Seguramente poucos tiveron o privilexio, como tiven eu, de compartir aqueles anos que prometían grandes transformacións no terreo social e laboral, en definitiva da recuperación das liberdades democráticas, con aqueles outros que pretendían protagonizar aquela transformación.

Eu, que só coñecía os líderes obreiros da Bazán e pouco máis e correndo aínda tempos de clandestinidade e escuridade, atoparse no camiño con Luís Burgos foi para min un descubrimento, que co paso do tempo transformouse en amizade e recoñecemento pola súa capacidade e acerto nisto do sindicalismo. Aquel sindicalismo.

Cando o encargado da empresa onde traballaba na construción da Central Térmica de Sabón, no polígono de Arteixo na Coruña, me asigna un «axudante» que xa reclamara en varias ocasións, non podía imaxinar que mellor sería que non o fixera. En seguida aquel inexperto aprendiz púxome as cousas claras. Viña de Barcelona a organizar o Partido dos Traballadores, ou algo así, polo tanto a maior parte do tempo non me podería axudar, deixando que eu escollera se denuncialo ou axudalo a trampear as súas ausencias. Como ía eu a denuncialo,  recén saído da cadea da Coruña!! 

Certo é que fun compensado adecuadamente co ofrecemento da súa casa no Barrio das Flores para que non tivera que desprazarme a Ferrol nin costear unha pensión. Menos mal que non intentou «adoutrinarme». Abondaba con ter que traballar polos dous na etapa final de poñer en marcha aquela central, hoxe xa desmantelada.

Vaia vida levaba de esforzo e de traballo político (no profesional xa o facía eu). Ademais de escaquearse polo día chegaba a casa ás tantas da noite e áas seis da mañá a presenza na central era obrigatoria. As poucas horas de noite pasábaas somerxido na bañeira porque seica cada hora en auga quente “homologaba” o dobre en horas de sono. Unha parvada. Creo que do mesmo nivel que a súa posición política. Xulgada sen demasiado criterio xa o sei, pero é que a miña educación bazaneira non me permitía concibir algunha outra posibilidade que non fose a que escoitaba daquela nas “Comisiones Obreras”.

Ah! que tempos aqueles de non entender adecuadamente as posibilidades reais daquela suposta transición democrática. E aí estaba Luís Burgos co manual marxista debaixo do brazo para a necesaria e poucas veces comprendida,  “análise da realidade concreta”.

Co fin da Ditadura e o meu retorno a Bazan, perdín de vista a Luís Burgos con quen coincidira tamén nas folgas da Térmica de As Pontes onde o seu correlixionario José Luis Muruzábal marcaba un novo camiño a percorrer, cuestionando o modelo sindical que xa daquela pretendian apuntalar as Comisiones Obreras convertidas xa en Sindicato organizado.

Luis Burgos, segundo pola dereita.

Daquelas loitas de Bazan de 1972, da térmica de As Pontes en 1975, do Gremio da Construción e un longo etc. sairía un modelo sindical fraccionado pero democrático e combativo. Na Bazan seguindo as leccións do 72 conquerimos poñer as bases do sindicalismo nacionalista e aquel revolucionario comprometido que durmía somerxido na bañeira, con Muruzabal e outros organizábanse no sindicato CTG, que nos anos 80 lograban fusionarse coa ING non sen tremenda confrontación. Afortunadamente nacía a INTG que aínda pasaría por outra quebra no camiño pero con reparación posterior que deu paso á exitosa Organización Sindical Nacionalista que hoxe é a CIG.

Lástima que cadros sindicais con esa completa formación técnica, sindical e política queden poucos.

Coincidimos unha vez máis na Executiva Confederal da CIG a partires do Congreso con Fernando Acuña de Secretario Xeral e nese tempo puiden comprobar a diferencia de criterio á hora de afrontar os problemas que a Executiva tiña que tratar. A formación dos delegados e as delegadas. A importancia da Negociación Colectiva. A Prevención de Riscos Laborais integrada na Negociación Colectiva. En definitiva segundo Luís Burgos estes eran tempos de propostas e alternativas, presenza nas mesas de negociación e nas distintas responsabilidades que na propia administración se tiñan que desenvolver. Presentar propostas e defendelas como base do que tiña que ser a mobilización como defensa daquelas mesmas propostas.

