Miles de persoas, ano tras ano, acuden á Marcha en defensa da ría e contra a presenza da factoría de ENCE na ría de Pontevedra.

Dicir Celulosa en Galiza, é dicir Lourizán-Pontevedra. Este 16 de xuño, celebrouse unha nova Marcha para pedir o traslado da fábrica. Moitos poden pensar que esas protestas son unha teima dos nacionalistas e dos da Asociación para a Defensa da Ría, pero as protestas veciñas comezaron xa antes da súa instalación, no 1956 e aínda non remataron.

Un rigoroso e documentado traballo do profesor Eduardo Río Boquete, realizado para a Fundación Empresa Pública, debulla polo miúdo o irregular proceso de creación e instalación da Celulosa de Pontevedra.

Os datos que aporta demostran que os xerarcas franquistas do INI (Instituto Nacional de Industria) sabían de certo, e desde o primeiro momento, que o proxecto ía ser moi prexudicial para a ría de Pontevedra e o seu contorno.

Pero a corrupción intrínseca do franquismo teceu os fíos necesarios para que todo fose posíbel e a agresión se consumase.

Mais non foi sen oposición e sen loita.

Factoría de ENCE en Placeres.

Comeza a loita

A mediados de 1956, pescadores e mariscadoras de Lourizán e Marín utilizaron o conduto regulamentario da Comandancia da Mariña para mostrar a súa protesta á instalación da fábrica.

Nun escrito, 280 “cabezas de familia suplicaban” á autoridade que, considerando o perigo para os seus postos de traballo, non se leve a cabo o proxecto.

En xaneiro de 1957, presentaron reclamación contra a actitude de permisividade da Xefatura de Obras Públicas.

A mediados de 1956, pescadores e mariscadoras de Lourizán e Marín  mostraron a súa protesta á instalación da fábrica.

Diversas entidades locais agoiraban danos importantes no sector marisqueiro. Mesmo representantes dos sindicatos verticais na pesca e os empresarios da conserva, manifestaban os seus fondos temores ante un INI indolente e cómplice.

En vista de que os “condutos regulamentarios” non respondían, a veciñanza decidiu ir máis alá. Así, o 30 de decembro de 1958, as mulleres iniciaron unha manifestación até Pontevedra que foi disolta pola Garda Civil.

Rosa Santiago Mora, unha das participantes, denunciou que os gardas efectuaran disparos, o que fixo o desbaraxuste da carga empeorase polo medo.

A comezos de xaneiro, comezaron os traballos de dragado, o que encolerizou aínda máis ás mariscadoras de Santo André. E non era para menos, eses traballos preliminares leváronlles por diante os criadeiros de marisco.

Así que o 19 de xaneiro, os veciños/as boicotearon a colocación dos tubos de dragado, botando ao mar o balizamento das obras.

O domingo 8 de febreiro, á chamada das campás parroquiais, as veciñas eliminaron de novo as balizas, producíndose un novo enfrontamento, non só coa Garda Civil, senón tamén co persoal que traballaba para empresa.

Pero a oposición viciñal non minguou. Producíanse manifestacións acotío, así que o Gobernador Civil e o Comandante da Mariña decidiron suspender os traballos durante 48 horas. Claudicaban?

Non, só foi para dar tempo á chegada ao Porto de Marín do canoneiro Hernán Cortés cunha dotación de 70 infantes de mariña que, na tarde do día 10, cargaron con dureza contra máis de medio milleiro de persoas que se manifestaba pacificamente.

Feriron a numerosas mariscadoras. Outras foron presas. Bastantes multadas.

Os meses que seguiron foron de medo e represión. Así que, catro anos despois, o propio ditador, Francisco Franco, en persoa, inauguraba oficialmente a factoría pasteira.

Vista da Ria de Pontevedra antes da Celulosa

A teima dunha celulosa

A teima de crear unha fábrica de celulosa tiña a súa orixe nas necesidades autárquicas do novo Estado xurdido na vitoria da guerra civil.

O plano de reforestación iniciado pola Deputación de Pontevedra na Ditadura de Primo de Rivera, chamou a atención do Ministerio de Industria.

Rico Boquete recolle como no ano 1947 nace a primeira tentativa baixo o nome de Celulosas de Galicia S.A., contando no primeiro momento co apoio expreso da Deputación de Pontevedra, aínda que esixía en troques a súa instalación nesta provincia.

A oposición decidida de Patrimonio Forestal e da Dirección Xeral de Montes, obrigou a que o Goberno non referendase o proxecto. Os seus argumentos son os mesmos que utilizan agora os que se opoñen á nova reforestación.

Outro intento chegou da man da Papeleira Española, a quen o Consello de Ministros lle outorgou autorización no ano 1951. Pero, ao coñecerse a posíbel instalación no fondo da ría de Vigo, ábrese unha forte oposición, comandada polo xornal  El Pueblo Gallego, do que era director Xosé María Castroviejo.

A instalación atopou tamén coa oposición frontal do Sindicato Provincial de Pesca, que contou cos informes negativos do Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo. Contra da papeleira tamén se manifestaba o gremio de serradoiros.

Ante tal contundente contestación, a empresa renuncia á instalación. En vista dos “medos” da empresa privada, quen retoma as iniciativas é directamente o Estado.

No 1951 créase a Comisión Xestora da Celulosa. Contratan o enxeñeiro finés Kaarlo Amperla e estudan diversas localizacións nos contornos dos ríos Ulla, Umia e Lérez.

Segundo información interna citada por Rico Boquete, os informes desaconsellaban a localización no Ulla “pola súa grande riqueza marisqueira”.

Amperla e os dirixentes do INI visitan Pontevedra en xaneiro de 1956, e, das cinco localizacións propostas nesta ría, escollen a praia de Lourizán para a instalación da pasteira.

No 1951 créase a Comisión Xestora da Celulosa. Contratan o enxeñeiro finés Kaarlo Amperla e estudan diversas localizacións nos contornos dos ríos Ulla, Umia e Lérez.

O presidente do INI, o ferrolán Antonio Suances, dá orde de emprender, de inmediato, os traballos de construción da factoría.

Naquela empresa estaban presentes algúns dos máis sonoros apelidos do franquismo: Elola Olaso, Lora Tamayo, García Escudero ou Dionisio Martín Sanz.

En Placeres, fariase o recheo no que se instalaría a factoría.

Sabían do enorme dano

Pero sabían ou non sabían do dano que podía causar? O profesor Rico teno claro: sabíano, vaia se o sabían, pero, para eles, a ría na que desembocaba o Lérez, tiña escaso interese tanto no eido piscícola como marisqueiro.

Non eran do mesmo parecer que os xerarcas do INI e a plana maior franquista, outros organismo do Estado. Así, o mesmiño Tribunal de Contas do Reino chegou a ditaminar que a Empresa Nacional de Celulosas non cumpría as súas finalidades, criticando o seu emprazamento preto dunha poboación frecuentada polo turismo e, a maiores, as consecuencias na ría do vertido duns residuos que tamén traerían prexuízos as industrias da zona, entre elas a conserveira.

Aínda así, a fábrica foi adiante.

Co comezo do funcionamento do complexo non remataron as protestas aínda que, co dano xa feito na ría, colleron outro camiño. O camiño das pintadas e das letras dos maios.

Pero a empresa foi facéndose cada vez máis poderosa e, fronte os seus detractores, comezaron tamén as manifestación a seu favor, como a que realizaron os alumnos do Instituto de Pontevedra no 1966, que saíron a rúa cunha pancarta que dicía: “queremos papel”.

A empresa deseñou unha política de subvencións de actividades sociais e patrocinios, que se foi facendo, pouco a pouco coa vontade dunha parte da cidadanía. O Pontevedra do “hai que roelo” non se entende sen Celulosas.

O Pontevedra do “hai que roelo” non se entende sen Celulosas.

Nesta política de imaxe, foron esenciais unha parte dos medios de comunicación de Galiza, que non só se nutrían de abondosa publicidade, senón que permitían que algúns dos seus xornalistas máis senlleiros estiveran directamente a soldo da pasteira, e, se facía falta, atacaban directamente aos seus escasos colegas que ousaban defender o contrario.

