Adolfo Suárez con Otero Novás, que foi ministro de Presidencia (1977-1979) e de Educación (1979-1980)

Cóntanolo o ex ministro Otero Novas. O Consello de Ministros do Goberno Súarez aprobou o Decreto de Bilingüismo pero logo non quería publicalo no BOE. As pexas ao galego non apareceron con Galicia Bilingüe.

O 15 de xullo de 1979, cabodano da morte de Rosalía de Castro, o ministro de educación Xosé Manuel Otero Novas (Vigo, 1940) presenta en Padrón, na propia casa da Matanza, nun acto solemne, o Decreto de Bilingüismo que aprobaría no inmediato o Consello de Ministros.

Presentar preséntao, pero non acaba de ser publicado no BOE.  Xa apareceran os de Cataluña, Valencia, Baleares e País Vasco. Pero Galiza non merecía o mesmo trato.

Cóntao así o ex ministro Otero Novas: “chamei ao meu sucesor en Presidencia, Pérez Llorca, e vin que, por razóns que non me explicaba, estaba a adiar a publicación no BOE. Supoño que quería utilizalo como baza negociadora para algo que non me dicía. Xulgueino intolerábel. Díxenlle que, como no prazo de dous ou tres días non aparecese publicado no Boletín Oficial, eu mesmo convocaría en Galicia, onde me atopaba, unha rolda de prensa para explicar o que pasaba”.

O acordo ministerial era do 20 de xullo, e tivo que agardar todo un mes para ser publicado, concretamente até o 21 de agosto.

Comezaban as cambadelas legais ao noso idioma. Impedimentos regulamentarios que non tiña por exemplo o catalán, até o punto de que o Tribunal Constitucional, na súa sentenza 82/1986, do mes de setembro, falla contra a “obrigatoriedade de coñecer o galego” aos funcionarios.

O PSOE, do que era Delegado do Goberno en Galiza o presidente da Academia Galega, Domingos García Sabell, presentara o recurso contra da Lei de Normalización Lingüística, que viña de ser aprobada o 15 de xuño de 1983 no Parlamento galego.

Non existira tal recurso contra a lei catalá, da que bebía a nosa lexislación lingüística, impulsada por Camilo Nogueira. É máis, o mesmo Tribunal Constitucional, seguindo a xeira de medir cunha vara a lexislación galega e con outra a catalá, en teoría dúas nacionalidades históricas do mesmo rango, sentenza a prol do deber de coñecer o catalán, cando se pronuncia, no verán do ano 2010, sobre o novo Estatut.

As palabras do presidente Albor

O recurso de inconstitucionalidade interposto polo goberno de Felipe González contra a Lei de Normalización Lingüística foi impugnado polo Parlamento Galego. Impugnación que se decide nun pleno por unanimidade, intervindo por parte do PSOE Ceferino Díaz en ton moi crítico cos seus compañeiros madrileños. Un Ceferino Díaz que afirmaba anos despois: “dei moitas batallas, perdinas case todas e pagueino ben pagado”.

Pero non só o Parlamento impugna o recurso presentado en Outubro de 1983, senón que o presidente Xerardo Fernández Albor realiza unha declaración institucional na que afirma solemnemente: “Con esta lei a lingua non se lle impón a ninguén. O que fixemos foi recoñecer legalmente algo que é normal en Galicia”.

Fernández Albor, logo de anos de ostracismo e até rexoubas á súa conta, está agora a ser elevado a categoría de referente no PPdG. Pero aquel espírito do primeiro presidente autonómico elixido nas urnas, está moi afastado da política do PP que fixo bandeira da “imposición do galego” para atacalo.

Non só é propaganda, senón que a diferenciación do galego e o catalán segue a estar presente na política práctica do PP.

Así, no ano 2007, en plena acometida contra o galego, recorre o artigo 33 da Lei de Función Pública de Galiza, que viña de reformar, timidamente, o goberno do PSdeG-SOE-BNG.

Despois Núñez Feixóo cuestiona o Decreto de Plurilingüísmo no ensino, e, cando chega ao goberno reforma estas leis, interpretándoas de xeito restritivo. Antes usa ao galego como arma electoral, iniciando o que agora é práctica habitual no PP de Pablo Casado: novas falsas difundidas coma verdades e ataques persoais ad hominem.

Manifestación na Estrada en 1980, en defensa do profesor de EXB Alfonso Castro, que foi denunciado por dar todas as súas clases en galego cando o límite que autorizaba o Decreto de Bilingüísmo era dun máximo de 3 horas semanais en galego. ©Xan Carballa-Fundación ANT

O problema é que esta política, que triunfaría mundialmente con Trump, levou a Núñez Feixó a presidencia da Xunta… E o galego seguiu sufrindo embates e máis embates de quen debía de protexelo e fomentalo por lei, tentando conducilo cara unha situación social de inanición.

Lembrar que a Constitución, que tanto amenta e di defender agora o PP, recolle o dereito á igualdade, o que obriga aos poderes públicos a remover os obstáculos que se interpoñan para logralo. No que se refire a lingua, esta acción positiva é o que se coñece como normalización lingüística, segundo o propio Tribunal Constitucional.

Conta Otero Novas, aínda que semelle mentira, unha cousa é o que aprobaban no Consello de Ministros e outra o que saía logo no BOE para efectivizar as resolucións.

Así xogaba a UCD

Polo que conta Otero Novas, aínda que semelle mentira, unha cousa é o que aprobaban no Consello de Ministros e outra o que saía logo no BOE para efectivizar as resolucións.

Vexan senón outra “anécdota” que relata o daquela ministro de Educación: “Levei ao Consello de Ministros a designación do delegado do Ministerio en Lugo, a favor de Luciano Asorey. O Consello aprobouno, pero non remataba de saír no BOE. Días despois pregúntolle no Congreso ao meu sucesor en Presidencia, Pérez Llorca, porque non saíra aínda o nomeamento. Dime que está paralizado por orde do presidente Adolfo Suárez a petición dos deputados de UCD de Galicia.

“Un deses deputados era eu e non sabía nada. Así que fun directamente a Pío Cabanillas e inquirinlle, que co amigo meu que dicía que era, como tecera todo ás miñas costas. Tamén lle dixen que estaba a facer un xogo impresentábel, aínda desde o punto de vista exclusivamente de UCD. Engadín que, se logo de ter o nomeamento aprobado en Consello, daban marcha atrás, tiñan que sacar no BOE o meu cesamento como ministro. Pediume perdón e foi desdicirse ante Suárez”. Luciano Asorey foi nomeado delegado provincial de Educación.

E saben cal fora o seu “pecado” para o veto dos parlamentarios galegos de UCD? “Vetárano porque Luciano, sendo alcalde en funcións de Lugo, decidira, ou aceptara, pór a bandeira galega a media hasta no balcón cando UCD rachara as conversas sobre o Estatuto de Galicia”, afirma Otero Novas.

Así as xogaba a UCD,  partido do goberno, na Transición.

1 comentario

  1. Aseguro que o papel de deputados como Díaz Fuentes e compañía, foi clave en todos este proceso. Comentabase dun deputado galego da UCD, que cada vez que iba a Madrid cortaba unha cabeza

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here