A Academia Galega, despois de anos de feroz controversia, ven de decidir adicarlle o ano 2020 a homenaxear, difundir e aprofundar na figura de Ricardo Carvalho Calero. Para a institución na que Carvalho ingresara en maio de 1958, e da que tomara distancia nos últimos anos da súa vida, en consecuencia coas súas posicións  normativas, é agora a  ocasión.

Ábrese un panorama singular de debate con esta escolla, toda vez que a bandeira reintegracionista de Carvalho tivo feroces críticos. Pero un Ano das Letras dá para moito e a figura do profesor ferrolán ten múltiples prismas, desde o seu compromiso republicano e nacionalista, até o seu labor como crítico literario e tamén ha servir para difundir unha obra ensaística e literaria de enorme alento.

A Nosa Terra adicoulle, en 1991, unha das súas publicacións especiais da serie A Nosa Cultura que, de xeito pioneiro na cultura do país, incluiu tamén unha fita de video, con anacos dunha entrevista realizada por Francisco Salinas Portugal, Carvalho Calero, a posibilidade de rectificar a historia.

 

Entrevista con Carvalho Calero no número 0 de A Nosa terra (A Nosa Terra 1977)

Precisamente foi Carvalho a persoa que abriu a sección de entrevistas de A Nosa Terra, no seu número 0, de nadal de 1977. Realizada polo xornalista Antón L. Galocha, nunha etapa na que nin sequera estaba certo o horizonte autonómico, afirmaba “se me tivese que definir politicamente, definiríame como galeguista puro, entendendo que as solucións dos problemas concretos  deberían ser os que o povo de Galicia, libremente consultado, libremente decidira”. Anos despois, na conversa con Paco Salinas en 1991, definíase “autodeterminista, por suposto, son nacionalista” e precisaba o empeño da súa vontade: “esperamos contra toda esperanza e esta frase, que ten xa unha ilustre prosapia, pode servir de lema aos galegos: hai que esperar contra toda esperanza. Porque mentres non decidamos suicidarnos como povo temos que confiar na posibilidade de rectificar a historia e a historia, por suposto, ten que ser rectificada”.

 

1 comentario

  1. Carvalho Calero non tiña nin idea de como se escribía na idade media, e non publicou ningún estudo sobre os textos medievais, só seguía as ideas de autores nacionaliststas portugueses, e por moito que o nacionalismo quera erixir a este señor nunha figura, non ten mérito ningún.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here