Entrada da vía entre Galiza e Portugal por Valença do Minho. ©Xan Carballa

A crise da Unión Europea, necesitada neste momento dunha redefinición, podería abrirlle de novo unha oportunidade ao “iberismo”.

Os problemas dentro da Unión Europea van en aumento. Os Estados, ou grupos de Estados, gañan forza e, nalgúns casos, deseñan xa a súa influencia sobre espazos máis pequenos pero tamén máis homoxéneos. Sería o caso de Alemaña que está a encontrar aliados habituais en Holanda e Dinamarca. Algúns países do antigo este, que actualmente pertencen á UE, buscan agora maneiras de asociarse entre eles.

As cartas parecen así estar de novo sobre a mesa e, neste novo escenario, por que non pensar nunha península ibérica unida, con perto de sesenta millóns de habitantes, o que a convertería nunha potencia máis á altura do Reino Unido e Francia?

O iberismo fora abandonado

Nas últimas décadas, co auxe da Unión Europea, e tamén a causa doutros factores, o iberismo deixara de ser un obxectivo sequera utópico. Tan querido no seu día polos galeguistas e con certo predicamento en Portugal, non se lle vía viabilidade, en parte tamén a causa da postura española. España sempre estivo disposta –nas súas fantasías secretas– a absorber o Estado veciño, pero non a confraternizar con el. Lembremos aquela frase, dita dun modo coloquial, polo falecido socialista e presidente do Parlamento, Gregorio Peces Barba, de que deberiamos ter abandonado Cataluña e quedarnos con Portugal. O resultado foi, en todo caso, que ambos países –Portugal por temor a ese inconsciente español– seguiron e seguen vivindo de costas.

O escenario modificouse nos últimos anos de man das multinacionais e das empresas de distribución máis importantes que, por sentido práctico, comezaron a entender o marco ibérico como un espazo único. Isto levou á que a etiquetaxe de moitos produtos estea hoxe en español e portugués, ambas linguas en pé de igualdade, mesmo cando a súa matriz é española.   

Para Galiza, a independencia de Cataluña resultaría, en varios sentidos, prexudicial, posto que a deixaría aínda máis baixo a hexemonía castelá e sen a posibilidade de reacción que si podería ter, en cambio, o País Vasco. Aínda que o nacionalismo do BNG invoque ultimamente a república galega, é dicir a independencia, como un obxectivo, o certo é que este lema parece máis o froito da necesidade de cubrir un oco programático, unha vez visto o pulo independentista en Cataluña, que unha demanda real.

O novo iberismo podería ter para Galiza, porén, importantes vantaxes. Mentres que o intento de saída de Cataluña só parece traer consigo as iras do resto de España, a hipotética entrada de Portugal, en cambio, podería favorecer a reformulación do conxunto nun sentido federal.

O novo iberismo podería ter para Galiza, porén, importantes vantaxes. A hipotética entrada de Portugal podería favorecer a reformulación do conxunto nun sentido federal.

Mentres que a perda de Cataluña obriga a unha cesión sen contrapartidas, a entrada de Portugal e a creación dun Estado Ibérico daría lugar a unha cesión por parte do hexemonismo castelán, pero compensada neste caso por un beneficio, ao incorporar ao novo conxunto un Estado hoxe independente e con máis de dez millóns de habitantes. O castelán e a súa cultura seguirían a gozar, por tamaño, dun enorme poder pero terían que compartilo coas outras culturas, con certo grado de paridade nalgúns casos.

No que respecta a Galiza en particular, hai que ter en conta que a eliminación de fronteiras de 1986 trouxo consigo un aumento dos intercambios, pero non na medida que algúns agardaban. Desde o punto de vista da cultura, o mesmo que da lingua, Galiza e Portugal seguen vivindo de costas. Outro tanto sucede coas vías de comunicación por ferrocarril, inusualmente lentas e ineficaces, para tratarse dunha rexión europea. Madrid segue a condicionar, negativamente, esta relación, freándoa de moitas maneiras e obrigando a que determinados produtos, como o correo postal entre ambos territorios, teña que pasar por Madrid, antes que vadear o Miño.

Que gañaría Portugal?

Como se verían as cousas desde o lado portugués? Neste país convive unha admiración, inconfesada pero visíbel, por España, cun apego firme á súa soberanía. O iberismo, no novo marco internacional, cada vez máis competitivo e lábil, podería garantirlle un respecto que hoxe non ten como país demasiado pequeno economicamente. Claro que esa proposta debería ir claramente acompañada tamén do respecto á súa identidade dentro desa unidade ibérica, incluído o dereito a volver separarse.

Esa Iberia hipotética pasaría así a parecerse algo máis a Alemaña e Italia, estados que se formaron como unión voluntaria das partes, e un pouco menos á España actual, que é o resultado da uniformización a partir do modelo de Castela.

4 COMENTÁRIOS

  1. Nom puidem ler por lado nengum, senhor Veiga, quantos fusos horários usaria esse novo Estado, nem a língua que sería usada no(s) parlamentos e polo tanto polos media.
    Particularmente espero por umha segunda parte do seu artigo.

    Saúdo!

  2. Artigo completamente irreal que descoñece o sentido fortemente independente dos portugueses e da aversión do seu corpo social a España. O amor por España, suposto (as máis das veces, pois usualmente é palabrería va), só esta presente nalgunhas minorias frikis e só para falar cando non se tén outra cousa da que falar

  3. A Portugal, e a nação nenhuma, interessa entrar num estado que é uma espécie de Turquia ocidental, onde não há separação entre o poder politico e o poder judiciário, onde as autoridades agridem manifestantes e votantes absolutamente pacíficos, uma monarquia antiquada e rançosa, onde o rei (agora ex-rei) é corrupto, com milhões de euros escondidos no estrangeiro, mas é protegido pelo próprio estado,, impossível de ser julgado, tal como a realeza e a nobreza de outros tempos.
    E esta é uma ínfima parte das razões.

  4. Iberismo non foi “abandonado nas últimas décadas”.

    Iberismo desapareceu porque Fascismo de Franco foi Nazi (Alemán) e Fascismo Salazarista foi Británico (Porto Wine)
    Franco e Salazar asinaran en 1942 “Pato Ibérico” para ningún dos dous participaren na II Guerra Mundial, coa esperanza de Británicos e Hitlerianos non extenderen as frontes.

    Portugal entrara no Plano Marshall en 1948 e o seu veciño foi castigado por ser do Eixo (non do Eixo Atlántico)
    Depois de Franco apertar en 1953 Eisenhower (bicando Eisenhower, Franco regresaba aos británicos, aos que quixo imitar sempre) a urxente necesidade de recuperar a Raia, fatalmente empobrecida dende o Acordo de Límites (1926) non foi adiante, senon que retrocedeu. De feito, Franco negou a Portugal as augas naturalmente compartidas (Minho, Douro, Teijo etc)

    E na UE? Na Unión dos 27, só na Raia entre Galiza e Portugal é imposibel compartir sinal de televisión ou radio. Un éxito do Programa INTERREG.

    E que dicer dun ferrocarril ibérico de 1923 sobre o Minho, que en San Xoán 2019 tarda 4 horas en chegar de Vigo a Porto (125 qms)?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here