Xa ningún lembrará aqueles primeiros árbitros de baloncesto, e non o fará porque seguramente o de facer «memoria histórica» soa mais ben a política, moito moito de esquerdas e para moitos ata de nacionalista e sei que temos cousas que é preferibel tapar e tapar, non vaia a ser. Agardo que co deporte galego ou coa arbitraxe, en particular, poidamos lembrar e agradecer, aínda con ducias de anos de atraso, a aqueles pioneiros desa actividade fundamental en calquera deporte.

Quen non lembra o historial do baloncesto galego co Breogán de Lugo, Obradoiro de Compostela ou nos seus tempos o OAR de Ferrol^ Aínda colean as fazañas dos míticos Nate Davis ou Anicet Lavodrama, ou os galegos Tito Diaz, Manel Sánchez ou o ferrolán Miguel Loureiro. De Marisol Paino, aquela extraordinaria xogadora do Celta de Vigo, seguramente  só uns cantos, porque xa se sabe que o de ser muller aínda hoxe no deporte quédanlle moitas etapas reivindicativas por cubrir.

Mais a quen quero salientar é a aqueles primeiros árbitros que coincidiron co rexurdir do baloncesto galego e a todos aqueles que escarallaban xeonllos e nocellos por aquelas canchas de xogo que, no seu día, ata foran inauguradas cunha lixeira cuberta de cemento nunha etapa da nosa historia que non coñecía aínda de pelotazos urbanísticos.

Avelino Senén Rivas Rodriguez foi un daqueles primeiros árbitros en destacar dende Ferrol, nun tempo no que practicamente o baloncesto se coñecía grazas ás actividades que as empresas públicas da época mantiñan á marxe da súa actividade. Xa sabedes, a versión patrioteira e conmovedora das empresas patrocinadas pola Ditadura. A Empresa Bazán chegou a ter seguramente o primeiro americano no seu equipo, o mítico Lobón e onde militou o que chegou a ser o primeiro xogador galego na selección española de baloncesto, o electricista Pardo. 

Avelino dirixía aínda que soportando todas as inxerencias que dende Madrid padecíamos de cando en cando.

Se o baloncesto medra en Cataluña, e posteriormente en Madrid, dende alí centralizase  toda a súa actividade. Xa xogaban a baloncesto na Estrada, en Vigo ou na Coruña ademsis de Ferrol pero é grazas a Bazán e a súa repercusión en Madrid, como logrou abrirse paso como árbitro Avelino Rivas.

Como todo nace, desenvólvese e morre na Bazán, do seu cadro de persoal sae tamén Juan Cabido, traballador de electricidade, quen forma parella con Avelino Rivas sen chegar a conquerir a máxima categoría. Os dous chegaron a compatibilizar a arbitraxe no baloncesto coa do fútbol, estraña combinación ou sería porque coa preparación física, a «presenza disuasoria» da súa personalidade conquerían o respeto dos xogadores e do público. Quen sabe.

Pero non estamos soamente ante unha historia persoal dun bazaneiro que chegou a arbitrar na máxima categoría do baloncesto español, cando todos os demais, e durante moitos anos, foron madrileños ou cataláns, senón diante de quen estruturou e formou  unha equipa de árbitros nunha etapa na que os regulamentos de xogo se aprendían por notas, apuntes e comentarios que gardaban celosamente aqueles que. dende Madrid ou Barcelona. marcaban as directrices agachándoas celosamente coma quen garda a fórmula dunha vacina milagreira.

Sesións de baloncesto real enfrontándonos a equipos de baloncesto que colaboraban con nós para ensaiar xogadas supostamente conflitivas e homoxeneizar entre nós ata a maneira de sinalar as incidencias. Todo un deseño de preparación e adestramento que saía da cabeza de Rivas porque nunca tivemos outras directrices que cumprir dende os estamentos oficiais. De cando en cando organizábanse ceas coas parellas respectivas, se fora o caso, e coas  saídas de «cañas» do grupo completábase o modelo formativo «Avelino Rivas» porque tamén falabamos do arbitraxe, ou que pensades?. 

