Benquerido amigo: Isto de escribir de memoria, cando esta xa anda moi deteriorada, provoca o esquecemento de persoas e lugares que deron sentido á miña vida. E mira que intentei non pasar por alto, polo menos ás que coma ti,  influíron positivamente na miña maneira de interpretar o que me rodeaba, iso que no teu caso segues aí intentado facer de min unha persoa responsábel. Tiven que reler «Antes de perdermos a memoria» (Embora, Ferrol 2019) para darme conta que verdadeiramente pasei demasiado rápido polos meus inicios no Sindicalismo. E aí estabas ti, que nin sequera eras crego titular,  sei que daquela eras “coadxutor” que seguramente correspondía aos bolseiros de hoxe ou aos precarios do contrato temporal, coa importante vantaxe de ter de «xefe» a Xosé Chao Rego na parroquia ferrolán de Santa Mariña.

VIcente Couce nos anos 70.

Aquela parroquia coa súa vella Igrexa, transformábase en local sindical para aqueles rapaces que como consecuencia da clandestinidade non atopáramos outra maneira de organizarnos para falar, discutir ou simplemente coñecer a persoas cos que compartir as inquedanzas propios da idade. 

a quen se lle ocorre naqueles tempos  fomentar dende as homilías  unha Organización Sindical xa declarada ilegal antes de tela constituído

Non sei quen me levou por primeira vez, supoño que como consecuencia da miña militancia nos temas da saúde co Psico-Social, intimamente relacionada cos sectores de Caritas e cos que xa estaban organizados da HOAC, onde ata pasaban desapercibidos os militantes comunistas da época. Pero aí estaban ti con aquelas chapas extraordinarias sobre a necesidade de construír os Sindicatos Libres e Democráticos.

Aqueles inicios no Sindicalismo foron posíbeis pola aposta dun Grupo de sacerdotes que coa ti apostástedes por defender os despedidos das empresas, os represaliados  e as súas familias. Aquela realidade axudou, e de que maneira, a cambiar á nosa mentalidade mediatizada pola formación que tiveramos que tragar na escola franquista.

Pero o teu comportamento non saíu gratis, a pesares do despiste da policía política ferrolán xa que durante algún tempo pensaron que a vosa dedicación  limitábase á sagrada misión de salvarnos a alma inculcándonos  os principios da fe cristián. Así que non tardaron en sentarte no banquiño do Tribunal de Orden Público, como non, xunto con Xosé Chao Rego.

E todo pola nosa culpa, aínda que a quen se lle ocorre naqueles tempos  fomentar dende as homilías  unha Organización Sindical xa declarada ilegal antes de tela constituído, ou solicitar que «o cepillo» das misas fora destinado a socorrer ás familias dos despedidos das empresas en folga. E todo ben argumentado nas «octavillas» que saían daquela multicopista con cheiro a incenso.

Xosé Chao Rego en 2005, en Marín, intervindo na homenaxe a Francisco Carballo.

Chao Rego saíu absolto co cabreo do Presidente do Tribunal un tal Maxistrado Mateo, a quen logo daría morte ETA, segundo conta no seu libro a profesora Rosa Cal titulado «Los curas contra Franco» (Embora, Ferrol 2012). En aquel xaneiro de 1970 fuches a dar cos teus osos á prisión «concordatoria» de Zamora. Concordatoria non de concordia senón de Concordato asinado entre o Vaticano e a Ditadura franquista fartos xa de que interpretárades o Concilio Vaticano II como vos deu a gana.

Nunca me falaches daquel cruel episodio que tiveches que soportar no único cárcere do mundo destinado aos sacerdotes xa que por aquel «concordato» de 1968 os «curas rojos e separatistas» non podiades compartir cárcere cos demais presos e o xuízo (aquela especie de xuízo) tería que celebrarse a porta pechada.

Moito che temos que agradecer os mozos daquela época polos riscos que corriches

Naquela cárcere de exterminio tiveches que pasar moitas calamidades. Segundo lín hai pouco, dixo Xabier Amuriza ex cura vasco que tamén estivo encerrado en Zamora que verdadeiramente aquela cárcere fora habilitada como «vinganza do nacionalcatolicismo contra as ovellas negras» referíndose a todos vosoutros. Volvín a visualizar Celda 211 rodada nesa cárcere para situarme en como tiveches que pasar aquela etapa da túa vida eu que só coñecín a Cárcere da Coruña, só que para min non foi cárcere. Estiven sempre rodeado de loitadores pola liberdade, así que foi o mellor que me puido pasar.

Benquerido amigo, dentro de moi pouco, en xaneiro que ven, temos que «celebrar» os 50 anos daquela tortura da que felizmente lograches saír, aínda que por esta e por outras que tamén pasaches, explica que remataras a idade de traballar facendo de electricista nunha pequena empresa que tiveches que montar para sobrevivir.

Moito che temos que agradecer os mozos daquela época polos riscos que corriches, e non só nós, sei de boa tinta que se non chega a ser pola solidariedade da túa familia aquela mañanciña do 12 de agosto na rúa da terra de Ferrol a policía franquista non só asasinaría a Moncho Reboiras.

Non paras, e xa vas para maior, así que vai acougando porque cada vez que nos atopamos aínda soltas a retaíla de “que facedes os sindicatos, claro os da Bazan que sodes a aristocracia da clase obreira…. xa vos esquecíchedes”.

Agora estás empeñado en recuperar a Memoria Histórica de Ferrolterra e aí andas animando a todo o mundo para que colaboremos en construír un Centro da Memoria, só que segues esquecendo que tamén teremos que recuperar todos os esforzos que fixeches na procura das liberdades democráticas neste momento no que parecen empeñados en reescribila, nada menos que os da ditadura pasada reconvertida en presente.

Vicente Couce Ferreira: Grazas.

2 COMENTÁRIOS

  1. Os cregos em comunhom com os pobres, como lhe ouvim algum deles, eram bem poucos e ademais com distintos níveis de implicaçom; contavam-se com os dedos das mans. Certo, que a sua cumplicidade foi fulcral em alguns lugares, lembro que nalgumha capela se acochou a “vietnamita” ou também serviu de refugio para algum que outro quando a “social” fazia as redadas de caça de comunistas; nos anos 60 todo o demais nom existia, agás de um punhado de nacionalistas da UPG. Muitos destes cregos abandonárom posteriormente a sua condiçom sacerdotal, posto que a eireja a qual serviam era um dos piares do terror clerical-fascista que foi o franquismo. Todo o demais é conto e engano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here