Manifestación feminista en Compostela no fnal da década dos 80. ©M.V./Fundación A Nosa Terra

O artigo de María Xosé Queizán que ides ler ten trinta anos. Foi publicado no Decenario, un traballo especial que fixemos para celebrar a primeira década dunha A Nosa Terra recuperada. Lido agora pode servir de referente de interese para coñecer os antecedentes do feminismo en Galiza, o camiño percorrido e a percorrer, a perspectiva do presente e do futuro. Acompañamos tamén, para completar ese panorama, o caderno especial As mulleres somos editado en 1991, con artigos e reportaxes que completan o relato informativo de María Xosé Queizán.

Ninguén o vai facer por nós

María Xosé Queizán

Despois dos longos anos de ditadura que truncaron o movemento sufraxista, no ano 1975 aparece de novo o Feminismo no Estado como movemento organizado. En Galiza nace a Asociación Galega da Muller (A.G.M.) e iníciase así unha loita coas súas correspondentes manifestacións, detencións, penas e condenas. Loita que supuxo un desafío social no que moitas de nós deixamos a pel (en todos os sentidos semánticos, reais e figurados, porque foron moitas horas de traballo, esforzo e dedicación, porque fomos despelexadas pola opinión pública e porque mudamos de pel ao converternos en mulleres conscientes). 

Parece que hai un século que reclamábamos amnistía para as mulleres detidas por delitos «específicos», que nos manifestábamos en apoio da adúltera de Vilaxoán. No ano 1976 aínda había xuízos contra mulleres adúlteras. O adulterio foi despenalizado en 1978, con grande pesar de moitos parlamentarios que manifestaban nas Cortes que «a familia continúa sendo a base moral da sociedade; o matrimonio, a base da familia e a fidelidade dos cónxuxes, a base do matrimonio». lncluso o PSOE, que presentaba a emenda, concede: «En todo caso admitiríamos que o adulterio fose a causa de desheredación pero non de indignidade». Pobres, pero dignas, cando menos, a partir do1978 xa non hai adúlteras no país. Adúlteros nunca houbo. 

Acumulábamos as reivindicacións. Por unha sexualidade libre, pola legalización dos anticonceptivos, polo aborto, contra a lei de perigosidade social, por un posto de traballo xusto, etc. (Non pretendo facer un reconto pormenorizado dos avatares do feminismo nestes anos). 

O Goberno proponse «modernizar» o código da familia. O amplo número de mulleres separadas aconsellaba aprobar unha lei de divorcio que normalizara unha situación irregular e perturbadora. No ano 1981 promúlgase a lei, insuficiente e arbitraria, sobre a interrupción do embarazo. Tamén hai que constatar certos cambios legais no referente á violación que era considerada un delito «contra a honestidade» e no que existía a posibilidade de perdón por parte da vítima. 

Nos limiares do feminismo, nas organizacións intégranse as mulleres máis concienciadas, que eran tamén as que se ocupaban na loita contra a ditadura. Esta circunstancia vai marcar o movemento feminista en todo o Estado. O feminismo coincide coa instauración da democracia e moitas afiliadas nas organizacións feministas eran máis ben antifascistas militantes, con un nivel de conciencia feminista aínda non desenrolado. 

Manifestación feminista en Compostela no fnal da década dos 80. ©M.V./Fundación A Nosa Terra

 

Na A.G.M. amoldouse unha macedonia partidaria. Excluíndo ás integrantes do Movemento Democrático de Mulleres (M.D.M.), estaban representados todos os partidos (que entón eran moitos), agás os nacionalistas para os que ser feminista, daquela, era delito de alta traición. 

De sobra será comentar que as conveniencias partidarias, o intento de reproducir os intereses de partido no seo da A.G.M.., fixéronnos perder moito tempo, desviamos do camiño en múltiples ocasións e remataron por dividirnos. 

Xa desde os inicios había dúas marcadas concepcións do feminismo na A.G.M.. Lembro que na elaboración do primeiro manifesto, na nosa presentación pública, o meu escrito foi masivamente rexeitado por excesivo, mesmo se eu o consideraba do máis comedido. Tanto o era que os seus presupostos foran colectivamente superados en moi pouco tempo. Pero, as chamadas feministas de «dobre militancia» (en realidade a militancia non pode ser máis que única), adxudicaban aos partidos os grandes cambios sociais, reservándolle ao feminismo aqueles aspectos estimados como propios e concernentes ás mulleres. Fronte a isto, outras concibíamos o feminismo como unha alternativa global á sociedade e protestábamos ante unha tendencia que podía levar a considerar os problemas das mulleres como un asunto do baixo ventre. 

As diferentes concepcións estendíanse por todo o Estado, fomentadas polas lecturas de obras das feministas europeas e norteamericanas, que xa abriran brechas no pensamento feminista, e pola aplicación ao tema da explotación das mulleres doutras teorías: marxistas, freudianas, de liberación nacional… Algunhas, seguindo máis ben ás norteamericanas, preferían marcar a énfase na diferencia sexual como base do patriarcado. 

Da aplicación do marxismo dimana, como un problema de regla de tres, a consideración da muller como clase social. Este resultado tivo, evidentemente, forte oposición nas mulleres de partido. Para estas. o problema era tratar de comprender e compaxinar dous sistemas semiautónomos: o patriarcado e o capitalismo. Desta combinación xurdía a subordinación das mulleres a distintos niveis. A grande contradición, desde a súa análise, era que facer coas esposas dos burgueses. (Esta pode ser unha das razóns de que a muller galega, durante bastante tempo, foi unha muller do campo, imaxinada sempre co pano á cabeza e as vacas. O feminismo galego tamén pasou a súa etapa ruralista). 

Dentro do mesmo marco teórico, o traballo doméstico creaba problemas. Marx só tivera en conta o traballo produtivo na área capitalista da produción. O traballo do-méstico era, logo, produtivo ou improdutivo? A explotación no marco da produción doméstica podía compararse coa explotación na unidade de produción capitalista? Aínda non se manexaban os traballos de Heidi Hartman, en América, nin as análises de Christine Delphy, en Francia, que independizarían o feminismo da ortodoxia do pensamento tradicional e demostrarían que o capitalismo non explica toda a opresión das mulleres, que faltan as relacións de xénero no exame do mesmo. 

Esta polémica reanudabámola, na A.G.M., cada ano con motivo da conmemoración do 8 de Marzo. Moitas non aceptábamos o aditamento de «traballadora» ao Día da Muller, nin o cariz que se lle quería dar, por consideralo excluínte e inxusto para un elevado número de mulleres, denominadas «amas» de casa, que traballan arreo e padecen unha sistemática explotación, mesmo senón son asalariadas nin afiliadas aos sindicatos. 

Os plantexamentos teóricos diferentes provocan escisións no feminismo en todo o Estado. Nas Xomadas de Granada en 1980, as mulleres non organizadas en partidos ven a necesidade de debater os avances teóricos do feminismo en encontros propios para desligarse das propostas reformistas nas que se centraba o movemento. Nace así o movemento feminista independente que terá tamén variados enfoques: posicións ecoloxistas, pacifistas, formas de vida alternativas, etc. 

María Xosé Queizán. ©M.V./Fundación A Nosa Terra

Dimanada, sen dúbida, da controversia anterior e da identificación das mulleres de partido co marxismo, levou a certas feministas independentes a renegar desta teoría. Falsa interpretación ao meu entender, xa que o método marxista foi utilizado por todas nós, incluso para contestar aos propios teóricos no seu terreo. Os homes, mesmo os marxistas, tenden a situar o feminismo no plano superestrutural, mentres que as feministas, seguindo a Marx, partimos das bases materiais para analizar a nosa situación no mundo. Comprobamos como os teóricos marxistas, tan preocupados pola base económica da sociedade, se despreocupaban do traballo gratuíto das mulleres e non deixaban de considerarnos como un obxecto de uso e posesión e o noso traballo como algo que permanece no plano do «natural». Isto é Idealismo e non Materialismo. Nós, as feministas, como somos materialistas, sabemos que incluso os sentimentos teñen unha base material e iso permítenos desmitificar e demoler a imaxe que se fixo do ser feminina e toda a patraña de historias que nos contan para que «sirvamos» mellor á sociedade. Incluso amar é un traballo. As mulleres somos educadas para derrochar amor, afecto, cariño, coidados… Canto tempo, canto esforzo, canto sacrificio dedicamos as mulleres a querer aos demais? É unha actividade incesante que cobre as necesidades materiais, afectivas e psicolóxicas das persoas queridas: maridos, fillos, pais…, incluso os compañeiros de traballo. E, gracias ao marxismo, comprendemos que todo este derroche de cariño non é innato nas mulleres, que hai un ríxido control social para conseguir este comportamento, que temos a obriga de amar. 