Para arbitrar a única norma escrita e coñecida era a vestimenta de cor gris que cada un se tiña que procurar, así aparecíamos na cancha con modelos diferentes e tonos de “grises” (quede claro que «os grises» eran outros, non confundir) e coa única coincidencia do escudo da Real Federación Española de Baloncesto, que tiñamos que pagar, faltaría máis.

Durante máis de dez anos Avelino Rivas arbitrou na máxima categoría e ademais  foi referente da arbitraxe, xerando o redor del unha equipa de árbitros novos, no que tiven o pracer de participar aínda que por moito empeño que poñía defendéndome e defendendo ao grupo, nunca conseguiría romper aquel monopolio que daquela gobernaba ao seu antollo o Presidente dos Árbitros. Decídía quen e quen ascendían e deste xeito os ascendidos votarían democráticamente quen sería o Presidente. 

O Colexio de Árbitros, lembraba Avelino, dispón dun regulamento democrático de dous Artigos: 1) o Presidente sempre ten a razón. 2) de non tela, será de aplicación o Artigo primeiro. 

Toda unha vida adicada a Bazán, a súa familia e ao seu oficio de Técnico de Organización, escaqueándose todo canto podía para facer posible unha vida plena, chea tamén de anécdotas e curiosidades porque nunha actividade non regulamentada e de estructura nada democrática, todo xiraba o redor de quen tiña o poder de dirixir e Avelino dirixía aínda que soportando todas as inxerencias que dende Madrid padecíamos de cando en cando.

A dia de hoxe aínda segue a ser unha especie de couto pechado, porque de trinta e oito árbitros de ACB solo dúas son mulleres. 

Tanto foi así que aquela chamada «Copa del Generalísimo» se desenvolvia entre equipos de Primeira e Segunda División e no sorteo enfrontaba a Bazán e nada menos que contra o Estudiantes de Madrid, e como Ferrol contaba con capacidade suficiente con Avelino Rivas na Primeira División e Juan Cabido na Segunda, comunicaron que serían eles os Árbitros. Dende Madrid, enviaron a outro e o partido quedou suspendido durante horas porque apareceron na cancha tres e vez de dous. Aquel partido pasaría á historia local coma algo sorprendente. Os árbitros discutindo quen arbitraba, en plena cancha e diante dos equipos e un público que abarrotaba a instalación.

Gañou Madrid, como históricamente ben sendo habitual. O partido e impoñendo o árbitro. Como tiña que ser!!

Avelino Rivas deixou escola e despois da súa xubilación na Bazán continuou desenvolvendo actividade na mesa de anotadores e como Comisario de Mesa. E dende Ferrol continuou dirixíndose a arbitraxe galega da man dun dos seus «alumnos» Javier Uria,  herdeiro do millor de Avelino, na defensa dos seus árbitros e de quen teño tamén que estar agradecido. Foi ademais a «miña parella» en moitos partidos e non dubidou en defenderme diante dunha sanción por arbitrar cunha propaganda, (iso si, discreta) na camiseta de árbitro, co lema «Os nosos»,  días antes dunhas eleccións municipais. Nese tempo os árbitros de primeira división lucían propaganda dunha marca de tabaco.

O intento de democratizar o Colexio de Árbitros encetado por Avelino tamén levou a Javier Uría ao abandono por imposible, menos mal que tamén coincidia co final dunha etapa. A dia de hoxe aínda segue a ser unha especie de couto pechado con carencias en materia de igualdade, por exemplo, porque de trinta e oito árbitros de ACB solo dúas son mulleres. 

Non o fixemos tan mal, porque dende os inicios do baloncesto nas categorías inferiores por todo o país só un arbitro se encargaba de controlar o xogo  e nas categorías superiores, dous. E as canchas de xogo seguen sendo de 28X15 (menos dun ferrado) e o aro segue estando a 3,05. E precisan a tres árbitros. Na mesa de anotadores xa parece unha mesa de patrón. Será para favorecer a creación de emprego. Menos mal.

Como vedes na arbitraxe tamén tivemos as «nosas figuras». 

Apertas dende a primaveira de Bouzamaior

    

  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here