A selección feminina logo de gañar o Campionato Europeo en Lorient ©Gaélico galego.

A principios do pasado setembro cumpríase unha década do inicio de dúas historias de amor: a do coruñés Wenceslao García co fútbol gaélico e mais a deste deporte cun lugar que o acolleu como case ningún outro sobre a face da Terra.

Aló polo 2010, Wenceslao viuse atraído pola marea de xente que ía camiño de ateigar o estadio de Croke Park -o estadio de deportes gaélicos máis grande do mundo, con capacidade para 60.000 persoas- co gallo dunhas semifinais da competición local de gaélico, unha práctica daquela descoñecida na nosa terra. Cinco anos despois, grazas a esa primeira historia de amor, Galiza coroábase supcampioa masculina do mundo neste deporte. En 2018, a selección galega feminina facíase no Campionato Europeo de Lorient. Todo isto entre tempada e tempada dunha liga galega xa asentada e regular. Pero nesta segunda historia non foi o amor quen construíu as bases para a supervivencia do deporte en Galiza, senón a xente que o acolleu e que nas próximas liñas guiará unha visita por esta década de fútbol gaélico en clave galega. 

Para poder percorrer paso a paso a historia do fútbol gaélico antóllase necesaria unha básica explicación sobre o deporte en si. Fóra de Irlanda practícase en campos de fútbol, con porterías adaptadas en forma de H, nos que se enfrontan 9 xogadores por cada equipo. A anotación nestas porterías pode ser de un punto, se o balón pasa por riba do traveseiro, ou de tres se entra por abaixo esquivando a estirada do porteiro. Pódese anotar e pasar tanto coas mans coma cos pés, e o balón -máis pesado ca un de fútbol inglés- adoita levarse nas mans, tendo que soltalo cada catro pasos para dar un bote ou tocalo co pé nun movemento chamado “solo”. O fóra de xogo non existe, as placaxes están permitidas e o ritmo frenético do xogo axúdase dos cambios ilimitados que poden facer os equipos. É un deporte profundamente técnico -onde ter a habilidade para anotar un tanto dende 30 ou 40 metros pode ser chave- e que esixe un coidado fondo físico. Ademais, os deportes gaélicos comparten co rugby a tradición do terceiro tempo, unha norma non escrita que anima aos dous equipos a xuntarse despois do partido e compartir cervexas, anécdotas e bailes. 

O fútbol gaélico en orixe

Memorial celebrado en Croke Park no 2015 polo 95 aniversario do Bloody Sunday ©Irish Republican News.

En terras irlandesas, os deportes gaélicos (fútbol gaélico e hurling) levan séculos funcionando como estandarte da cultura local e acompañando de preto a súa historia. Para comprobar isto só hai que indagar na historia da Guerra da Independencia Irlandesa, antes da cal a práctica de deportes gaélicos chegou a estar prohibida por parte das autoridades británicas. Hai preto dun século, o 21 de novembro de 1920, tivo lugar en Croke Park un dos acontecementos máis escuros da historia deste deporte, o coñecido como “Domingo sanguento” ou Bloody Sunday: varios auxiliares do exército británico invadiron o campo minutos antes do inicio dun Dublín-Tipperary para comezar a disparar ao chou aos xogadores e máis de 10.000 espectadores. A masacre rematou con 14 persoas mortas e 65 feridas. 

O estandarte cultural que supoñen os deportes gaélicos leva dende o 1884 cargado nos ombreiros da G.A.A. (Gaelic Athletic Association), a meirande organización non política da República de Irlanda con máis de medio millón de membros.

O estandarte cultural que supoñen os deportes gaélicos leva dende o 1884 cargado nos ombreiros da Gaelic Athletic Association, a meirande organización non política da República de Irlanda con máis de medio millón de membros.

Este estandarte cultural que supoñen os deportes gaélicos leva dende o 1884 cargado nos ombreiros da G.A.A. (Gaelic Athletic Association), a meirande organización non política da República de Irlanda con máis de medio millón de membros. Esta entidade controla os máis de 2.300 clubs (tamén coñecidos como GAA’s, ao igual que a práctica dos deportes en si) existentes na illa e os preto de 400 espallados arredor do mundo. Mais estes clubs non teñen moito que ver coa idea máis usual dun equipo deportivo. En palabras de Timmy Creed, ex-xogador do Bishopstown GAA, “o club é o centro da comunidade, a nosa igrexa, a nosa relixión. O club nunca cambia, é sempre o mesmo. Todos pensamos o mesmo, gústanos o mesmo, odiamos o mesmo.” Así o expresa tamén o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), Ángel Negrete: “un club de fútbol gaélico é moito máis que un club deportivo, é como un centro social e toda a cultura do terceiro tempo reforza iso. Ti vas ao club de fútbol gaélico a xogar ao fútbol ou ao hurling, vas tomar unhas cervexas cos compañeiros e os rivais, cantas unhas cancións, alguén toca unha peza e poste a bailar. Nós as veces que fomos rematamos bailando muiñeiras”.

E o valor cultural dos deportes gaélicos non queda niso. Aínda sendo os deportes reis da República de Irlanda, tanto fútbol gaélico como hurling son deportes totalmente amateurs. As fichaxes non existen, as xogadoras e xogadores só poden militar no club do condado no que naceron ou no que residen e boa parte do diñeiro xerado polo deporte destínase a manter e enriquecer eventos de posta en valor da cultura irlandesa. “Eles levan iso moi integrado e por tanto os deportes gaélicos son unha representación máis da súa propia cultura, pero todo está integrado no mesmo, non se concibe unha cousa sen a outra”, sentencia o presidente de AGFG. Esta riqueza de valores dos deportes gaélicos desemboca nunha costume de gran respecto de cara aos rivais e o árbitro, reforzada pola tradición do terceiro tempo, e nunha posta en valor do deporte feminino a un nivel igual que o masculino: cos mesmos recursos, coa mesma visibilidade e cos campos igual de ateigados para ver mulleres ou homes competir. 

A chegada do fútbol gaélico a Galiza

Vista a natureza e a esencia do fútbol gaélico, non custa moito traballo imaxinar por que Wenceslao García quedou namorado del aquela tarde de verán do 2010 en Croke Park e decidiu traelo para Galiza, por titánica que fose a tarefa de implantar o deporte nun lugar no que dificilmente se escoitara falar del. De volta das súas vacacións en Dublín, Wenceslao ateigou A Coruña e mais as redes de carteis anunciando a creación dun equipo de fútbol gaélico na cidade. Deste xeito deu en xuntarse con Carlos Seco -primeiro adestrador da selección galega e ex-xogador dos Nemo Rangers de Cork- e co primeiro grupo de integrantes dos Fillos de Breogán, o decano do fútbol gaélico galego. 

Xogadores do equipo bretón Liffré GAA no torneo Beltane celebrado en Compostela en 2018 ©Darío Eyré.

En setembro do 2010 o equipo contaba con estatutos xa asinados e con escudo e camisolas de seu, e os adestramentos deron comezo. Foi entón cando os Fillos de Breogán, un grupo de galegos con apenas uns meses de percorrido no deporte, se enfrontaron ao reto de debutar de xeito oficial no Campionato Ibérico, dominado por equipos de grandes cidades españolas como os Madrid Harps, Éire Óg Sevilla ou Sant Vincent GAA (València), todos eles nutridos maioritariamente de xogadores irlandeses. Os coruñeses estreáronse cunha derrota ante o conxunto valencián, algo que estaría moi lonxe de desanimalos. 

A “travesía polo deserto”, en palabras de Ángel Negrete, que viviron os Fillos de Breogán nos seus dous primeiros anos de existencia acadou un oasis co seu primeiro partido internacional. Estreando xa o nome de Selección Galega de Fútbol Gaélico, en 2012 -cando xa naceran as Fillas de Breogán e mais o filial, Ártabros- un combinado de xogadores de Fillos de Breogán xogou en Narón contra a selección de Bretaña, outro caso único no fútbol gaélico internacional. Aínda a día de hoxe, Galiza e Bretaña son os dous lugares do mundo onde a gran maioría de xogadores de fútbol gaélico non son irlandeses senón locais. Grazas a esta condición, “apoiámonos mutuamente á hora de construírmos as seleccións nacionais, que é un proxecto moi interesante e complementario ao traballo que faciamos cos clubs”, afirma Negrete. Á fin e ao cabo, “eles e mais nós somos os “rariños” do mundo do gaélico que temos moi poucos irlandeses e unha maioría de nativos.”

Este encontro celebrado en Narón entre Galiza e Bretaña supuxo unha primeira aparición mediática do gaélico galego e o conseguinte pulo de participación do deporte. Nos seguintes meses comezaron a agromar por Galiza máis equipos, tanto masculinos como femininos ou mixtos: Suévia e Estrela Vermelha (Santiago de Compostela), Irmandinhos/as (A Estrada), Mecos (O Grove) e máis ao longo dos anos e ao largo da xeografía galega. En 2013 vía a luz a Asociación Galega de Fútbol Gaélico coa intención de dar un paso máis cara á oficialización do deporte. Unha vez feito isto, separáronse os camiños entre o fútbol gaélico mixto (que celebra a Liga Gallaecia) e segregado, que se oficializou baixo o paraugas da G.A.A. para a celebración da liga e copa galegas de fútbol gaélico, tanto feminino coma masculino. 

A madurez do deporte

Aló polo ano 2015 xa había en Galiza oito equipos masculinos e sete femininos participando de maneira regular na liga, mais o deporte estaba a punto de dar outro gran paso adiante. Ese verán celebrouse en Abu Dabi o primeiro Mundial de Fútbol Gaélico organizado pola GAA -e no que, pola saúde da competición, Irlanda non participou. Aínda cun baixo nivel organizativo e de recursos, esta competición puxo en evidencia o ben que se estaban a facer as cousas en Galiza. As nosas seleccións acadaron un subcampionato mundial masculino e bronce feminino que lles fixeron chegar a un novo pico mediático: xa se comezaba a falar máis seriamente do fútbol gaélico galego. 

Chío de Mariano Rajoy tras recibir como agasallo a camiseta da selección galega de fútbol gaélico.

Logo deste fito histórico das nosas seleccións en Abu Dabi -e dun novo Mundial o ano seguinte con resultados non tan optimistas para Galiza- déronse varios pasos adiante cara á visibilización do deporte en terras galegas. En novembro do 2016 as seleccións galegas masculina e feminina deron unha exhibición diante dos preto de 20.000 espectadores no estadio de Riazor, durante o descanso do partido entre as seleccións de fútbol de Galiza e Venezuela. En xaneiro do 2017, o entón primeiro ministro irlandés Enda Kenny agasalloulle unha camiseta da selección galega a Mariano Rajoy -que, como podemos ver na fotografía, daquela quizais non era o maior coñecedor do fútbol gaélico- como xesto, digamos, de unión cultural. Dous meses despois deste curioso acontecemento, a TVG televisaba por primeira vez dous partidos de fútbol gaélico: un amigable feminino e outro masculino entre Galiza e Francia. Nunha etapa na que o deporte xa se atopaba estabilizado en Galiza, estes feitos puideron dar un pequeno empurrón ao coñecemento é a práctica do gaélico neste recuncho do mundo. 

Nestes últimos cinco anos as ligas galegas de fútbol gaélico acadaron unha relativa estabilidade dentro do crecemento do deporte. Na categoría masculina o Estrela Vermelha atesoura o maior palmarés da competición regular, con catro ligas sobre as dúas de Irmandinhos. Pola súa parte, as Fillas de Breogán encabezan o palmarés feminino con tres ligas, seguíndoas Irmandinhas con dúas. No panorama mixto,  Ambílokwoi (Vigo) e Torques (Lugo) contan con dúas Ligas Gallaecia cada un. No panorama internacional, os conxuntos galegos son asiduos participantes no Campionato Europeo de Clubs, no que as Fillas de Breogán conseguiron o título de campioas shield na pasada edición celebrada en Viena. Pero o maior éxito a nivel europeo conseguiuno a selección galega feminina, coroada campioa de Europa en 2018 no campionato celebrado no Festival Intercéltico de Lorient, no que Uxía Castro (Estrela Vermelha) guiou ás nosas cara ao triunfo e se fixo co título de MVP do campionato. 

Equipo presentado por Galiza no primeiro amigable contra Bretaña no 2012 ©Gaélico Galego.

Fútbol gaélico e pandemia: a continuidade do deporte

Como fixo con todos os outros deportes en equipo e de contacto, a pandemia provocada pola Covid-19 truncou a continuidade do fútbol gaélico galego. A tempada 2019-2020 cortouse e deuse por rematada de xeito abrupto, pousando un halo de incerteza sobre a continuidade do deporte. A día de hoxe non hai unha data concreta para a volta á rutina de todos os equipos de Galiza, xa que a maioría seguen sen adestrar e os perigos deste transo no que entrou o deporte son múltiples. En palabras de Ángel Negrete, “a variabilidade neste deporte é moi grande” polas dificultades de certos clubs para presentaren equipos completos ao comezo de cada tempada, algo que a AGFG deberá ter moi en conta. Outro factor de risco é o efecto desconexión, xa que ”hai xente que despois [do parón] volvería porque ten moitas ganas pero outra tanta desengancharíase por completo e meteríase noutra cousa, e esa xente logo non a das recuperado.”

Aínda que nunhas circunstancias extraordinarias e quizais deixando de lado polo momento a tradición do terceiro tempo, o gaélico galego non tardará en estar de volta.

Aínda no contexto desfavorable no que se atopa o futuro do deporte, o presidente da AGFG teno claro: “eu son optimista por natureza, e vexo claramente que imos saír desta.” A Xunta vén de habilitar o deporte federado de contacto e a Asociación “está traballando nun protocolo propio para o gaélico da man dunha pequena modificación da normativa” para que a comodidade e o rendemento de xogadoras e xogadores non se vexan truncados por xogar con máscara. 

Sobre a seguridade da volta do deporte, Ángel Negrete afirma que “ao ser unha actividade ao aire libre e sen contacto prolongado, pódese practicar de xeito totalmente seguro cunha máscara.” Aínda que nunhas circunstancias extraordinarias e quizais deixando de lado polo momento a tradición do terceiro tempo, o gaélico galego non tardará en estar de volta. “A intención é a de poder disputar unha liga 2020-21. Se a situación sanitaria o permite, que de momento é así, iremos cara adiante. O plan da Asociación é ir implantando estas medidas no próximo mes de novembro e comezar as competicións oficiais arredor de xaneiro con todas as garantías sanitarias.” Asoman gromos verdes na volta dun deporte que seguirá a loitar por sumar máis e máis décadas de historia en Galiza. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here