Non só do marxismo, senón do estruturalismo e de todas as teorías científicas nos servimos para irmos tirando dos ollos as teas de araña seculares. Andivemos tamén oscilando entre determinacións biolóxicas e determinacións culturais, que xa non dependen da bioloxía. Hoxe, sen negar a bioloxía, ou o feito evidente de que damos a vida e criamos os seres humanos, tratamos de comprender a importancia e os lindes dese feito. 

Nestes anos, as organización feministas pasaron por diferentes opcións. Hester Eisenstein analízaas e sintetízaas así: 

1º) Opción de loitar no mundo da política nos términos definidos polos homes. 

2º) Opción de retirarse do mundo (patriarcal) e crear un mundo separado de mulleres. 

3º) Opción de cambiar este mundo baixo a imaxe dos valores que se encontran no centro do feminismo. 

Nisto estamos. 

Volvendo ao rego do feminismo galego, hai unha característica que o distinguiu e distingue no resto do Estado, incluíndo Cataluña e Euskadi, que é o nacionalismo. Na A.G.M. podería haber distintos graus ao respecto, pero o nacionalismo era indisputado e o galego foi sempre a lingua dos nosos escritos e debates. Asimesmo levamos po-nencias e suscitamos o tema, reiteradamente, nos encontros estatais das independentes. 

Non se pode ocultar que na A.G.M. había moitas discrepancias. A loita por reformas era contestada polas que non as considerábamos propiamente reivindicacións feministas. Aínda hoxe, queda por deslindar até que punto certos cambios no ordenamento xurídico foron consecuencia única da presión do movemento feminista ou responderon á propia modernización necesaria da transición política. Do mesmo xeito que, nestes momentos, a Comunidade Europea está marcando a pauta das campañas estatais pola igualdade das mulleres. Que dirán en Europa!, din os nosos paisanos, agachando a estaca cavernícola. 

Mesmo así, con discrepancias, o noso labor deu os seu froitos, a nosa unión foi produtiva e podía seguir séndoo. A escisión da A.G.M, foi dramática e penosa. Supuxo unha grande perda para o feminismo galego e, nesa medida, foi un trunfo reaccionario. 

As feministas independentes galegas agrupámonos na F.I.G.A., organización que valorou os debates intemos e tivo importancia na formación e realización persoal pero que foi perdendo incidencia pública. Tomou parte activa nas xuntanzas Feministas Independentes do Estado e organizou as I Xornadas de Independentes en Vigo. Paulatinamente foi esmorecendo como movemento. No ano 1983, un grupo de independentes fundamos a «Festa da Palabra Silenciada», revista de cultura na que colaboran e se interesan moitas mulleres do país e que abarca un amplo e enriquecedor espectro ideolóxico. Pola súa parte, a A.G.M. edita a revista «Andaina», con tendencia máis concreta. Son, que eu saiba, as dúas publicacións feministas de Galiza. 

Creo que na actualidade é evidente para todas que o camiño reformista é un calexón cego. Unha vez conseguidas as reformas o espellismo desaparece. Non discutimos que certas reformas non sexan necesarias, pero, máis que nunca, vemos a necesidade de permanecer alerta. Porque certo feminismo é aceptado, por compatíbel, funcional e estruturalmente, coas condicións dominantes e non conduce a un cambio de sistema. Ao contrario, o sistema normalízao necesariamente. As mulleres feministas debemos negarnos a morder o anzol mistificador porque a nosa situación continúa sendo angustiosa. A caza de mulleres está aberta todo o ano. Vivimos ameazadas por un terrorismo atroz. A violencia sobre nós aumenta de día en día. Mulleres violadas, mulleres maltratadas e golpeadas, a maioría no propio fogar, (17.056 casos denunciados no ano 1987. Estimativos 350.000), mulleres asasinadas, a maioría polos propios maridos, amantes, incluso fillos (200 casos no ano 1987). E isto sen contar as violacións conxugais, as vexacións continuas, o acoso sexual no traballo, as prestacións a xefes e mandamais… 

As mulleres feministas debemos negarnos a morder o anzol mistificador porque a nosa situación continúa sendo angustiosa. A caza de mulleres está aberta todo o ano. Vivimos ameazadas por un terrorismo atroz. A violencia sobre nós aumenta de día en día.

Un silencio afoga todo este terror. Cando se fala de terrorismo non se alude á caza das mulleres. De sermos vítimas dunha organización armada sairíamos nas primeira páxinas dos xomais e nas cabeceiras dos telediarios. Pero non somos máis que mulleres. 

As conciencias patriarcais intentan tranquilizarse que eses actos violentos son executados por tolos, por psicópatas. Pero non. Aí teñen os datos para comprobalo. O único avance neste sentido foi que as muIleres comenzan a denunciar as brutalidades e a detención dos violadores permite, cando menos, constatar que a maioría non son psicópatas, que son honrados traballadores, pais de familia, homes normais aos que «ninguén lle notara nada raro». O violador ou asasino pode ser compañeiro, pai, amgo da vítima. Xa non se exime de sospeita nin os portadores do féretro da sacrificada. 

Compre dicilo, máis ben berralo, o sistema é cómplice deste terror. Os gardiáns da orde patriarcal son tamén violadores, torturadores, asasinos de mulleres, aos presentarnos como obxectos sexuais e fomentar, a través da educación, a pasividade, a submisión, como valores femininos. 

O problema, é necesario insistir, non o resolven as reformas. Tomemos o exemplo das mulleres maltratadas. As feministas presionamos nas institucións para crear casas de acollida onde as damnificadas, cos seus fillos, encontren agarimo mentres non reorganizan a súa vida, material e psiquicamente. Pero, por un lado, farían falta moitísimas casas e, por outro, estes son parches. Parches. Comparables ás axudas ao terceiro mundo, aos campamentos da Cruz VermeIla en Etiopía. Alí tamén chegan as nais, azoutadas pola fame, cos seus fillos desnutridos. Humanitariamente non podemos ver con malos ollos eses auxilios. Xa que hai fame, xa que hai mulleres golpeadas en situación desesperada, algunha se aliviará. Pero sabemos que a solución á fame do terceiro mundo non está no envío de alimentos e algún persoal sanitario; que é necesaria a transformación da economía mundial, a desaparición do colonialismo e da explotación para chegar a un reparto máis equitativo da riqueza. O leite caritativo que tragan eses seres famélicos e depauperados provoca a nosa indignación, o mesmo que a acoIlida a tantas mulleres maltratadas. Como asistir pasivamente á escena? Sobre todo sabendo, como sabernos, a Grande Falacia: que as institucións do Estado sufraguen «xenerosamente» lugares de acollida para uns seres que son vítimas desas propias institucións. Porque os poderes públicos consinten na difusión da imaxe das mulleres como obxectos, alimentan a industria pornográfica, a idea da muller como algo que se debe mirar, tomar, gozar, dominar «naturalmente». Incitan a esa toma, a ese abuso de poder, e cando os individuos cómpren as suxerencias, daquela, pretenden protexer ás vítimas, ou sexa, facernos beber o branco leite da ignominia. 

as feministas, ao mesmo tempo que se organizan solucións de urxencia, temos que conseguir mudar a mentalidade da sociedade.

Por iso, as feministas, ao mesmo tempo que se organizan solucións de urxencia, temos que conseguir mudar a mentalidade da sociedade. As melloras non significan cambios mentres todo siga suxeito á lóxica, profunda, ás veces invisíbel, pero sempre noxenta, do sistema patriarcal. 

