gtag('config', 'UA-106570544-1');
Martes, 29 Abril 2025

A policía patriótica do comisario Villarejo

Un policía demócrata. Un policía para os novos tempos. Así se presentaba José Manuel Villarejo alá polo ano 1981 nas distintas entrevistas como Secretario Xeral do Sindicato Profesional de Policía.

Non tardaría en pedir a excedencia. Fíxoo dous anos despois (1983) para montar un cinguideiro que chegou a acumular 46 empresas e a ter 16 millóns de euros en capital social. Levaba 20 anos na policía e víaselle que non era un calquera. Soubo enxergar onde estaba e, na vez de combater a corrupción, fixo da corrupción o seu negocio. Non sabemos se coa lóxica de se non podes con ela, únete, ou se es un bobo se non te aproveitas, porque o farán os demais.

O cordobés, home arriscado, empresario avarento, decidiu traballar nos sumidoiros do Estado, que era onde estaba o risco, onde non había tanta competencia e onde se podía facer un bo negocio.

Pero mellor encerellar cubriuse co paraugas do Estado e cos medios do Estado, pois así sempre ten un a quen culpar e, tamén, quen o defenda.

Así que, dez anos despois daquela excedencia (1993), pediu o reingreso na policía. Non só o reintegran con honores, ascendéndoo, senón que lle deixan seguir mantendo a canfurnada empresarial, traballando e facturándolle ao Estado. Loxicamente en negro, polo que non tiña que pagarlle a Facenda.

Pouco importa que antes fose denunciado por “asociación ilícita, omisión da labor de impedir delitos, simulación de delitos, denuncia falsa, detención ilegal, intrusismo, estafa…” Alguén dá máis?  A fiscalía, que retira a acusación cando ía ser xulgado na audiencia Provincial de Madrid. Paz e, logo, gloria.

Barrionuevo cando entrou en prisión pola trama dos GAL.

De home do ministro José Barrionuevo, o dos GAL, pasa a ser peón de confianza do electricista da “patada na porta”, José Luís Corcuera, e segue a traballar para Antoni Asunción, até que este tivo que dimitir pola fuga de Roldán, o director xeral da Garda Civil.

José Manuel Villarejo andaba nesas, e afirma que foi el quen lle levou 250 millóns de pesetas a Antonio Paesa a París, para que entregase a Roldán. Pero o que el non di é que só lle deu 80 millóns.

Desde aquela, está presente en todos os casos de corrupción e chafuldradas que saíron a luz: Infóorme Veritas contra Garzón, Gürtel, Lezo, Púnica, Palou, papeis de Bárcenas, ático de González, Caso Pujol, procés catalán, abdicación de Juan Carlos, gravación ao CNI, caso Pequeno Nicolás, loita polo poder no BBV, gravación a ministros… Os anos 2004 e 2005 realizou unha espionaxe masiva a empresarios, banqueiros, políticos e xornalistas. Pola súa conta? Para ter subministro no almacén? Ou por encargo? De quen?

Un home de Estado

J. M. Villarejo sabía moito. Ofrecía a información por ministerios e por empresas. E contaba o que quería como engado. Así que todos querían saber algo do que el sabía. Aproveitaba para gravar a uns e a outros e, logo, vender esa información, e non sempre ao mellor ofertante, senón seguindo a súa comenencia de “home de Estado”.

Podemos despachar ao comisario Villarejo coa afirmación dun policía que o coñeceu: “todo pola pasta”?

Sería un erro. J. M. Villarejo e a súa “policía patriótica”, especializáronse en realizar os traballos que ninguén quería facer, ou que non podían realizarse dentro da legalidade. As veces, os seus informes “chegaban averiados”, segundo unha fonte policial. Pero iso formaba parte desta clase de política e da espionaxe.

O policía Villarejo operou en Euskadi na época dos GAL. Villarejo coñecía cantos xornalistas, empresarios e políticos cobraban do fondos dos Estado e el, como fiel servidor, non ía quedar atrás. Merecía tamén unha recompensa.

Villarejo traballou para todos os Ministros do Interior: Barrionuevo, Corcuera, Asunción, Belloch, pero tamén para Alfredo Pérez Rubalcaba…

Porque Villarejo traballou para todos os Ministros do Interior: Barrionuevo, Corcuera, Asunción, Belloch, pero tamén para Alfredo Pérez Rubalcaba… Que foi quen o ascendeu a comisario, aínda que non tiña as cualificacións necesarias, e lle entregou a Medalla ao Mérito Policial.

Por iso, cando comezou a Gürtel, o PP, que tiña coñecemento das trapalladas de Villarejo, acusaba directamente a “Rubalcaba e a súa policía de estar detrás da operación”. Villarejo traballaba a dúas mans, como boa vaca.

Pero, sobre todo, nos últimos tempos, traballou pola dereita, para o ministro Fernández Díaz.

Con fondos reservados, montou a denominada Policía Política, que non só operou en Cataluña contra os independentistas, senón que tivo a súa ramificación en Galiza, na procura de confidentes e infiltrados e nas actuacións contra os independentistas, teimando en converter a Resistencia Galega nunha organización terrorista. Canta máis conflitividade, máis fondos reservados, cantos máis fondos, máis negocio.

Con fondos reservados tamén montou nos anos 2013 e 2014 unha operación secreta para arrombar coa documentación de Bárcenas, o ex tesoureiro do PP, agora no cárcere.

Jorge Fernández Díaz, ministro do interior nos gobernos de Mariano Rajoy.

Tentaban que os papeis que incriminaban ao PP en financiamento ilegal e por ter unha dupla contabilidade non chegasen a xustiza. Pero Villarejo, na vez de entregarlle ao Ministro Fernández Díaz os papeis, levounos para a casa. Claro, o ministro tiña que ter calada a boca. Que foi o que lle entregou e que foi o que arrombou e ten encriptado?