Pero non só xornalistas, senón tamén profesores universitarios, que realizaban informes ben pagados pola empresa. Algún pasou do PCE a ser ecoloxista e, sen transición, a deputado do PP… Sen deixar de defender o mesmo: a Celulosas.

E despois de Celulosas, chegou á Praia de Lourizán a Electroquímica del Noroeste S.A., con licencia irregular concedida polo alcalde Augusto García Sánchez.

O perigo de Elnosa

O método para fabricar pasta de papel realizábase consumindo grande cantidade de cloro, un gas licuado, moi perigoso en contacto coa atmosfera, e con residuos na súa produción altamente contaminantes, sobre todo mercurio, que ían parar a ría e se consumen logo a través dos mariscos e peixes.

Así que agora o perigo máis grande xa era a factoría de Electroquímica del Noroeste S.A. (Elnosa). Cinco grandes tanques con 500 toneladas de cloro estaban almacenados xunto ás instalacións da pasteira, paro o seu uso, e a fábrica seguía producindo o cloro necesario.

Os informes científicos afirmaban que era un perigo alarmante e remitíanse ao ocorrido na India. En 1984 un silandeiro escape de isocianato de metilo na rexión de Bhopal, matou  directamente a preto de 8.000 persoas e, logo morreron outras 12.000.

Un escape de cloro en Elnosa podería varrer a metade da poboación de Pontevedra, pero tamén a de Marín e aínda chegar a parte do Morrazo e tamén á outra banda da ría.

Por se fose pouco, os camións de cloro atravesaban todos os días polo medio da cidade de Pontevedra e seguían cara Compostela pola estrada. Calquera accidente tería consecuencias incalculábeis.

Pero as autoridades oficiais afirmaban nas súas declaracións, unha e outra vez, que non existía perigo, que todo estaba controlado. Cando a realidade era que esas mesmas autoridades non tiñan nin o máis mínimo control e calquera pequeno escape podía ser mortal.

E o que podía pasar, pasou. Non sabemos se xa tiña pasado antes, dicían que si, pero non houbo quen o contara.

Pero en xullo de 1978 xa estaba nos quioscos o número 25 da nova etapa de A Nosa Terra que titulaba en portada e a toda páxina: Elnosa xa matou.

Si, morreran o traballador Francisco Linares, de Placeres e Modesto Rodríguez, de Campolongo, polo escape de cloro dun bidón.

E as autoridades seguían a negalo e a afirmar que fora un accidente, que pasar, pasar, non pasara nada, nin podía pasar.

A concentración de mercurio na ría superaba en moito ao tolerado legalmente. E o mercurio pode entrar no organismo a través dos vapores.

Os cadros de enfermidades en Pontevedra daban uns datos alarmantes. As autoridades negábanos. E os organismos oficiais, como os laboratorios da universidade de Compostela seguían realizando traballos para esta empresa, como denunciaba A Nosa Terra no ano 2011.

Porque, desde a recuperación de A Nosa Terra, en xaneiro de 1977, o semanario converteuse no azoute de Celulosas, sacando á luz o que todos calaban. A perseveranza e os contactos do seu presidente, José Luís Fontenla, e os traballos de ADEGA, que tamén presidira o avogado pontevedrés, levaron a unha seria de reportaxes e denuncias constantes no semanario, que permitiron ir concienciando a unha parte da poboación do perigo de Elnosa e do dano de Celulosas.

No número 13 do semanario, realizábamos unha grande reportaxe sobre os efectos da contaminación de Celulosas na ría. No número 15 volvíamos a carga. No 25 dábamos a exclusiva das dúas mortes por cloro.

Celulosas seguía afirmando periodicamente, con grandes campañas publicitarias, que xa non cheiraba, que xa deixaba de contaminar, por mor das novas obras e de novos procesos. E desde A Nosa Terra teimabamos en desmentilos, nunha guerra desigual, na que nos atopábamos sós entre os medios de comunicación.

Finalmente tiveron que desbotar a fabricación de pasta con cloro e, en novembro do ano 2002, puidemos dar a grande nova: Celulosas de Pontevedra condenada por delito ecolóxico.