Outra tese errónea foi pensar que o ingreso das mulleres no ámbito produtivo levaría consigo a liberación psico-social. Por moi importante que sexa o número de muIleres que ocupan postos de traballo, isto non supuxo o abandono do medio de produción doméstico. As mulleres, sobre todo as casadas con fillos, están sometidas ao castigo da dobre xornada de traballo, ademais de seren utilizadas como man de obra barata e, ás veces, oculta, no mercado. Das traballadoras se aproveitan non só a eficacia e boa disposición, senón tamén a aparencia e o sexo. O dereito de pemada do patrón acada agora sutís e altísimos cumprimentos. Quizás, as mulleres que se libran algo do tributo son as solteiras. Estas soltei-ras de hoxe non teñen nada que ver con aquelas solteironas faimerir dos chistes e as historietas, que eran feas, ninguén as quería e quedaban para vestir santos. (Na realidade vestían sobriños, atendían pais, tías e demais familia, nun traballo abnegado e non recoñecido). Carecían do status, incluso do non status do que «disfrutaban» as súas irmáns casadas. As solteiras de hoxe son mulleres libres, decididas profesionais e traballadoras activas, que fan da súa capa un saio, ou, mellor dito, do saio que a vida lles tiña predestinado, unha capa de luxo, ou sexa de autonomía e dignidade. Pero nin elas poden cantar vitoria. Non se libran de ser consideradas «como mulleres» por compañeiros ou xefes, nin de ser agredidas, insultadas, asaltadas ou violadas. Pois unha das razóns do incremento da violencia radica xustamente no desexo de autonomía das mulleres. Na medida en que queiramos fuxir do cárcere doméstico, do papel tradicional, da submisión, e ocupar espazos que estaban reservados unicamente aos homes, encontramos a oposición. A arma dominadora por excelencia é a violencia. Canta maior sexa a impotencia e a frustración, meirande será a violencia. 

Doume conta de que estou presentando un panorama desolador, pero a situación das mulleres non permite acougo. 

O feminismo fixo máis cambios sociais que ningunha outra opción política nos nosos tempos e o campo aberto polas precursoras deixa ver un feixe de posibilidades.

Agora ben, que non nos regalemos cos meles insensatos do optimismo non nos impide recoñecer os enormes avances realizados, os cambios que se observan na sociedade, a grandiosa epopea levada a cabo polas mulleres nos últimos anos. Neste sentido temos que estar satisfeitas. O feminismo fixo máis cambios sociais que ningunha outra opción política nos nosos tempos e o campo aberto polas precursoras deixa ver un feixe de posibilidades. O feminismo está en todas as partes, en todos os ámbitos sociais. Sometido a múltiples interpretacións, con diferencias de grao e coñecemento segundo as circunstancias, pero que corroboran a índole sistemática do patriarcado. 

Para evidenciar o amplo campo de acción do feminismo na nosa terra, vou relatar brevemente unha experiencia persoal que me parece de suma importancia. Este verán pasado fun requirida por un amplo grupo de monxas para darlles unha charla sobre feminismo no convento central, en Santiago de Compostela, onde acudirían desde diversos lugares de Galiza, A palabra empregada é correcta: requerida, xa que tiveron que insistir para vencer a miña reticencia, fundada na idea de que as miñas palabras, os meus criterios, o meu discurso non sería adecuado para a realidade delas, que xulgaba noutra dimensión. Unha vez convencida, cismei en como abordar o que consideraba o cometido máis delicado da miña andadura feminista. Ante todas aquelas mulleres, quedei un momento dubidosa. O que fixen foi falarlle como ao resto das mulleres, con toda sinceridade, sen pamplinas, sen disimular a miña postura crítica para a institución que as «ampara» e as reprime, institución que leva en alto, máis ca ningunha outra, a palma do patriarcado. Elas xa o sabían. Fun comprendida e querida. No coloquio devolvéronme o discurso analizado e reflexionado. Souben dos seus desexos de liberación, do seu nacionalismo sentido e practicado, dos seus anceios por modificar unha realidade inxusta, en moitos casos, empezando por elas mesmas. Confirmáronme que os mecanismos de opresión seméllanse como dúas pingas de auga, que Eva e María, a prostituta ou a santa, son as dúas caras dunha mesma moeda. 

