Praza de Touros levantada en Vigo, no bairro das Travesas, na fronteira do século XIX e XX. Foi un proxecto de Jenaro de la Fuente Domínguez. Apenas se mantivo uns poucos anos en pé.

Para sensibilizar a calquera en contra das touradas quizais sería suficiente con recomendarlle a lectura do libro máis coñecido de Miguel Torga, “Bichos”, en concreto o relato “Miura”. Dez páxinas apenas, nas que o autor asume o punto de vista do animal, que primeiro agarda detrás dos muros o regreso do seu compañeiro, sen saber o que lle vai pasar, e despois, xa el mesmo dentro da praza, non comprende os berros festivos e as humillacións dos homes. Ao final, ao ver “o brilho frio do estoque”, entende que tal vez “poderia morrer alí”. O relato acaba con estas palabras: “entregou o pescoço vencido ao alivio daquele gume”. O touro, visto por Torga, respira paz interior. É a frivolidade humana, á hora de matar, a que resulta incomprensíbel.

“Bichos”, publicado por primeira vez en 1940, vendeu ducias de miles de exemplares só en Portugal (en castelán non se publicou, que saibamos, até 1997). Hoxe, coa sensibilidade cara os animais notabelmente crecida en todo o mundo, podería ser considerado case un manifesto.

As touradas, vistas desde Galiza, teñen ademais outro significado. Consideradas “fiesta nacional” en España, algúns nunca entenderon que os galegos e galegas non participasen da afección. O coñecido debuxo de Castelao do home que ante o cartel dunha “corrida”, comenta para si: “lástima de bois”, expresa o espírito, cando menos práctico, dos nosos campesiños.

Con todo, non se poder dicir que non houbese intentos repetidos de convertelas nun costume tamén galego.

Por exemplo, en agosto de 1899, Faro de Vigo anuncia, probabelmente con esaxeración, a chegada de trens de afeccionados para asistir a unha corrida que ía ter lugar na cidade. A noticia do acto previsto repítese cinco días seguidos en portada. Unha vez celebrada, o diario ofrece unha crónica detallada e sinala que a praza se encheu, “o poco menos”.

Dous anos despois, en xullo de 1901, o mesmo periódico ofrece un comentario “taurino” desde Pontevedra, asinado por Varetazos. Na súa opinión, hai moita publicidade para as corridas de agosto, pero lamenta que se utilicen touros de pouca calidade.

“Tendremos toros padres o toros de lactancia?”, pregúntase, antes de acusar a algúns empresarios de usar as súas influencias para organizar corridas nas que logo resulta que hai “bueyes y becerros en lugar de toros”. Toureiros e empresarios, engade, “se pitorrean del público en Galicia, prevalidos del desconocimiento de este en materia de toros”.

Varetazos remata sinalando que “la afición no se discute. Existe o no existe. Si no existe derribemos las plazas, como se ha hecho en Vigo; si existe cultivémosla, pero haciendo plaza, sin que el negocio nos importe”.

En setembro de 1906, o mesmo diario informa sobre a polémica municipal creada pola proposta de subvencionar a construción dunha praza, postura que algúns defenden co argumento de que as corridas atraerían a moita xente de fóra. O concelleiro Marcelino Ferrer Yáñez lembra, sen embargo, que “el propio autor de la moción, el señor Otero, reconoce que eso de ver matar toros, caballos y aun a veces personas es un espectáculo brutal e inhumano que contrasta con los adelantos y la cultura progresiva de los pueblos modernos”.

Ferrer Yáñez engade que as vantaxes materiais, que achegarían os hipotéticos visitantes, son sobre todo aparentes. Por último, suxire que “las diez mil pesetas anuales que se proponen de subvención pueden destinarse a cumplir deberes y servicios que, en lugar de rebajar, elevan la personalidad del Municipio”.

Otero sostiña que a maioría da xente quería a praza, ao que Ferrer Yáñez replicou dicindo que en Vigo xa houbera unha praza, desapareceu “y nada hizo el pueblo por evitarlo”. Finalmente, Otero menciona o éxito do boxeo nos Estados Unidos e afirma que “comparado con otros deportes extranjeros, el toreo resulta grande y noble, porque demuestra el valor y el arrojo de los españoles que no se arredran ante nada”.

Días despois, os concelleiros rexeitan a concesión da subvención por oito votos contra catro. Ferrer Yáñez fala da praza da Coruña que “despues de costar 50 mil duros fue vendida al poco tiempo en 20 mil y eso que su localización es excelente”.

Catro anos máis tarde, en marzo de 1910, Vigo viviu un novo intento de construír unha praza, desta volta de pedra e tixolo. Con tal motivo abriuse unha subscrición popular que se esperaba ter completada en agosto.

As propostas renóvanse cada varios anos, case sempre se trata de prazas portátiles, pero aínda así acaban en fracaso. En 1918, o Eco de Santiago, falando do poderoso Otero Bárcena, comenta que “expuso sus dineros en empresas tan poco seguras como son en Galicia las corridas de toros y a este efecto construyó una plaza”. Na mesma noticia, informa de que “en fechas recientes, los envidiosos quisieron quemarla”.

Este apoio dalgúns políticos, empresarios e xornais ás corridas non implica que, na época, non existise certa sensibilidade a respecto do maltrato animal. Cando menos, nun editorial de Faro de Vigo, de novembro de 1912, podíase ler, baixo o título “Brutalidad ambiente”, unha acendida queixa polos golpes que recibían os bois dos carreteiros que subían a empinada costa de Urzáiz. O editorialista mesmo se preguntaba se non sería necesario crear unha sociedade protectora de animais.

Quizais, o que molestaba nestes medios non eran as “corridas”, senón a presenza de vacas e paisanos no centro da cidade.