Tropas falanxistas desfilando en Vigo na Praza de Urzaiz en maio de 1939, recén rematada a guerra. (Foto de Hugo Jaeger)

No debate sobre a guerra civil, de cuxo final se acaban de cumprir 80 anos, dominan dúas posturas enfrontadas: a dos valedores das teses franquistas e a dos que argumentan que a culpa estivo repartida entre os dous bandos.

A tese legalista sostén que parte das forzas republicanas mantiñan posturas revolucionarias e que non respectaban a propia legalidade republicana, algo que, por certo, tampouco facía parte da dereita.

O máximo expoñente desta falta de respecto á lei por parte das forzas da República sería a tentativa revolucionaria de 1934. A iso Josep Fontana ten respondido que, coa mesma lóxica, habería que mencionar o intento de golpe de Sanjurjo no 32.

Escrutinio nunha mesa mesa electoral en febreiro de 1936.

Así formulado o debate, desde a óptica legalista, fai que este se limite á parte máis visíbel da política, a institucional, esquecendo que as posturas revolucionarias son acollidas por un amplo sector social a causa da intransixencia da oligarquía que sempre se opuxo a dúas medidas: a reforma agraria e os Estatutos. Sen resolver este grave problema estrutural era imposíbel que a legalidade funcionase normalmente.

É recoñecido por todos que a dereita española non aceptaba, por suposto, a revolución, pero tampouco o gradualismo. “Comede república”, dicíanlle aos xornaleiros. Para as clases baixas as reformas eran unha cuestión de supervivencia. Foi esa falta de reformas a que abocou a un sector á revolución. Non era, por outra parte, posíbel agardar indefinidamente, máxime cando durante o Bienio Negro viran como a dereita volvía atrás todas as reformas, por mínimas e razoábeis que fosen. Así, o anticlericalismo, salvo excepcións, non era tal, senón laicismo, con creación de escolas mixtas, para nenos e nenas. A postura contra os Estatutos era igual de intransixente, con negativas a todo diálogo.

Cartelería electoral en 1936 do lider da dereita José María Gil Robles.

Hai que ter en conta, ademais, que parte da dereita e a propia CEDA profesaban un republicanismo dubidoso ou mesmo eran claramente contrarios. A CEDA defendía a chegada do Estado corporativo (tipo Italia) pola vía parlamentar. A Gil Robles recibíano con berros de: jefe, jefe, cal Mussolini, e as súas mocidades, as JAP, acabaron entrando maioritariamente na Falanxe. As súas simpatías fascistas non eran nada secretas, como por outra parte tampouco o eran as de Calvo Sotelo.

Pola contra, as forzas republicanas eran maioritariamente legalistas, tanto no que respecta a Azaña (Izquierda Republicana), como a boa parte do PSOE, coa excepción dos largocaballeristas. No bando republicano había burgueses, socialdemócratas e revolucionarios. Estes últimos de dous tipos: os comunistas que defendían a democracia e a legalidade e así o fixeron durante a guerra, aínda que a consideraban unha fase previa de acumulación de forzas cara a revolución; e por outra parte os anarquistas que defendían a revolución inmediata.

Pero, en todo caso, o importante é que os gobernos da República estaban basicamente en mans do sector burgués e ultralegalista e contaban con pouca participación socialista e menos aínda do resto de forzas á esquerda. Isto viuse en Casas Viejas (manipulación dalgún xefe da garda civil, logo golpista, aparte), no programa moderado da Fronte Popular e nas medidas de goberno, decididas, pero razoábeis e tamén gradualistas, medidas que daban idea de reformismo burgués non de revolución proletaria. Algo que se pode comprobar, por exemplo, vendo o programa da reforma agraria, semellante ao que xa se aplicara con éxito noutros países europeos.

Os gobernos da República estaban basicamente en mans do sector burgués e ultralegalista e contaban con pouca participación socialista e menos aínda do resto de forzas á esquerda

Este legalismo, mesmo excesivo, tivo parte da culpa de que a sublevación militar non fose derrotada nos seus inicios. De Casares Quiroga fíxose célebre a frase: “se os militares se levantan eu voume durmir”, e a orde, igual á que deron outros ministros, de fusilar o sindicalista que se fixese con armas.

Mitin de Manuel Azaña.

Practicamente todos os gobernadores civís, columna vertebral do Goberno, mantiveron a mesma liña de non entregar armas aos que lles deran o voto e iso estivo na orixe da derrota, como explica Antony Beevor. Por iso, o Goberno foi acusado, durante aqueles primeiros días decisivos, de traidor por moitos cidadáns.

Os poderes republicanos actuaron en virtude da súa procedencia social e porque finalmente pesou máis neles o medo aos traballadores que aos militares sublevados. Unha actitude que lembra a do Goberno alemán no 18. A pesar diso, foron bastantes os burgueses e militares leais que pagaron coa súa vida a fidelidade á República.

Por último, hai que contar coa postura de alemáns e italianos. Sen a ponte aérea dos junkers 52 tería sido imposíbel o desembarco do exército de África na península. Pero tamén foi decisiva a postura de ingleses e norteamericanos que, desde o primeiro momento, consideraron que a de España non era, primordialmente, unha loita entre democracia e totalitarismo, senón entre burgueses ultraconservadores e unha alianza reformista-revolucionaria.

Podemos aprender algo desta época? Salvando as diferenzas obvias, quizais a dereita está volvéndose de novo intransixente.

Podemos aprender algo desta época? Salvando as diferenzas obvias, quizais a dereita está volvéndose de novo intransixente. Tamén podemos ver que os problemas de fondo, como é agora sobre todo o territorial, non se poden arranxar co recurso único á legalidade. Como di Beevor, “a historia de España ensina que a legalidade foi, moitas veces, tan só un termo arbitrario e subxectivo, pouco máis que un eufemismo para enmascarar o dereito de conquista e a vontade de instalarse por longo tempo no poder” (A guerra civil española, p. 80).

1 comentario

  1. Bo resumo do libro de Beevor, ainda que sobre o tema hainos mellores.

    O presentismo do último parágrafo, a respecto da sempiterna intransixencia das dereitas sobra, pois hoxe non nin é a mesma dereita nin é a mesma Hespaña que a de hai 80 anos, afortunadamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here