Osvaldo Bayer, nunha visita a Galiza en 2006. ©X.C./Fundación A Nosa Terra

Foi un historiador e xornalista do que tomar exemplo. Todas as súas pezas teñen o brilo da honestidade e da minuciosidade. Faleceu o día de noiteboa en Buenos Aires, completando un ciclo que comezara en 1927 en Santa Fe. Estivo no noso país en diferentes ocasións e o vínculo con Galiza era importante, porque  Bayer foi o grande investigador das folgas producidas na Patagonia nos anos 20, co resultado de 1.500 obreiros fusilados e nos que tiveron protagonismo esencial galegos como o ferrolán Antonio Soto.

A triloxía daquela investigación  estivo proibida moitos anos e cando se fixo a película, da que o propio Bayer foi guionista (A Patagonia rebelde), contou como un dos protagonistas co grande actor galego do exilio/emigración, Fernando Iglesias Tacholas.  Moitos outros dos seus libros estiveron prohibidos na Arxentina durante a Ditadura e só desde hai uns anos se recuperou a memoria dos masacrados que el axudou a rescatar do esquecemento. En 2006 foi ponente no congreso Destecendo a desmemoria onde explicou o proceso de restauración democrática en Arxentina. Daquela fixémoslle unha das varias entrevistas que concedeu a A Nosa Terra.

A reivindicación da memoria histórica é unha necesidade fronte ao tabú de que hai que pasar páxina do pasado?

Claro porque senón os países quedan no silencio, negando o seu pasado e os crimes. É esencial o debate sobre por que pasaron as cousas, por que foi posíbel un golpe de estado ou unha guerra, por que tanta crueldade. Xustamente en Arxentina estamos no medio dun gran debate histórico que nunca se discutiu: a eliminación dos pobos orixinarios. Non por parte dos españois cando chegaron, senón polos propios arxentinos setenta anos despois de lograda a liberdade. Eliminouse aos indios para quedarse coas terras das pampas indíxenas. O xeneral Julio Argentino Roca, o máis grande xenocida da historia do meu país, é o que outorgou a terra aos grandes facendados e os seus bisnetos aínda as ostentan e conforman o poder. Ningún presidente elexido polo pobo foi capaz de facer unha reforma agraria. O señor Martínez de Hoz recibiu, en 1878, 2,5 millóns de hectáreas das mellores terras e hoxe seguen en mans desa familia; o que obtivo as primeiras foi o presidente da Sociedade Rural e é bisavó do Martínez de Hoz que foi ministro de economía da ditadura de Videla, como mantiveron o poder! Quen está no billete máis caro da moeda arxentina?, o xeneral Roca, o que matou os indios e reparteu as terras. Quen está no billete chico? O xeneral Sanmartín, o verdadeiro liberador. Todo isto vén de non haber un debate histórico profundo.

É o mesmo que pasou co sistema de desaparición de persoas. Ningún goberno democrático despois das xuntas militares se atreveu a falar do tema: diso non se fala, hai que mirar cara adiante, que dicía Alfonsín. Só agora, tres décadas despois, o presidente Kirchner empeza o grande debate sobre o sistema de desaparición de persoas e son xulgados os terríbeis criminais de guerra que tivemos. Apesar das leis de obediencia debida e de punto final, a loita dos organismos de defensa dos dereitos humanos e principalmente  das Nais da Praza de Maio conseguiu que se reabrisen os xuízos. O pobo síntese hoxe protagonista destes feitos e comprende que mobilizarse durante tanto tempo foi decisivo. A historia sempre reivindica aos que mantiveron unha liña ética. No Congreso Destecendo a memoria contemplei un acto fermoso de reivindicación dos heroes e as vítimas do golpe do 36. É fermoso o monumento inaugurado en Pontevedra, representando un árbore coas ponlas cortadas recén nacidas que sinalaban o porvir.

Cartaz da película “La patagonia rebelde”.

Nas investigacións súas, aínda que pasaran tantos anos sempre atopou obstáculos para avanzar.

Nas folgas patagónicas, os alzados pedían moi pouco e foron fusilados 1.500 obreiros por un goberno democrático presidido por Yrigoyen. Non investigou o Congreso e nunca se falou. Os meus libros foron prohibidos pola Ditadura e tiven que marchar ao exilio. A película La Patagonia rebelde foi prohibida tamén. Pero agora vas a Santa Cruz, o territorio patagónico onde se produciron as folgas, e os que están reivindicados son os líderes da folga, danlle nome ás escolas votados por pais, alunos e profesores, todos os lugares onde se produciron os feitos están marcados, unha rúa de Río Gallegos chámase Antonio Soto [o lider sindical das folgas, de orixe ferrolá],… E non hai nada que lembre os represores. Triunfou ao final a ética.

Non hai que ter medo, esa é clave xunto ao apoio popular.

A frase de que non hai que volver ao pasado e que se debe mirar cara adiante é case un mantra repetido polos opositores ás chamadas políticas da memoria.

Alfonsín foi o primeiro presidente cando volveu a democracia. Cambiou todo para non modificar nada e non se atreveu a xulgar a fondo aos militares. Sempre dicía que había que mirar para adiante e aprender de Felipe González e de España que segundo el esqueceran o problema de Franco. Sempre se nos repetía isto. Despois Menem seguiu o mesmo camiño e perdonou aos poucos xulgados. Pero chegou Nestor Kirchner, que terá defectos noutros aspectos da súa política, pero tivo a coraxe civil de dicir que todo o que pasou debía xulgarse, c on todas as garantías. E os criminais están sendo condenados e van a cárceres comúns.

Pero aínda nun recente xuízo, o do comisario Echecolatz, o principal testigo de cargo, un home de case setenta anos, foi desaparecido. Persiste a ameaza?

Isto pasa porque o primeiro goberno de 1983 debía ter limpado a policia e as forzas armadas e non tocou a ninguén. Desa maneira seguiron cubrindo os seus crimes e por iso ninguén ten dúbida de que a responsabilidade desta desaparición é da policía bonaerense.

Como depurar corpos tan corrompidos cando eles se van protexer a si mesmos?

Hai que atreverse, pódese depurar. Kirchner está depurando o exército. A actual ministro de defensa é unha muller, o que xa en Arxentina é un desafío tremendo ao machismo militar. Modificáronse os bandos, cámbianse os profesores das academias militares,… todo é posíbel. O xefe da forza aérea fixo comentarios críticos sobre estas políticas e foi cesado dun día para outro e ninguén se levantou na forza aérea. Non hai que ter medo, esa é clave xunto ao apoio popular.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here