Dende as miñas responsabilidades na Executiva Confederal, primeiro na de Negociación Colectiva e despois na de Prevención de Riscos laborais, sempre tiven neste cadro sindical extraordinario a axuda e colaboración precisa. Con formación en Dereito ademais da súa experiencia nos movementos populares, fixeron de Luís Burgos un Sindicalista ao que todos tiñamos que preguntar. Sei sobradamente que tamén dende os responsables das formación políticas nacionalistas Luís Burgos foi chamado en mais dunha ocasión para que asesorara en moitas materias, á hora de configurar alternativas ao poder. Así era Luís Burgos, lástima que cadros sindicais con esa completa formación técnica, sindical e política xa poucos quedan, se queda algún,  e creo que tampouco se lles agarda. Vivimos tempos á defensiva no mundo do traballo e os  sindicalistas desta época poñen mais ímpeto e corazón que sabedoría e coñecemento á hora de presentar batalla diante da patronal e do poder político.

Coa súa xubilación  vaise mermando capacidade e presenza institucional á hora de cuestionar as medidas que cada día pasan obrigadamente, por exemplo, polo Consello Económico e Social do Estado, onde durante os últimos anos Luis Burgos foi o representante da CIG. Seguro que a Patronal o Goberno,  CC.OO. e UGT “notarán” esa ausencia.

A súa xubilación  coincide tamén cun cambio xeneracional. Case ao mesmo tempo Fernando Acuña, Suso Seixo, Ramiro Oubiña, Manuel Currás Meira entre outros, xubilábanse despois de anos de sindicalismo. Sindicalismo que construíron en moitas ocasións ata cós seus recursos económicos, e horas moitos horas de entrega. 

Para eles a miña gratitude e admiración, aínda que verdadeiramente Luis Burgos representa o “derradeiro mohicano” , o último sobrevivinte dun tipo de persoas con determinados valores que o destacaban dos demais.

Longa vida!

En Bouzamaior, na corentena do 2020

4 COMENTÁRIOS

  1. Excelente artigo, camarada, a miña noraboa.
    Coincido ó 100% na túa análise.
    Na persoa, e no análise do pasado e do presente do sindicalismo, e do mundo do traballo, e dos actuais “sindicalistas”.

  2. Grazas compañeiro. Unha solpresa moi emotiva, que me deixa sen palabras.
    Vaia dous pezas que se xuntaron!!!. Falamos de 1974′
    Ti viñas do cárcere e eu escapado, con orde de busca e captura, en Barcelona. Xa me detiveran en 1969 en Lugo e despois o 14 de setembro de 1974 en Betanzos, con Murúzabal, Solla, Moncho- o cura de Sésamo- e seis camaradas máis. E isa foi a.causa da nosa separación temporal. Daquela, ata setembro do 76, tamén eu estaba nas CCOO.,
    Por certo, vivíamos nos Mallos, no Barrio das Flores debías ter ti algo, ou non.
    Emocioneime moito, agradezo que desde o confinamento lembraraste de tantas cousas ( e sei das que te calas) e so desexo que pronto podamos vernos.
    Un abrazo, compañeiro.

  3. Yo también he tenido el privilegio de trabajar con Luis en el Consejo Económico y Social estatal durante los últimos 27 años y estoy de acuerdo en que le vamos a echar mucho de menos, no tan sólo a nivel institucional, ya que ha sido un Consejero que siempre defendió con firmeza su posición sindical en representación de la CIG si no que a nivel personal, siempre estaba dispuesto a ayudar y colaborar ante cualquier problema que le consultases.
    Querido Luis, llegó tu hora de descansar profesionalmente, (al menos oficialmente), dedica esta nueva etapa a tus viñas y a tus nietos ya que sé que estas otras grandes cosas también son muy reconfortantes para ti.
    Muchos besos y disfruta de esta nueva etapa!!!
    Paqui Ruiz
    Secretaria Grupo I – CES

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here