©PAULO RICCA

Agustina Bessa-Luis (1922-2019) levaba anos retirada da vida pública, despois dun episodio grave de saúde. O seu falecemento o 3 de xuño, sérvenos para rescatar a entrevista que nos deu en 1989, logo dunha conferencia na Universidade de Santiago, e que publicamos no número 374 de A Nosa Terra. Acaso esquecida aínda sendo figura principal da literatura portuguesa contemporánea, hai pouco tempo os seus libros foron motivo de polémica editorial.

Por que unha escolla tan ampla de xéneros na súa escrita?

Son sobre todo romancista, mais surxiron posibilidades de escribir teatro, e tamén biografías pero en base a encargos que me fixeron na altura (velaí o caso do Marqués de Pombal, de Florbela Espanca, Frei Luís de Granada, no libro Monxa de Lisboa). Son traballos que precisan investigación e teñen máis dificultade que a novela, que é o recreo da imaxinación.

E que intención filosófica ou ideolóxica alimenta o seu labor como escritora?

Aquilo que está máis presente na miña obra é un interese pola natureza humana, polas relacións humanas, aquilo que as divide ou as aproxima, aquilo que poda resultar nunha pacificación da sociedade sen que esta caia na apatía por un exceso de tranquilidade. Unha decisión de paz positiva entre as persoas, que é o máis difícil da natureza humana.

Vostede novelou unha certa decadencia da aristocracia e nas súas personaxes domina a introspección.

A obra que me tornou máis coñecida, nun principio, A Sibila, era sobre unha familia de labregos, pero o seu tipo de relacións coa sociedade xa non existía, xa tiña rematado. Foi case un retrato do pasado. Na altura eu observei os sinais de extinción dese tipo de vida. Son máis unha escritora que describe á burguesía, urbana sobre todo, mais non hai un tipo de literatura que me clasifique.

Lisboa está chea de grandes provincianos, empezando por todos os seus políticos

Hai tamén unha presenza do seu entorno xeográfico inmediato, do Amarante, do Alto Minho.

Pero tamén teño escrito libros sobre Lisboa, sobre o Alentejo. De maneira que Portugal,
como país pequeno non ofrece dificultades de contacto. Rapidamente podemos aproximarnos a calquera atmosfera. A Florbela era alentajana e esa rexión está presente, obviamente‚ aí, pero evidentemente hai esa influencia que vostede di e tamén da cidade do Porto.

E que pode dicirnos dunha certa clasificación, en Portugal, entre literatura do Norte e do Sur?

Acho que o literato está máis centrado na capital, en Lisboa, pero a meirande parte deles non son lisboetas, Veñen da Beira, de Tras- Os-Montes, do Norte. Pero despois habitúanse á vida da cidade e esta dálles unha certa pátina citadina, Lisboa está chea de grandes provincianos, a empezar polos políticos que o son todos, e os escritores non foxen á regra. No Norte, especialmente no Porto, –menos na provincia, porque a residencia na provincia fíxose máis difícil agás excepción–s‚ a vida urbana chama cada vez máis ás persoas porque a meirande parte dos escritores non o son provisionalmente en exclusiva,

A muller na súa obra ten unha presenza moi importante e cunha caracterización singular.

Como muller é case unha obriga e é sensato facelo. As intelixencias do home e da muller son moi diferentes, e iso coido que está cientificamente probado.

En que senso?

Os seus hemisferios cerebrais funcionan de diferente maneira. Por tanto hai una diferencia alén da que a educación a través de milenios foi criando. A muller ten un menor senso da xustiza que o home que o exercitou máis. Iso é posíbel corrixilo a través da transformación da propia vida da muller. Pero hai cousas inherentes á bioloxía e serán sempre diferentes a non ser que un día os sexos se identifiquen, pero isto non está próximo.

Na literatura portuguesa hai unha presenza moi elevada de mulleres escritoras, para o que é costume observar. A que pode ser debido?

Antes a muller estaba moito máis condicionada á vida da casa, á dos fillos, absorbía todo o seu tempo na procreación. Hoxe a muller controla moito máis (a concepción, a familia…) e dispón dun tempo propio e, sobre todo, traballa fóra da casa. Hai unha imaxinación que se desenvolve na muller cando antes estaba sometida á imaxinación do home. O home era quen traía a historia á casa e a muller transmitía, mais só oralmente. Hoxe a muller cultívase máis. O grande escritor non nace diso, é un acaso, mais hai moitas mulleres que hoxe escriben resultante dunha educación e unha cultura máis apuradas, le máis, ten máis contactos e sente necesidade de levalo ao papel.

E aínda cando a muller escribe interprétase como algo episódico, circunstancial, máis produto da casualidade que da vontade.

Non creo. A memoria que nós temos e ficounos hoxe é Safo, na Grecia. Ninguén a ultrapasou. O talento surxe de súpeto nunha determinada época. O que acontece é que hai un meirande número de mulleres que escriben pero non un maior número de mulleres, nin de homes, con talento.

O 25 de abril tocou algo esencial: abrir a vida da liberdade que ten que ser asumida e traballada por cada un de nós.

Vostede como intelectual, contravindo o que parece norma, aparece defendendo en ocasións posicións política conservadoras.

Non son de esquerdas nin de dereitas. Cando na nosa vida hai como predominancia escribir a narrativa da nosa época, do que condiciona o comportamento humano, acho que non hai espazo para nos integra nunha determinada política. Interésannos os grandes valores da vida humana, a liberdade por riba de todo, a grandeza dos nosos propósitos… en determinados momentos o escritor pode ser chamado a unha colaboración, unha presenza política. No meu caso é cando sinto que hai algunha desistencia no que é máis profundo na alma do pobo, desistencias e falta de confianza no futuro e no proceso de evolución. Nesa altura a palabra do escritor é importante e a súa palabra debe ser un apoio, non de ideas senón no tocante á nosa vida gregaria, ao sentimento común de todos nós e que pode estar abafado e cunha carga enorme de dúbidas. Quer sendo de esquerdas, quer parecermos estar na dereita, acho que o predominante é o soster a confianza da alma popular.

Nos últimos quince ano a sociedade portuguesa está marcada polo 25 de abril. Como influíu na que vostede expresa como alma popular o 25 de abril?

O 25 de abril foi moi importante. Foi unha Revolución que desculpabilizou a nosa posición en relación ás colonias. Había necesidade de desfacerse daquela situación, que nos incomodaba e se prolongaba demasiado no tempo e nós estabamos fóra de moda completamente. De maneira que foi preciso un empurrón que decidise ese “impasse” e o 25 de abril tivo, sobre todo, ese obxectivo.
Houbo un movemento que tocou no máis profundo, tamén a perda do temor a respecto dos patróns, do señores… iso sentiuse inmediatamente. Houbo unha naturalidade de trato, que persiste e nunca máis se modifica, un asumir a democracia. Iso foi o importante do 25 de abril, esa consciencia de igualdade dos pobos, aínda con dúbidas e erros que van durar até unha conciencia final e profunda desa democracia. En todas as culturas iso é un camiño cheo de obstáculos e desvíos. Mais o 25 de abril tocou algo esencial: abrir a vida da liberdade non só respecto a certos patróns de vida, como a unha liberdade que ten que ser asumida e traballada por cada un de nós.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here