Pintada no Centro Comercial Gran Via (Vigo)

Falo con Roberto que ten 17 anos mentres pasea o can. Nunca tivo ningún incidente e estuda cuarto da ESO nun colexio concertado de certo prestixio, aínda que vive nun barrio obreiro de Vigo.

A madurez e a fluidez coa que se expresa fai que, por momentos, esqueza a súa idade.

Imaxe desfigurada dun dos entrevistados na reportaxe.

– Mira os Betas somos moitos, eu non teño problemas porque son “blanquito” e, aínda que os meus pais están separados, ocúpanse e preocúpanse os dous de min. Aínda así, eu non me adapto nesta cultura, cústame moitísimo. Síntome máis cómodo nos Betas, entenden mellor os meus gustos, as miñas costumes, e iso que a miña familia é de Paraguai e eu nacín en USA e viñen desde alí. Entrei en contacto con eles porque me sentía só e había un grupo que se metía comigo. Un día pasaban eles e de seguida lles contestaron. Grazas aos Betas libreime daqueles abusóns que levaban meses amargándome a vida. Os Betas saímos da afección ao fútbol e á música. Casualmente non lembro a ninguén de aquí.

Pensa un pouco e engade.

– Creo que isto ven do colexio. Eu como son branco e teño pasaporte de USA non teño problema, pero eles, polo que vexo, coñecéronse todos na primaria, mandáronnos a todos ao mesmo colexio.

Non sabe dicirme cal. Hai varios colexios en Vigo onde se concentran os estranxeiros. Ao de Sárdoma arribaron en 2008 e chegaron a ser case o 50% nalgunhas clases. No do Picacho sucedeu outro tanto. Isto dificultou que se incorporasen a grupos de rapaces de aquí e foron formando un gueto.

Nos Betas, como  en todos os grupos, pode haber algún membro que teña problemas coa xustiza. Algúns con vinte anos xa son alcohólicos. Case sempre se trata de rapaces que non tiveron pais que os encamiñasen, aterraron en colexios sen medios, como o do Picacho, desbordados e desmotivados.

Nestes días os xornais de Vigo dan conta da realización de varias redadas e do desmantelamento dunha perigosa banda. Chegaron a atribuírlle ao seu “lugartenente” máis de cen furtos e atracos. 

Polo de agora, hai decretada prisión provisional para dous supostos membros. Unha moza ingresou no hospital despois de guindarse por unha fiestra. É a irmá dun dos detidos e noiva do outro.

Coas últimas modificacións do Código Penal poden ser acusados de formar unha Organización criminal grupos de só tres persoas.

Segundo a policía e a Garda Civil, trátase dunha organización cuxos membros, algúns menores de idade, “imitan no seu comportamento, xestos, vestimenta, grafitis ou tatuaxes das bandas violentas latinas”. A Garda Civil atribúelles un centenar de roubos con intimidación, furtos, tiróns, ameazas ou lesións cometidos en Vigo, Cangas e Baiona.

A acusación, como se ve, mestura modas adolescentes con delitos, propiciando así a creación dunha atmosfera moi do gusto dos medios de comunicación, o que de paso permite que as actuacións policiais e da fiscalía brillen máis.

O nome dun peixe que a maioría dos propios protagonistas descoñece

O betta é un peixe que vive solitario en augas pouco profundas e doces dos arrozais. É fermoso e agresivo e adoita acabar pechado e exhibido nos acuarios. O Grupo dos Betas fai alusión a este peixe, de feito a policía busca tatuaxes de peixes. O cal non dá moito resultado porque os máis novos nin coñecen o peixe nin a orixe do nome, aínda que o utilizan para denominar un grupo de whatsapp.

En 2014, en plena crise, os fillos de latinos, preadolescentes, maiormente de familias desestruturadas, ou demasiado ocupadas para atendelos, quedaron sen perspectivas de futuro. Até o 2008, e ao rematar a ESO, entraban habitualmente no mercado laboral: construción, hostelaría…

En 2014, en plena crise, os fillos de latinos, preadolescentes, maiormente de familias desestruturadas, ou demasiado ocupadas para atendelos, quedaron sen perspectivas de futuro.

Coa crise, deixaron de ter acceso á tecnoloxía que sempre hipnotizou a certas culturas latinas moi invadidas polo consumismo norteamericano. Esta xornalista lembra un aniversario en 2007, nunha casa dun meniño colombiano. Tiñan un TV de 60 polgadas, unha playstation último modelo, unha wii, altavoces Home Cinema… Todo o cal contrastaba coa presenza dun único sofá, unha mesa case sen cadeiras, dormitorios sen mesiñas de noite e, como único mobiliario, as caixas dos electrodomésticos. Algunha das camas estaba formada só por un colchón no chan.

A partir de 2014, estes rapaces non só deixaron de ter acceso á tecnoloxía, senón que quedaron sen expectativas de futuro. Viron como a crise levara á xente nacida aquí e de pel branca a aceptar os postos que eles viñan desempeñando, mentres eles quedaban na rúa, vivindo das axudas sociais, de Cáritas e das súas propias congregacións evanxélicas.

Unha magrebí xogando ao fútbol

Fatua non é latina senón magrebí. Comezou cunhas notas excelentes en primeiro da ESO. En 2014, ao chegar a segundo, non aceptou a distancia que a separaba das súas aspiracións consumistas. A pesar de ser musulmá, e de proceder dun mundo moi austero, de seguida comezou a devecer polos obxectos que tiña ao seu redor, tan preto e tan lonxe de poder adquirir. Comezou a xogar ao fútbol feminino, un acto de rebeldía para unha mociña musulmá. Alí coñeceu a varias adolescentes coma ela, de 14 a 17 anos, que tamén xogaban no equipo. Elas introducírona no grupo dos Betas que se xuntaban no centro Comercial Gran Vía.

Fatua estaba moi orgullosa, aos seus quince anos, de pertencer a ese grupo e dicía con toda inxenuidade, que por fin atopara o seu lugar, despois de vir de Marrocos, de aprender rapidamente as dúas linguas e de ser unha das mellores alumnas de 1º da ESO.

Nesta época, os Betas considerábanse a si mesmos un grupo de rapaces e rapazas, casualmente todos estranxeiros, que xogaban ao fútbol e bailaban música latina. Tamén bebían, case todos eran menores de idade e algunha vez metíanse en pelexas.

Desta época data o xuízo a un menor que tivo lugar hai poucos días, polo roubo dun teléfono móbil de gama baixa e coa pantalla rota.

Os Betas protagonizaron algunhas liortas pero no 2009 deixaron de reunirse. Só uns poucos quedaron en contacto a través dun grupo de whatsapp.

Despois de ter acceso a este grupo, chamamos e quedamos cun dos seus membros. Está traballando neste momento, ten responsabilidades familiares e non pode atendernos. Coméntame que el só ía con eles cando estaba só. Agora hai moito que non sabe dos demais, só os sigue por instagram. É un rapaz maior de idade pero con pouca escola. Ten dificultades para comprender a sociedade e as peculiaridades penais do sistema no que vive. É cumpridor no traballo, pero cando escasea frecuenta os seus amigos. Para el, é a forma de ocio máis barata.

Pintada alusiva ao Bloque 30

O famoso Bloque 30

Volvemos con Roberto o rapaz uruguaio, de 17 anos, do que falamos ao principio. Pregúntolle polo Bloque 30, moi citado nas notas de prensa da policía.

– Espera aquí –dime– que baixo a cadela e imos pasear.

O que chaman o Bloque 30 son unhas escaleiras na R/Navarra, unha rúa que merecería un capítulo propio na urbanización de Vigo, ao ter sido dolosamente cortada no trazado pola construción dunha torre, a fins dos setenta, cando certos funcionarios municipais viron medrar de golpe o seu patrimonio.

O Bloque 30 tamén é unha emisora de radio rapeira, pero Roberto non o sabe. Aquí xuntase algunha xente a beber e a escoitar musica. “A min gústame vir” pero hai algunhas persoas que están sobrepasadas de alcohol.

Xogamos coa súa cadela e cada vez me sorprende máis a súa madurez.

Despois son eu quen falo:

Non moi lonxe de aquí, tamén nunhas escaleiras, nas da igrexa de Fátima, había, a meados dos oitenta, un grupo de rapaces da vosa idade que non tiñan traballo, nin estudaban, algúns era ionquis, de feito algún faleceu de SIDA. Daquelas non os consideraban unha banda senón unha pandilla. En realidade só eran os rapaces do barrio que non tiñan outro lugar no que atoparse e nin sequera se levaban ben entre eles. Algúns remataron no cárcere, outros en cambio atoparon traballo. O que os diferenza é que os de agora sodes estranxeiros.

Pregúntolle a Roberto a que lle gustaría dedicarse.

– A un traballo no que puidese axudar, como avogado ou asistente social.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here