Juan Antonio Hormigón ©Lalo R. Villar

Por fin saíron publicados os catro tomos da súa biografía de Valle- Inclán, pouco usual por ser unha sorte de cronoloxía comentada.

Hai un equívoco interesado sobre isto. A miña é unha biografía, construída desde a cronoloxía, cos elementos que nos permitiron saber o que estaba facendo Valle en cada momento, con referencias precisas de toda caste, porque cando non se pode saber formúlanse como posibilidade. Podería escribilo como biografía ao uso pero funme ao outro extremo da biografía fantasiada, que con Valle foi exuberante, atribuíndoselle toda unha chea de cousas que nunca fixo, reaccións que nunca tivo ou tomando as testemuñas de persoas nun encontro casual por categóricas. Fun ao máis estritamente obxectivo para eliminar a carga de invencións sobre Valle, que nos esmagan.

As razóns desas distorsións interesadas, son literarias, son ideolóxicas?

Algunhas delas foron alimentadas polo propio Valle, que inventou moitas veces a súa existencia, sobre todo do período de mocidade e dos anos primeiros en Madrid. Se quedamos só cos elementos fantásticos que foron engordando co tempo, acaba convertido Valle nunha caricatura. Esta imaxe distorsionada –a do seu malhumor ou a de presentalo como carlista permanente– foi unha maneira de reducir a dimensión cívica da súa obra, sobre todo desde os anos 20 e 30, cando culmina o esperpento como categoría estética. Despois da guerra é evidente esa manipulación, porque a súa significación fora notoria e había que botarlle varias capas de distorsión para convertelo noutra cousa.

A imaxe distorsionada –a do seu malhumor ou a de presentalo como carlista permanente– foi unha maneira de reducir a dimensión cívica da súa obra

De maneira que a suposta excentricidade do personaxe é máis motivo de interese que a propia obra?

En boa medida é así. Faime moita gracia que falemos de Bradomín e o transmutemos en Valle, cando o escritor podía crerse moi bradominiano pero teño a impresión de que era todo menos Bradomín, e que non tivo os éxitos coas mulleres que el se atribuía. Nunha conferencia veu dicindo, e non como boutade, que el tomara como modelo a Campoamor. Noutra ocasión, falando das etapas da súa creación literaria, emparenta as Sonatas cun tipo de literatura romántica como a de Chautebriand. Con toda a súa percepción peculiar do mundo, Valle non era un espécime raro que xurdiu da nada. Unía ás súas vivencias, un coñecemento filosófico e literario importante, desde Hegel a Tolstoi ou de Proust, ao que trataba con desdén porque non lle gustaba. Valle estaba no mundo, e paréceme fascinante a súa capacidade de misturar distintos planos.

Para entender as súas obras necesitamos a precisión biográfica? Podemos entender as Comedias Bárbaras sen saber a súa relación con Galicia?

A miña impresión é que fala dun tempo anterior, porque non dubido que houbera restos feudais, pero, como lin moita prensa galega da época, podo asegurar que Galicia xa era outra cousa. Cun desenvolvemento urbano relevante e con presenza grande de políticos galegos nos gobernos españois, algúns interesantes desde o punto de vista liberal-progresista como Montero Ríos. Nas Comedias Bárbaras elude a mantenta o urbano e céntrase no rural, e daquela non hai nelas unha imaxe totalizadora de Galicia.

Como foi a relación de Valle coa intelectualidade galega?

É unha relación moi particular. Tivo un período no que se afastou totalmente de Galicia para despois volver e mesmo residir aquí. Sempre nos referimos ao manifesto de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro que utilizan a crítica á actitude de Valle, quizais como unha maneira de facerse presentes, como autores novos que irrompen cunha nova posición. Era un rexeitamento máis literario que político. Unha actitude que Castelao nunca tivo, sempre se relacionou moi ben con Valle. Pero a maioría das citas nas revistas son moi críticas con el. A súa incomprensíbel presentación ás eleccións cos lerrouxistas aínda acrecenta esa distancia, pero esváese moito cando regresa a Santiago en 1935, a tentar reporse do carcinoma de vexiga que xa lle diagnosticaran. Os documentos dinnos que ten un grande apoio xeral, aínda que a dereita galega o ataca durisimamente, xentes que axiña foron activos xefes de matachíns despois do 18 de xullo. Nese tempo ten unha boa relación cos galeguistas e cando morre, o manifesto do PG é de apoio e recoñecemento, resulta como o final dunha viaxe.

Que pensa da práctica prohibición dos descendentes de traducir ao galego a súa obra?

Nunca me quixen pronunciar porque os que formulan isto son moi amigos meus, quéroos e respéctoos. O que digo é que Valle escribiu a súa obra en castelán, e todos os que podemos entendelo temos unha vantaxe. Se leo traducións de Chéjov, Shakespeare ou Brecht é porque non podo lelos en ruso, inglés ou alemán. Se puidese non as traduciría. Valle ten algunhas cousas en galego e tivo as súas razóns para escribir en castelán. E explicounas. Podo entender que se reclame a tradución simbólica, pero paréceme pouco serio dicir que só o poderiamos entender cabalmente en galego.

Sempre se dixo que o seu teatro tiña unha dificultade grande para ser representado.

Cando escribiu as Comedias Bárbaras, estaba pensando en dalas en forma de libro, seguindo o patrón dun xénero que desaparecía, o da novela dialogada, de grande éxito a fins do XIX. El ten esa referencia pero tamén a do teatro shakesperiano, que coñecía moi ben, moito máis do que pensabamos. Cando chega a Barcelona con Águila de blasón faise unha primeira representación, algo que se soubo hai pouco, pero facíano adaptando ás condicións do teatro e dos espectadores. O teatro sempre funciona cunhas convencións absolutas (actores/emisores e espectadores/receptores) e outras específicas que mudan coas épocas. Antes había un ou dous intermedios e agora son estraños. Aquela primeira adaptación de García Ortega saíu mal e as Comedias bárbaras pasan a considerarse irrepresentábeis até que se traducen ao francés e propóñense facelas en París, o que se trunca co comezo da guerra. Para darnos unha idea de que os límites impoñen a adaptación das obras temos que pensar que o Teatro Real foi, co londiniense Covent Garden, o último dos grandes teatros europeos electrificados xa no limiar do século XX. Na medida en que o teatro conta con máis medios, textos que parecía que non se podían representar pasan a facerse con normalidade. Da mesma maneira que non se pensaba en dalas por episodios, porque o espectador estaba acostumado aos tres actos.

Vostede foi pioneiro ao representar unha obra tamén considerada difícil.

Valle sabe que o que está escribindo pode ser escenificábel, pero que os métodos eran limitados. Chocaba coas inercias, porque non se vía Luces de Bohemia como un gran texto dramático e representábel. Daquela empezan as cábalas sobre que era o que facía Valle. Ao aparecer novos medios técnicos e atreverse coas adaptacións as cousas mudaron. Eu, en 1963 montei, con 20 anos, no Teatro Universitario de Zaragoza, Las galas del difunto e La hija del capitán, e fun moi gabado. Pero os militares non o toleraban, e no Festival Universitario de Sevilla déronme 24 horas para abandonar a provincia. O curioso desa historia era que, semanas despois, o Teatro María Guerrero pasou por Madrid, e José Luís Alonso dicíame que non soubera facelo. Non era así, porque ao pouco soubo adaptalo moi ben. Pero o franquismo non era o mellor caldo de cultivo para que o teatro de Valle-Inclán florecese.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here