Pero o comisario Villarejo non actuaba só. Polas escoitas e polo que se deu a coñecer, mesmo pola súa defensa diante do xulgado, era unha actuación corrupta de toda a cúpula policial.

Por iso están incriminados Eugenio Pino, xefe da Brigada Política e Enrique Castellón, xefe da Unidade Central Operativa. E tamén da cúpula do ministerio do Interior, co ministro Jorge F. Díaz á cabeza, e seguido polo seu número dous, Francisco Martínez, e o director xeral da Policía daquelas, o hoxe senador Ignacio Cosidó, que tamén apareceu profusamente na corrupción que empodreceu ao PP valenciano.

Ollen vostedes que ninguén no mundo da política semella darse por decatado. Poida que todos teñan moito que calar e o cu de palla. Sobre todo nos casos da Policía Patriótica.

Segundo o diario Público, Eduardo Inda, director de OK Diario, sería algo máis que un difusor de informes falsos.

Pero tamén algúns maxistrados e fiscais, que aceptaron como bos informes e probas totalmente falsificadas. E xa non digamos moitos directivos de medios de comunicación, directores e empresarios, que non só reproduciron as súas informacións a sabendas de que non eran certas, senón que tamén pagaron informes contra a competencia e, mesmo, contra membros da súa propia casa. Así impediron que algún xornalista chegase a director. Segundo o diario Público, Eduardo Inda, director de OK Diario, sería algo máis que un difusor de informes falsos.

Algún destes informes que coñecemos só se pode cualificar cunha palabra: alucinante! Seguramente escrito por un analista con ínfulas literarias…, pero estaban avalados pola factoría de Villarejo.

Por que as distintas televisións teñen a Inda como un parzamiqueiro estrela? Só pola audiencia ou como xeito de difundir os que eles non se atreven directamente?

O caso BBVA

Francisco González segue a ser presidente de honor no BBV.

O episodio destra trama corrupta, que se nutre e bebe nos fondos reservados do Estado, que está chamando máis a atención mediaticamente, é a espionaxe que pagou o BBVA para controlar aos seus inimigos internos, que tentaban facerse coa presidencia do banco, expulsando ao chantadino Francisco González, Paquito El Argentino.

Este escándalo tan moito máis percorrido mediático ca outros por diversas cuestións. A primeira é que nel non se cuestiona o papel do Estado, senón que é unha liorta nas cúpulas económicas no que o Goberno de quenda, todo o máis, toma partido e move fíos. Mesmo pode aparecer como vítima. Por iso Rodríguez Zapatero é quen de reclamar responsabilidades.

Pero hai máis. A maioría dos medios de comunicación están aliñados coas grandes familias empresariais e van tomando partido e saldando contas. Algunhas ben atrasadas e resesas. Están, dun ou doutro xeito, interesados, en difundir as informacións ou contrarrestalas. Ademais, o tema ten tirón xornalístico. Quen non se lembra da serie Falcon Crest!

Nesta “nosa realidade” andan todas as familias litigando, as dos madriles, as vascas e un vedizo de Chantada que logrou desbancalos a todos pola súa amizade con José María Aznar, e pola renartería que aprendeu de seu pai, mercándolle propiedades que nunca viran aos emigrantes en Arxentina.

É un caso único esta espionaxe empresarial? Atrévome a dicir que non. Acaba de saltar tamén a do Atlético de Madrid. As grandes empresas teñen todas un grande departamento de seguridade. A fronte deles, a maioría aposta por cualificados ex policías, pola súa experiencia, pero, sobre todo, porque seguen a ter moitos contactos nas altas esferas da seguridade. Tamén teñen cartos para pagar informes, internos e externos.

Hoxe non se poden facer negocios sen ter información dos teus competidores, pero, sobre todo, dos teus socios. A información é poder.

E Villarejo acumulou moita información. Por iso aínda ten moito poder. Pero tamén sabe que a acumulación de tanto poder é perigoso. Senón que llo pregunten a Julio Cesar no seu idus de marzo.

Afonso Eiré López
Afonso Eiré López
Afonso Eiré López (Laxe-Chantada 1955). Aos 7 anos xa escribía coplas. Aos 14 comeza a colaborar en El Progreso. Aos 15 anos leva o primeiro premio literario, o de Narracións da Caixa Rural de Lugo. Aos 18 marcha estudar xornalismo a Madrid. No 1977 incorporase ao equipo que pon en marcha A Nosa Terra e no 1981 lidera un grupo para evitar o seu peche e traslada o periódico de Compostela a Vigo. Ocupou o posto de director máis de 30 anos e tamén o de Conselleiro Delegado e Presidente na empresa editora do semanario nacionalista. Postos que compaxinou coa colaboración en diversos medios de Galiza e da península, como correspondente e comentarista político, función que tamén desempeña aínda hoxe. A súa traxectoria está premiada polos principais galardóns xornalísticos, entre eles a Medalla Castelao. Escribiu máis dunha ducia de libros, ensaio, crónica e novelas. Na actualidade tamén ocupa o cargo de Presidente

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na Coruña o politico nacionalista Pablo González Mariñas. Presente en momentos fundamentais do devalar político contemporáneo,...

O poder político de Juan Carlos I, un rei que gobernou

Sandrine Morel, correspondente de Le Monde en España desde o ano 2010, non cre que a monarquía española sexa unha institución interesante informativamente en...

O que non se conta do golpe do 23 de febreiro de 1981

O golpe de Estado do 23-F, do que se fan agora 40 anos, foi un fito nun proceso que procuraba pórlle o ramo a...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap