De portavoz do PP na Deputación, Montserrat Lama pasouse a Ciudadanos.

A dimisión da tenente de alcalde, Montserrat Lama, e o seu pase desde o PP a Ciudadanos, ou de tres alcaldes na última lexislatura, son apenas os retallos do esperpento municipal no que se converteu Xinzo da Limia, desde 1979. Todo un exemplo do que pasa en Ourense.

As ras teñen que liscar río abaixo na procura de auga, nunha emigración anual forzada. Os parrulos andan a enxergar nas pucharcas para bañarse. E os cabalos aprópianse da canle do rio Limia ao seu paso por Xinzo, pacendo na herba vizosa e “gañando a cebada” (emborcallándose na area). Máis de catro meses ao ano a canle do rio vai seca ao seu paso pola vila.

Que máis dá, o alcalde Antonio Pérez prometeu antes das eleccións municipais do ano 2011 que construiría un “porto deportivo”, con todo o arrouto do que foi capaz.

As críticas da oposición non se fixeron agardar, clarificando a incongruencia. 

Desde Portos de Galicia sacaron un comunicado no que afirmaban que “estamos a elaborar un estudo das potencialidades e alternativas para o impulso da negación fluvial do rio Limia ao seu paso por Xinzo”.

Antonio Pérez, exalcalde da Limia,

E que dicían os veciños… Pois a maioría, aínda ollando a evidencia de que non hai auga, consideraban que “se o prometeron, algo farán”.

Do porto e dos 200.000 mil euros que se ían investir nunca máis se soubo, mais Antonio Pérez foi elixido alcalde por maioría absoluta.

Estivo no cargo até que o 21 de marzo do ano 2018 foi condenado por prevaricación e inhabilitado por oito anos e medio, sen considerar a dimisión até que se substanciou a sentenza. 

Dimitiu pero segue a mandar, a ser o alcalde de facto. E así o denuncia Montserrat Lama, antes de abandonar o PP e fichar por Ciudadanos para ser a cabeza de lista limiá. A tenente de alcalde marchou escaramonada. Lama, que tamén era a voceira da Deputación de Ourense, non foi a electa para presentarse como candidata do PP.

O partido optou por Antonio Fernández Veiga, que xa fora concelleiro con Antonio Pérez. Hai que dicir que a elección do candidato popular tivo o seu aquel: o ex alcalde inhabilitado, Antonio Pérez, presidiu a mesa da executiva que tomou a decisión. Os militantes non votaron e nin sequera foron avisados. E a derrotada Montserrat Lama escandalizouse con esa foto.

Iso si, o PP convocou un pleno urxente, para repoñer o posto da concelleira díscola.

Cinco minutos que chegaron para que a oposición lle sacara as cores non só ao PP, tamén á candidata de Ciudadanos, preguntándolle que se eran tantas as irregularidades como non as denunciara e dimitira xa antes.

Con Isaac Vila chegou a dereita a alcaldía e con el chegaron tamén todos os enguedellos que arrastra Xinzo desde entón.

Para alcalde, Isaac Vila

Pero alcalde, alcalde, o que é que se di alcalde, porque llo seguen chamando anos despois de xa non exercer, en Xinzo, desde 1979, só hai un, Isaac Vila.

Isaac Vila, corenta anos intervindo na politica de Xinzo.

Con Vila chegou a dereita a alcaldía e con el chegaron tamén todos os enguedellos que arrastra Xinzo desde entón. Vila instaurou un xeito de facer política clientelar e moi mirado polos seus intereses, que non é única, sobre todo en Ourense, pero si que a perfeccionou.

A súa obra mestra foi cando instalaron a fábrica de vidro (Vidriera de Atlántico) de vida efémera e moi subvencionada, como pasou con outros moitos proxectos ligados a persoas relacionadas co PP.

Isaac Vila non só se facía pasar polo propietario da empresa, que non era, senón que prometía a todos postos de traballo.

Un día pregunteille a un dos propietarios:

– Cantos postos de traballo leva prometido o Vila? 

– Máis de tres mil. 

– Pero iso é case a metade do censo de Xinzo. 

-Claro que é.

– E como ides facer, se a empresa non vai a contratar a máis de duascentas persoas? 

– Iso mesmo llo preguntei eu. E ti sabes o que me dixo… Que eu non entendía nada de política. E explicoumo así: eu, a todos os que veñen, dígolles que si, que non se preocupen que os coloco. Os que entren vanme quedar agradecidos, non só eles, senón os familiares. Como moi pouco, serán preto de mil persoas. Moitos dos que non entren, tamén me estarán agradecidos, porque me molestaron e pensan que fixen todo o que puiden para colocalos. Serán máis de mil persoas. Outros tantos, polo menos, pedíronme un favor e non se van pór contra min publicamente, senón bótollelo en cara… Así que xa teño a maioría absoluta asegurada.

E acertou. Así foi como gañou por maioría absoluta no ano 2003 logo de estar inhabilitado desde 1997 por prevaricación, por facer negocios co concello.

Foi substituído polo seu compañeiro de CG e tenente de alcalde, Ramón de la Fuente, que foi apoiado polo PSOE e BNG, sen que os concelleiros do PP aparecesen polo pleno porque non se puxeron de acordo con Baltar.

Desde o ano 1999 ao 2001 existiu un interregno en Xinzo, no que gobernou unha coalición formada polo PSOE, BNG e Coalición Galega, co socialista e militante do PCG até 1985, Iglesias Sueiro, de alcalde.

As cousas comezaron a mudar pero non podían permitilo, así que, na segunda parte da lexislatura o alcalde foi Xosé Antonio Feixó Alonso. Este empresario presentaríase no ano 2007 a alcalde no concello de Baltar, polo PP, acadando a maioría absoluta.

A campaña electoral estivo chea de denuncias. Feixó Alonso foi acusado pola candidata socialista de ameazala para que non se presentase e, tamén, de tentar mercar a candidatos para que se retiraran.

O alcalde recoñeceu os feitos no xulgado, pero dixo que o ofrecemento de 6.000 € era só unha brinqueta que interpretaran mal.

A lexislatura dos tres alcaldes

Manuel Cabas, alcalde de Xinzo.

O 22 de marzo do ano 2018, o alcalde Antonio Pérez, presenta a dimisión por “motivos familiares”, cando a realidade é que estaba obrigado polar lei ao ser condenado e inhabilitado.

Como substituto  foi nomeado Manuel López Casas, que xa fora concelleiro no 1979 e ocupara diversos cargos na administración autonómica, ademais de ser parlamentario. Pero López Casas tamén dimite, e o 22 de agosto de 2018 Xinzo ten un novo alcalde. Trátase de Manuel Cabas López, que encabezara a lista do PSOE no ano 2007 e fora fichado por Antonio Pérez.

A elección tivo lugar nun pleno no que os concelleiros da oposición tiveron novas só pola prensa.

Para estas eleccións municipais, Antonio Pérez logrou situar a Antonio Fernández Veiga como candidato, desprazando a Monserrat Lama.

Poida que a política na comarca da Limia non se entenda sen as relacións empresariais entre os principais actores, que, ademais de compañeiros de militancia, son tamén socios.

O ex alcalde de Os Blancos, Xosé Antonio Rodríguez Ferreiro, foi condenado a cinco anos e tres meses de prisión por roubar 200.000 euros das arcas municipais. Antes, ergueulle un busto na localidade a Xosé Luís Baltar, póuxolle o seu nome única rúa-estrada e ao multiusos… e a súa muller conseguiu un emprego na Deputación de Ourense.

Ferreiro quedou inhabilitado para cargos institucionais, pero seguiu facendo política a prol de Baltar e, ademais, desde o cárcere, contrataba cos axuntamentos da comarca obras para a súa empresa. Entre eles con Xinzo.

Formou un sólido equipo político co rexedor de Baltar e antes de Xinzo, Xosé Antonio Feixó e con Antonio Pérez, alcalde de Xinzo até a primavera do ano pasado.

Logo da substitución de Isaac Vila, o triunvirato sentou as bases do baltarismo na comarca da Limia.

A xestoría de Antonio Pérez fíxose cargo dos negocios do seu colega Rodríguez Ferreiro mentres este estivo na cadea. Cando saíu libre enfadáronse por como xestionaran os seus intereses, non sabemos se económicos ou tamén políticos.

O ex-alcalde dos Blancos, José A. Ferreiro

Dáse a circunstancia que Ferreiro conseguira o terceiro grado contra todo prognóstico: só cumprira un ano de cadea dos cinco e medio a que fora condenado e non devolvera ao concello de Os Blancos os 200.000 euros que substraera no ano 1997.

Xa en liberdade racháronse acordos e, tramitáronlle un expediente por infracción grave na cadea de Pereiro de Aguiar, que o levaron, de novo, ao segundo grado. Non podía saír.

Mais para entender o mundo electoral da Limia, hai que situarse nos anos setenta, cando o grupo dos “curas Vitorinos” como lles chamaba o historiador Francisco Carballo, montan unha rede clientelar que tiña unha pata en Coren, outra na Caixa de Aforros de Ourense e a terceira nos concellos. Destacaba neste apoio a familia Laxe.

Foron eles os que lle deron o poder a Vitorino Núñez, que, cando foi seducido para aliar o PP cos seus Centristas de Galicia, e ocupar o cargo de Presidente do Parlamento, deixou a Deputación e perdeu non só o poder, senón as bases de votos.

En Ourense, Valdeorras a parte,  o poder ten dúas patas, a Deputación, que é a principal empresa da provincia, e Coren. Onde se xuntan son invencíbeis. Sabíao ben Franqueira. Vitorino Núñez laiouse moitas veces da súa equivocación.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here