O xornalista Javier Ortiz (1948-2000) publicou en 2005 Así fue (Editorial Foca), un percorrido de primeira man sobre a vida dun político central na historia contemporánea basca, o ex presidente do PNV Xabier Arzalluz, falecido o 28 de febreiro. 

O libro de Ortiz estaba elaborado coma o guión dunha grande reportaxe e a  pesar da distancia ideolóxica co seu interlocutor, conseguiu que Arzalluz dese o mellor de si á hora de facer unha autobiografía dirixida na que poucos episodios dos últimos corenta anos se botaban en falta. Home de xuízo rápido e intenso, Arzalluz non defrauda ao longo de seiscentas páxinas nas que bota luz e perspectiva ao devir do seu partido de sempre (PNV), sen fuxir de abordar os asuntos máis polémicos: ETA, guerra suxa, negociación do Estatuto, a ruptura de Garaikoetxea e a creación de Eusko Alkartasuna, as relacións co PSOE de González, a UCD de Suárez ou o PP de Aznar, ningún tema queda atrás.

Percorrida a historia persoal e o seu achegamento ao pensamento nacionalista, Arzalluz explica algunhas das “lendas” que corren sobre a súa peripecia biográfica, entre elas a da súa formación para crego que non foi nunca realidade. Resulta interesante sinalar un aspecto que desde fóra é pouco coñecido, referido á implantación do PNV no final do franquismo. Arzalluz percorría sinteticamente o que sucedeu internamente a partir do 36, desde a colaboración dos aliados durante a II Guerra Mundial (a dramática historia de Aguirre, as relacións coa CIA,…) e os condicionantes que iso supuxo despois durante a transición. Arzalluz recoñece a importancia da oposición comunista e mesmo lembra a discrepancia cos seus “nós non tiñamos ningún inconveniente en chegar a acordos co PCE. O que pasa é que mantiñamos relacións preferentes con algúns partidos que non estaban en absoluto pola labor. Os socialistas non os podían nin ver (…) pero eu non herdei ningunha aversión cara os comunistas  nin a adquirín despois”. 

Toda a Transición veu condicionada pola violencia intensa exercida desde o Estado para encaixar o proceso de democratización nuns lindeiros moi controlados. É toda esa época unha das máis intensamente tratadas no libro pois Arzalluz foi protagonista de primeira man en moitas das negociacións clave. Actuaba masivamente ETA e xa o PNV mantiña unha distancia do maximalismo. A descrición de Arzalluz sitúa a relación entre as posicións duns e outros “ETA naceu cun convencemento mesiánico total. Ditaminou que o papel do PNV estaba no faiado da Historia. Decidiu que non soubéramos aproveitar a nosa oportunidade. Nin na República.(…) Eles traían da man a verdadeira estratexia tanto no político como no social. (…) Por aquela época tiñan ‘teóricos’ que planificaran conseguir a independencia de Euskadi no prazo de catro anos. ¡Catro! O primeiro ano, isto; o segundo, o outro; o terceiro… Aínda están na prórroga do primeiro”.

En política, o que se deixa paralizar polo temor e avanza só sobre seguro ten pouco que facer

No libro son numerosísimas as referencias á ETA e á convicción de Arzalluz de manter sempre liñas abertas para buscar un final definitivo, “eu falei con eles sempre que puiden. Durante anos fíxeno con certa frecuencia cos poli-milis porque tiña un mediador: o irmán dun alto dirixente da organización. Daba por feito que non os ía cambiar, pero dunha conversa sempre queda algo. Por iso teimaba en seguir a falar. Pero con estes sempre rematas trasquilado. A conta daquelas conversas, Bandrés e Onaindía puxéronme a parir. Atribuíronme posicións que eu xamais mantiven. Dixeron que estivera ‘chapoteando en sangue’. ¡É realmente fantástico que xente que colleu as armas  ou que foi unlla e carne cos que puñan as bombas acusen de ‘chapotear en sangue’ a quen sempre estivemos en contra deses métodos!”

