Estimado amigo:

Alegroume moito a noticia de que, por fin, recibirás o premio de “fillo adoptivo” de Guitiriz, e non será porque alguén tivera dúbidas durante este tempo, supoño. Deseguido lembrei aqueles extraordinarios días nos que na túa compaña percorrín lugares singulares, conversando con persoas que aportaron e aportan parte da súa vida ao noso País en case todas as frontes.

Case cada dúas semanas desprázome a Compostela dende a miña aldea de Bouzamaior, en San Sadurniño, e fágoo pola vella N-VI que atravesa o centro urbano de Guitiriz, seguramente para que o imposto que traman pola utilización das autovías non me colla desprevido. O caso é que sempre que paso por alí lémbrome do que gocei da túa compaña.

Recoñezo que ata aqueles días non sabía nin da túa existencia. E que cando me contabas que organizando o Festival de Pardiñas, aló polos anos 80, as autoridades da Igrexa poñían reparos pola proximidade ao campo da festa da antiga igrexa, só a min se me ocorreu dicir: “entón dende aquela, que tan te levas co cura?”,  “Ah, moi ben”, dixeches, con esa calma e paciencia que tantas veces che serviu de parapeto. “Moi ben, porque o cura son eu”.

É desas ocasións que te sentes pequeno, moi pequeno, e aínda así non sabes onde meterte. Superei como puiden aquela “metedura de zoca” e visitamos a Ramón o canteiro. Que persoaxe!! Non che digo nada a visita ao taller de Sito Carracedo, artesán e inventor. Que capacidade. Recuperar gaitas de medio mundo que xa estaban a piques de desaparecer: da Alemaña, da República Checa, etc e por suposto creando e fabricando instrumentos da música tradicional galega.

Da túa man tiven oportunidade de coñecer Guitiriz e as súas xentes e rematamos aqueles intensos días na taberna Gaibor onde degustamos aquel polbo e aquel viño, que ti “bautizaches” como o viño “que concentra a paixaxe e a cultura galega”, definición que fixen miña se cabe cando teño que xustificar o de seguir bebendo.

Ti adoptaches primeiro a todo Guitiriz e a medio País antes de que o pobo se decidise a adoptarte a ti.

E tamén aproveitei para coñecerte. O que fixeches para organizar o Festival de Pardiñas é moi meritorio. O neto e fillo de Ramón das Festas que andaba de romaxe en romaxe, seguramente serviu de antecedente para que impulsaras, anos máis tarde, esta mostra imprescindible no calendario das Romaxes Galegas. Non sei como fixeches para estudar e compaxinar o traballo de cura en varias parroquias co traballo de Mestre no Instituto de Secundaria de Guitiriz e a maiores desenvolver toda a túa obra literaria e pastoral. Será iso unha das “milagres” que me contaban de cativo?

Vista aérea do pechado Hotel Balneario de Guitiriz

Deixei para o final a visita que fixemos polo interior e exterior do Balneario Hotel. Aquel día de maio de 2012 estaba en todo o esplendor. Un edificio de 1900, que tiña sido hospital militar, estaba moi concorrido, máis que nada polo seu entorno extraordinario e como non polas súas augas. Pardiñas tamén conta con balneario, pero aquelas instalacións…. Coñecíaas ben o ditador golpista Francisco Franco, porque ata contaba cunha mesquita para os rezos da súa garda mora.

Hoxe está pechado totalmente, cheo de débedas e sometida a expolio e roubo cada semana. Demostra tamén a incapacidade das entidades financeiras para darlle continuidade a un patrimonio que requisan por falla de pago e posteriormente déixano esmorecer.

Pois nada, benquerido Alfonso, parabéns polo merecido nomeamento. Aínda que mirándoo ben, ti “adoptaches primeiro a todo Guitiriz e a medio País” antes de que o pobo se decidise a “adoptarte a ti”.

Parabéns e grazas por todo.

Bouzamaior, novembro de 2018

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here