En 1975, aínda co ditador Francisco Franco no poder, Mikel Lejarza, El Lobo estableceu contactos coa UPG, e pasoulle datos ao Comisario Linares, antes de infiltrarse en ETA. Así o recolle no seu libro de memorias, escritas co xornalista Fernando Navarro, Yo Confieso (Roca, 2019).

O  famoso infiltrado en ETA, Mikel Lejarza, El Lobo, fachendea no seu libro Yo Confieso que na Operación Lobo “collemos a 325 membros de ETA, dos cales 178 quedaron encadeados (…) Nesta mesma operación desmantelouse a UPG galega e detívose aos afíns a ETA nos grupos independentistas cataláns”.

Sorprende que no libro de memorias non lle dea máis importancia á Operación Lobo en Galiza, e non fale sequera das detencións dos etarras e, xa non digamos, da morte de Moncho Reboiras.

Acaso porque a súa afirmación de que “desmantelou a UPG” non se corresponde coa realidade, pois malia as detencións realizadas, o que foi a estrutura política da UPG seguiu case intacta, como moi ben sabía, pois conservaba algúns dos seus contactos en Galiza, segundo lle contou ao seu amigo o xornalista de Interviú Xavier Vinader.  Tamén afirma no libro que cando un “se infiltra nunha organización e ten que liscar, sempre hai que deixar contactos dentro”.

Lejarza di reservarse nestas memorias os nomes daquelas persoas que están vivas ou en activo para “non prexudicalas”. Deses contactos de militantes da UPG con El Lobo, só puidemos saber que un deles fora militante nacionalista en Euskadi.

Lejarza di reservarse nestas memorias os nomes daquelas persoas que están vivas ou en activo para “non prexudicalas”.

Conta tamén Mikel Lejarza que cando traballaba en Madrid para Alicio Romero, unha tarde que estaban na oficina este empresario díxolle: “imos recoller a un galego que ven a Madrid, é un tío importante no mundo da arte e móvese moi ben. “Atopámonos,  co marchante nun hotel que estaba na Gran Vía, montou no coche e comezou a falar -segue a contar Lejarza. Isto lémbrame o ano 75, eu era o xefe da UPG galega, nos meus tempos revolucionarios, e, me cago en la leche, o servizo secreto español tiña infiltrado a un axente ao que chamaban El Lobo e fodeunos a todos. El estaba no tema de ETA, pero como tíñamos conexión, pois fodeunos a todos”. 

Segue contando El Lobo: “Non saía da miña sorpresa, sentado ao seu carón, pensei: que non se decate este cabrón de quen son eu”.

Estamos a falar de finais dos anos oitenta e existen algúns datos que non casan. O primeiro que ningún “xefe da UPG” no 1975 foi un importante marchante de arte. Existiu algún ex dirixente que, por aqueles anos oitenta, si traballaba na compra-venda de arte, pero non era “importante” na organización cando Lejarza operaba en Galiza, nin tampouco como marchante de arte cando se atopou con el en Madrid.

Recoñecería esa persoa a El Lobo e por iso lle sacou a colación o da UPG?  Que foron facer entre os tres, pois Alicio Romero era unha tapadeira para os axentes secretos? Cal foi a operación? Pertencía este ex militante nacionalista tamén aos servizos secretos españois…? Que senso ten esa conversa entre dous descoñecidos?

Lejarza relata esa “casualidade” pero non achega máis información.

A infiltración na UPG

El Lobo conta así a súa infiltración na UPG: “Juan Ignacio Iturbe tiña outro amigo que manexaba máis lazos, mellores relacións dentro de ETA , así que me tocou facerme  seu amigo. Era Javier Zarrabeitía, ao que chamaban Fanfa, porque era un fanfarrón . Un día saíu nas nosas conversas que era íntimo amigo de non sei quen da UPG-Unión do Pobo Galego. Con paciencia funo levando ao meu terreo. Pegámonos varias viaxes a Galiza para intimar e que Fanfa confiara en min. Membro da rama político-militar, confirmei que a través del podía achegarme máis aos etarras con influencia que estaba a procurar”.

Mikel Lejarza está a falar do ano 1974, cando está a preparar a súa infiltración en ETA. Tamén tiña que facerse valer ante a policía que o reclutou, así que, sen ter aínda datos de ETA que aportar, comezoulle a pasar información sobre a UPG  ao policía galego José Antonio Linares, seu compañeiro de estudos, que foi quen o convenceu para infiltrarse.

No libro de Memorias, Lejarza recolle a imaxe que circulou na prensa clandestina de diferentes organizacións pollíticas cando se destapou a súa condición de infiltrado policial.

Os da UPG non as tiñan todas consigo e algo ventaban. Despois de apropiarse nas oficinas do Documento Nacional de Identidade de Lugo de centos de cartóns para falsificar documentos de identidade, o comando da UPG ten unha reunión na que decide empregar medidas extraordinarias de seguridade, que incluían tamén os asesores vascos de ETA-pm que traballan con eles, principalmente a Villanueva e Goitía. Pero estes mostráronse renartes a aceptalas.

Eses membros de ETA desprazados a Galiza, fachendeaban de valentes e presumían de non ter medo. Rexoubaban cos galegos de que eles xa estaban afeitos e que se os pobres dos “upegallos” se atopasen en Euskadi, non abandonarían sequera os agochos no monte ou nos pisos francos. 

Xavier A., que era o terceiro membro do grupo de asesores bascos da UPG, afirma en conversas que mantivemos con el, que “algúns dos que viñeron a Galiza tomárono coma se lles desen unhas vacacións. Entre eles o Fanfa”.

Xavier A. xustifícao dicindo que se relaxaran moito nos seus costumes, xa que as medidas de seguridade e a represión por aqueles días en Galiza non se podían comparar coas de Euskadi.

De todos estes asesores vascos, o que máis se saltaba as normas cando aparecía por Galiza era Mikel Lejarza, El Lobo. Avalentaba cos militantes nacionalistas, chamándolles cunicas e deixaba ver, de boas a primeiras, a súa arma.

O que máis incomodaba a Moncho Reboiras, líder do comando da UPG, e asasinado pola policía no Ferrol durante a Operación El Lobo (12 de agosto de 1975), era que Lejarza saltase as normas clandestinas e quixese contactar, pola súa conta, con militantes da UPG, fosen ou non do comando, valéndose dos contactos que lle proporcionara o seu amigo e militante de ETA, Fanfa, antes de El Lobo conseguir infiltrarse en ETA. 

Mais no verán de 1975, cando Mikel Lejarza volve a Galiza, xa non era un militante calquera de ETA, senón que pertencía ao seu Comité Executivo como responsábel das infraestruturas no Estado español.

Lejarza sostén nas súas memorias que a súa misión era a de analizar o movemento nacionalista galego no seu conxunto para ver a capacidade operativa que posuía e, logo, calibrar a contundencia que se lles podía dar ás accións armadas.

Lejarza sostén que a súa misión era a de analizar o movemento nacionalista galego no seu conxunto para ver a capacidade operativa que posuía

Era unha proposta expresamente desautorizada pola dirección da UPG, que lle deixara claro que só eles dirixían a organización e o comando armado. Que era a dirección e o comando os que fixaban os obxectivos e os tempos e non ETA.

Ante esta situación, a dirección do comando da UPG, decidira establecer medidas de seguridade e normas que nin coñecerían os asesores vascos, e menos ca ninguén Lejarza, pois a UPG opoñíase as pretensións de ETA-pm, representada por Lejarza, de establecer unha base estábel en Galiza, e a súa teima de converter a nosa nación tamén na súa zona de guerra. 

No Pacto de Madrid, asinado entre a UPG e ETA-PM no 1974, non se contemplaba a posibilidade de que ETA operase en Galiza pola súa conta. Só acordaran que a organización vasca lles enviaría dous membros cualificados para explicarlles  aos militantes nacionalistas galegos o manexo das armas e explosivos. Pero, contrariamente co que pasou con Terra Lliure, a UPG sempre reclamou total soberanía.

Nun dos informes de Mikel Lejarza El Lobo, para a dirección de ETA, segundo Xavier A. afirmaba que “os da UPG móstranse desconfiados, nada abertos e pouco dispostos a colaborar coa estratexia vasca”.

A negativa da UPG a “colaborar” levou a unha forte discusión entre Moncho Reboiras e Lejarza no bar Riotorto de Lugo. Pero Lejarza xa contaba na UPG, desde aqueles viaxes con Fanfa, con coñecidos que, no ano 1975, xa lle reportaban a súas informacións sobre o nacionalismo galego. Informacións que lle facía chegar ao servizos secretos cos que traballaba.

Kinito, o confidente de Amedo

O expolicia José Amedo,condeado no xuizo sobre os GAL

Conta Mikel Lejarza unha operación en Irún que resultou un fracaso. Daquelas El Lobo estaba a infiltrar en ETA a unha tal Laura. “Kinito [Joseba Urquijo] estaba celoso dela, porque el non tiña aceso a Pakito [Francisco Garmendia], o dirixente etarra, (…) que ela o estaba gañando con moito menos esforzo ca el (Kinito). Ademais, nós pensábamos que Kinito era un etarra máis, pero descoñecíamos que era confidente do subcomisario da policía Xosé Amedo, ao que informou do que estaba montando Laura. (…) O 1 de xullo de 1987 non chegou ninguén co diñeiro (no tren de Hendaya), pero si apareceron os xendarmes franceses, que se botaron encima dela (Laura) e a levaron detida. Mentres tanto, Kinito (que estaba guichando desde un recanto) largouse a toda velocidade, porque xa o advertiran que desaparecese no momento no que a detiveran (a Laura)”.

