gtag('config', 'UA-106570544-1');
Luns, 28 Abril 2025

O desastre demográfico

Durante o curso 1972-1973 o departamento de Estatística e Econometría da Facultade de Económicas de Compostela, do que eu formaba parte, realizou un estudo para o Observatorio Estadístico Regional de Galicia, financiado por SODIGA, para coñecer a dispoñibilidade da man de obra na Galiza.

O traballo, dirixido polo profesor Bernardo Pena Trapero, foi publicado en 1975 polo INE baixo o título de Análisis y proyección de los recursos humanos en Galicia. Nel chamábase a atención sobre a suicida dinámica demográfica do país, e as proxeccións que nel se facían até o ano 1985 cumpríronse sempre no abano da combinación de hipóteses que vaticinaban a mínima poboación. As xa daquela esaxeradamente baixas taxas de fecundidade (número medio de fillos por muller en idade fértil) puñan en cuestión o futuro do país, a non ser que Galiza recibise grandes continxentes de inmigrantes –así se dicía no informe.

Sobre as causas das patolóxicas taxas, non conxunturais nin daquela nin hoxe, o políticamente incorrecto profesor Pena –o mesmo que cando os bedeles, garda civís retirados (confidentes), o informaran de que “uns pistoleiros mataran a  Carrero Blanco” [sic], antes de facerse pública a nova, lles contestara que iso eran riscos do cargo- atrevérase a sentar a hipótese darwiniana de que nun país de fonda tradición emigrante, as mulleres que se quedaban eran as menos sas e, xa que logo, elas e as súas descendentes eran pouco aptas para teren fillos. Hai mesmo quen apunta a causas climatolóxicas, mais, o que está claro en todo caso é que hai unha tendencia consolidada que dificilmente se pode modificar sen medidas de forte impacto.

As proxeccións de poboación feitas a mediados dos oitenta, das que o malogrado demógrafo Luis Lamas deixou constancia en A poboación de Galicia. Proxeccións (1987), fóronse cumprindo sempre na súa modalidade menos optimista; a fecundidade non medraba, os inmigrantes non viñan, e a perda e envellecemento da poboación seguían o ritmo previsto nas modelizacións.

Todos os censos, os padróns, o rexistro continuo do movemento natural de poboación, etc, levantan acta dun desastre demográfico

Todos os censos, os padróns, o rexistro continuo do movemento natural de poboación, etc, levantan acta dun desastre demográfico que polo menos para os estatísticos que traballaron e traballan no IGE converteuse nun asunto crucial, do que sen demasiado éxito trataron de concienciar aos dirixentes políticos e á poboación en xeral.

Polo que a min respecta, mentres ocupei durante catro anos un cargo de responsabilidade no IGE, entre os últimos oitenta e primeiros noventa, sempre que me puxeron un micro ou unha cámara de diante –fose para informar do que fose- aproveitaba para chamar a atención sobre as baixas taxas de fecundidade, mais os catastróficos datos e os meus comentarios ao respecto escasamente tiñan eco nos medios.

E seguín. No ano 1998 publiquei a colección de ensaios Fendas na Caverna, no que ademais de dar renda solta a algunhas das miñas lideiras matemáticas e sociais, aproveitei en “Algunhas cuestións demográficas con Galicia ao fondo” para chamar a atención, a quen se deixase, sobre a lamentábel situación demográfica. O libro non suscitou o máis mínimo comentario -e pasou case directamente ás librarías de vello.

Continuei coa miña cruzada nas aulas de estatística, sempre que viña ao caso, e tamén nos boletíns do Observatorio de emprego para Vigo y su área de influencia, especialmente no de 2007, no monográfico sobre o paro feminino, no que volvía a insistir sobre a patolóxica fecundidade e o desastre previsíbel, para o que se apuntaban algunhas medidas balsámicas. Mais nada, o celebrado récord de alzas de afiliacións á Seguridade Social de 2006, aínda que fose a base de traballos nada cualificados: “construción”, “hostelaría” e “mozos de almacén” (epígrafes da CNAE), fixo que as forzas vivas, neste caso viguesas, seguisen sen prestarlle a máis mínima atención ao asunto.

Nada máis lonxe da miña intención que adxudicarme un nada meritorio xa-o-dixera-eu; calquera persoa con formación básica e mínimas preocupacións socioeconómicas tería chegado ás mesmas conclusións xa vai para corenta anos. Non son autoridade en nada e téñolle ademais unha especial xenreira a quen, con razón ou sen ela, perante o feito calamitoso fachendea do seu pretérito vaticinio. O que son é cidadán, nin súbdito nin mangante, e creo que os traballos financiados con cartos públicos, proveñan da universidade ou de calquera outro organismo, deben reverter na cidadanía, á que sempre que se poida hai que facer coñecedora dos resultados en versións asequíbeis, sobre todo se atinxen ás súas básicas condicións de desenvolvemento, para que tome conciencia e esixa solucións aos seus representantes políticos. 

A demografía é unha ciencia cuxas predicións se poden contrastar na realidade, a diferenza da economía modelizada ao servizo da ideoloxía neoliberal, e hai series históricas abondo que amosan que a dinámica poboacional non se pode mudar de súpeto; as medidas, que hai que tomar canto antes, tardarán en facer efecto, polo que os anos perdidos xa foron demasiados.

Por fin publícanse na prensa e artigos e entrevistas, e nalgún caso editoriais, sobre o desastre demográfico, pero xa é tarde, moi tarde. Ademais, por moito que se intente visualizar o problema, o paradigma empresarial dominante no país, maiormente macho-centrado e defensor do presencialismo extremo -nada de traballo por obxectivos-, para nada contempla aspectos básicos cara á conciliación da maternidade coa vida laboral, condición necesaria, aínda que non suficiente, para lograr un punto de inflexión na catastrófica deriva poboacional.  

Cóntame un amigo que a súa filla, próxima aos corenta anos, despois de moito pensalo decidiuse a ter o segundo fillo. Ao tratar de axeitar o horario ás previsións contempladas na lei de conciliación, o seu xefe nun puido ser máis explícito: “ti verás o que fas, ou nai ou traballadora, ambas cousas son incompatibeis e, se te serve de exemplo, a miña muller está na casa a coidar dos fillos”.  Iso é, visión empresarial. De seguir así en pouco tempo o país poderá ser vendido aos chineses a prezo de saldo, ademais libre de inquilinos.

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario. Mestra excepcional, pedagoga da experiencia directa, a súa biografía alfómbrana as flores de moitas mulleres...

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e o debate que propoñía o recén desaparecido empresario galego Maxín Alfredo Froiz (1943-2022), segue de...

O sindicalista que recitaba a Curros

Tiven a sorte de coñecer, aprender e asombrarme coa súa dialéctica, cos seus coñecementos, coa súa postura diante das inxustizas que nos rodeaban a...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap