Francisco Vázquez.

Benquerido amigo:

Permíteme primeiro de nada que me presente, non vaia a ser que penses que son dos que envían misivas incendiarias das que seguramente, ou non, recibiches con demasiada frecuencia. Inxusta que é a vida, como se as mereceras.

Son aquel “sindicalista” que saudabas afectuosamente cada vez que nos atopabamos pola rúa. A última vez, no despacho do Xefe da Inspección de Traballo de Galicia. Ti estabas, nada menos que facendo un cursiño de adaptación ao teu “novo” posto de inspector de Traballo. Naquela breve conversa xa me advertías… “no te jubiles, tan pronto lo saben ya no te cogen el teléfono”. Que razón tiñas, daquela estabas agardando o nomeamento de “Defensor del Pueblo” e, claro, ese nomeamento nunca chegou, así que alí estabas a pesar do teu extenso currículo nada falseado, non coma o doutros.

Estes do PP nunca foron agradecidos, e mira que fixeches méritos máis que suficientes para merecelo. Xa sei que o facías polo ben de España, pero eles sempre quixeron a exclusiva e o nomeamento recaeu nunha persoa “máis da casa”, supoño eu.

atrévome a escribir esta carta porque estou a despedirme daquelas persoas que pasaron pola miña vida, aínda que fose de esguello

Ben, atrévome a escribir esta carta porque estou a despedirme daquelas persoas que pasaron pola miña vida, aínda que fose de esguello, deixando pegada na miña xa deteriorada memoria, ademais de permitirme comunicarme en vida xa que coa idade que teño, e o deteriorada que temos a sanidade pública, quen sabe se terei outra oportunidade.

E diríxome a ti coa admiración que mereces. Fíxate que puxen LA CORUÑA no encabezamento, para que vexas. Por certo vaia perrencha que colliches co xardín da entrada á cidade pola avenida de Alfonso Molina, veña a poñer o L e os “subversivos” a quitalo. O único que gañaba era a empresa de xardinaría, vaia choio! Xa podes supoñer que eu tampouco estaba de acordo con esa manía túa. Pero quen sabe se terás que interceder por min ás portas do ceo, porque algún amigo terás por alí dos tempos que estiveches alternando co representante na terra do que controla o fielato do ceo. Favor por favor.

Tamén tiven a oportunidade de conversar contigo diante dos “Nuevos Ministerios” en Madrid. Paseabas co teu amigo, compañeiro de partido (refírome ao PSOE, xa sabes que moita xente tiña dúbida) e quen sabe se un dos teus alumnos máis avantaxados: Abel Caballero. Vaia tipo (con perdón). Foi ministro de Transportes y Comunicaciones e mira ti, Galicia segue agardando polo AVE dende aquela, e non che digo nada do tren Ferrol-A Coruña. Ben, todo deus ten luces e sombras na súa responsabilidade, e mira se el o sabe que as súas sombras soluciónaas enchendo Vigo con todas as luces do mundo.

Pero agradecer agradezo o teu comportamento na Inspección de Traballo. Xa quixeran estes estirados de hoxe estar á túa altura.

Pero agradecer agradezo o teu comportamento na Inspección de Traballo. Non me estraña que tiveses que facer un cursiño de adaptación para poñerte á altura do que hoxe é a Inspección de Traballo. Para peor. Xa quixeran estes estirados de hoxe estar á túa altura. Xa non o recordarás pero eu si. Un bo día na construción da central térmica das Pontes convocamos folga polas pésimas condicións de traballo. O meu xefe moi cabreado chamou as autoridades para que abortasen a folga por ilegal. Alí apareciches co comunicado de apercibimento de que non continuásemos a folga por ilegal e que nos incorporásemos inmediatamente aos postos de traballo. O xefe da obra encantado. Entregaches copia ao delegado da empresa que era eu, e outra ao xefe da empresa, e inmediatamente saíches para “La Coruña” no coche oficial da Inspección de traballo.

O que non sabía o pobre do xefe da obra era que a data de “obrigatoria incorporación ao traballo con abandono da folga” tiña un erro que pactaramos previamente ti e mais eu antes de que chegases á obra. A data correspondía a tres días mais tarde, co que dispoñiamos de tres días de presión para conquerir os nosos obxectivos. En tempos de telefonía do século pasado non era doado resolver aquel “erro” de escritura, así que o sorriso do xefe transformouse en cabreo difícil de resolver.

Lémbrome tamén daquelas chapas que Julio Portela sacudía a destra e sinistra, maiormente aos sindicalistas que cada semana acudiamos ao seu despacho da “Delegación Provincial del Ministerio de Trabajo”. Que tipo aquel, moito teño aprendido daquel home, exemplo de funcionario exemplar. A dicir verdade ti aprendiches menos, con confianza, non fixeches caso ningún e mira que te reprendía, e ti nada…

En fin, querido amigo, depende de quen te recorde así falará de ti. No fondo fuches un incomprendido.

En fin, querido amigo, depende de quen te recorde así falará de ti. No fondo fuches un incomprendido. Cando metiches a escavadora a todas as prazas da cidade, poucos comprenderon que querías poñer o metro. Só tiñan que reconverter os aparcadoiros en estación. Unha vez feitas, só quedaría entrelazalas coas vías. E nada, non o pillaron.

Polo demais, que podo dicir eu. Cando a unha persoa lle conceden por exemplo a “Gran Cruz de la Orden Real del Príncipe Danilo I de Montenegro”, raio, algo bo faría. Non che digo nada se sumamos o nomeamento de “Caballero de la Gran Cruz de la Sagrada Orden Militar Constantiniana de San Jorge”. Case nada.

E ben, querido amigo, xa xubilados os dous, e por se non nos atopamos pola rúa, xa que nos ambientes pechados será mais difícil, recibe unha forte aperta de quen foi e será sempre admirador teu, máis que nada polo verdadeiramente importante que fixeches: a inspección de traballo e o fomento do cómic, do que seguramente terás unha importante colección, do resto, entre nacionalistas, populistas, xentes de mal vivir e quen sabe se tamén compañeiros teus doutra hora, xa se encargarán de reescribir a túa historia como te mereces. Menos mal que aínda temos a Wikipedia.

O dito, de xubilado nin che collen o teléfono. Menos mal.

Unha forte aperta

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here