Aznar e Mayor Oreja

O xuízo sobre Mayor Oreja é demoledor e atravesa varios momentos do libro. Paga  a pena cando fai o xuízo conxunto de ambos despois de PNV e  PP romper o acordo de lexislatura, “a mediados de 1999 díxenllo clara e publicamente a Aznar; as relacións entre o nacionalismo vasco e o Goberno de Madrid estaban a piques de naufragar; e sen posibilidade de arranxo posterior, por culpa do constante obstrucionismo e a sistemática mala fe de Mayor Oreja. Por suposto non me enganaba sobre a posición do propio Aznar. Xa sabía que tiña uns puntos de vista moi rudimentarios e esquemáticos sobre a realidade vasca e que trataba de tirar partido electoral da loita contra ETA. Que non quería saber nada de negociacións nin de diálogo. Pero a súa carreira política tiña máis campos de desenvolvemento. A de Mayor Oreja non. Mayor demostrou que era un político unidimensional. Cifrou todas as súas expectativas políticas na imaxe pública que daba en relación a ETA e o nacionalismo. (…) Non estaba disposto a replantearse nada de mediana importancia, o que convertía en inútil todo o demais. Creeu que podía arrastrar o nacionalismo vasco a unha especia de ‘san rexionalismo’ inocuo e baixo control. A verdade é que, aínda que se pasara todo o día conspirando, evidenciouse como un político moi torpe. Iso sen contar con que tampouco é home que se distinguise nunca pola extrema laboriosidade. Pregunteime moitas veces que fontes de asesoramento tiñan tanto el como Aznar. Porque ningún dos dous posúe intelixencia abonda como para elaborar pola súa conta unha liña estratéxica. Os políticos mediocres solen contar con persoas informadas e con bagaxe que os inspiran, márcanlles as pautas. No seu caso non sei que conselleiros puideron ter”.

Diferenzas con Garaikoetxea

Arnaldo Otegi, Xabier Arzalluz e Carlos Garaikoetxea.

A escisión de PNV e EA ocupa neste relato correlativo no tempo moitos momentos. Nun momento dado Arzalluz resume o pulso, concentrado sobre todo nas primeiras eleccións autonómicas após a ruptura, “o devalo de Garaikoetxea comezou a partir do fiasco que para el supuxeron aquelas eleccións e a negociación posterior frustrada. Para confirmar a súa pretensión de que o esencial da forza anterior do PNV aportábaa el –o tirón que tiña ante o electorado-, precisaba vencer nas urnas, tirar máis votos ca nós. E quedou a considerábel distancia. (…) Perdeuno a soberbia. Resulta curioso porque, polo xeral, Garaikoetxea é moi cauto, moi desconfiado. Cada vez que ten que tomar unha decisión pasa moito tempo dándolle voltas a todo que lle farán, que lle dirán, que pasará. É un home que goza de grandes calidades persoais: de aparencia, de capacidade para vender a súa imaxe, de formación (é xurista e economista), de oratoria… Ten todo o que un home público debe ter. Pero fállalle o carácter. (…) Falouse tanto das nosas diferenzas de personalidade! Os problemas de carácter de Garaikoetxea non tiñan nada que ver comigo. Eran seus. Eu tiven os meus. Ao contrario ca el, fun sempre moi lanzado, quizais en exceso. Nunca mirei demasiado o risco que corriamos por tomar tal ou cal decisión, se dela podía derivarse algo realmente importante. Segundo o dito latino, a fortuna axuda aos audaces, Pero non sempre é así. En todo caso, o que está claro é que, en política, o que se deixa paralizar polo temor e avanza só sobre seguro ten pouco que facer”.

Nota: Cando saiu o libro A Nosa Terra realizoulle unha entrevista. Pódese consultar neste número 1194 (20 de outubro de 2005)

 

Arzalluz, Pujol e Beiras, cando a primeira reunión da Declaración de Barcelona. ©Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra

“Todos sabemos que o Título VIII da Constitución foi imposto”

O mesmo día que se puxo en marcha unha das treguas frustradas de ETA, en setembro 1997, reuníronse en Bilbao os dirixentes do PNV, CiU e BNG que conformaban a Declaración de Barcelona. Naquela mesma xornada Xabier Arzalluz deunos unha entrevista (A Nosa Terra, nº 849. Setembro de 1998), que como en todo político de entidade, sostén aínda no tempo aspectos de interese e actualidade.
@Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra

A Declaración de Barcelona vai servir para facer pivotar ao seu redor o novo escenario de pacificación?

