A Academia Galega, despois de anos de feroz controversia, ven de decidir adicarlle o ano 2020 a homenaxear, difundir e aprofundar na figura de Ricardo Carvalho Calero. Para a institución na que Carvalho ingresara en maio de 1958, e da que tomara distancia nos últimos anos da súa vida, en consecuencia coas súas posicións normativas, é agora a ocasión.
Ábrese un panorama singular de debate con esta escolla, toda vez que a bandeira reintegracionista de Carvalho tivo feroces críticos. Pero un Ano das Letras dá para moito e a figura do profesor ferrolán ten múltiples prismas, desde o seu compromiso republicano e nacionalista, até o seu labor como crítico literario e tamén ha servir para difundir unha obra ensaística e literaria de enorme alento.

Precisamente foi Carvalho a persoa que abriu a sección de entrevistas de A Nosa Terra, no seu número 0, de nadal de 1977. Realizada polo xornalista Antón L. Galocha, nunha etapa na que nin sequera estaba certo o horizonte autonómico, afirmaba “se me tivese que definir politicamente, definiríame como galeguista puro, entendendo que as solucións dos problemas concretos deberían ser os que o povo de Galicia, libremente consultado, libremente decidira”. Anos despois, na conversa con Paco Salinas en 1991, definíase “autodeterminista, por suposto, son nacionalista” e precisaba o empeño da súa vontade: “esperamos contra toda esperanza e esta frase, que ten xa unha ilustre prosapia, pode servir de lema aos galegos: hai que esperar contra toda esperanza. Porque mentres non decidamos suicidarnos como povo temos que confiar na posibilidade de rectificar a historia e a historia, por suposto, ten que ser rectificada”.