Aprendín moito aquel día. Sororizamos nunha dimensión máis alta que a do entramado social, elevándonos sobre as alineacións con asas de liberdade. lnvitáronme a comer. No refertorio, falamos do erotismo da mística. Faltaba a música gregoriana para crear o ambiente que contentaría a miña tendencia novelesca. En troques, eu Iembreilles as eróticas cancións da igrexa da miña infancia (que nos despertaban a sensualidade con aquel «vivir no puedo lejos de ti», ou «ábreme la herida de tu corazón») que cantamos coa mesma actitude desmitificadora, ante o estupor das máis novas que descoñecían, índuso, o tamtum ergum. 

Coma se estes grafemas se convertiran en telescopios, podo ver o voso sorriso socarrón. Adonde quero chegar? Acaso no feminísmo vale todo? Non, non pretendo cair no relativismo, pero cando as mulleres nos reunimos e falamos, comprendemos a unicidade do sistema que nos oprime. Creo que podemos afirmar que o feminismo está en todo e que o «continuum natural» da estrutura patriarcal fai agua por todas as partes. O feminismo superará os arquetipos sobre as mulleres (boas, malas; fadas, bruxas; recluídas e «fágase a túa vontade» ou mulleres públicas, mulleres da vida). Compre destruír as dicotomías. 

O paradigma patriarcal, a idea do home como modelo único de todo o humano, vai camiño de desaparición.

O paradigma patriarcal, a idea do home como modelo único de todo o humano, vai camiño de desaparición. Mesmo se as mulleres estivemos marxinadas da cultura e ausentes das universidades até hai ben poucos anos, proliferan as investigadoras e as científicas. O feminismo é un discurso innovador, crítico e totalizador. Abarca ciencias diversas: bioloxía, antropoloxía, socioloxía, filosofía, historia, lingüística, etc. Introdúcese nas artes e na literatura cunha anovadora visión. As mulleres, como todo o pobo que se libera, necesita crear a súa propia arte e literatura, a propia concepción do mundo, xa que para nós non serven os paradigmas actuais nen o aluvión histórico feito polos homes. Por iso temos que entrar en todas as disciplinas con actitude crítica. Pensar, e pensar como feministas, para elaborar a única cultura que non é alienante para nós. Difícil labor. Porque no que consiste, en suma, o feminismo é en pasar dunha existencia en simulacro a unha existencia real; de sermos fantasías masculinas a realidades femininas; de ser pensadas a pensar-nos; de ser desexadas a desexarnos; de sermos obxectos con dereitos sobre o propio corpo, sobre a nosa entidade, sobre a nosa conciencia. 

Esta revelación é, evidentemente, unha magna revolución que implica a disidencia dun mundo establecido sen nós e sobre nós, que supón desarticular toda a orde de valores impostos, toda relación entre suxecto e obxecto, todas as posicións dos seres no espacio e as relacións dos mesmos coa natureza. As nosas miradas, inéditas, recentes e conscientes, refrexarán un novo semblante e o mundo deixará de ser monolóxico para ser complexo. 

Que desatino!, pensarán os gardiáns do sistema, Queren pór o mundo patas arriba, un mundo desordenado! Xustamente o contrario. O que procuramos as feministas é un mund ordenado, unha sociedade coherente. O sistema actual é desordenado e inxusto. Manter oprimida e cousificada á metade da poboación do orbe é unha desorde descomunal. O resultado foi, e segue a ser, non só a degradación das vítimas senón tamén dos verdugos. Deste modo se perpetúa a noxenta representación da historia, na que nós queremos baixar o telón. Así, o feminismo, máis que unha subversión é unha versión recta e hamónica das relacións entre as persoas e destas coa natureza. 

Para este grande emerxer na nosa terra, as mulleres temos que marchar unidas. Son moitos os campos que compre arar, os temas que hai que abordar, os valores que debemos universalizar. Non podemos deixar pasar os momentos ou asistir impávidas á consolidación do simulacro. Compre tomar conta da nosa vida e da nosa terra. Ninguén o vai facer por nós. 

As mulleres somos. Caderno de pensamento e Cultura nº 10. Xullo de 1991

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here