O “grande xuízo por delicto ecolóxico de Galiza”, ao que asistiran os xornalistas de ANT, X. Enrique Acuña e Horacio Vixande, só durou media hora. Pero os defensores do medioambiente saíron vitoriosos ao lograr unha condena sen precedentes: seis directivos son sentenciados a cinco meses de arresto maior e a pagar seiscentos mil euros de multa.

As empresas non delinquen, por iso Celulosas non foi condenada. E librouse tamén do desgaste de, polo menos, tres meses de audiencia pública ao aceptar  condena.  A defensa xustificou a aceptación da condena “por razóns de orde práctica, pero os directivos, que quede claro, non son delincuentes”.

Pero quedaba por vez primeira probado que Celulosas contaminaba a ría, por máis campañas propagandísticas que realizara afirmando o contrario. Concretamente,  a condena produciuse  “por contaminación atmosférica e vertidos contaminantes entre 1984 e 1997”.

Para a acusación particular, a Asociación pola Defensa da Ría, o feito de sentar por vez primeira a nove directivos no banco dos acusados constituía xa un importante triunfo.

O presidente desta organización, Antón Masa, declaraba que “a posibilidade de que, finalmente, puidesen ser absoltos, fixo que aceptásemos o acordo, aínda que preferíamos sometelos a un xuízo durante varios meses”.

O avogado, Vicente G. Legísima, lembrou que “a defensa está apoiada polo capital””.

Antón Masa pedía responsabilidades políticas a todas as autoridades que ignoraron as repetidas denuncias por contaminación. Dáse a circunstancia que, cando se dicta sentenza era Conselleiro do Medio Ambiente Carlos del Álamo, agora Conselleiro-Coordinador de ENCE.

Antón Masa tamén lembrou que “incluso aqueles colectivos sindicais e deportivos que negaban a contaminación ou recibían axudas de Celulosas, terán que render contas ante a sociedade”.

Os opositores a Celulosas, que eran fundamentalmente os nacionalistas, pensaban que  logo desta sentenza, e estando xa en democracia, as autoridades non se atreverían a prorrogarlle a concesión á empresa cando caducara.

Celulosas nunca pensou o mesmo e, tendo posibilidades e axudas para trasladar a factoría, sempre se negaron.

E nisto que chegou Mariano Raxoi. No ano 2013 reforma a Lei de Costas de tal xeito que lle poden prorrogar legalmente o permiso a ENCE se obteñen un informe ambiental favorábel da Xunta.

Núñez Feixóo, que proclamaba urbi et orbe que o desmantelamento de Ence era irreversíbel, deulle a súa beizón nun informe da Xunta no que se limitaba a certificar que as instalacións cumprían o que xa cumprían.

Para rematar a xogada, Mariano Raxoi, estando en funcións como presidente, amplíalle por 60 anos o prazo da concesión a ENCE.

Desde esas, o PP fai casus belli na defensa da peideira, como se coñece a fábrica na comarca.

O Concello de Pontevedra, a Asociación da Defensa da Ría e Greenpeace presentan recursos contra o que consideran unha ampliación arbitraría. A Avogacía do Estado cambia de criterio e admite estes recursos, polo que a Audiencia Nacional segue adiante co proceso.

Quedan entre catro a seis anos de incerteza, namentres non haxa sentenza.

Quedan entre catro a seis anos de incerteza, namentres non haxa sentenza. Pero a empresa non queda parada. Comeza a máis importante campaña de propaganda e presión social que se lle coñecera nunca. Conta con todo o apoio do PP, que pon a andar todos os seus resortes, desde medios de comunicación, a diversas asociacións gremiais, desde empresarios a mariñeiros, mariscadores e colectivos deportivos ou culturais.

Como brazo de presión na rúa, os traballadores, con pintadas, insultos e ameazas contra os cargos do BNG. Loxicamente defenden o seu posto de traballo, pero dáse a casualidade de que a súa postura é sempre a da empresa, cando podían premer para que se realizase o seu traslado e asegurar a súa continuidade sen data de caducidade.

Outro día falaremos do que a instalación supón para o agro galego e a súa relación co negocio dos incendios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here