeira parte da súa gran biografía de Rosalía (Galaxia, 2018) e esa recuperación da peripecia vital fora sempre reclamada, porque había néboas e interpretacións non documentadas. Muda algo a percepción que temos de Rosalía escritora?

Non, porque temos os textos e moitos deles falan sós. Na antoloxía vai un prólogo para enmarcar o que é a proposta de lectura, pero quen le ten ferramentas para entender, aínda que procurei tamén establecer contrastes, como por exemplo lendo contiguamente San Antonio e Decides que o matrimonio. Cada xeración sabe facerse cargo dos textos pero nesta antoloxía, e penso que en xeral nos libros de poesía, os poemas  hai que lelos de principio a final. Cando menos esa lectura seguida hai que facela nos poemas das viúvas, porque hai unha construción dramática da personaxe que só se capta lendo os poemas ao completo. Unha vez preguntei á xente da miña volta como leran a Rosalía e case todas o fixeran peteirando nos poemas. É mágoa porque en Rosalía hai vontade de construír libro, hai unha arquitectura. Por suposto que se pode antologar, porque é unha grande poeta, pero é unha mágoa non ler as obras enteiras como ela as quixo.

Que hai de mito e que de realidade na súa obra perdida, poderíase recuperar?

Claro que hai obra perdida ou censurada, e non hai indicios de que poida recuperarse. Pero o estado dos arquivos e do patrimonio galego é bastante lamentábel e quen sabe se no medio dalgún baúl nunha vella casa aparece algo… Os textos desaparecidos sempre teñen un morbo engadido e despois están os queimados, suponse que coa autorización de Murguía e por petición de Rosalía… sempre haberá un elemento mítico. En realidade hai autores aos que esa aura de misterio dalgúns aspectos non os dana, todo o contrario. Despois de traballar con Rosalía a min paréceme que é importante que os/as intelectuais deben deixar o seu propio testemuño, aínda que sexa incómodo, deben deixar o relato da súa vida. Xa leremos nós e desbrozaremos. A primeira case que o fai é Queizán, cunha autobiografía que levanta ronchas, por suposto, pero  deixa pegadas para avanzar. 

Hai libros de entrevistas, poucas memorias traballadas, están As Décadas de Lois Tobío, que poden ser un modelo….

É importante que deixen testemuña da súa vida, xa haberá tempo de ir ás hemerotecas  e facer contraste. Os libros de conversas teñen valor, pero os relatos autobiográficos deixan ver mellor as contradicións. E máis agora que xa non hai correspondencia escrita que se conserve, porque o electrónico esváese, case é oralidade.

É unha escritora de primeira liña que ademais aporta emocións moi profundas para saber o que pasa na Galiza de antes e na de agora

Revisando a hemeroteca de A Nosa Terra, sobre todo os números arredor do Día das Letras Galegas, pódese situar nos anos 80 a emerxencia de mulleres como autoras.

Hai un primeiro momento de loita política, de recuperación de espazos e esa era prioridade. Pasada a transición prodúcese un xiro importante no que non se deixa a militancia pero especialízase. É cando nace A festa da palabra silenciada, que é produto dun traballo moi asembleario. Conséguese un grande logro porque abre un espazo, como tamén ocorreu nos campos culturais vasco, catalán ou español. A diferenza é que as galegas conseguen a que a lectura feminista teña un pequeno lugar que vai dando pasos, sexa no congreso Rosalía ou nas historias xerais, mentres que nas historias da literatura catalá o feminismo brilla pola súa ausencia, porque o paraugas totalizador da nación funcionou, a pesar de que teñen figuras tremendas, que xa quixéramos nós. En Cataluña poderían facer unha historia da súa literatura no século XX pasando de grande autora en grande autora. Nós temos tempos de silencio e como parafrasea Carme Blanco a Ferrín fomos de Rosalía a Xohana Torres… Até ese anos 80 ademais están apenas Luz Pozo, Pura e Dora Vázquez en Ourense, recupérase a figura pública de María Mariño…. María Merçé Marçal  creia que a singularidade das escritoras galegas debíase á figura de Rosalía e que Cataluña non tiña unha figura inaugural. E iso que Rosalía é un facho incómodo, porque non é santificábel, porque nun momento dado renuncia ao idioma porque non é entendida polos seus contemporáneos. Foi unha muller rabuda.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here