Cando en 1986 se constituíu o PCLN (escisión da UPG) como partido dentro do BNG, un dos seus interlocutores, ademais de Alex Gorrigoitía, que levaba as relacións internacionais de Herri Batasuna, era Joseba Urquijo Borde, Kinito.

Urquijo, contrariamente a outras xentes da dirección de HB, sempre animou non só a ruptura do BNG, tamén á fundación do Exército Guerrilleiro do Povo Galego Ceive (EGPGC).

Daquela, Urquijo era o representante de HB na maioría dos actos do nacionalismo galego: ven o Día da Patria Galega ou acude a distintos congresos.

No congreso de fundación do PCLN, pronunciou un discurso onde non só os convidou a rachar dunha vez co BNG, senón que afirmou que “vós sodes o verdadeiro BNG”. Discurso que negaría logo ante a Mesa Nacional de HB, cando estes o leron nunha crónica que enviei ao diario Egin e que foi censurada polo redactor xefe e membro da permanente de HB, Josu Muguruza. 

Non pasaría nin medio ano deste discurso de Kinito en Compostela, cando descubriron en HB que era un confidente policial, algo que recoñeceu ante os seus propios compañeiros e liscou.

Así que, Amedo, o policía condenado no xuízo aos GAL, segundo manifestacións que lle realizou a un amigo común, tiña tamén información de todos os pasos que estaba a dar daquela o nacionalismo galego, sobre todo dos militantes que abandonaran á UPG eque actuaron coma se non pasase nada. Pero pasaba, o comisario Xosé Francisco, que se encargaba do seguimento do EGPGC, contaba desde o comezo con toda a “información necesaria”, segundo as súas propias palabras, sobre os militantes desta organización.

Mikel Lejarza aínda segue a traballar para o CNI e o libro, moitas veces, semella un axuste de contas entre sectores que se moven dentro do servizos secretos españois.

Non sabemos tampouco até que punto el pode ser máis fanfarrón que o Fanfa, o seu introdutor en Galiza. 

 

A clandestinidade nos tempos de Reboiras

Xosé Ramón Reboiras

O desmantelamento do que se denominou no 1975 fronte armada da UPG, cando non era máis que unha célula dirixida por Moncho Reboiras, fíxolle comprender ao sector maioritario da dirección da Unión do Povo Galego que a violencia lastraba o seu proxecto político.

Desde este partido afirman que foron “causas obxectivas” o que os levou a decisión de montar ese grupo. Cada un podía ter dentro da dirección a súa idea do que debía ser esa célula. Hoxe tamén, cada quen é moi seu de rodeala da épica ou da súa visión persoal do que puido ser e non foi. Do que puido ser e non deu sido. Pero só existe unha realidade. Estábamos nos estertores do franquismo, que levou a un recrudecemento da represión, como demostraron os fusilamentos sumarísimos de 27 de setembro de 1975 sen importarlle ao ditador o clamor mundial de protesta.

“Nós tiñamos máis dunha ducia de militantes que se viran na obriga de pasar á clandestinidade, entre eles Moncho Reboiras. E a loita política na clandestinidade era moi problemática. Non podíamos sostelos e, algúns pasaban fame da de verdade. Por outra parte, non posuíamos nin multicopistas, nin ningún material de propaganda. Mesmo conseguir folios ou tinta era moi arriscado. Así que esta célula clandestina sería a encargada do “aprovisionamento”. Necesitábamos cartos e necesitábamos de todo. Pisos francos, primeiramente para ter os aparellos de propaganda e poder dar acubillo aos clandestinos. A precariedade era tal que un dos primeiros aparellos de propaganda tivemos que instalalo no convento dos Pasionistas de Melide, aínda que todo o mundo fale do de Cangas”.

Eses medios eran básicos para o movemento nacionalista, os sindicatos, as organizacións cidadáns e a fronte cultural, puidesen ancorarse nunha poboación galega que estaba espertando outra vez á política. A decisión de crear a AN-PG (Asaemblea Nacional-Popular Galega) desmente as teorías dos que manteñen que a dirección da UPG apostaba pola loita armada como un método político de intervención.

(Afonso Eiré en Infiltrados, Os servicios secretos, a UPG e outras historias do nacionalismo. Biblos. 2013).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here