Aínda que a todos afecta, o tema da paz é exclusivamente noso, e non quixemos misturar aos demais. (…) O noso termo é formar parte de Europa, non a través de Madrid ou París, senón con peso propio, como poden estar os holandeses ou os eslovenos no seu momento. Coido que iso é o que ven, non con argumentos sabinianos, senón do principio de subsidiaridade. Chegado a un punto en que as fronteiras e as alfándegas desaparecen, a moeda é rexida desde un banco europeo, os sistemas defensivos teñen que acomodarse a ese marco… para que serve unha estrutura política como a do Estado, que xa non é soberano nin farrapos de gaitas? Por que estar realugado nunha casa que non necesites que te governe? Só considerando o principio de subsidiaridade que se está impondo en Europa, fai que pobos como o noso, estruturado politicamente, que se está gobernando aínda que sexa a nivel autonómico, cunha experiencia de goberno cada vez maior e mellor, non precise do Estado. Porque ao final o Estado está para servir os cidadáns non ao revés. Se os cidadáns coidan que e mellor para o seu progreso e benestar estar en Europa, por exemplo os bascos, sen necesidade de estar a través de España ou Francia. Esa é a vontade que debe imperar se estamos dentro dun marco democrático. Outra cuestión é que nos pareza que o funcionamento actual do Estado sexa o que nos axude a progresar, e aí ven o debate sobre federación ou confederación.

Para que serve unha estrutura política como a do Estado, que xa non é soberano nin farrapos de gaitas? Por que estar realugado nunha casa que non necesites que te governe?

Galeuzca faise porque se albisca a posibilidade dunha nova Transición, de estar nun punto de partida como hai vinte anos?

Non só non hai nada irreformábel senón que esta Constitución fíxose nos tempos nos que se fixo. Máis dun protagonista da Constitución tivo medo do ruído de sables, das imposicións militares. Todos sabemos que o Título VIII da Constitución foi unha imposición ou aseguramento dos militares. Que a integridade dun país estea garantida pola forza militar só seria correcto se se trata dun ataque armado exterior ou un levantamento interior armado. Pero que, en si,  o exército defina nun xogo democrático o que é o que non é válido carece de pés e cabeza. Aínda máis. Quen decide nos conflitos que teña Galiza ou o País Basco co Estado ou con outras comunidades? O Tribunal Constitucional. Eu fun constituínte e o que se chama en dereito interpretación auténtica é a interpretación dunha lei a partir dos que a fixeron, que sabían no que pensaban. Estou vendo que máis alá do que di a Constitución é o Tribunal Constitucional o que decide e modifica a Constitución. Iso non pode ser. E só hai que ver o que está pasando coas vacantes do Tribunal. levan meses sen poder cubrilas, só porque dous partidos políticos, PP e PSOE, non se poñen de acordo. E eles son os que van decidir quen está nese Tribunal? Non teño porque sospeitar da honestidade dun maxistrado do Constitucional ou da Sá Segunda do Supremo, pero terán mentalidade e agradecemento favorábel a quen os poñen. (…) Non imos convivir moito tempo nesa situación.

Gregorio Peces Barba, ponente da Constitución, sempre está falando en clave de medo, con isto non se pode xogar é a súa frase recorrente.

Non sei temor a que. Peces Barba é unha boa persoa, e non o digo con segundas, pero ten unha mentalidade centralista. El ven dos democristianos e non vou reproducir o que dicía cando se facía a Constitución. Temor aos militares? No ámbito europeo non sei que pasaría se un exército intenta ir pola forza cando determinadas areas, catalana, basca e galega, tratan de buscar os seus camiños. Eu non lle teño medo. Alá eles porque eses tempos xa pasaron. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here